mercredi, avril 24, 2013

ARTIGO SOBRE CARLA ANDRADE

A NÉBOA PINTADA (Artigo sobre Carla Andrade, publicado en Sermos Galiza) Inquietantes. As imaxes de Carla Andrade (Cangas, 1983), recentemente premiada no II Festival Miradas de Mujeres, atraen. Como se houber un murmurio estraño que nos convidase a entrar, observamos, coa inquietude anterior de quen pensa introducirse nun sitio misterioso, ese mundo neboento que se nos ofrece, esencialmente branco. Paths to land -Camiños cara a terra, así o traduce a artista- amosa unha serie fotográfica de estradas que se estenden até o horizonte. E existirá un fin, detrás desa liña borrosa? Todo parece indicar que non, que ese camiño continúa, que se estira máis e máis. Daquela, o que Andrade plasma coa cámara, eses espazos abertos na fríaxe, constitúen, en certo xeito, o significante do tempo. Un tempo órganico natural. Redondo. Entendo pois a fin do camiño -presente en cada foto desta serie- como un principio doutra cousa. A raia que unifica ceo e terra é o punto neurálxico que trae á memoria a orixe, ese momento en que todo foi concibido. Intúese a presencia constante da repetición, o presente continuo. A ausencia do percorrido que lle presupoñemos ó tempo tal e como o explicamos, ó xeito dunha liña progresiva que se estende e se estende, é a chave. Daquela, temos diante nosa o tempo da conciencia, e, consecuentemente, o enfrontamento cunha realidade da que nos ocultamos: a incerteza: o espazo da contixencia. Un lugar onde o grande e o pequeno conviven en estraña harmonía, malia o desconcerto que isto nos provoque. Así, ofrécese o horizonte como punto de fuga que permite a escapada. Por iso estas imaxes adquiren un certo carácter máxico, na medida en que resultan envolventes. Dalgunha maneira vémonos dentro, mesmo antes da nosa entrada. Contribúe a isto o emprego de planos xerais que, ademais de proporcionar un certo efecto dramático, consegue que nos sintamos incluídas/os nese tempo espacial. Andrade dá conta nestas fotografías dun silencio abrumador que coloca a humanidade xusto no seu lugar: o do asombro.

jeudi, octobre 25, 2012

SITIO DISTINTO ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN" (CORRIXIDO)

SITIO DISTINTO Galicia caníbal: embutida nun bucle temporal. Devastada tamén. E burlada. Esa especie que nunca se extingue, a daqueles e daqueloutras que tecen a rede plutócrata, segue aí, á sombra do limoeiro. Son xente que vive á marxe da realidade social, porque, evidentemente, pode facelo. Hai unha importante porcentaxe de poboación que, ou ben apoia as súas políticas inxustas, por crueis coa clase traballadora, ou ben considera que son as 'menos malas'. Deixando a un lado as análises psicoxeográficas que explicarían este gusto existente en Galicia pola dereita neoliberal españolista, cuxa preocupación polo noso idioma é ínfima, parece claro que Feijoo, convenceu a unha parte importante da cidadanía galega. Na esquerda, a pesar de que, evidentemente, non imos celebrar que se perpetúe un partido cun ideario que rexeitamos, sabemos recoñecer esta 'victoria' electoral que, en gran parte, é debida ás abstencións, conste. Entón, unha vez recoñecido isto, penso que podemos seguir mirando cara adiante e alegrarnos dos resultados obtidos por AGE que conseguiu ser a segunda forza en 21 concellos. Certamente, Beiras tivo un papel ben importante neste éxito, porque, sexamos realistas, un partido político de tan recente formación, non tivo o tempo suficiente para se facer escoitar tanto como podería de ter comezado antes na escena pública. Daquela, creo que cómpre ser optimistas, pois o feito en si mesmo dá azos suficientes como para considerar unha 'futuríbel' evolución na recepción da mensaxe que esta formación política pretende transmitir. A cousa está clara, non importan os anos. Importan os quilos, de capacidade de traballo, obviamente. Da intelectual xa non dicimos nada, pois todo o mundo sabe quen é Xosé Manuel Beiras e como se desenvolve no ámbito cultural, político e social. Non é que toque o piano e poida aprezar en toda as súas dimensións os discursos máis novidosos da arte e da literatura, sexa esta galega ou non. É que esta delicada sensiblidade permite que se confíe máis aínda nel, pois, se somos minimamente honestos/as, recoñeceremos que unha das calidades máis necesarias nun representante do pobo é a empatía. Poñerse no lugar da outra, ou do outro, que ten contratos penosos ou, peor aínda, que está no paro cunha familia que manter, esixe certa delicadeza que, segundo se observa, Feijóo non posúe. Non é que a altura intelectual de Beiras lle quede lonxe, é que nin sequera pode albiscala. As cousas como son. E claro, visto dende un punto de vista humanista, como o de José Luís Sampedro (Barcelona, 1917), Stéphane Hessel (Alemaña, 1917) ou Edgar Morin (1921), faise evidente que necesitamos máis calidade humana e menos liberalismo. Daquela, máis capacidade de análise para poder resolver os problemas económicos sen castigar sempre á clase traballadora. Estes intelectuais que acabo de citar son, como se pode aprezar, xente moi nova e vibrante. Iso é o que se observa en Beiras, que non é cínico porque vibra. E nós vibramos con el. Perseveramos.

