Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
vendredi, novembre 15, 2013
... gavalon: un lugar na ferida da flor-da que abre no centro do núcleo-do centro-do medio....
... gavalon ...
... foi polo camiño das pegas-ao pasarmos a circunvalación natural de castiñeiros que daba paso á boca dun bosque moito máis profundo. situado após do regueiro agochado na tea seca. houbemos de andar por riba daquelas láminas crocantes antes de albiscarmos o empalme.
o foco de luz abríase inesperadamente-á beira das pedrazas...
escribín mil cartas para contarcho-quería que soubeses daquela singularidade-da converxencia-pero non respondiches nunca. non te laies agora de me ver nese espello-con cara de poucos amigos-sen palabras para ti.
... foi no tempo das castañas-tirabamos tododereitopolocarreirón que atravesaba o monte. descendiamos cun estilazo de medo: eramos-coma quen di-as acróbatas do lugar. evitarmos o cavorco facíase imprescindíbel. así é que esta destreza nosa tan aparente era pura necesidade.
nada excepcional-certamente-mais como nos gustaba pensar que si!
andai-berraba o meu pai-tirai até o fondo-esperai que chegue. e agardabamos.
díxencho nas cartas: escribín un cento de poemas sobre o desprezo-relatei neles a mesquindade-pero ti estabas demasiado distraído naquel palacio-botando o ollo ás túnicas de sal e diamantes. circulabas gloriosamente polos templos feito un mercenario con dúas caras:
outra por tras unha por diante
ver como te deslizabas na densidade daquel sitio foi un espectáculo noxento: finxiches non me coñecer porque carecía de túnica. tal era a túa mediocridade.
... foi tamén despois-cando os burgazos tragaron o leite freneticamente-con aquela fame de tres días. xusto aí-nese instante perpetuo-protagonizamos o noso derradeiro esplendor doméstico. acto seguido desaparecemos: liscamos por ese burato do fondo de abaixo do centro do medio do núcleo informe da ferida-esa que ves na pel do auriga.
e o auriga era unha muller-para que lo sepas: a mesma que olla cara ti-con cara de nada: habitada polo consolo de saber que nunca máis poderás tocarme-fermosa como son-malia todo o vivido ao teu carón. e ao voso tamén. ouh! violentas criaturas feroces e sonámbulas-brutanas buzacas do mal sentir e mal querer-groseiras pezas dun sistema que denunciades: mortas sodes por dentro-malia o voso ouleo. ollade o mundo. sentide o rumor de seu. escoitade a pregaria insomne destes muros de dentro do núcleo do centro do medio do fondo da nada que arde na ferida da flor.
díxenche todo isto e moito máis naquelas cartas. aviseite unha morea de veces: mira que vou liscar-que dei coa abertura e xa teño o carro e a xente. mira que non aturo máis este inferno-que me atrae demasiado a rareza-a deforme-esa que non gusta en palacio. mira que isto se acaba-que o noso auriga tira de min con forza e caio polo foco disparada...
... foi polo camiño aquel das pegas-ao pechar da noite-despois de aturarmos aqueles contínuos suspiros eléctricos que choutaban do teléfono da casa. chamaban por nós-para que fósemos. e fomos.
agora estamos alí: nesoutro lado das cousas-nos cómaros verdes dun tempo gaseoso-ese que vedes nas fotos do pasado que tanto vos sorprende. vivimos pegadas ás pedrazas dos camiños-aos cristais rotos-ao mesmo prato sucio que ficou inerte na cociña e que dá tanto noxo-durmimos pois nesa cama torta-coas mantas de couza abafante. e rechiamos se a tocades.
instálamonos pois nun lugar misterioro e secreto que non sodes quen de imaxinar. vós unicamente vedes o que se proxecta no voso ecrán fabuloso: gavalon ten un gran poder: coñece o futuro anterior así é que pode amosar aos monstros o froito atroz provocado con crueza imperdoábel.
lundi, novembre 04, 2013
Artigo publicado en La Región hai un mes sobre "Ningún precipicio", o último libro de Olalla COCIÑA.
Ningún precipicio, o último libro de Olalla Cociña, preséntase hoxe mércores, 6 de novembro, ás 20:00. O acto será na Fundación Granell.
