mercredi, décembre 17, 2008

CUARTO MUNDO

tirados no chan
ausentes
déixanse ir
e nada importa
sóperdersenunboteenorme
sempre perderse
ensarillarse contra si
introducirse
coma os edificios no inmenso mar veludo
e tan aborrecido
subterráneos
que non han regresar nunca...








samedi, novembre 29, 2008

A VERDADEIRA CRISE

A vida neste planeta ten dúas caras: a que se ve e a que está acochada para que pensemos nela o xusto, unicamente nese intre no que aparece un anuncio no televisor solicitando axuda.
Daquela, se entramos no outro lado do espello, veremos un mundo en decadencia, unha realidade fea e escura, chea de miseria. Mentres, aquí fálase de crise, de tecnoloxía punta, de nadal...
Será que o Fondo Monetario Internacional ignora todo isto?
É este o mundo do progreso? Será certo iso que din os titáns da economía de que o comunismo é o reparto da pobreza? Ou será que somos igual que os voitres e nos alimentamos grazas á morte duns pobres infelices? O conto vén de vello, sempre houbo ricos e pobres. Por iso, á sociedade piramidal, neoliberal e abafante, interésalle a postura inmobilista conservadora que intenta facermos crer que somos incapaces de vencer o abuso. Dicir que a igualdade social é unha utopía constitúe a falacia máis grande xamais contada.
Se houbese un xuízo, como o final que anuncia a Igrexa, gustaríame ver a cara de todos os poderosos ao escoitar na boca do gran ente divino:
Agora ti vivirás na máis absoluta pobreza o resto da eternidade.




dimanche, novembre 09, 2008

O AUTÉNTICO LOBO FEROZ



Este é o que vemos, o que matamos con saña por consideralo maligno e perigoso para o gando. Matámolo tanto que podería extinguirse. Iso non debería acontecer nunca na Galiza xa que forma parte da nosa cultura e das nosas tradicións. Adega ofrece unha exposición sobre o tema con vocación itinerante que vén de inaugurarse no Ceida, en Oleiros.

Aquí abaixo deixo un vídeo do auténtico lobo feroz que nos domina e devora.








NOTA IMPORTANTE: Un saúdo para Alén dende Valdeorosa, con moito caríño. Alédome de terte visto.

dimanche, octobre 26, 2008

A SILANDEIRA



a silandeira

...e non di nada,
desaparece no límite das palabras.

Para coller o seu pulso de imán,
para capturalo,
é necesario non volver atrás,
esquecer a textura da memoria.
(Os que calan
pintan o silenzo cos dedos,
xogan co impacto que se produce na cabeza
xusto cando todo se revolve nas entrañas)
E cala,
nada di porque nada sabe.
Só escoita,
mira,
pasa as mans
polos bordes da ausenza.
E vaise,
desaparece detrás da brétema,
silandeira.

mercredi, octobre 08, 2008

MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES



Os próximos 18 e 19 de outubro mulleres de máis de 150 países, procedentes dos cinco continentes, reuniranse en Vigo para celebrar o VII Encontro Mundial.Trataranse temas que preocupan e afectan a todas as mulleres coma a violencia e a pobreza. Amais haberá tamén un foro e unha Feira de Soberanía Alimentaria con debates, exposicións, mostra de produtos, obradoiros e música.
Nesta feira denunciaráse a utilización de monocultivos intensivos, os agrotóxicos, a especulación coa produción, transporte e venda de alimentos.
Porque este foro? Porque as mulleres son maioría na elaboración e produción de alimentos mesmo que unicamente posúan un 1% da propiedade da terra.
O domingo 19 realizarase a construción dun milladoiro coas pedras que as distintas delegadas traerán dos seus países. Simbolizarase así a unidade das mulleres e dos camiños na loita contra a violencia e a pobreza.
A manifestación será o domingo 19, polas rúas de Vigo.O lema este:"CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES PARA CAMBIAR O MUNDO, CAMBIAR O MUNDO PARA CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES".

mercredi, septembre 17, 2008

ESA HUMILDADE...

