
O anfibio decidiu entrar no seu templo e contemplarse no espello. Ás veces, a beleza ten ese aire de traxedia que nos sitúa preto da hipocrisia transcendental do día a día. É como se o feito de ser guapo nos fixera merecedores de algo, como se xa non fósemos quen de diferenciar o don do mérito, do esforzo, da dedicación. Ao anfibio preocupáballe estar "decente" para saír ao exterior e ser admirado por todos. Padecía no seu ser o amargo don da beleza. Se alguén non puña os ollos nas súas mans brillantes e sinuosas... Menudo drama¡
Asor non soportaba tanta levidade inútil. Para ela o feito de ter atractivo ou non, dependía de moitas máis cousas que do aspecto externo. Digamos que para Asor a beleza era maxia, música, a man sobre a pel da desesperación no momento preciso, o riso, a modestia, a desexcentricidade, a liberdade feita palabra, oral ou escrita pero por riba de todo, A AUTENTICIDADE duns ollos abertos para crear mundos dentro doutros mundos, campos de enerxía.
Os ollos do anfibios eran dun verde silente e cadencioso, estrañamente húmidos, como se pretendesen sempre fuxir esvarando polo rosto para non facer fronte a esa realidade antropomorfa dos Aretxitas ... Desexaba agochar todos os volcáns detrás das pálpebras...
Pero non é tan doado maquillar unha realidade durante moito tempo. A verdade ten un camiño
que vai todo dereito e aparece en calquera intre.