NINGÚN PRECIPICIO
Foi o poeta Yves Bonnefoy (Tours, 1923)
quen dixo aquilo tan certeiro de que “Perdemos contacto
tanto con la profundidad del lugar que ocupamos en la tierra como
con la dignidad de las demás personas ”. Mais, a que lugar
profundo se refería o francés? A ese vasto territorio de silencio
que existe entre o que en realidade somos e aquilo que pretendemos
ser? Á memoria do vivido en liberdade, moi anterior á esta
consciencia excesiva de que nos miran? Á distancia que coloca
precipicios entre o desexo de irmos cara outras persoas e nós
propias? Certamente, a medida que cumprimos anos, aumentan os abismos
que nos separan dos demais. Se cadra por iso, pensar a infancia, alén
de mitificacións -nalgúns casos pode ter sido dolorosa-, permite
experimentar novamente esa sensación estraña de que ningún
precipicio pode rompernos. Precisamente por iso, porque recupera ese
tramo da memoria sen concesións -nada máis ñoño que presentar o
infantil nun estado de candor perpetuo- nin temor, é polo que me
pareceu tan interesante Ningún precipicio, o novo libro de
poemas -ou son historias?- de Olalla Cociña (Viveiro, 1979). Como
moi ben explica Ildefonso Rodríguez no prólogo, estes poemas-conto
de Olalla, “son relatos de un interior volcado al
exterior” cunha intensidade expresionista, inusual na
narración da experiencia infantil, lograda mediante a subxectividade
rescatada da nenez. O imaxinario da nena que Cociña reflicte neste
poemario achégase ao misterio, a eses pequenos segredos que ficaron
prendidos nos obxectos, un punto de partida para a reconstrución de
cada episodio poético que se ofrece. Existe entón neste libro algo
inquietante, con escenas propias dun filme de Tim Burton -noite
tras noite aparecíaselle a xemelga suicida/ e aloulábaa o remorso
de non ter imaxinado/ que quería matarse (...) xoguemos ao home das
tebras/ oíaa desde debaixo da cama/ desde dentro do armario a
xemelga morta...-, un efecto que a poeta consegue por medio da
ruptura desa fatigosa idealización da infancia subvertindo os mitos.
Aparecerán, xa que logo, ao longo do libro, personaxes dos relatos
clásicos en tesituras diferentes das esperábeis, como a fadiña
inmóbil, por citar un exemplo, que nos remitirá aquí á presenza
da morte. Dá conta tamén dos xogos estraños, practicados ás
escuras, nos que as bocas se aproximan, con calquera escusa, por mor
de remedar o que fan os adultos e que, consecuentemente, colocan á
protagonista fóra da inocencia imbécil que atribuímos tantas veces
ás cativas: “deixábasme abrirche a boca/ como un peixiño mol/
para que che relatara as conversas/ dos debuxos animados/ que te
habitaban (...)/ miña irmá peqquena/ eu protexeríate/ de calquera
catástrofe/ e tu/ pensando o mesmo para min/ abríaste para que te
enchera de debuxos e palabras”. En
efecto, os textos da poeta lucense, posúen unha narratividade que
incita á lectura. Son, os seus, contos crueis, expresionistas e
desconcertantes. Instan a “abrir a billa e desaparecer/
no chorro efervescente da bañeira”.
Porén, non conseguiremos saír facilmente deste libro estraño.
Nigún precipicio, lévanos,
con esta atmósfera nonsense,
a un lugar moi moi profundo que pode conducirnos de volta á terra.
ROSA ENRÍQUEZ
mardi, octobre 29, 2013
CANTOS DE MALDIZER
CANTO V
... e el foi que o paseo por aquela
insólita espiña-incrustada na
tráquea-virou
nunha especie de danza estraña:
completamente enferma de delicadeza. todos
os movementos do noso ir e vir-profundamente obsesivo-inducen dalgún
xeito á decadencia. decaer é torcerse-desvíar o centro de
gravidade: baixalo moi abaixo e deixalo alí-estendido como se for un
tapiz vello.
cando
me pasaches o correverás-fixen del un entretemento:
trasladei nese obxecto as emocións máis sorprendentes-envieinas nun
suspiro-coma quen manda cartas de amor dun extremo ao outro do
universo. efectivamente-houbo un tempo en que ser e amar constituían
un fluído densísimo. podía percorrer milleiros de quilómetros
dunha alma a outra sen fatiga. pero algo sucedeu que agora non
lembro-algo certamente triste e terríbel.
...e
volveu do outro lado da espiña-do
extremo norte desa corda fina-a pequenos saltos. pisou-finalmente-as
entrañas do tempo-coma se o culpase de algo. o secuestro daquel lugar
lamacento-confinado a tan gran desastre ocupaba demasiado espazo na
súa particular tristeza insomne.
miña
delicada criatura-as bestas afogaron nas lindes da ucronía. agora-en
circunstancias tan penosas-o tempo cómeos polos pés. e que os
trague enteiros se fai falla!
samedi, octobre 26, 2013
CANTOS DE MALDIZER
CANTO CATRO
... tras da
ollada-a miniatura ficou estantía. con medio corpo fóra
da boca e non dixo ren. pero non podería permanecer moito tempo
naquel estado. as cousas móvense-é certo-mais en que sentido
dicimos isto? móvense de lado a lado ou van de adiante cara atrás?
buscan talvez un punto ao que dirixirse? existe este punto?
o punto-como
destino-ese lugar no espazo tridimensional-suspendido no
aire-como se-despois de voar moito-parase nalgún momento-por algunha
estraña razón-e puider botarnos ollo enriba ou falarnos.
mírame-diría o punto-son esa exactitude que pretendes e que eu
mesmo desprezo-sácame de aquí-é insoportábel estar quieto...
