vendredi, novembre 15, 2013

... gavalon: un lugar na ferida da flor-da que abre no centro do núcleo-do centro-do medio....




... gavalon ...



 

... foi polo camiño das pegas-ao pasarmos a circunvalación natural de castiñeiros que daba paso á boca dun bosque moito máis profundo. situado após do regueiro agochado na tea seca. houbemos de andar por riba daquelas láminas crocantes antes de albiscarmos o empalme.

o foco de luz abríase inesperadamente-á beira das pedrazas...

escribín mil cartas para contarcho-quería que soubeses daquela singularidade-da converxencia-pero non respondiches nunca. non te laies agora de me ver nese espello-con cara de poucos amigos-sen palabras para ti.



 

 

... foi no tempo das castañas-tirabamos tododereitopolocarreirón que atravesaba o monte. descendiamos cun estilazo de medo: eramos-coma quen di-as acróbatas do lugar. evitarmos o cavorco facíase imprescindíbel. así é que esta destreza nosa tan aparente era pura necesidade.

nada excepcional-certamente-mais como nos gustaba pensar que si!

andai-berraba o meu pai-tirai até o fondo-esperai que chegue. e agardabamos.

díxencho nas cartas: escribín un cento de poemas sobre o desprezo-relatei neles a mesquindade-pero ti estabas demasiado distraído naquel palacio-botando o ollo ás túnicas de sal e diamantes. circulabas gloriosamente polos templos feito un mercenario con dúas caras:

outra por tras unha por diante



ver como te deslizabas na densidade daquel sitio foi un espectáculo noxento: finxiches non me coñecer porque carecía de túnica. tal era a túa mediocridade.



 

 

... foi tamén despois-cando os burgazos tragaron o leite freneticamente-con aquela fame de tres días. xusto aí-nese instante perpetuo-protagonizamos o noso derradeiro esplendor doméstico. acto seguido desaparecemos: liscamos por ese burato do fondo de abaixo do centro do medio do núcleo informe da ferida-esa que ves na pel do auriga.

e o auriga era unha muller-para que lo sepas: a mesma que olla cara ti-con cara de nada: habitada polo consolo de saber que nunca máis poderás tocarme-fermosa como son-malia todo o vivido ao teu carón. e ao voso tamén. ouh! violentas criaturas feroces e sonámbulas-brutanas buzacas do mal sentir e mal querer-groseiras pezas dun sistema que denunciades: mortas sodes por dentro-malia o voso ouleo. ollade o mundo. sentide o rumor de seu. escoitade a pregaria insomne destes muros de dentro do núcleo do centro do medio do fondo da nada que arde na ferida da flor.

díxenche todo isto e moito máis naquelas cartas. aviseite unha morea de veces: mira que vou liscar-que dei coa abertura e xa teño o carro e a xente. mira que non aturo máis este inferno-que me atrae demasiado a rareza-a deforme-esa que non gusta en palacio. mira que isto se acaba-que o noso auriga tira de min con forza e caio polo foco disparada...



 

 

... foi polo camiño aquel das pegas-ao pechar da noite-despois de aturarmos aqueles contínuos suspiros eléctricos que choutaban do teléfono da casa. chamaban por nós-para que fósemos. e fomos.

agora estamos alí: nesoutro lado das cousas-nos cómaros verdes dun tempo gaseoso-ese que vedes nas fotos do pasado que tanto vos sorprende. vivimos pegadas ás pedrazas dos camiños-aos cristais rotos-ao mesmo prato sucio que ficou inerte na cociña e que dá tanto noxo-durmimos pois nesa cama torta-coas mantas de couza abafante. e rechiamos se a tocades.

instálamonos pois nun lugar misterioro e secreto que non sodes quen de imaxinar. vós unicamente vedes o que se proxecta no voso ecrán fabuloso: gavalon ten un gran poder: coñece o futuro anterior así é que pode amosar aos monstros o froito atroz provocado con crueza imperdoábel.



 
 





 

 



lundi, novembre 04, 2013

Artigo publicado en La Región hai un mes sobre "Ningún precipicio", o último libro de Olalla COCIÑA.

Ningún precipicio, o último libro de Olalla Cociña, preséntase hoxe mércores, 6 de novembro, ás 20:00. O acto será na Fundación Granell.
 


