vendredi, juin 15, 2007

ILOV: RESURRECIÓN

Ilov permaneceu durmindo ao longo daquela viaxe estelar na que a furia das súas víctimas o enviaran. Viviu nun soño insólito de insectos que devoraban no seu embigo os anacos da súa miseria.Coñeceu todas as dimensións do medo e unha estraña sensación metéuselle polos miolos rabuñando neles para morderlle a covardía que o convertera nun híbrido escuro e maledicente. Así son as cousas cando ferimos aos que nos queren, un burato negro abre ante nós as comisuras abisais polas que caemos como as pingas da auga nun infinito decadente.

Cando a deliberante caeu na conta da traizón, a ira e a mágoa mesturáronselle dentro batallando na barriga. Maliá todo o sucedido permanceu firme, recia como unha árbore e esperou o momento. Chorar é un exercicio inútil cando alguén bate coas unllas na confianza que lle demos e trafica coas nosas palabras manipulándoas.

Así fixo Ilov durante moito tempo: botou a semente da cizaña na alma dos amigos e eles ficaron en silencio, mudos.

Utilizou as palabras ditas nun momento de raiva e desolación, multiplicándo o seu efecto, batendo as pálpebras como se dun santiño se tratase, porén baixo a capa desa modestia impostada estendíase unha rara forma de envexa debuxada cun lápis gris clariño, como transparente.
Asor mirou ao híbrido cos ollos ben abertos e pronosticoulle un deserto de silencio de mil anos. En Aretx, na Comunidade Asorita, quen terxiversa as palabras recibe o castigo do silencio: o Princeps, Nabetse I de Zeuquirne, colle a voz do mesquiño ou mesquiña nas súas mans e gárdaa na caixiña galeánica. Cando abra a caixa será o momento do perdón e o castigado recuperará a súa voz de novo.





Ilov ficou mudo durante o tempo que Aretx tarda en realizar o seu movemento de traslación. Así que Asor e el estiveron separados cerca dun ano.


Durante todo ese ano os olliños de Asor foron recuperando alento e esquecendo as ofensas. Unha deliberante non podía instalar o resentimento nun lugar tan íntimo como a consciencia particular, ademais xa pasara o tempo necesario. A caixiña galeánica empezaba a abrir...

A MILES DE MILLÓNS DE ANOS LUZ o Comandante Ilov espertaba dese silencio terríbel que lle fora imposto tralo Consello Asorita e botaba a andar. Non era doado camiñar despois de tanto tempo coas pernas cruzadas dentro do sarcófago. Había moita neve naquel recuncho do universo e o frío metíaselle dentro coma un coitelo.Tiña o aspecto dun resucitado.




Ilov estaba preocupado. Non quería ficar nun sitio tan gris e pouco apropiado para el... Así que cando tras unha longa camiñata pola neve avistou o seu navúnculo, todo un mundo de afeites e améndoas lle saíron pola cabeciña. Por fin podería cambiar o traxe de pilotaxe, coller as gafas de sol "Ramaniz" verde turquesa e pasear polas alamedas acristaladas de Noruf...


Aí o tedes: Ilov, o híbrido máis divertido de todos, o maledicente, o condeado ao silenzo, xa saíu do seu sarcófago, puso as gafas de sol de Ramaniz último modelo e chamou ao seu navúnculo no idioma hibridota: XIAX
O navúnculo achegouse a Ilov sen tardar nin medio minuto porque el domina a tecnoloxía e non se lle resisten nin navúnculos, nin naves nodrizas nin nada.
Cara a onde pensades que se dirixe?