mardi, octobre 23, 2012

TEXTO DE ANDREA NUNES PARA A PRESENTACIÓN DO "ATLAS DE CHAGUÁN" EN COMPOSTELA

Parafraseando a Rosa(por Andrea Nunes Brións)e o seu Atlas de Chaguán Ocuparon practicamente todo, xurdiron de todos os recunchos, o auxilio non chegou a todas as casas, conformause así, o Atlas de Chaguán. Soubose entón qué significaba aquela idea do frio. A respiración faise densa e repetimos sempre a mesma escena; “De como os deuses nos violaron por dentro e nos rompimos todas” A violencia do cotiá, a violencia invisibel, as relación de poder, cómpre estar atentas, por se esperta.... Este é o clamor que tensa as arterias, corre, Baby, run!! Todas as que nacen en Arizona son sensuais caperucitas en manhatan; Matan, comen , foden sen xeito, engordan. Non existe o tempo en Chagúan, so 25000 dólares por cabeza, Noli me tengere significa non me toques, apuntao ben. Iso é chaguán; factoria emerxente, bens inmobels, ciruxía estética, señoritas con bolso, caballeras. Agora, deslícense vostedes, caian na tunda glaciar, coman eses porcos coas mans, sen ningún tipo de educación! Hai libros, Daddy, que contrúen un mar de soños inmenso porque saben anticiparse, son estes os libros que amo, os que nos soñan diferentes. Tes que saber qué significa meter no nariz o canón do sil de colorado... Minha querida Amerindia crocante; Que é o que fai que o Home das neves sexa o verdadeiro Home do water? Quizais nós, malísimas gorgonas, sentimos un odio persistente por todos os praceres vividos a nosa costa.... e como lobas revolvémonos na area trala aldraxe. Tal vez por iso chegou Naugachc, todas as nacidas en Naugahc desfixeron o corpo nun abrazo infinito, meteron o ruido do mundo na boca, e comérono por partes. Equitativamente. O canón do sil volveu de Colorado a terra foi finalmente arada con xeito. entendimos que a ordenación simétrica do céspede é terrorismo de estado. Aquí nós, ointenta mil indíxenas, facemos que inche o tempo, que se multiplique, Sabemos que doe vivir na intemperie. Mais xuntas, celebramos un mundo de soños e liberdade!. Obrigada e Parabéns!