... e a miniatura volveu meter o
corpo na grota. camiñou novamente por riba da espiña-fixo do
temor e da indolencia que este produce-un espazo minimamente
habitábel para sobrevivir-quería coller aire-antes de volver saír.
miña delicada miniatura-sempre en equilibrio.
mardi, octobre 22, 2013
MEME DOS LIBROS
MEME DOS LIBROS
Envioume Txiki Calvo un convite para facer un meme de libros e, como che son ben guiadiña, cando quero, respondín a todiñas todas as preguntas que se me fixeron. Aí están!!
Envío este Meme a Navicularia, o blog de Neves SOUTELO, ao Figurante e a Porta Verde
1º- O último libro que liches.
- Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary
Shelley. Era unha desas novelas que quedan por ler até que as les
e punto pelota.
- 2º- O libro que mudou o teu xeito de pensar.
- Buf... A ver, por elixir un, eu diría que El espectador
emancipado, de Jacques Rancières. Xa é o segundo que lle leo a
este señor e a piques estou de crear un grupo de fans ;)
- 3º- O último libro que che fixo chorar.
- Carné de identidade, de Mahmud Darwix.
O salmo 8, concretamente, pareceume durísimo. Iso de se erguer,
despois de ter morto, e escribir o nome da terra no propio cadáver,
ou nun rifle, arrincoume algunhas bágoas. A verdade é que xa me
entrara a angustia poemas atrás.
- 4º- O último libro que che fixo rir.
Pois, mira ti, co Manifesto SCUM, redactado por Valerie Solanas, en 1968, rin a cachón!! Sei que non é un “libro libro”, mais valerá. Mellor que Miguel Mihura dende logo!! (Que cousas me veñen á cabeza ás veces, meu! Han ser efectos poscoloniais.)
- 5º- O último libro que prestaras e non che devolveran.
- Nin idea. Non me lembro.
- 6º- Un libro que che emprestaran e que non devolveras.
- Un de Kerouac...
- 7º- Un libro que relerías.
Poemas de Alberto Caeiro, de Fernando Pessoa. De feito estouno relendo agora!
- Contos de Hoffmann, do alemán Ernest Theodor Wilhelm
Hoffmann, editado en galego por Tris Tram.
- 9º- Un libro que te sorprendeu para ben.
- No hay nadie en casa, da
croata Dubravka Ugrešić. É un chisco posmoderno, si, mais axuda a
descomprimir un pouco.
- 10º- Un dos primeiros libros que liches na escola.
Las aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain.
- 11º- Un libro que roubaches.
Pois... Roubar roubar... Non foi a miña intención quedarmo, a verdade. Creo que é un caso de desidia. Collín o libro e, cando caín na conta, pasaran xa meses. O caso é que non me atrevín a devolvelo, e, finalmente, os meses viraron anos e, así, coma quen non quer a cousa, borreino da cabeza. Debe ser que non me acepto como choriza!! O libro era Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. (non llo digades a naide!!)
- 12º-Un libro que atoparas perdido.
- Perdido non atopei ningún e tampouco participei nun
bookcrossing, pero si nun mercadillo no instituto. Nel
deixara dous filmes que intercambiei por O home duplicado, de
Saramago e O Livro do Desassossego, de Pessoa. Eu cando
quero sei ben facer negocios
- 13º- O autor do que máis libros tes.
- De Pessoa. Que grande!!
- 14º- Un libro valioso.
Contos e lendas da terra do Bolo, un libro de relatos populares que escribiu meu pai, Esteban Enríquez. Vale moito para min porque nesas historias está parte do meu imaxinario, sempre ligado a ese lugar.
- 15º- O libro que estás a ler agora mesmo.
- Aparte do de Pessoa -Poemas de Alberto Caeiro-, estou
lendo Utopía, de Tomás Moro, mira ti que cousas, e algúns
ensaios de Walter Benjamin que figuran no Libro II/ vol. 2
- 16º- Un libro que prohibirías.
- Prohibir? Ningún.
- 17º- Un libro que levas tempo querendo ler.
- El
acontecimiento de la literatura, de Terry Eagleton. Merqueino
hai uns vinte días en Couceiro e aínda non puiden comezar a lelo.
- 18º- O próximo libro que vas ler.
- Despois
do de Eagleton, El Golem, de Gustav
Meyrink. Estou moi interesada no lado escuro do ser
humano...
- 19º- O libro que non lerías endexamais.
- Un deses de “autoaxuda”. Prefiro psicoanalizarme cunha
amiga e, xa de paso, tomar un café ou unha cervexa.