Eu non tiña nin idea disto e, mira ti, o que fun atopar cando andaba na procura doutra cousa. Víctor Manuel cantándolle a Franco! Despois de visualizar o vídeo pensei que era unha vergoña que podería ser moi ilustrativa para todos. Quero dicir que pode servirnos como lección de humildade e prudencia pois moitas veces podemos facer ou dicir cousas, froito da inexperiencia e o descoñecemento, das que talvez máis tarde non arrepintamos. Cantas veces esquecemos as propias limitacións e xulgamos sen base, baseándonos unicamente en impresións, partindo dunha mal asumida intelixencia que supoñemos nos garante un cristal privilexiado que concede a fortuna do acerto constante? Algunha vez, de certo, se miramos ben dentro de nós e somos francos, fariamos iso, actuar dun xeito prepotente e prexuicioso. Algunha vez. Xa que logo, porque non pensar na posibilidade de meter a pata? Un non ten sempre a verdade absoluta sobre nada e a soberbia é mala compañeira.
Seguro que Víctor Manuel decidiu perdoarse e ben está que o faga porque iso significa un recoñecemento da idiocia palpitante que sempre pode habitar dentro de nós se non actuamos con humildade. Meter a gamba, por listos que creamos ser, non é exclusivo dos que non teñen iso que consideramos "unha ampla formación". E senón, pensade en Steiner e nas súas absurdas decaracións sobre a literatura e a lingua galegas...

lundi, août 18, 2008

COLISIONADOR DE HADRONES


Déixovos aquí un vídeo sobre o famoso e polémico acelerador de partículas que van pór en marcha no vindeiro mes de setembro, en CERN, preto de en Xenebra.
Máis de 2.000 físicos de 34 países e centos de universidades e laboratorios colaboraron na súa construcción. Buscan a "partícula de deus" o denominado bosón de Higgs. Amais deste bosón, o LHC podería explicar por qué a gravidade é tan débil comparada coas otras tres forzas. Tamén poderían producirse outras novas partículas para as que se planificou a busca, como os stranxelets, os micro buratos negros, o monopolo magnético ou as partículas supersimétricas.

O novo acelerador usa o túnel de 27 km de circunferencia creado para o Gran Colisionador de Electróns y Positróns.
Observemos o máxico aparello...


YouTube - Acelerador de Particulas - (LHC): "01:25 From: efe
Views: 17,010"

vendredi, août 01, 2008

A MEMORIA DAS ALDEAS

Permitínme pegar nesta páxina esta noticia referente á presentación do libro Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, na Feira do Libro da Coruña, ás sete da tarde.
Non coñezo o autor pero paréceme moi interesante o que fai. É de Ponferrada, unha vila próxima a Valdeorras, a miña terra, que como xa sabedes está algo aillada do resto de Galiza.
Por outra banda, valoro moito que,na triste e absurda época de manifestos pola defensa dun castelán "perxudicado polo galego" (atención a TELE 5, CANLE QUE APOIA ESTE RIDÍCULO MANIFESTO, SUSTENTADO NUNHA FALACIA)alguén nado fóra do país colabore na dignificación da lingua.


A memoria das aldeas
Fernando Cabeza recupera e explica a etimoloxía de máis de 5.000 nomes de lugar galegos para "revalorizar o propio"
V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Cabeza Quiles ten publicados outros dous libros sobre toponimia dende o ano 1992

"Hai que revalorizar o propio, poñer de moda que os galegos amen Galicia, facer que se coñeza porque o que non se coñece non se pode valorar". Así explica o profesor e escritor Fernando Cabeza Quiles o celme do seu novo libro, logo de máis dunha década investigando a toponimia galega. Consciente de que o despoboamento xa borrou do mapa moitos nomes de lugares, este ponferradino que vive en Carballo, recupera a memoria que gardan máis de 5.000 vilas e aldeas no ambicioso volume Toponimia de Galicia, que hoxe presenta ás sete da tarde na Feira do Libro da Coruña, xunto ó director editorial de Galaxia, Carlos Lema, e o escritor Xesús Fraga.