dimanche, juillet 29, 2012

ATLAS DE CHAGUÁN

a histeria dos escravos non desaparecerá facilmente: chantou as raíces nas terras de chaguán co pánico agochado nunha bolsa de papel: o lugar idóneo para ocultar a nerviosa predisposición á derrota. o servo adscribiuse pois ao patrón sexual imperante e pagou debidamente polas horas gozadas a cachón. violouse a si mesmo por CORECENTOS MIL MISERÁBEIS DÓLARES. tan tranquilamente. a aniquilación ética ten o seu berce na ansia de vivir en paz no espazo chaguazoso.

jeudi, mai 10, 2012

Este sábado, 12 de maio, ás 20:00, presentamos DESOBEDIENCIA en OURENSE. Será na CAFETERRÍA AURIENSE. Contaremos con Manuel OUTEIRIÑO, Alberte MOMÁN e eu propia. Estades convidad@s!!
DESOBEDIENCIA é un conxunto de poemas sobre mecánicas viciadas. Daquela, rexeita a impostura e intenta suscitar a reflexión sobre a nosa posíbel participación na podremia. Lonxe dos cántaros baleiros ecoando á luz do día, cada un destes versos leva dentro algo sucio, algunha que outra cicatriz e a reivindicación da autocrítica que comeza por quen escribe: "Agochámonos na pelaxe dos paxaros: somos tigres que se asustan:que temen al amor y lo violentan. Écerto-Antoine. On s'aime.On se déteste." A idea que latexa é sempre esta: a desobediencia como exercicio ético, sustentado no rexeitamento da dominación simbólica patriarcal e capitalista, no regreso á vida comunitaria.

mardi, mai 08, 2012

O sábado 12 de maio, ás 20:00 presentaremos DESOBEDIENCIA en Ourense. Será na cafetería Auriense. Estarán na mesa Manuel Outeiriño, Alberte Momán e eu propia. Anímadevos!! Por certo, Valdeorosa xa está en Blogaliza!

dimanche, avril 08, 2012

COLABORACIÓN CON CARLOS SILVA

Imaxe de Carlos Silva
O meu poema:
Apodrecín con el-arrastroume polos corredores coma nun melodrama barato e cursi. Díxome cousas terríbeis que me asustaron. Me rompieron el cuerpo de niña con esas ganzúas de animal eléctrico: me pisaron el corazón con un martillo.
Reseña de Armando Requeixo, sobre o artista portugués, na súa páxina: CRITICALIA. A reseña titúlase: ARTE INCOMUNIDADA, ARTE MAIOR(se non funciona o link, podedes buscalo en google) http://armandorequeixo.blogaliza.org/2011/05/31/arte-incomunidada-arte-maior/

samedi, mars 24, 2012

Ademais da miña Dark Butterfly, de Xina Vega, teño pendente a segunda novela de Begonha Caamaño: Morgana en Esmelle.




Morgana en Esmelle
Caamaño, Begoña

Unha novela que reescribe o mito cunha ollada contemporánea

Logo do Ano Cunqueiro, Begoña Caamaño consegue propoñer unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. Son os remorsos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida? Temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións? Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Na novela de Begoña Caamaño, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade.

Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot. Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.

Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?

http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010080308.

mardi, mars 06, 2012

Le bel au bois dormant



Cadro de María Gallardo


Despois-o ruído nas trandeiras: a inxenua revolución das sabas no vento: un tout petit bruit à cet infini quotidien issu de la paresse: le monstre dort. Definitivamente lo hemos pinchado con la aguja. Pero é un estado temporal. Cómpre estar atentas-por se esperta...

A gorgona-leu Baby-entrou na morada dos deuses-tan fieros ellos-tan orgullosos. Levou con ela o martelo de Thor e a preciosa flor do Saguaru. Tamén un libro. Sobre como foi artellada a mesquindade. Disque era un tratado a propósito das bestas ocultas. Escrito con terror. Capítulo primeiro-por exemplo: como los dioses perforan a las muchachas, les abren la cabeza y las ponen a su servicio. Páxinas e páxinas que serviron para nos facer sempre devotas de algo. (…) Esteno profanou entón o templo sagrado. Les gritó que se habían convertido en los hijos de la muerte-pero ellos ni se inmutaron.”
...