- 20º- A túa triloxía ou saga preferida.
- Prefiro velas no cinema ou na televisión, a verdade. Así é
que, se se permitir, direivos que fun seguidora fanática de
Battlestar Galactica!
- 21º- Último libro que che regalaron.
- El anticristo, de Nietzsche.
samedi, octobre 19, 2013
CANTOS DE MALDIZER
CANTO TRES
... é que a espiña se movía ao ritmo
da funambulista. vibraba naquela tarde inmorredoira-como vibran as
follas das flores. talvez máis forte. ocorréuselle entón que a
malicia filtrara a negritude da carroña alí dentro. por iso aquela
miniatura-camiñaba pola espiña cos pés en punta.
a peza de fel naceu sobre a mentira. e afogará no seu negror proceloso e fumeante. sen
dúbida. pero aínda queda para iso e as preguntas apremian... como é
que dobra o tempo-orlando? lévame contigo. non desexo máis estar
furiosa. entrar na túa esfera e lanzarme é o que pretendo. dáme
entón un punzón deses e non me deixes tirada neste lamazal-quero
pinchar a barrigada toda a estes cerdos: deixalos co esófago ao aire
fresco: dicirlles sen delicadeza: comede esta bazofia-cabronazos.
comprobad a que sabe toda la mierda que generó vuestra imbecilidad.
... e el foi que a espiña parou en
seco. a miniatura humana asomara a cabeza pola boca para descansar un
anaco. unha vez no cumio da dentamia-comprobou que a flor fecal
erosionaba a beleza-porque todo o que se corrompe rompe rompe rompe...
samedi, octobre 12, 2013
CANTOS DE MALDIZER
CANTO DOUS
... é que nin sequera nos mirou. aquel
riso amábel foi unicamente un exercicio mecánico para protexer o
segredo: a espiña seguía aprentándolle a gorxa cun vento frío que
fluía por ambos lados. por iso enfríaba o silencio-porque as
temperaturas desa zona interior facíanse extremas. a intensidade
ficou pois prendida nese pau fino. quieta...
se puider cantar este canto
botariamos por fóra a delicadeza contida na fríaxe. poderiamos ir ao
centro do forno e liberar tanta angustia conxelada: arderiamos por
dentro-pero talvez nunca poderiamos extirpar o temor. a impresión
que o medo suscita permanece nalgún lugar da memoria-queda alí
oculto. reaparece cando menos o esperamos. gustaríame ter un mapa
para transitar polo inferno e non perderme nesas caras-tantas e tan
idiferentes-co seu aparente estupor.
...é que non había moito que
mirar-así é que colleu o aire que lle saía pola boca e meteuno
naquela caixa das cousas terríbeis. ás veces creo que gardar o que
nos arrebata a calma en caixas é un modo de suspender o tempo. coma
quen deixa a dor para máis adiante porque se cadra é certo iso de
que co tempo adiquirimos certa perspectiva. pero a espiña aínda
estaba alí: rompendo a dor en dúas mitades...
caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!
caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!
dimanche, octobre 06, 2013
UNHA APROXIMACIÓN Á ESTÉTICA DO ASOMBRO EN CARLA ANDRADE: ESE RETORNO IMPRESCINDÍBEL
UNHA APROXIMACIÓN Á ESTÉTICA DO ASOMBRO EN CARLA ANDRADE: ESE RETORNO IMPRESCINDÍBEL (artigo publicado na revista dixital Incomunidade)
“Las fotografías son en efecto experiencia capturada y la cámara es el arma ideal de la conciencia en su talante codicioso” Sobre la fotografía. Susan Sontag
Plossu, ademais de Jochen Lempert e Edward Steichen, é un dos fotógrafos citados por Carla Andrade (Vigo, 1983) ao falar de preferencias nunha entrevista sobre o seu traballo fotográfico. Daquela, para comprender mellor as imaxes da artista viguesa, poderiamos lembrar aquilo que dixo Bernard Plossu (Dà Lat, sul de Vietnam, 1945) das súas propias. “ Eu fotografo o tempo, -dixo o francés- a chuvia, a calor, a neve, o vento. Cando tiro fotos dunha paisaxe, é o clima desa paisaxe o que vexo: é o que crea o ambiente”. Nesta frase obteremos unha “pista” para nos achegar ao que realmente atrae das imaxes de Paths to Land, de Carla: o brancor. Esta cor adquire un protagonismo absoluto nos retratos do territorio mental que se nos ofrece. Temos branco sobre negro, ou gris. Branco sobre azul cincento. Tamén sobre marrón. Mesmo temos branco en certas imaxes nas que esta apenas aparece, en favor doutras cores.