NINGÚN PRECIPICIO

Foi o poeta Yves Bonnefoy (Tours, 1923) quen dixo aquilo tan certeiro de que “Perdemos contacto tanto con la profundidad del lugar que ocupamos en la tierra como con la dignidad de las demás personas ”. Mais, a que lugar profundo se refería o francés? A ese vasto territorio de silencio que existe entre o que en realidade somos e aquilo que pretendemos ser? Á memoria do vivido en liberdade, moi anterior á esta consciencia excesiva de que nos miran? Á distancia que coloca precipicios entre o desexo de irmos cara outras persoas e nós propias? Certamente, a medida que cumprimos anos, aumentan os abismos que nos separan dos demais. Se cadra por iso, pensar a infancia, alén de mitificacións -nalgúns casos pode ter sido dolorosa-, permite experimentar novamente esa sensación estraña de que ningún precipicio pode rompernos. Precisamente por iso, porque recupera ese tramo da memoria sen concesións -nada máis ñoño que presentar o infantil nun estado de candor perpetuo- nin temor, é polo que me pareceu tan interesante Ningún precipicio, o novo libro de poemas -ou son historias?- de Olalla Cociña (Viveiro, 1979). Como moi ben explica Ildefonso Rodríguez no prólogo, estes poemas-conto de Olalla, “son relatos de un interior volcado al exterior” cunha intensidade expresionista, inusual na narración da experiencia infantil, lograda mediante a subxectividade rescatada da nenez. O imaxinario da nena que Cociña reflicte neste poemario achégase ao misterio, a eses pequenos segredos que ficaron prendidos nos obxectos, un punto de partida para a reconstrución de cada episodio poético que se ofrece. Existe entón neste libro algo inquietante, con escenas propias dun filme de Tim Burton -noite tras noite aparecíaselle a xemelga suicida/ e aloulábaa o remorso de non ter imaxinado/ que quería matarse (...) xoguemos ao home das tebras/ oíaa desde debaixo da cama/ desde dentro do armario a xemelga morta...-, un efecto que a poeta consegue por medio da ruptura desa fatigosa idealización da infancia subvertindo os mitos. Aparecerán, xa que logo, ao longo do libro, personaxes dos relatos clásicos en tesituras diferentes das esperábeis, como a fadiña inmóbil, por citar un exemplo, que nos remitirá aquí á presenza da morte. Dá conta tamén dos xogos estraños, practicados ás escuras, nos que as bocas se aproximan, con calquera escusa, por mor de remedar o que fan os adultos e que, consecuentemente, colocan á protagonista fóra da inocencia imbécil que atribuímos tantas veces ás cativas: “deixábasme abrirche a boca/ como un peixiño mol/ para que che relatara as conversas/ dos debuxos animados/ que te habitaban (...)/ miña irmá peqquena/ eu protexeríate/ de calquera catástrofe/ e tu/ pensando o mesmo para min/ abríaste para que te enchera de debuxos e palabras”. En efecto, os textos da poeta lucense, posúen unha narratividade que incita á lectura. Son, os seus, contos crueis, expresionistas e desconcertantes. Instan a “abrir a billa e desaparecer/ no chorro efervescente da bañeira”. Porén, non conseguiremos saír facilmente deste libro estraño. Nigún precipicio, lévanos, con esta atmósfera nonsense, a un lugar moi moi profundo que pode conducirnos de volta á terra.

ROSA ENRÍQUEZ

mardi, octobre 29, 2013

CANTOS DE MALDIZER






CANTO V

... e el foi que o paseo por aquela insólita espiña-incrustada na tráquea-virou nunha especie de danza estraña: completamente enferma de delicadeza. todos os movementos do noso ir e vir-profundamente obsesivo-inducen dalgún xeito á decadencia. decaer é torcerse-desvíar o centro de gravidade: baixalo moi abaixo e deixalo alí-estendido como se for un tapiz vello.

cando me pasaches o correverás-fixen del un entretemento: trasladei nese obxecto as emocións máis sorprendentes-envieinas nun suspiro-coma quen manda cartas de amor dun extremo ao outro do universo. efectivamente-houbo un tempo en que ser e amar constituían un fluído densísimo. podía percorrer milleiros de quilómetros dunha alma a outra sen fatiga. pero algo sucedeu que agora non lembro-algo certamente triste e terríbel.

