jeudi, janvier 03, 2008

TEMPO PARA ESTAR





Cando contemplou a inmensidade caeu na conta do absurdo de facer contas cara á adiante ou cara á atrás pois, se cadra, pensou, o aspecto da dimensión na que vivía era unicamente unha consecuencia dese tempo redondo, desa especie de cúmulo que derivou no teatro interestelar. Que é o tempo?, preguntábase. Un xeito de tasar o espacio que nos rodea? Un modo de contabilizar a existencia desta aquitectura que actúa como soporte para ser?
Brazos, mans, pernas e todo o que pon cara á consciencia depende do tempo.
Tempo-tic, tempo-tac, tic-tac, tic-tac, tic-tac...
O córporeo habitáculo celebraba a súa orixe, sita na liña cronolóxica dun ano que fai trinta e nove: un, dous, tres, catro.... vinte, trinta...
Porén non soubo contar moito máis. Ficou nese estado de éxtase voluntario e para dentro involucionou nove anos como nove puntos, como nove ansias. Quixo pensar que todas as semanas e anos teñen puntas recortabeis polos lados para suavizar o propio ámbito, un ámbito no que atoparse ben, como Orión, que debe ser quen ten máis datos sobre si mesma. Saber cousas dun mesmo é unha trampa-estéril, unha fundacióndeimperiosíntimos que nada poden dicir sobre nós, capa etérea suspendida no éter, figura con forma de botella ou de triángulo escaleno, operación matemática desgastada nun recipiente que envellece polos tabiques ata desaparecer... Eu non quero desaparecer, pensou con ansia de perturbarda... Pero Orión continuaba alí, inmóbil en apariencia, esperando a súa chegada...