Logo de editar Os nomes do lugar en 1992 e Os nomes da terra no 2000, este terceiro libro achega novos nomes de lugares e profunda na súa etimoloxía buscando, sobre todo, "a claridade".

O escritor constatou que "hai máis topónimos en Galicia que en toda a España húmida do norte, porque os antigos facían a casa onde atopaban auga, algo que en Castela non se podía facer."

Cabeza Quiles deixa claro que se trata dun libro de divulgación no que busca claridade. "En determinados ambientes pseudovangardistas, se es moi claro din que es un tipo simple. Pero este libro é moi claro e ten topónimos novos que non os vin noutras obras como Couso, que significa "caixa", en referencia á forma da terra onde está".

E iso que todo empezou como un hobby durante o servizo militar. "A mili sentoume moi mal e empecei a ler sobre toponimia como unha vía de escape, para abstraerme do ambiente militar", afirma. Un estudo que lle esixiu longas viaxes por Galicia. "Unha das miñas teimas era o traballo de campo: gústame andar dun lado para outro. Outros libros son demasiado teóricos, pero eu ía aos lugares para ver a súa orixe: onde había unha depresión no terreo chamábanlle Couso, pero noutros casos hai excepcións." "Rescatei moitos microtopónimos: sempre lle dou importancia ao descoñecido, case ao "vello", o que se esquece.

Tamén traballou con libros antigos atopados en mosteiros onde aparecen moitos nomes. "Por exemplo, Triacastela vén de Tria-Castella que xa estaba así a principio do século vinte", apunta. Os nomes dos lugares teñen diferentes orixes. Hainos que teñen "relación cos propietarios da terra". Na Idade Media, os grandes terratenentes poñíanlle a unha granxa o nome: moitos son suevos ou galaico-romanos tardíos que lle poñían o nome suevo para darlle máis prestixio, como os que acaban en -iz como Guitiriz".



Nomes que fan referencia ás plantas, á fauna e á relixión

Tamén hai topónimos "nativos como Chorente, Vivente, antigos posuidores da terra como Verín que daquela era unha granxa". Outros topónimos fan referencia a plantas como Carballedo, á fauna salvaxe como Vitureira, lugar onde había voitres, ou Lobeira, á relixión como Santiago. Outros son anecdóticos como Balcón de Pilatos con sitios que teñen "moi boas vistas".

Por outra banda, non constatou demasiadas diferenzas entre os nomes de zonas da costa ou do interior, salvo variedades dialectais, nin tampouco topónimos castelanizados. "Así como a lingua está bastante castelanizada no vocabulario, a toponimia está máis respectada porque nos concellos se ten máis coidado", apunta. O volume inclúe ao longo das súas 700 páxinas, fotos de Tono Arias, Paco Vilar e do propio Cabeza Quiles que se achega ao detalle natural como chairas e vales.



NOS CONCELLOS "A sinalización segue sen ser boa"

A perda da toponimia é outra das preocupacións que guiou o traballo de Cabeza Quiles. "Hai moitas aldeas arruinadas", asegura, "ves zonas baleiras totalmente, sobre todo, no interior, e a sinalización non é moi boa nos concellos".

Para buscar os lugares, tivo que enfrontarse ademais á desconfianza dos veciños: "Hai anos pensaban que era da concentración parcelaria, pero agora preguntan se son de Facenda", chancea o escritor. Ademais, valora positivamente o Proxecto Toponimia de Galicia que está a levar adiante a Xunta. "É algo ben feito porque rescata a microtoponimia, que son os nomes de leiras ou muíños, é só unha recolleita de nomes, que se rescata da memoria dos vellos".