...e volveu do outro lado da espiña-do extremo norte desa corda fina-a pequenos saltos. pisou-finalmente-as entrañas do tempo-coma se o culpase de algo. o secuestro daquel lugar lamacento-confinado a tan gran desastre ocupaba demasiado espazo na súa particular tristeza insomne.

miña delicada criatura-as bestas afogaron nas lindes da ucronía. agora-en circunstancias tan penosas-o tempo cómeos polos pés. e que os trague enteiros se fai falla!






samedi, octobre 26, 2013

CANTOS DE MALDIZER







CANTO CATRO

... tras da ollada-a miniatura ficou estantía. con medio corpo fóra da boca e non dixo ren. pero non podería permanecer moito tempo naquel estado. as cousas móvense-é certo-mais en que sentido dicimos isto? móvense de lado a lado ou van de adiante cara atrás? buscan talvez un punto ao que dirixirse? existe este punto?


o punto-como destino-ese lugar no espazo tridimensional-suspendido no aire-como se-despois de voar moito-parase nalgún momento-por algunha estraña razón-e puider botarnos ollo enriba ou falarnos. mírame-diría o punto-son esa exactitude que pretendes e que eu mesmo desprezo-sácame de aquí-é insoportábel estar quieto...


... e a miniatura volveu meter o corpo na grota. camiñou novamente por riba da espiña-fixo do temor e da indolencia que este produce-un espazo minimamente habitábel para sobrevivir-quería coller aire-antes de volver saír. miña delicada miniatura-sempre en equilibrio.

mardi, octobre 22, 2013

MEME DOS LIBROS

MEME DOS LIBROS

Envioume Txiki Calvo un convite para facer un meme de libros e, como che son ben guiadiña, cando quero, respondín a todiñas todas as preguntas que se me fixeron. Aí están!!

Envío este Meme a Navicularia, o blog de Neves SOUTELO, ao Figurante e  a Porta Verde


1º- O último libro que liches.
    Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary Shelley. Era unha desas novelas que quedan por ler até que as les e punto pelota.
    2º- O libro que mudou o teu xeito de pensar.
    Buf... A ver, por elixir un, eu diría que El espectador emancipado, de Jacques Rancières. Xa é o segundo que lle leo a este señor e a piques estou de crear un grupo de fans ;)
    3º- O último libro que che fixo chorar.
    Carné de identidade, de Mahmud Darwix. O salmo 8, concretamente, pareceume durísimo. Iso de se erguer, despois de ter morto, e escribir o nome da terra no propio cadáver, ou nun rifle, arrincoume algunhas bágoas. A verdade é que xa me entrara a angustia poemas atrás.
    4º- O último libro que che fixo rir.
    Pois, mira ti, co Manifesto SCUM, redactado por Valerie Solanas, en 1968, rin a cachón!! Sei que non é un “libro libro”, mais valerá. Mellor que Miguel Mihura dende logo!! (Que cousas me veñen á cabeza ás veces, meu! Han ser efectos poscoloniais.)
    5º- O último libro que prestaras e non che devolveran.
    Nin idea. Non me lembro.
    6º- Un libro que che emprestaran e que non devolveras.
    Un de Kerouac...
    7º- Un libro que relerías.
    Poemas de Alberto Caeiro, de Fernando Pessoa. De feito estouno relendo agora!
8º- Un libro para agasallar a cegas.
    Contos de Hoffmann, do alemán Ernest Theodor Wilhelm Hoffmann, editado en galego por Tris Tram.
    9º- Un libro que te sorprendeu para ben.
    No hay nadie en casa, da croata Dubravka Ugrešić. É un chisco posmoderno, si, mais axuda a descomprimir un pouco.
    10º- Un dos primeiros libros que liches na escola.
    Las aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain.
    11º- Un libro que roubaches.
    Pois... Roubar roubar... Non foi a miña intención quedarmo, a verdade. Creo que é un caso de desidia. Collín o libro e, cando caín na conta, pasaran xa meses. O caso é que non me atrevín a devolvelo, e, finalmente, os meses viraron anos e, así, coma quen non quer a cousa, borreino da cabeza. Debe ser que non me acepto como choriza!! O libro era Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. (non llo digades a naide!!)
    12º-Un libro que atoparas perdido.
    Perdido non atopei ningún e tampouco participei nun bookcrossing, pero si nun mercadillo no instituto. Nel deixara dous filmes que intercambiei por O home duplicado, de Saramago e O Livro do Desassossego, de Pessoa. Eu cando quero sei ben facer negocios 
    13º- O autor do que máis libros tes. 
    De Pessoa. Que grande!!
    14º- Un libro valioso.
    Contos e lendas da terra do Bolo, un libro de relatos populares que escribiu meu pai, Esteban Enríquez. Vale moito para min porque nesas historias está parte do meu imaxinario, sempre ligado a ese lugar.
    15º- O libro que estás a ler agora mesmo.
    Aparte do de Pessoa -Poemas de Alberto Caeiro-, estou lendo Utopía, de Tomás Moro, mira ti que cousas, e algúns ensaios de Walter Benjamin que figuran no Libro II/ vol. 2
    16º- Un libro que prohibirías.
    Prohibir? Ningún.
    17º- Un libro que levas tempo querendo ler.  
    El acontecimiento de la literatura, de Terry Eagleton. Merqueino hai uns vinte días en Couceiro e aínda non puiden comezar a lelo.
    18º- O próximo libro que vas ler.
    Despois do de Eagleton, El Golem, de Gustav Meyrink. Estou moi interesada no lado escuro do ser humano...
    19º- O libro que non lerías endexamais.
    Un deses de “autoaxuda”. Prefiro psicoanalizarme cunha amiga e, xa de paso, tomar un café ou unha cervexa.
    20º- A túa triloxía ou saga preferida.
    Prefiro velas no cinema ou na televisión, a verdade. Así é que, se se permitir, direivos que fun seguidora fanática de Battlestar Galactica!
    21º- Último libro que che regalaron.   
    El anticristo, de Nietzsche.



