


Na festa Asor pon os víveres e a música e os híbridos agasállana con algunha cousiña, para sorprendela. Saben que lle gustan moito as caixiñas de música así que xa a obsequiaron con varias. A máis recente que lle deron foi unha caixa azul con estreliñas verdes que ao abrila bota bicos amarelos e canta un na-na-na-ná que fai nacer dentro do que a abre un soño de arcos da vella como un feitizo de calma redentora. Sennar comeza a tertulia e Pigmalion o contrapunto. Este híbrido sempre está en contra de todo. Gústalle levar a contraria para provocar a furia da asorita. Esmar ponse nervioso, os ollos danlle voltas e as ideas bulen na súa cabeza coma tolas. Neste punto Gobertrand estende a súa maxestade de capa lapislázuli e pronuncia a palabra máxica: XARACAX.
Entón todos os híbridos fican mudos. A discusión remata. A deliberante chisca un ollo a este ser de luz e bota un riso. Gobertrand, o magno, o híbrido das cinco capas, reponde a ese riso cun brillo de azul ocular que transporta, que eleva... Esmar ponse contento, gústalle a paz.
Aquí, na terra, deberíamos ter tamén unha palabra máxica como XARACAX , que significa "somos irmáns", quizabes así perderíamos esa raiva que nos devora tantas veces.
A party continúa e Sennar comeza a estar un pouco pasado. Gústalle moito o Linxel.