(O trallazo-crepuscular ou non-é un paso cara a autarquía.
Se esta non se produce por cuestións meramente estéticas-isto é-anticipadamente e sen sentir-estaremos máis preto da liberdade. This is the question for women of world.)

jeudi, décembre 15, 2011

trallazos




TRALLAZOS

Pum nena pum. Esa é a música que nos separa-daddy. A do principio. O pum pum da criatura humana. Colgada do aire.

****

Unha leve e sutil caricia no esparto bastaría para comprendelo.
Pero tu dime-y sin temor:cuántas muertes nacen en ti?

****

A pesar do ruído-permaneces así: en éxtase. Nada perturba a intimidade secreta...
O sol morre a túa beira. Y te separas. Y mueres.

****

Foi unha escisión-unha distancia irreparábel. Un murmurio xordo.

****

Agora-as paredes inchan todo de ausencia. E -a verdade- non me sorprende. Sempre me pareceu que a dor é un cristal que rompe as costuras de dentro das casas facendo un túnel entre o salón e a tráquea. Neste caso o meteorito foi un trallazo no hipotálamo.

Así é que eu -vástaga de bronce e zucre- entrei nesa grota grande e cheguei ao noso canón do Sil-en Colorado.
Dalgún xeito perdín a idea muscular de vivir.

****


E teño -por iso- grandes dificultades de supervivencia. É certo. Aceptar o teu esquema esquelético e ser contigo piel roja é unha operación complicada-daddy. Tal vez por esa razón te busco y te busco porque anhelo la explosión: o trallazo na memoria. Quero desinchar as paredes. Colocar a bomba no túnel. Romper todo.

Mais rien ne casse plus car nous avions un contrat d'amour inexplicable. Une forteresse.

****

Do noso contrato-quédome co campo -e- principalmente- con esa elástica compostura da herba. El desvanecimiento violeta de algunas flores tibias lo quiero también para mi. Igualmente farei meu o rebumbio de estalotes marcándome o paso: pum nena pum. Pum pum.

****
****

Mátame esta angustia. Non é melancolía. É un terror denso e abdominal: une grosse émotion à l'intérieur. Xusto no estómago da pobreza.

Vivo pois un éxodo brutal coa absurda pretensión de atravesar o Nilo en canoa. Quero pasar do Courel a Novoneyra e volver aquí-ao centro. Ler a Keats en silencio e respirar

Fareino porque non teño pensado aceptar que somos un pum pum que se desfai entre os dedos-que sucumbe aos golpes do vencello dalgúns bárbaros inertes.

****
****




Creo que Dylan Thomas consideraba a poesía algo orgánico. Talvez por iso a sentiu como un vergallo no centro da cabeza pois é aí onde habita o criterio desorganizado. Más inclinado a caer que a levantarse-o maldito entre os malditos cubriu de esparto as palabras. Foi un titán moi bárbaro nas tabernas.

A creación poética esquematízase así-nun pensamento orxíastico-a pesar da distorsión da linguaxe e das súas particulares trampas.

Por iso-o segredo mellor gardado dos poetas radica no tránsito dos particulares asuntos á expresión exacta. Malia todo-o máis probábel é que non exista camiño algún. Unicamente unha negrísima poza azul celeste. Todas as grandes zorras masculinas da historia viven aí. Definitivamente temos que berralo.

****
****

dimanche, novembre 06, 2011

Un poema de amor Aquí?



Un poema de amor Aquí?

Escribiríache con gusto un poema de amor. Metería nel a visión do teu corpo e esas mans carniceiras sobre min. Devoraría o teu soldado interior-baby...
Lamentabelmente non podo facelo. Non teño industrias para dar acubillo a esta ansia túa. E así-como quen non quere a cousa-calo.