Pero tamén hai topónimos de creación relativamente recente como os asociados ao nome de barcos como "Baixos do Casón" ou "Baixos do Serpent" así como os relativos a barrios "conflitivos" como "Corea".

jeudi, juin 19, 2008

GALEANO: ESPELLOS, UNHA HISTORIA CASE UNIVERSAL



Creo que estou a vivir unha fase galeánica ben intensa. Gústame Galeano: o que di, como o di... Pero, por riba de todo, eu diría que me fascina a razón pola que abre as palabras, para sacarlles de dentro todo o ar e pousalas no papel, nidiamente. Así, nos seus textos, as putas son putas e os negros, negros. Parece que eses espellos retorcen as mentiras tanto, que, finalmente, nos devolven a verdade neles acochada. Ata tal punto importa o asunto do espello que, calquera pode caer na conta de que, de seguir así, por este camiño de baldas amarelas, rematará representando o papel previsto. Si, así é, pois, no cumio desta trufa occidental na que vivimos, están ELES, os desinformantes e manipuladores, os políticos, cun imperio que, segundo eles, "protexe" o planeta. Mais o planeta do que falan é deforme e, amais, non existe, por irreal e incompleto. Na casa planetaria que nos venden faltan todos os que non contan, os que non queremos ver, eses que nos devolven unha imaxe nova de nós mesmos e xa para sempre somos incapaces de autocontemplarnos de tan feos como estamos.
Ás veces, facerse o tont@ moito tempo fai de nós auténticos idiotas egoístas, porque todos os idiotas son egoístas e todos os egoístas idiotas, ou case todos...

" A guerra de Irak naceu da necesidade de correxir o erro que a Xeografía cometeu cando colocou o petróleo de Occidente, baixo a area de Oriente, pero ningunha guerra ten a honestidade de confesar:
-Eu mato para roubar" (fragmento de "Espellos, unha historia case universal" ed. Siglo XXI)

dimanche, mai 25, 2008

SOÑAR SOÑEMOS

Amigos bloggers, podemos soñar, soñemos. Imaxinemos un país galego poboado de mulleres galegas, de homes galegos, de nenas e nenos galegos, de música galega, de poesía, teatro e narrativa galegas, de tendas de obxectos galegos, de papagaios galegos que falen galego... Pensemos con memoria, para ter unha paisaxe lingüística PROPIA, pasemos de vintecinco mil a un millón. Non cedamos ante a presión, non creamos que nada hai que facer.
Saiamos deste espazo estreito, deste país de ananos.
"(...)
Son rebelde,
danme noxo os homes mansos,
os pequenos tendeiros do tedio,
os que viven coma sapos.
Durmo sobre un xergón de neve,
i estou descalzo.
Sofrín a lei do embudo
e son moi mal pensado.
Creo nos homes puros
que non son educados
que non teñen modales esquisitos
nin saben comportarse coma fámulos...

Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro

jeudi, mai 01, 2008

HUIS CLOS



Un lugar estraño, unha escaleira estreita e a identidade fragmentada. Así viviu Elisabeth Fritzl durante 24 longos anos, metida entre catro paredes, co útero resentido polo abuso dun pai que todos tildan agora de psicópata... Eu creo que non padece enfermidade algunha, simplemente é malo, perverso, desviado.
O noso cerebro é unha totalidade que contén no seu interior áreas escuras, zonas azuis metalizadas, grises intencións potenciais que se retorcen ata saír fóra en forma de violencia psicolóxica e física. Terríbel. Cando penso nesta muller envellecida pola desidia e o abandono, pois ten con corenta e dous anos o aspecto dunha muller de sesenta, sinto unha furia potente, algo que desanoa as cordas íntimas e distorsiona o entendemento porque, sinceramente, non entendo nada.Imaxino que Elisabeth esqueceu nese zulo cal era a súa identidade, cal a súa casa e cales as lembranzas.Estaba dentro dun inferno imperioso e denso,como o de Sartre en Huis clos (Portas fechadas)e, coma no mellor dos thrillers, descobreu que l'enfer c'est les autres.
Preguntábame o outro día unha amiga como pensaba eu que puido permanecer esta muller cautiva coa mente sá e non tolear alí dentro. Eu fiquei en silencio uns minutos, tentando dar coa resposta.Difícil.
Finalmente e tras darlle voltas ocorréuseme que, talvez, alterou a propia realidade para acomodala ás súas necesidades de continuar viva. Creo que, se cadra, rematou aceptando a situación, entregándose, deixando as armas na mesa. Atreveríame case a afirmar que Elisabeth Fritzl morreu hai vinte e catro anos, agora só quedan restos, ruinas. Meteuse no fondo dos soños e alí permaneceu acochada todo o tempo. Non sei se será posíbel rescatala de si mesma.

