jeudi, octobre 25, 2012

SITIO DISTINTO ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN" (CORRIXIDO)

SITIO DISTINTO Galicia caníbal: embutida nun bucle temporal. Devastada tamén. E burlada. Esa especie que nunca se extingue, a daqueles e daqueloutras que tecen a rede plutócrata, segue aí, á sombra do limoeiro. Son xente que vive á marxe da realidade social, porque, evidentemente, pode facelo. Hai unha importante porcentaxe de poboación que, ou ben apoia as súas políticas inxustas, por crueis coa clase traballadora, ou ben considera que son as 'menos malas'. Deixando a un lado as análises psicoxeográficas que explicarían este gusto existente en Galicia pola dereita neoliberal españolista, cuxa preocupación polo noso idioma é ínfima, parece claro que Feijoo, convenceu a unha parte importante da cidadanía galega. Na esquerda, a pesar de que, evidentemente, non imos celebrar que se perpetúe un partido cun ideario que rexeitamos, sabemos recoñecer esta 'victoria' electoral que, en gran parte, é debida ás abstencións, conste. Entón, unha vez recoñecido isto, penso que podemos seguir mirando cara adiante e alegrarnos dos resultados obtidos por AGE que conseguiu ser a segunda forza en 21 concellos. Certamente, Beiras tivo un papel ben importante neste éxito, porque, sexamos realistas, un partido político de tan recente formación, non tivo o tempo suficiente para se facer escoitar tanto como podería de ter comezado antes na escena pública. Daquela, creo que cómpre ser optimistas, pois o feito en si mesmo dá azos suficientes como para considerar unha 'futuríbel' evolución na recepción da mensaxe que esta formación política pretende transmitir. A cousa está clara, non importan os anos. Importan os quilos, de capacidade de traballo, obviamente. Da intelectual xa non dicimos nada, pois todo o mundo sabe quen é Xosé Manuel Beiras e como se desenvolve no ámbito cultural, político e social. Non é que toque o piano e poida aprezar en toda as súas dimensións os discursos máis novidosos da arte e da literatura, sexa esta galega ou non. É que esta delicada sensiblidade permite que se confíe máis aínda nel, pois, se somos minimamente honestos/as, recoñeceremos que unha das calidades máis necesarias nun representante do pobo é a empatía. Poñerse no lugar da outra, ou do outro, que ten contratos penosos ou, peor aínda, que está no paro cunha familia que manter, esixe certa delicadeza que, segundo se observa, Feijóo non posúe. Non é que a altura intelectual de Beiras lle quede lonxe, é que nin sequera pode albiscala. As cousas como son. E claro, visto dende un punto de vista humanista, como o de José Luís Sampedro (Barcelona, 1917), Stéphane Hessel (Alemaña, 1917) ou Edgar Morin (1921), faise evidente que necesitamos máis calidade humana e menos liberalismo. Daquela, máis capacidade de análise para poder resolver os problemas económicos sen castigar sempre á clase traballadora. Estes intelectuais que acabo de citar son, como se pode aprezar, xente moi nova e vibrante. Iso é o que se observa en Beiras, que non é cínico porque vibra. E nós vibramos con el. Perseveramos.

mardi, octobre 23, 2012

TEXTO DE ANDREA NUNES PARA A PRESENTACIÓN DO "ATLAS DE CHAGUÁN" EN COMPOSTELA

Parafraseando a Rosa(por Andrea Nunes Brións)e o seu Atlas de Chaguán Ocuparon practicamente todo, xurdiron de todos os recunchos, o auxilio non chegou a todas as casas, conformause así, o Atlas de Chaguán. Soubose entón qué significaba aquela idea do frio. A respiración faise densa e repetimos sempre a mesma escena; “De como os deuses nos violaron por dentro e nos rompimos todas” A violencia do cotiá, a violencia invisibel, as relación de poder, cómpre estar atentas, por se esperta.... Este é o clamor que tensa as arterias, corre, Baby, run!! Todas as que nacen en Arizona son sensuais caperucitas en manhatan; Matan, comen , foden sen xeito, engordan. Non existe o tempo en Chagúan, so 25000 dólares por cabeza, Noli me tengere significa non me toques, apuntao ben. Iso é chaguán; factoria emerxente, bens inmobels, ciruxía estética, señoritas con bolso, caballeras. Agora, deslícense vostedes, caian na tunda glaciar, coman eses porcos coas mans, sen ningún tipo de educación! Hai libros, Daddy, que contrúen un mar de soños inmenso porque saben anticiparse, son estes os libros que amo, os que nos soñan diferentes. Tes que saber qué significa meter no nariz o canón do sil de colorado... Minha querida Amerindia crocante; Que é o que fai que o Home das neves sexa o verdadeiro Home do water? Quizais nós, malísimas gorgonas, sentimos un odio persistente por todos os praceres vividos a nosa costa.... e como lobas revolvémonos na area trala aldraxe. Tal vez por iso chegou Naugachc, todas as nacidas en Naugahc desfixeron o corpo nun abrazo infinito, meteron o ruido do mundo na boca, e comérono por partes. Equitativamente. O canón do sil volveu de Colorado a terra foi finalmente arada con xeito. entendimos que a ordenación simétrica do céspede é terrorismo de estado. Aquí nós, ointenta mil indíxenas, facemos que inche o tempo, que se multiplique, Sabemos que doe vivir na intemperie. Mais xuntas, celebramos un mundo de soños e liberdade!. Obrigada e Parabéns!