O pulso mide os metros de distancia: constrúe un sistema matemático da usura: un lugar que non existe.

Aquí non está.

Mentres-as cabezas caen ceo abaixo. Discordantes na intemperie. Son cabezas grandes e inmensas. Cabezas rodando cabezas sobre nós. Aquí: neste sitio que non é-procuramos a cociña da casa-por exemplo. Destinámola á diverxencia.
Facemos dela un centro de observación natural e vemos -¡Oh si! Lo vemos!-que existe un tramo que nos separa: dende o cuarto até o baño: unha autoestrada interior: a ponte que-supostamente- acurtaría distancias.

A política faise Aquí: por iso non existe.

Daquela-meu amor- teño claro o que facemos. O que facemos é transitar: percorrer distancias infindas para abrazármonos. E a devoración faise explícita da seguinte forma: ti achégaste pola porta e eu-sabendo como sei que queres tragarme- abro a boca para meterte dentro. Somos entón un laboratorio humano-darling-un vivísimo sacrilexio indecente. Por iso non podo escribir un poema de amor.

A científica exploración urbana trouxo o decepcionante da luz incandescente: ces verdoyants vermicelles lumineux qui traînent à nos côtés-comme des vermines...

E-líquidos xa pola desazón-amámonos menos. Por iso este poema-me beloved-non pode ser outra cousa que un poema da destrución: o esquema da usura de Pound.

lundi, octobre 03, 2011

EIS O PRECIOSO TEXTO ESCRITO POR BEGONHA CAAMAÑO PARA A PRESENTACIÓN DE DESOBEDIENCIA







A DESOBEDIENCIA DE ROSA ENRIQUEZ


Aínda que fun convidada a participar nesta presentación que nos reúne para vos falar de “desobediencia”, teño que vos falar primeiro de Rosa, porque non se pode desligar este volume de poemas da personalidade da súa autora.

Non hai moito que coñezo a Rosa Enríquez, apenas dous anos, pero si vos confeso que o meu con ela foi un namora inmediato, o que se di un amor a primeira vista (agardo que mutuo). Cativáronme de Rosa a súa espontaneidade á hora de expresar sentimentos, a súa xenerosidade afectuosa e o seu afán de aprender. Namorei da súa ansia por descubrir e descubrirse e da súa ousadía e afouteza ao amosar ao mundo o resultado das súas pescudas e descubertas.

Rosa Enríquez é unha muller que se abre en canal a si mesma para analizarse, para procurar dentro dela aquilo que non lle gusta e quere erradicar da súa esencia, para descubrir aquelas outras partes do seu ser nas que si acredita. Rosa íspese, mergulla dentro dela, escarva nas entrañas para encontrar á muller que non lle deixaron ser, e sae desa viaxe visceral e sanguenta vitoriosa, triunfante, luminosa. Máis Rosa ca nunca, máis Enríquez, máis Noia. Disposta a facer co mundo o que fixo con si propia: poñelo patas arriba, cuestionalo, esnaquizalo, para logo, xuntando os anacos xa libres de artificios e enganos, vomitalo todo e ofrecérmonolo máis puro e limpo, máis desexábel, máis humano. Ese outro mundo posíbel que tanto arelamos.

Pero esa procura de si mesma e do mundo, ese remexer co dedo nas vísceras, non é un camiño do que se saia indemne. Máis forte si, pero magoada. Con feridas fondas e lacerantes que nos han acompañar de por vida. Cicatrices que trazan o mapa do percurso de Rosa na súa loita contra a convencionalidade. Marcas vitais que, sen pudor, de forma case obscena, a autora nos amosa agora neste volume que hoxe se presenta.