samedi, octobre 19, 2013

CANTOS DE MALDIZER








CANTO TRES

... é que a espiña se movía ao ritmo da funambulista. vibraba naquela tarde inmorredoira-como vibran as follas das flores. talvez máis forte. ocorréuselle entón que a malicia filtrara a negritude da carroña alí dentro. por iso aquela miniatura-camiñaba pola espiña cos pés en punta.

a peza de fel naceu sobre a mentira. e afogará no seu negror proceloso e fumeante. sen dúbida. pero aínda queda para iso e as preguntas apremian... como é que dobra o tempo-orlando? lévame contigo. non desexo máis estar furiosa. entrar na túa esfera e lanzarme é o que pretendo. dáme entón un punzón deses e non me deixes tirada neste lamazal-quero pinchar a barrigada toda a estes cerdos: deixalos co esófago ao aire fresco: dicirlles sen delicadeza: comede esta bazofia-cabronazos. comprobad a que sabe toda la mierda que generó vuestra imbecilidad.

... e el foi que a espiña parou en seco. a miniatura humana asomara a cabeza pola boca para descansar un anaco. unha vez no cumio da dentamia-comprobou que a flor fecal erosionaba a beleza-porque todo o que se corrompe rompe rompe rompe...

samedi, octobre 12, 2013

CANTOS DE MALDIZER











CANTO DOUS

... é que nin sequera nos mirou. aquel riso amábel foi unicamente un exercicio mecánico para protexer o segredo: a espiña seguía aprentándolle a gorxa cun vento frío que fluía por ambos lados. por iso enfríaba o silencio-porque as temperaturas desa zona interior facíanse extremas. a intensidade ficou pois prendida nese pau fino. quieta...


se puider cantar este canto botariamos por fóra a delicadeza contida na fríaxe. poderiamos ir ao centro do forno e liberar tanta angustia conxelada: arderiamos por dentro-pero talvez nunca poderiamos extirpar o temor. a impresión que o medo suscita permanece nalgún lugar da memoria-queda alí oculto. reaparece cando menos o esperamos. gustaríame ter un mapa para transitar polo inferno e non perderme nesas caras-tantas e tan idiferentes-co seu aparente estupor.


...é que non había moito que mirar-así é que colleu o aire que lle saía pola boca e meteuno naquela caixa das cousas terríbeis. ás veces creo que gardar o que nos arrebata a calma en caixas é un modo de suspender o tempo. coma quen deixa a dor para máis adiante porque se cadra é certo iso de que co tempo adiquirimos certa perspectiva. pero a espiña aínda estaba alí: rompendo a dor en dúas mitades...


caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!