Tendo conta disto, da insistencia nesa luminosidade fría que dispensa o brancor, o esperábel é preguntarse o porqué do uso recorrente desta cor. Porén, o máis interesante, ao meu entender, non é tanto descubrir a causa, mais saber, primeiramente, se conseguiu o que se propuña e de que maneira o fixo.
O que se propuña: suscitar a curiosidade, provocar estupor, desconcerto. Nisto apenas se diferenza doutras artistas que, obviamente, desexan ser percibidas. O que xa resulta máis interesante é o modo en que o fai: Carla Andrade tira todo dereito, sen complexos, nunha aparente marcha atrás, para recuperar a estética do romanticismo e volver ás preocupacións ao respecto do ser e do tempo.
A posmodernidade ansiosa vive inmersa en compartimentos que, inxenuamente, percibe como estancos. Desenvolve múltiples actividades, corre dun lado ao outro e máis parece que “mata o tempo” no canto de o sentir plenamente. Para que nos entendamos, na sociedade posmoderna o espazo foi colonizado por un falso concepto de eternidade instantánea cuxo berce é a confusión entre recorrencia secuencial de feitos e duración dun feito único. A domesticidade axuda a mesturar “repetición” con “estensión” de modo que o simple acto de regar as plantas ao longo dos anos, fainos crer que é este un instante eterno que cómpre ser vivido á marxe doutros, así é que separamos, fragmentamos o continum amorfo do cotián e con el a nós propios/as.
O suxeito que rega as plantas nada ten que ver co que despois escoitará a Bob Dyland ou lerá os obituarios na prensa. Consecuentemente, temos diante nosa un individuo trino, sen ironía, que se adecúa perfectamente ás diferentes situacións ofrecendo unha faciana distinta en cada unha. O “poliédrico” adquire relevancia fronte a “unicidade” que perde interese. Parece que ambas as dúas visións sexan excluíntes, así é que o fío que podería conectalas rompe. Desaparece. Vívese o fugaz, nunha obsesiva inclinación polo instantáneo sustentada no hedonismo. O pracer, a comodidade, a satisfacción rápida, moven o espírito deste “eu incadescente” que, poucas veces, contemplará ás necesidades do outro. Ou da outra. O devandito suxeito posmoderno, de identidade múltiple, concéntrase en si mesmo nun paradoxal exercicio de autocentrismo, malia esta pluralidade de “eus” que o habita, e así aparece reflectido nas artes e na literatura por medio deses “reality bites”, isto é, anacos de realidade fragmentaria poetizados até a extenuación.
Carla Andrade decide romper con esa obsesión pola desestruturación do individuo e a fealdade, tantas veces impostada, de ámbitos urbanos. O cinismo e o desencanto perden protagonismo para ela. No seu lugar devólvenos a idea do “asombro” como punto de partida para calquera análise ou modo de expresión. O silencio é recuperado do ruído de fondo que habita no imaxinario posmoderno para ser devolto ao seu lugar: o entorno natural: aquel oikós helénico que facilitaba o contacto humano co universo.
Nesta procura de “pillar” o silencio no seu tímido esplendor cómpre ser conscientes da influencia de Lois Patiño e, consecuentemente, James Benning (Milwaukee, 1942) ou Henri Bergson (1859-1941), na obra de Carla Andrade. Tanto Lois coma Carla recollen de Benning o interese polo silencio e de Bergson a atracción pola duración. Por iso nos seus traballos observamos a presencia constante do tempo da conciencia ligado ó espazo que remata sendo, no caso de Andrade, un significante do "instante producíndose na conciencia" cuxa banda sonora non é outra que o devandito silencio retratado nese brancor impresionante.
O pano de brétema que aparece nalgunhas imaxes será o que confira ás fotos ese aspecto inquietante. Séntese na envoltura borrosa que dispensa o “sfumato” un murmurio suave e misterioso. Coma voces que se perden no fondo dese tempo espacial desconcertante, a artista viguesa consegue suscitar a nosa curiosidade. Que haberá máis alá? Que será o que nos agarde detrás da brétema? Estas preguntas xorden a raíz do contraste que se ofrece entre a inmensidade do mundo natural e o individuo que, ou ben aparece no fondo, ou simplemente non está. Entendemos que a inmensidade da natureza conseguida co retrato das montañas nevadas resulta abrumadora para un ser humano que, consecuentemente, se ve minimizado e perde protagonismo. O que importa entón non é esta figura humana, mais a natureza e a relación que podería existir entre ambas as dúas. Do mesmo xeito que Lois Patiño no seu documental experimental “Montaña en sombra”, as persoas, nas fotos de Carla, son contempladas dende a distancia, en oposición ás montañas branquísimas, que son miradas de fronte.