5
DESOBEDIENCIA non é só un conxunto de fermosísimos poemas. É a xeografía dunha batalla; un caderno de guerra.

Eu non son nin poeta, nin crítica literaria, nin profesora de literatura. Non podo pois ofrecervos unha análise das fonduras estilísticas, da beleza da linguaxe, do acertado das imaxes ou da orixinalidade dos recursos empregados pola autora. Convídovos a suplir as miñas carencias coa lectura do fermoso Limiar do escritor Anxo Angueira, que abre o libro, ou a recente crítica publicada por Armando Requeixo e que podedes atopar no seu blog.

A miña é unha lectura dende as emocións e dende a política. Unha lectura, obviamente, en clave de xénero. O XÉNERO, esa categoría esporea que tanto dano nos leva feito a todas e todos e que latexa, cando non alenta a desobediencia que Rosa Enríquez nos propón neste seu novo poemario.

Rosa estrutura o seu libro en catro partes, catro seccións que poden semellar antagónicas pero que son complementarias e necesarias entre si; consecuencia cada unha das anteriores.

Poemas que non din nada é como a autora titula a primeira destas seccións.
Preséntanos nela a protagonista de libro: Pauline ( para min a propia Rosa disfrazada de francesa), e ao seu amante, Antoine.
Fálanos aquí do naufraxio do cotiá e dunha incipiente necesidade de fuxir da
trivialidade, de escorrentar as convencións, de rebentar as normas.
Pero Pauline/Rosa está prendida nunha trampa. Unha relación amorosa desigual, subordinadora, por veces alienante.
E ela, que quería un amor maxestoso, un amor que rebentase a moralidade do vulgar, insubmiso, desobediente; el, Pauline/Rosa..Rosa/pauline que procuraba a rebelión a traveso do amor, descúbrese presa nunha das máis primitivas estratexias de dominación. Aparece aí o desencanto, fisgan súa pel as primeiras feridas: as causadas pola ingratitude e a decepción. Porén, Pauline é insubmisa de seu, non precisa dese amor para rebelarse. A rebeldía latexa no seu interior mesmo antes de que Pauline sexa consciente dela, mesmo antes de que Rosa saiba como nomeala.


No canto de se acomodar nesa relación e na súa segura domesticidade, Rosa/Pauline marchan, despréndense, inician o camiño cara as vísceras do seu ser.
Son a Pauline orgullosa que di, citando os versos da autora “Nada. Tu ne sais rian. T'es devenu tigre. Por iso nunca che pedirei amor. Sobre todo no lo pediré”. Eis a muller que non se resigna, que descobre nela a vontade primixenia para dicir NON. A Rosa que inicia o camiño que non ten volta, que solta amarras para probar contra o vento as súas propias forzas. A muller que di (volvo citar textualmente): “ Tristes son todos os que levan paraugas e descoñecen o instinto. Os que obedecen”.

Remata esta primeira parte con Pauline/rosa fuxindo da podremia da indiferenza e do egoísmo dos búfalos con fasquía de amante para mergullarse nun universo propio e distinto. Baixo o epígrafe de “Poemas que din todo” Pauline e Rosa enfróntannos á náusea da súa propia conciencia. Ao noxo ao se descubriren obedientes cando se soñaban rebeldes.
“Somos vítimas da exhibición: somos mentira” di Pauline coas palabras de Rosa, e engade noutro poema “É esta a urxencia: comprender que levamos con nós o tacto da usura. Que nalgún momento, en determinadas condicións atmosféricas, somos monstros vestidos de madreperlas. El cielo no podrá evitarnos esa verguenza”

Comeza entón a travesía necesaria do particular ao colectivo, do íntimo ao público. E o sentido da rebelión muda de rumbo. Xa non se procura a desobediencia para sermos seres brillantes e únicos afastados da vulgaridade da moral burguesa. Pauline e Rosa, abrazadas, queren ser socialmente útiles na súa desobediencia.
Antoine e as súas promesas, os seus afagos e os seus enganos vaise perdendo. Xa non vale o seu falso paraíso no que Pauline/rosa é ao tempo adorada e negada, desexada e humillada. Agora son elas as búfalas, elas as que estouran e despezan a trampa cursi dese amor romántico.

