

Cando Asor III, da estirpe dos deliberantes, recibe a visita do Cabaleiro do Infinito, elabora toda unha antoloxía de xabrón que son enigmas e delirios trepidantes de ríos como magmas de auga quente sobre o corpo espido. Hai moitas cousas que Asor pode considerar mentre se magmatiza nese baño que é xa un ritual de aloumiños. A ESTUPIDEZ, por exemplo, é un fenómeno social moi estendido que a sorprende e estoura unha morea de seismos nos tabiques asoritas. Nunha sociedade de liberdade e desenrolo que loita por acadar a igualdade e a xustiza aínda existe unha aureola de levidades e coroas desterradas que pretenden beber todas as manifestacións de osíxeno, como se non tivesen suficiente co que lles corresponde por respirar. En Aretx non hai osíxeno para todos así que están a construír unha industria de potencial acuístico que bota O2 dende A Montaña Rosa. Marabillosa esta iniciativa das Coeurs Ouverts fronte aos Repugnantes.
Os Repugnantes, eses insidiosos apátridas, envelenan coa súa lama noxenta todos os recunchos verdes que aínda quedan en Aretx. Son malos. Profundamente satánicos e voraces cando se trata de rebentar felicidades alleas pero malia o poder que teñen, malia todo o encono por crear perxuízo ao seu redor, estos repugnantes non sempre triunfan. Hai en Aretx outros seres puros como a transparencia da auga, As Coeurs Ouverts.
Mirade ben e fixádevos ben nelas. Brillan radiantes entre insectos, fermosas sereas de augamar envoltas nunha cola maxestuosa que as define: heterodoxas, libres, mater maxestades,poderosas, heliófilas, candentes na súa tibieza de augas envolvendo o líquido salgado, XENEROSAS.
Atención aos Repugnantes, feos coma todas as almas suxas, rezumando sentimentos enfermos, cinismos con aristas de cristal vello, fedorentos. Cheiran mal. Apestan. Ocultan todas as sincronías da maledicencia detrás das portas pechadas cunha premeditación amarela que deslumbra, que dá noxo. Morden nos soños con alfinetes afiados como estiletes que retorcen ao tocar a superficie desa fantasía que devora nas nubes todo un paraíso de colores. Hai quen cré que por obviar aos conxéneres que molestan a súa existencia acada todas as cumes da supremacía pero NON É CERTO. Hai un "certo olor a podrido" entre bombas, unha conxura de necios, unha negra sombra tralo silenzo impostado.

Emar, o Cabaleiro do Infinito protexe a Asor e a todos os Aretxitas desa infamia que é coma unha poza sinistra que envilece e deturpa. El é todos os soños de color rosa, todas as esperanzas, a fidelidade feita bonbóns de soda na calexa estreita que asfixia a Asor. Algún día a deliberante entregará a flor de lis, heráldica e raíña coma un ovo fresco , para que Esmar ocupe o seu sitio de privilexio.
PUM PUM PUM PUM
A muller-mapoula abre as portas todas, O Cabaleiro as posibilidades. Fabrican xuntos o néctar licuado. Beben.