vendredi, avril 11, 2008

mercredi, avril 02, 2008

O ESTRANXEIRO EN TERRA PROPIA

AUTOXENREIRA

Collo o dicionario e busco xenreira, así, sen composición de ningún tipo. Xa no interior, dou coa páxina exacta onde figuran distintos sinónimos como animadversión, antipatía, aversión, fobia, manía, odio… Entón comprendo que isto da xenreira ten matices escuros, coma lamazais podres, que manchan e mancan ós corazóns de quen a padece porque, ser odiado ou rexeitado resulta duro e obriga a unha loita intestina por non prestar atención a eses tigres feroces e doentes que nos cravan as unllas por diante, ou por detrás. O caso é que para odiar con xeito, hai que ter vocación de permanencia, insistir nese duro asunto e non deixar o corpo baleiro, estendido nun campo de millo ao arbitrio de algo tan sinxelo coma o ar fresco e rotundo, que move e remove nas vísceras infectadas por tal veleno incuestionábel. Neste punto, creo que podo afirmar que odiar é un hábito insá que desvirtúa a realidade e a deforma, coma unha goma elástica, e moitos dos que lean isto estarán de acordo comigo. Porén, imos avanzar e darlle forma a este sustantivo, imos engadir auto, que significa un mesmo, e vexamos o cambio semántico que sofre este vocablo. Agora a fobia e a animadversión recae sobre a propia fonte da enfermidade, enredadada nel coma unha cobra deseperada e triste. Como pode un odiarse a si mesmo? Pois aínda que pareza mentira hai moitos que o fan por carecer de autoestima e non saber valorar a propia persoa. Así destrúen e devastan a autarquía emocional ficando sen recursos, pobremente aillados pois non poñen en valor nada de seu e, pola conta, sobrevaloran o que lles resulta alleo. Un exemplo claro disto é o mal endémico de avergoñarse do galego e non defendelo con feitos, escritos ou orais, como sexa. Alegando universalismo, estas víboras lingüísticas chegan a afirmar que non teñen porque escoitar estupideces, que eles son cidadáns do mundo… Inaudito. Como pode un afirmar que é cidadán do mundo se a súa procedencia é tan difusa que, por dicilo dalgún modo, xa case nin existe? Quen pode fiarse dunha persoa insegura e lábil, que rexeita a propia cultura, renegando da lingua e da tradición? Como saudar a alguén que di que empregou o Estatuto da Galeguidade para limparse no retrete? Evidentemente facendo uso da xenerosidade galega, herdada, no meu caso, das terras do Bolo, onde aprendín que debemos axudar os que non teñen. E, verdadeiramente, estes españolistas que dan tanto noxo, son unicamente pobres, pero de espírito. Convén darlles algo diso.

ROSA ENRÍQUEZ

INFORME A TODOS OS BLOGGERS:
Fotocopiei o Estatuto da Galeguidade de Elos e paseillo a algúns compañeiros. Un deles dixo que o utilizara para limparse o cu no baño. Quedei alucinada ante o profundo desprezo polo país e mala educación. Normalmente teño escoitado topicazos coma o de que os nacionalistas somos uns radicais ou mesmo paletos intolerantes, e xa paso pero isto... Isto foi demasiado para min. Se eu fose de Sevilla, Teruel, Murcia, Castilla la Mancha, Burgos( patria do Cid, icona do universo castelán) non me fiaría deste tipo de xente. Como fíarse de quen non confía nin valora e para nada defende o propio?
Rosa-Valedeorosa, nacionalista, independentista e radical, a moita honra dixit felice porque está ben contenta de ser muller e galega.
Un bico a todos.