“Pauline sous la pluie. Sabe que foder en público é un acto abominábel, pero desobedece”

5

Nos versos de Rosa aparece o sexo como metáfora da rebelión, como símbolo da insubmisión ao politicamente correcto.

Fronte ao amor, a irreverencia do sexo que non se agocha.
Xa non democracia representativa e “solidariedade”, senón asemblearismo e xustiza.

Xa non cortesía, senón respecto.
Non discrepancia tímida, amabelmente expresada, senón o berro atronador da protesta aberta.
Non o rumor das pregarias senón o canto da disidencia.

Nunca máis someterse, nunca máis aceptar. Nunca máis
Rebelarse. Rebelarse sempre.
Desobediencia como clamor; como ética.


A transformación de Rosa/pauline é xa na terceira parte do poemario unha realidade evidente e irreversíbel . En “Des petits morceaux de amour e de tristesse”. Pauline /Rosa posúe a forza insurrecta dos cimarrróns que deixaron de ser escravos porque decidiron deixar de ser escravos. As dúas, Rosa e Pauline, Pauline e Rosa finalizaron con éxito a súa transformación.
Xa non son máis as submisas amantes que imploran caricias, que ceden os seus desexos ante o desexo do amado.
Xa aprenderon a ser elas sen necesidade de que ninguén as aprobe, xa non precisan de consentimentos alleos.
Xa non piden permiso nin suplicaran amor. Nunca máis o farán.
Sábense fortes na súa diferenza. Saben que é nesa diferenza onde radica a súa fortaleza, e vana defender. A morte.

Chegamos así ao final do libro: dez poemas que a autora presenta a modo de decálogo baixo o título de Quelques morceaux pédagogiques.
Pauline e Rosa atopan no feminismo a expresión da súa rebeldía e viaxan agora dende o xénero á humanidade. Son terra, choiva e mar embravecida
5

exhibindo con orgullo aquilo que as fai universais: a súa diferenza.
E nese feminismo, nesa diferenza, proclaman que o seu xénero fainas proletarias, inmigrantes.., estranxeiras,...... sempre estranxeiras.

Son palestinas en terra ocupada, árabes en territorio cristiá, ateas ante calquera fe.
Son sen papeis en Europa, galegas en España, mulleres na Galiza patriarcal.

E saben que a súa liberación non virá nunca das mans enganosas dos diferentes dominadores que as oprimen, aínda que adopten o sorriso amable do “amor”.
Saben que a súa rebelión faínas alleas a calquera territorio e, por iso mesmo, con dereito a todos eles.

E cito agora unha parte do último poema “Mais no fondo -malia todo este descubrimento- insisto: son analfabeta. O mundo fáiseme complexo e nin o silabario podería ler. Dedícome ás árbores. Je suis chair florissante: follaxe e rama. Así é que habito nas fronteiras: no núcelo fundacional do sensíbel.
Libertaria”

Rosa e Pauline saíron do abismo, pero é nas marxes onde se encontran cómodas, onde deciden instalarse, e dende alí vociferan, desobedientes: contra a exclusión, contra o poder, contra a mentira...,contra as certezas.



Begoña Caamaño
Compostela, setembro 2011

jeudi, septembre 08, 2011

PRESENTACIÓN DE "DESOBEDIENCIA" O 29 DE SETEMBRO. EN COUCEIRO. ÁS 20:00



Teño o pracer de vos convidar á presentación de "DESOBEDIENCIA" o xoves 29 de setembro, en Couceiro. Ás 20:00.

Estarán presentes o escritor Anxo Angueira, a xornalista e escritora Begonha Caamaño e o poeta Alberte Momán.

Eu mesma creo que estarei presente!!!