Nisto,
na memoria perdida desta comunión entre o ser humano e o antigo
“oikós” é onde o traballo de Andrade se volve máis afouto e
interesante. Fóra desa tendencia posmoderna de retratar o sucio,
Carla Andrade, consciente da necesidade dun “salto
estético”,
busca inspiración na anterioridade envolvendo cada imaxe dese claror
romántico que engaiola. Recupera pois a idea da fraxilidade humana,
fronte o desencanto cínico decadente, inmerso no resaibo e na
insatisfacción, para propór a observación da contorna e recuperar
o deleite desa contemplación que permite entrar no goce do “instante
pleno”
do que fala Lois Patiño.
Así,
en “Camino-Hombre-Humo”
-pertencente ao proxecto artístico “Paths
to land”-
por exemplo, a figura do home -situado ao fondo dunha estrada, diante
dunha nube de fume que ascende verticalmente-, trae á memoria “O
camiñante sobre o mar das nubes”,
do pintor alemán Fiedrich Caspar (1774-1840). Como Caspar, Andrade
captura a figura masculina por detrás e, sen dificultade, intuímos,
como no cadro do alemán, o desconcerto ante esa fumareda branca que
insiste na inmensidade do natural. En ambas imaxes prevalece o
brancor sobre a cor máis escura das rochas -no cadro de Caspar- ou
da estrada -na foto de Carla-. Daquela, o frío invade a ollada e
pode sentirse certa inquietude. Porén, se no caso do alemán, o home
do cadro adopta unha postura corporal de seguridade que transmite
certo desexo de dominio, isto é, de non caer no abismo situándose
por riba da natureza co intención dominala, a figura humana da foto
de Carla Andrade, vese máis fráxil, así é que observa con
atención o fenómeno. A idea non é a dominación, mais a
convivencia harmónica, sabendo que, en calquera momento, a nosa
prepotencia será derrubada pola impacto dun fenómeno natural
calquera que nos lembrará cal é a idea esencial para estar no
mundo: a de ter conta do asombro como premisa indiscutíbel para
coñecer e comprender o existente.
CANTOS DE MALDIZER
... de cada visión tirar un verso. facer vultos poéticos e alimentar con eles ás crianzas ...
canto un
... é que tiña unha espiña dentro. por iso non podía respirar ben. falaba en anacos-porque as frases partían no punto exacto que separaba o dito daquilo que quedaba por dicir... tampouco podía murmurar. iso sería como comerse a si mesma e ninguén que desexe ser amada querería alimentarse da carne propia. se o fixer-que quedaría para entregar?
estes cantos serán un clamor para os corazóns ennegrecidos pola grisalla-porque finalmente soubemos o máis importante de todo: o inferno estaba alí mesmo-fronte á farmacia. pouco ou nada había nel de singular que puidese resultar interesante. dante pasouse tres pueblos coa descrición do imperio da malicia.
... é que a espiña estaba alí dentro-atravesando a tráquea-así que o aire envurullábaselle no medio-transformando todo noutra cousa. precisa-repetías en tres golpes de voz-e eu intentábao: berraba cos ollos o que non podía expresar en palabras. era tan estraño... o propio silencio partía-como partiran as cousas que perderamos anos atrás. malia todo-aínda hai días preciosos-nos que lembro como soaba eu na túa boca. non sei porque-mais hai recordos que nunca logramos romper.
impresión ante o forno: ese que temos preto da casa e que nos pon a pel de galiña. a antropofaxia actual repítese dúas veces por segundo-conste. eu vin mastigar a autoestima da xente con fruición. a vergonza atravesáballes as meixelas trala infamia. pero-raramente-isto derivou en comportamentos positivos.
caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!
canto un
... é que tiña unha espiña dentro. por iso non podía respirar ben. falaba en anacos-porque as frases partían no punto exacto que separaba o dito daquilo que quedaba por dicir... tampouco podía murmurar. iso sería como comerse a si mesma e ninguén que desexe ser amada querería alimentarse da carne propia. se o fixer-que quedaría para entregar?
estes cantos serán un clamor para os corazóns ennegrecidos pola grisalla-porque finalmente soubemos o máis importante de todo: o inferno estaba alí mesmo-fronte á farmacia. pouco ou nada había nel de singular que puidese resultar interesante. dante pasouse tres pueblos coa descrición do imperio da malicia.
... é que a espiña estaba alí dentro-atravesando a tráquea-así que o aire envurullábaselle no medio-transformando todo noutra cousa. precisa-repetías en tres golpes de voz-e eu intentábao: berraba cos ollos o que non podía expresar en palabras. era tan estraño... o propio silencio partía-como partiran as cousas que perderamos anos atrás. malia todo-aínda hai días preciosos-nos que lembro como soaba eu na túa boca. non sei porque-mais hai recordos que nunca logramos romper.
impresión ante o forno: ese que temos preto da casa e que nos pon a pel de galiña. a antropofaxia actual repítese dúas veces por segundo-conste. eu vin mastigar a autoestima da xente con fruición. a vergonza atravesáballes as meixelas trala infamia. pero-raramente-isto derivou en comportamentos positivos.
caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!
mercredi, mai 29, 2013
Artigo sobre Miguel PALMA, publicado na revista Incomunidade




“Estar al mismo tiempo dentro y fuera de una postura -ocupar un territorio mientras se merodea escépticamente por sus fronteras- es a menudo la posición de la que proceden las ideas con más intensidad creativa
”Después de la teoría, Terry Eagleton. (Editorial Debate, 2005) Traducido por Ricardo García Pérez .