lundi, mars 24, 2008

CE-DARIO


Controvertido Coma un O aberto polo Centro.
parezo un riso pero realmente son toda unha gargallada.
existen milleiros de razóns para abrir as portas,
outras tantas para telas feChadas.
eu son deses que non poñen reparos,
gosto do ar que entra pola miña boCa aberta
para enCher de osíxeno Cada parte do meu oCo.
Constituída así por deCreto, vou detrás do A e do B
pero teño personalidade dabondo
tanta Como para iniCiar unha palabra,
mesmo un sms.
Convido a todos a un repouso Certo.

samedi, mars 15, 2008

BECEDARIO


BE, ese é o seu nome.
De aspecto gozoso
engolada e gloBular
Bífida con amBas Bocas pechadas.
Segunda na lista
número 2ous,
Bipolar e Branda,
tacto de escuma
máis ou menos poderosa, dependendo.
Maiúscula duplicada
ou única na forma mínima,
acochando unha das Barrigas
na pluma que non a retrata.
(Gústame o BE
cando inicia palaBras tal e como é, quero dicir cando non se perde o seu nome atrapado nunha sílaBa.
Así prefiro BEleza, BEtadine, BEtanzos, BEtica, BEnévola, BEnelux
a
Belxica, Berta, Bendición, Benvida, Berska.)

samedi, février 16, 2008

SERIE ABECEDARIO





PAN con A.

A de Alimento, deantigoporqueestabaantes,

de AstronomíA e Asilo,

de AvelaíñAs respirAndo Ar.

A porque AmoAmArAmAntesAmAdores. A.

hAi un A enorme que semellA unhA torre metidA nA miñA casa. A contrA A derivAndo A sùA ArquitecturA sobreosqueestamosaíxustonocentrodestesalón.

A, principAl egrexiA iniciadorA desta liturxiA solemne,

recipiente AnAno de pAtAmelAs con formA de A estirAdA, extremA comatúadoenza.

un A dentro daquela estrela ApagAdA no chAn dun ceo que non é tal, mÁis ben un odnumodséver, un cÁntico de material reciclado,

perdido porque sentíAmos vergoñA con A.

mentres, A neveirA rebentA cArgas de ovos con A,

de cArne vexetAl, tAmén con A,

de sAl,

de Allo fresco

dun A perdidanozucre.

ese A con formA de cAsA que se Abre, que mirA todo con fervor relixioxo.

acolleereolvenasconscienciasconalmadecan.

ten Aspecto de efixie

de Algodón brAndo brAndo

de flores lubrificAdAs,

AgudA

con puntaredonda

como a fAriñA que hA ser PAN.

samedi, février 09, 2008

EXPOSICIÓN DE SERXIO E GUSTAVO SEQUEIRO

Para o vindeiro fin de semana temos unha natureza coma esta, artificial e efémera, unha proposta na diáspora, nos puntos máis alonxados do sistema, algo luminoso que non pode irse sen que a visitedes. Nace na Casa das Palmeiras o 16 de febreiro, un sábado no que moitas veces non sabemos moi ben que facer e que nos presta un pouco de aire fresco para o noso cómodo e correcto universo tranquilo, un soporte bravo e DIFERENTE, algo que se inicia para estenderse toda unha semana neste mes ata o día 23. Gustavo Sequeiro, AS IMAXES, Serxio Sequeiro, A MÚSICA, convocaN a todos os animais indomabeis para que gocen desa construción vexetal artificiosa. Preparádevos e ide indo.

mercredi, février 06, 2008

AMIGOS

QUERIDOS BLOGGERS:

