

As luces foron cedendo paso e os ritmos deixaron un espazo ao silenzo. Entón a iniciada deliberante abriu os brazos para botar a liberdade no escuro, recibir chispas de enerxía. A divinidade da noite, tan ansiada polos Aretxitas, ten unha cor de negra inexistencia que brinda posibilidades no oculto, ás agochadas dun ceo trisolar, vidente, case revelador.Todos somos capaces de hercúleas promesas no berce dos soños e feitizos noctámbulos, chegamos mesmo a crer no ronsel de andrómenas que nos cinguen un corpo a piques de abrir o sexo trepidante, inchado de furia, unha furia que sacamos da boca como nun delirio inusitado e procaz. Neste escenario catárquico de misticismo rebentando balsas e balsas de falsa necesidade, Asor cedeu ante o desexo e durmiu no van dese ANFIBIO aterrador... Escuros grises lazos de pernas como brazos enormes amando danzas malditas. Porén, no medio de tanta insurrección e protesta, a indolencia vital non sempre ocupa todo o sitio. Hai ocasións nas que un estraño pode aparecer e prestarnos un pouco da súa luz, como se dun corpúsculo estelar se tratara. Así chegou Gobertrand á vida de Asor, como un nenúfar na cloaca, como unha cadencia de baladas na estación do inverno, entregando o compromiso de non ceder ante a veleidade dos transeúntes de enrugado xesto. Gobertrand é o híbrido máis fermoso de todos. Parece coma tocado pola maxia dos deuses. Eu diría que ten no seu ollar unha dozura que acariña lenemente cada movemento. Gústalle percorrer distancias, ás veces absurdas para manter un lugar seguro. Compartiu moitas tardes dende aquel encontro místico na festa da Gran Escuridade. Agora hai tempo que non se ven. Asor foi mala, mala, mala. Sí señores, a deliberante asorita, Asor III de Zeuquirne cometeu un erro e Gobertrand está moi enfadado. No silenzo da distancia inaugurada hai un tempo pérdense os dous nas lembranzas dun futuro por realizar...