Existe un tránsito constante na obra de Miguel Palma dende o interior do sistema até á súa pretendida exterioridade -e viceversa- na que el mesmo, como parte integrante da devandita obra, se converte en cómplice, por desexo propio, para facer explícita esa orde de cousas inherente ó mundo caótico de esquizofrenia alucinante que non sempre somos quen de percibir. [n] O seu ovo cósmico, construído con marcas de neumáticos -Pirelli, Yokohama...-, colocado no medio doutras pezas da exposición -Desconforto moderno, CEGAC-, ten de seu unha imperfección infantil nada inocente que permite entrar de cheo nesa idea do caos existente nas sociedades posmodernas que consiste, sobre todo, no desprazamento constante dun espazo a outro, isto é, no movemento. Moverse para vivir ou vivir para moverse? Talvez as dúas opcións? A cousa é que existe un ovo grande e que este ovo nos envolve. Por iso, ó meu entender, esta escultura integra a esencia do discurso estético de Palma, o lugar idóneo para adquirir unha perpectiva panorámica ó respecto dese tránsito constante que nos propón do privado ó publico, da estética á ética, da normalidade ó seu abismo... Situémonos entón o pé desta figura ovoide e comecemos o noso periplo polo esófago da máquinaria capitalista. Comprobemos como as cousas son. Meditemos sobre a propia participación no masacre. [n] Segundo avancemos polas salas do CEGAC, atoparemos os diferentes elementos que conforman o devandito ovo e a pregunta repetirase novamente, agora con máis intensidade. É posíbel habitar no movemento entre eses dous lados do abismo? De que abismo se trata? Refírese Miguel Palma ó tramo entre unha cultura e outra, poño por caso, ou máis ben centra todo na dicotomía entre progresión/regresión? Ou talvez pretende expór unha teoría estética da teoría da arte como potencial emancipadora? Seguramente sexa así e o xogo constante de Palma, explícito no seu fluír entre o institucional e o resto, constitúa un procedemento lúdico cuxa intención implícita non é outra que a de potenciar a autodeterminación do individuo. Así, tras da experiencia artística da contemplación das performances e instalacións, a espectadora -ou espectador-, poderá determinar que papel desempeñar na sociedade, dependendo da súa posición ó respecto do ovo. Isto, en principio. Porén, o discurso de Palma non pode ser circunscrito a simples dicotomías, pois é de seu complexo e fondo.
Neste artigo, preténdese tan só un achegamento á súa proposta da arte como construción e proceso de reflexión teórica que pretende experimentar o tempo dende unha postura de anticipación subxectiva. Trátase da experiencia do Futuro Anterior, obviamente distópico, cuxo cerne é esta imperiosa tecnoloxización da vida cotiá, tan esaxerada como disparatada, que deixa ver a nosa inxenuidade -pola que Palma sente unha certa nostalxia- ante o terríbel. Descoñecemos como funciona todo aquilo que usamos e do que dependemos. Daquela, na medida en que ignoramos isto abrimos outra fractura entre o uso do obxecto e a angustia ante a carencia do mesmo. [n] Así é que Palma, segundo entra no devandito Futuro Anterior que nos espera tras da sacralización do obxecto tecnolóxico, pode amosar o que a especialización do traballo nas sociedades occidentais supuso para nós en tanto que nos colocou nunha clara posición de febleza, dada a excesiva dependencia que temos os uns das outras.Tod isto sen ter conta do alienante que resulta un traballo en cadea, carente de calquera tipo de creatividade. A quen interesa facer de nós “funcionadores de aparatos”, sempre distantes, sen apenas empatía coa dor allea e, normalmente, incapaces de concibir un modo de vivir máis cálido e vibrante? “El arte favorece que uno fantasee e desexe.- di Eagleton- Por todas estas razones es fácil entender que son los estudiantes de arte o filología antes que los ingenieros químicos quienes suelen levantar antes barricadas” . De aceptarmos esta idea de Eagleton como certeira, comprenderemos mellor a proposta de Miguel Palma, na medida en que a súa intención é colocarnos diante daquilo que, obviamente, non sempre somos capaces de ver: o núcleo dun hábitat mecánico que actúa como separador de individuos, que consegue xerar un apego á maquinaria, isto é, ós obxectos que, segundo se observa, son imprescindíbeis na nosa vida. Así é que, a arte para Palma, facilita a visión do que non se percibe a simple vista.
