VELAIQUÍ AS IMAXES DO AMOR:






Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.


















PAN con A.
A de Alimento, deantigoporqueestabaantes,
de AstronomíA e Asilo,
de AvelaíñAs respirAndo Ar.
A porque AmoAmArAmAntesAmAdores. A.
hAi un A enorme que semellA unhA torre metidA nA miñA casa. A contrA A derivAndo A sùA ArquitecturA sobreosqueestamosaíxustonocentrodestesalón.
A, principAl egrexiA iniciadorA desta liturxiA solemne,
recipiente AnAno de pAtAmelAs con formA de A estirAdA, extremA comatúadoenza.
un A dentro daquela estrela ApagAdA no chAn dun ceo que non é tal, mÁis ben un odnumodséver, un cÁntico de material reciclado,
perdido porque sentíAmos vergoñA con A.
mentres, A neveirA rebentA cArgas de ovos con A,
de cArne vexetAl, tAmén con A,
de sAl,
de Allo fresco
dun A perdidanozucre.
ese A con formA de cAsA que se Abre, que mirA todo con fervor relixioxo.
acolleereolvenasconscienciasconalmadecan.
ten Aspecto de efixie
de Algodón brAndo brAndo
de flores lubrificAdAs,
AgudA
con puntaredonda
como a fAriñA que hA ser PAN.
Para o vindeiro fin de semana temos unha natureza coma esta, artificial e efémera, unha proposta na diáspora, nos puntos máis alonxados do sistema, algo luminoso que non pode irse sen que a visitedes. Nace na Casa das Palmeiras o 16 de febreiro, un sábado no que moitas veces non sabemos moi ben que facer e que nos presta un pouco de aire fresco para o noso cómodo e correcto universo tranquilo, un soporte bravo e DIFERENTE, algo que se inicia para estenderse toda unha semana neste mes ata o día 23. Gustavo Sequeiro, AS IMAXES, Serxio Sequeiro, A MÚSICA, convocaN a todos os animais indomabeis para que gocen desa construción vexetal artificiosa. Preparádevos e ide indo.
QUERIDOS BLOGGERS:







Cando Elianora Buster chegou a Heliópocens, a cidade dos espellos, comprendeu que todas as cousas marabillosas teñen un sentido común, universal e a un tempo propio e particular que de nada serviría fóra dun conxunto motivador e relaxante. Heliópocens era un lugar suspendido no tempo, un sitio inimaxinable, unha extensión enorme de xardíns e árbores frutais que se ofrecían aos que pasaban como un regalo, mais debía ser unicamente algo aparente sabendo todo o que Elianora sentiu e experimentou alí... Pero situémonos un pouco para comprender ben o significado verdadeiro desta historia e como Elianora Buster puido chegar ata eses círculos concéntricos e perder o seu tempo tanto como o perdeu na procura das cereixas.
Dende este lado da xanela vese todo diferente. Ás cousas que preocupan aos de dentro resultan moitas veces aBsurdas cun B maiúsculo e belfudo, tanto e tan grande que ata eu caïo dentro da súa barriga duplicada como un idiota... Non sei que sucede exactamente. Debe ser que de tanto vivir entre eles fago miñas as súas teimas e o meu corpo somatiza esas descargas eléctricas e viscerais e dobro o tallo e me retorzo e sigo retorcéndome, cada día un pouco máis. Así estou chepudo coma unha cunca do revés. E, certamente, isto tenme alarmado pois non desexo ter este aspecto feo e torto. Detestaría parecer unha pranta indecorosa¡ Sobre todo porque eu non son ese que se estrangula entre as frores, son un Pelargonium dos mellores, cun verde matizado en gris como se estila nos da miña saga e luzo ao sol rodeado de pétalas un tanto rosadas que abotoan o meu traxe de verán. Si, eu son un xeranio ben parecido e pretendo seguir así. Non quero que esas dúas que me trouxeron para a súa casa por unhas moedas de prata esquezan a importancia do meu vestido como fixeron o outono pasado cando enfermei a causa das térmites. Foi terríbel¡ Estiven días espido, decolorado, únicamente tiña o meu tronco, que polo demais estaba prácticamente seco... Malditas formigas brancas¡ Non sei como puideron invadir o meu corpo, e, sobre todo ignoro como esas dúas non caeron na conta de que estaba enfermo¡ Por iso creo que dende este lado da vida vese todo distinto. Nós dependemos máis directamente da auga e do sol para sobrevivir. Se cadra por iso valoramos tanto o esplendor vexetal e somos tan respectuosos co resto dos habitantes deste mundo verde multicolor. Non me gusta xulgar a ninguén pero, se estes humanos estropean todo e funden na miseria o sitio que lles foi outorgado para vivir porque pensarán que son tan listos?
Si, vivo nun edénico paraíso vexetal rodeada de laranxas, arandos e cogomelos entre outros froitos que a natureza ten a ben proporcionarme para o meu alimento. Aquí son feliz, ben metida na terra, entre o humus do que escoito cada palabra como unha auténtica aprendiza, para non esquecer a miña PROCEDENCIA. Por iso direi de min que si, que son radical porque habito na raíz que me envolve no seu van abrazando cada parte da miña árbore caída, para que non vaia tan abaixo do fondo e me perda... E digo máis, digo que me retorzo e digo ben porque tomei a forma das polas deste mato pequeno que son, ergueito e torto a un tempo. Ouh¡ Cantas veces quixeron afastarme de ti, raíz grande e profunda¡ Tantas como días levo vividos nese sitio estraño onde o gris mediocre estala nos tabiques destripándome cada vez que caïo nese erro tan repetido de ousar meterme nas cabezas que só saben ler nas tapas dos libros¡ Mira que son analfabeta e non aprendo nunca, porque non poderei dicir que non mo avisaron veces: non vaias por corredoiras tan estreitas que non cabe a liberdade... Así que por tal motivo vivo aquí, en Terra de Ningures, onde non se oe máis murmurio co das follas precipitándose no chan, onde o límite racha cada día avergoñado, víctima da súa ignorancia.
Hai lugares onde non existe a calma. Son sitios perdidos no medio da metralla nos que xa non é posible a tristura porque o medo ocupa demasiado espacio. Suzumi Tinamé tivo a mala sorte de nacer alí pero el non o sabe. Descoñece que detrás das montañas de Zanaï os rapaces non queren comer verduras porque prefiren a pasta ou as hamburguesas. El se alimenta con pouca cousa e endexamais levou á boca un caramelo. Non espera nada pois a palabra esperanza non ten sentido para el. Hai uns días recibiu o seu primeiro agasallo: unha metralleta enorme.
No país de Carola Smith existía un mar inmenso, como unha gran saba trasnparente estendida baixo aquel ceo gris e metálico que cubría todo. Era o mar de Carola Smith, a súa grande casa líquida onde verquer anhelos sen medo de perderse neles, orfa e desorientada como estaba. Carola Smih tiña sete anos cando levou a cabo a súa primeira gran viaxe: unha traxectoria inaudita ao londo daquelas augas salgadas cara un universo de titáns e magnolias, algo así como un sitio no que hibernar igual que un animal pois esa era a maneira que ela tiña de espallar a consciencia e liberarse.