Esta carta é para vostedes. Levo tempo sen andar moito pola blogosfera e quería agradecer os ánimos a tod@s e esas visitas que recibín malia a miña breve retirada deste ciberespacio. Elexín esta imaxe porque penso que nos representa perfectamente, así tan pegadiños, tan preto mesmo que pareza que estamos tan lonxe. Dende esta páxina moito máis non podo facer pero desexo que conste en acta o meu agradecemento á vosa fidelidade a este humilde valdeorosa.
Un bico a todas/os:
AUTOMATOR
RIFO
NTLV
OERIUS
O RAPOSO
SILVANA
SEYMOUR
TORREIRA
RA
A CONXURADA
PAIDELEO
ZEROVACAS
VERMELLA
APÁTRIDA
ANTONIO OLIVES
X
TORREDEBABEL
NÁCHOK
LOURIXE
NENO
SUSOLISTA
MARINHA ALLEGUE
MOUCHO BRANCO
ARQUEIRA
RAINHA VERMELLA
MODERNO DE MERDA
LÚA
CHOUSA DA ALCANDRA
ANGELES MALLO
HORMIGA
FRANÉTICO
BRAIS...............................................................................................................

Unha aperta ENORME

lundi, janvier 14, 2008

POEMA A PETICIÓN DO RAPOSO


Ninguén chega á nosa vida
ansiando permanencias.
Ninguén aplaude a profundidade
que sentimos no cristal dos ollos
cando amamos…
Ao caer a noite,
cae o vestido
caen as miserias
e a voracidade toda.
A escuridade desvirtúa as formas
e bebemos océanos de medo e sal
fotografando un aillamento
discordante,
unha promesa de vesania e liberdade.
A ausencia mete todo o mar nunha caixa
e parece que quedamos xordos,
enfermos de silencio,
coa dúbida instalando
este rosario de incertezas.
Unha luz rara apaga cada instante
e as sombras viran enormes,
como montañas de diamantes rotos.
Ficamos sós.

Nós ante a inmensidade,
ante a insignificancia,
ante ese misterio
de consciencia
colectiva e única …
Porén sempre esta respiración,
este pánico terríbel de ser,
e todos os lazos …
Nós ante o periplo de infortunios,
ante esta recorrencia de baleiros,
ante a inexistencia derramándose.
A bailarina xira sobre si mesma,
na caixiña marrón,
cada vez máis lentamente.
Entón un eco profundo de lasitudes
tira das lembranzas
e pensamos no exército perdido,
na eternidade.
Queremos amar,
ser conscientes,
vivir dentro e fóra,
existir.

A inexistencia é unha liña
de orfandade e desencanto,
unha soidade de mil anos,
unha espera inútil.
Estamos co sexo en branco
e as carnes frías.
O mosaico roto.
Ninguén máis.
VESTÍBULO DA DEVASTACIÓN, ESPIRAL MAIOR



jeudi, janvier 03, 2008

TEMPO PARA ESTAR





Cando contemplou a inmensidade caeu na conta do absurdo de facer contas cara á adiante ou cara á atrás pois, se cadra, pensou, o aspecto da dimensión na que vivía era unicamente unha consecuencia dese tempo redondo, desa especie de cúmulo que derivou no teatro interestelar. Que é o tempo?, preguntábase. Un xeito de tasar o espacio que nos rodea? Un modo de contabilizar a existencia desta aquitectura que actúa como soporte para ser?
Brazos, mans, pernas e todo o que pon cara á consciencia depende do tempo.
Tempo-tic, tempo-tac, tic-tac, tic-tac, tic-tac...
O córporeo habitáculo celebraba a súa orixe, sita na liña cronolóxica dun ano que fai trinta e nove: un, dous, tres, catro.... vinte, trinta...
Porén non soubo contar moito máis. Ficou nese estado de éxtase voluntario e para dentro involucionou nove anos como nove puntos, como nove ansias. Quixo pensar que todas as semanas e anos teñen puntas recortabeis polos lados para suavizar o propio ámbito, un ámbito no que atoparse ben, como Orión, que debe ser quen ten máis datos sobre si mesma. Saber cousas dun mesmo é unha trampa-estéril, unha fundacióndeimperiosíntimos que nada poden dicir sobre nós, capa etérea suspendida no éter, figura con forma de botella ou de triángulo escaleno, operación matemática desgastada nun recipiente que envellece polos tabiques ata desaparecer... Eu non quero desaparecer, pensou con ansia de perturbarda... Pero Orión continuaba alí, inmóbil en apariencia, esperando a súa chegada...