Pode emancipar ó espectador, levalo a aqueles espazos de reflexión que permanecen inactivos. Porén, é esta funcionalidade política dun discurso comprometido o máis relevante neste artista? Que hai na súa obra que resulte tan interesante, á marxe do que levamos reflexionado até agora? A utilización de obxectos mecánicos -avións, coches, motos...- que, ó seren dispostos en salas de museo, adquiren a categoría de arte? Se isto xa foi levado á prática por Duchamp coa exhibición dos seus “objects trouvés” -Ready-made-, ou, noutro sentido máis pretendidamente artístico por Tingueley, con esas rodas de bici que se convertían nas súas exposicións en “máquinas-escultura” un chisco preciosistas, que temos na obra de Palma que poidamos calificar de “diferente”? [n] Se atendemos á explicación que o propio artista dá a Miguel Von Hafe Pérez ó preguntarlle polo seu papel de “coordinador” do proxecto en tanto que colabora con enxeñeiros para a construción das súas maquetas - “Si, e iso ten que ver co feito de querer pórme no papel do espectador xa no propio proceso creativo, pois cando traballamos sen axuda de ninguén rapidamente adquirimos unha serie de costumes que me interesa evitar. (...) Ou sexa, estamos aquí ante un xogo de intereses, porque a min interésame sobre todo saber como funcionan as cousas, e ás persoas que saben como funcionan as cousas interésalles moito máis como van quedar as cousas, cal vai ser o seu aspecto final”- poderemos ter unha idea máis clara ó respecto do interese da obra de Miguel Palma, pois non é unicamente o resultado o que conta, mais a experiencia sensíbel desa creación, o tempo da produción das pezas e o modo en que estas foron creadas. Nese proceso creador, o artista introduce a outras persoas -enxeñeiros- que aportan o seu coñecemento técnico para a elaboración das “maquinas-escultura”. Daquela, Palma, convértese, el mesmo o di, en “espectador” e “cocreador”. Propón, observa, crea e sitúa a súa obra no contexto que desexa, sempre contando co apoio de expertos neses aparellos. Esta procura doutras áreas do coñecemento -tecnolóxico, mecánico, informático- para construír as maquetas, conduce ó artista a unha mestizaxe perfecta que o coloca na fenda da creación máis actual. [n]
Por outra parte, faise tamén moi interesante, a austeridade das pezas, esa apariencia non artística da que Tingueley non quere saír, e que sitúa a Palma fóra da metáfora. O seu desexo non é tanto ofrecer unha linguaxe estetizante, nin minimalista, mais real. “Quero que todas as partes importantes teñan unha función, que pola súa complexidade tecnolóxica, a obra teña unha apariencia non artística”, di Miguel Palma. Conseguido. A exposición Conforto Moderno, compila esculturas, instalacións e vídeo-creacións que constitúen anacos dunha realidade anterior -dos anos cincuenta ou sesenta moita delas-, cunha nostalxia ben medida da inocencia ante os vehículos existente naquela época preinformática na que maquetas, como as que aparecen nesta exposición, formaban parte do decorado das oficinas dos aeroportos, por exemplo.
En definitiva, a obra de Miguel Palma aglutina múltiples elementos que flotan en distintas direccións cun final aberto. Neste artigo entramos por ese posmoderno ovo cósmico, pasamos pola maqueta dos avións partidos polo medio e chegamos ó proceso creativo. Comprobamos que Palma indaga nesa idea obsesiva de medir a experiencia subxectiva do tempo a través da experiencia creativa. Entendemos que para el é moi importante vivir ó detalle á construción das esculturas, non só como creador, mais como observador e aprendiz, na medida en que desexa pór de manifesto a súa negativa á especialización do coñecemento que, efectivamente, nos priva da percepción e compresión dunha realidade complexa que a conexión dos distintos saberes implica. [n] A tradición e a modernidade atravesan o discurso deste artista, non sempre en contraposición, mais, ás veces si. Está fóra do sistema, pero tamén dentro del. Así é que a crítica do mesmo é, precisamente por iso, máis completa. Volvemos entón á frase de Eagleton que aparece como cabeceira do artigo: “Estar al mismo tiempo dentro y fuera de una postura -ocupar un territorio mientras se merodea escépticamente por sus fronteras- es a menudo la posición de la que proceden las ideas con más intensidad creativa” . Eis a chave do interese que suscita Miguel Palma: o seu incómodo tránsito do interior ó exterior, da compracencia acomodaticia ó estoicismo máis crítico, pasando por todas as fases intermedias precisas para acadar a idea exacta do que desexa construír para nós. [n]
mercredi, avril 24, 2013
ARTIGO SOBRE CARLA ANDRADE


Inscription à :
Articles (Atom)