Preséntome: Son o anano Simenón das terras de Xarial, situadas nun recuncho metidiño nas montañas, á beira do río. Fun elexido Guerreiro de 1ª Orde polo maxestuoso Señor da Montaña e dende entón levo un vida axitada, sempre en movemento. Non me queixo porque era o que eu quería dende pequeno... Quero dicir dende neno xa que pequeno sereino sempre, coma todos os da miña raza. Eu debo ser dos máis altos. Mido exactamente un metro e dez centímetros, isto facilitoume a entrada no mellor corpo de guerreiros e, claro, síntome moi orgulloso. Estou casado con Nanasar, unha das ananas máis fermosas do meu pobo, Anamark. Agora mesmo ela está esperando un neno, así que nun par de meses serei pai por primeira vez. Supoño que así , polo meu nome a secas, Simenón, ninguén saberá quen son pero... Se vos digo que eu fun quen lle prestou a carreta a Lancelot, como se vos queda o corpo? Si, eu fun quen lle deixou a famosa carreta que inxustamente podería desprestixialo por ser dun anano. Sobre este asunto tería eu e todos os ananos ballesteros de Anamark moito que dicir. Porque vamos a ver, que culpa temos nós de ter cargos pouco prestixiosos, como levar nunha carreta aos condeados? Ningunha. É o que nos ofrecen pola nosa condición de pequenos e nada puidemos facer a ese respecto polo de agora debido ao medo que lle temos ao Señor da Montaña. Porén as cousas cambiaron moito nos últimos tempos dende que Sisibel acadou o posto de Anana Maior. Esta muller puxo as cousas no seu sitio, nada de superioridades ridículas derivadas da estatura e nada de traballos vexatorios como consecuencia deste aspecto que tanta hilaridade provocamos polas nosas pernas tortas. Sisibel plantoulle cara ao Señor da Montaña e dende aquela tamén podemos ser guerreiros, adicarnos ás artes e as letras ou simplemente seguir facendo o que facemos: rexentar granxas de ratos destinados ao consumo dos reises e raíñas da rexión.
(Retrato de Aurora antes e despois do sono)
(A fada madriña cen anos despois na casa da familia coa que vive)
Velaiquí tedes aos seus amigos

Durmir cen anos e facerse vello sucede todo a un tempo, por iso, se vedes un froito fermoso, non o pensedes, collédeo; pero, elexide ben. Non é sempre máis fermoso o que mellor aspecto ten...