
HAI ALGO EN TI QUE SE DILATA
que inflama
até abrir as entrañas.
Así abren as caixas
e as botellas.
Venus saiu dunha concha
/contaminante
encheu o mar de escuma e de beleza.
Nada hai máis cruel
que ser deusa ou esposa.
PERO HAI ALGO EN MIN
QUE NON RESPIRA.
Se cadra teño muros de seda
na cabeza
ou asubíos de cebra niquelados
e eu a tremer
a revolverme
coma unha bóla de gas.
PERO HAI ALGO EN TI.
Talvez sexa o idilio saboroso
e aquel manifesto contra a pobreza.
Cando somos pobres
amamos os cintos de ferro.
O noso murmurio vai acorde
co murmurio do leite
reberverando nas cuncas.
A política é o mellor analxésico.
Dosifica a realidade
en proporcións plastificábeis.
-Ás veces, amor,
a escuridade nunca se acaba.-
PERO AHI ALGO EN NÓS
QUE NOS ATA...
Afeitas ás corazas
ábrimonos por dentro
coma unha froita poderosísima.
E seguimos a merecer
un himno
unha espada
un templo.
-Mais os templos, amor,
bendicen a mentira
perdóannos.
E ti non debes esquecer nunca
que a condescendencia
é unha crueldade infinita.-