vendredi, octobre 22, 2010

ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN"




A TERRA


Disque a mocidade galega aprende idiomas e informática, entre outras cousas. Daquela, sae preparada para atopar un traballo ben remunerado e así facer fronte ao canibalismo materialista cunha carteira ben chea. Disque, como pode estudar no estranxeiro e pór en práctica o seu coñecemento do idioma -inglés, principalmente-, a probabilidade de vivir unha vida acomodada aumenta. E será, mais, polo de agora, o que se observa, é que a lista do paro aumenta e que estes emigrantes de elite- a diáspora de orixe académica que circunda polas universidades europeas na procura dun prestixio que aquí parece non existir- van aviados como esperen o recoñecemento por estes lares. O pastel é modesto e, como dicía a canción, "no hay camas para tanta gente".

E o mellor de todo este asunto non é que, a pesar dos desprazamentos por Europa e o esforzo realizado, a xente máis nova non obteña o posto de traballo acorde co nivel de estudos, o peor, o máis triste, é que moitas destas persoas só saben facer unha cousa, realizar másters, ou, na versión máis cutre, asistir a cursos do que sexa e para nada. Na maioría dos casos, a frustración será a única moeda de cambio. Altamente preparados si, parados tamén, mais descoñecedores doutras realidades invisíbeis aos seus ollos.

De recolleren o seu legado, poderían talvez solventar os problemas da precariedade laboral dende dentro, porque está claro que temos a casa sucia. Feita polvo. Liscar, irse á francesa, argumentando que é imprescindíbel para escalar socialmente, ademais de resultar inxenuo, é falso. Eis o panorama: titulitis como pandemia, xa que logo, abondan os diplomas acreditativos, pero case ninguén sabe facer un bo caldo ou unha empanada de carne. Tampouco non contar contos, nin recoñecer as herbas aromáticas ou os cogomelos velenosos. E que dicir do vento e da súa relación directa coas colleitas? Iso é pura ficción agrícola? Mais, como sabelo se ninguén o explicou nunca e os mozos e mozas suspiran por saíren de aquí?

O papanatismo constitúe en si mesmo unha proba irrefutábel de que non nos coñecemos ben. Por iso non queremos herdar a terra nin a protexer como cómpre, sendo como é o noso valor máis grande.