Saúdos!

samedi, août 13, 2011

En homenaxe ao meu pai, Esteban Enríquez, falecido o 4 de maio do 2011, chegan estas "CARTAS CRUZADAS: DE CUBA ÁS TERRAS D' O BOLO" (La Región)








Prezada Ana:

Recibín hai uns días unha postal preciosa. Era d' A Habana. Nun principio, olleina con certa incredulidade, mais logo comprendín que si, que evidentemente era túa. E alí estabas novamente, no paraíso caribeño, con azos, supoño, de vivires a tope ese amor encendido. Estás feita unha 'gentlelady', darling!! Entre perfumes e afeites, vexo que enfeitizas aos homes. Sobre todo a un, ese que che trae de avión en avión, para pasar unha semana contigo despois de tanto tempo sen vervos. Debe ser durísimo estar namorada dun tipo que vive a miles de quilómetros e que, ademais, non ten un can para vir por aquí, caendo, deste xeito, todo o peso da relación sobre ti. Es unha crak. Auténtica. Un animal humano marabilloso. Abofé que si! Dígocho co corazón na man, pois admiro ese teu espírito afouto, indiferente ás críticas que suscitas entre as túas amizades. O aburguesamento alimenta actitudes hipercríticas con todo aquilo que sae dos límites marcados, e ti, Ana, atravesaches os devanditos límites hai tempo. Que dirán agora de ti, rula? Dirán, por exemplo, que es unha 'descerebrada', que se che foi a pinza, que xa imaxinaban que farías algo así? Que andas desesperada. E que digan o que lles pete!! Ante casos coma este, de 'sucidio social' por amosar sentimentos desmedidos en público, sexa en vivo e en directo -coma o día aquel que fuches correndo tras dun tipo porque non podías soportar que te abandonase- sexa en diferido -cando alguén, evidentemente eu non, conte que fuches buscar o teu home a Cuba-, vén sempre á miña cabeza a frase dun amigo meu, bastante listo por certo, que reflicte claramente o apoio incondicional que intento transmitirche nesta carta. A frase era a seguinte, toma nota: 'Prefiero lo hortera a lo cursi'. Suficientemente claro? Eu coido que si. Digamos que o charramangueiro, suscita simpatía e, ás veces, mesmo tenrura. O cursi, pola contra, chirría tanto!


Sempre fuches algo almodovariana, kitsch ao máis puro estilo Kika, e, malia que isto incomode a algunhas persoas, a min agrádame. Abofé que si! Daquela, prégocho, nada de poñerte circunspecta agora polas críticas recibidas. Non soportaría verte convertida nunha snob. Sería unha degradación absoluta. Eu véxote ben así, co teu riso excéntrico e as ganas tremendas de sobrepoñerte ao que sexa. Con vivida vivida detrás. E por iso quero darche os meus parabéns, por ousar manifestar a febleza, e, nesa mesma manifestación, virar indestrutíbel, coma o Fénix, na procura da felicidade. Supoño que Cuba deixou unha fonda pegada en ti e que, unha vez dentro, non soubeches como deixar de pensala. Talvez por iso, e, tendo conta desa paixón que te devora, imaxino que baixas do avión cantando aquilo de 'Nunca podré morir, mi corazón no lo tengo aquí. Allá me está esperando, me está aguardando que vuelva allí? Cuando salí de Cuba, dejé mi vida, dejé mi amor.' Ana, creo que non es moi consciente do valor reúnes neses cento setenta centímetros de humanidade e do que deberían aprender de ti algúns que eu me sei. Aprender, por exemplo, a ser un chisco máis xenerosos e humildes. A saber pedir perdón. A querer, en suma, coas entrañas, porque así é como se quere: coas vísceras ardendo. Querer, Ana, ti o sabes ben, non se pensa. Séntese e punto. Eis a causa do estrañamento que provoca en min esa lista de frases de ruptura, esteticamente postmodernas, mais covardes: 'non é cousa túa, son eu', 'somos incompatíbeis', 'es demasiada muller para min'?

Que opinas, Ana? Que podes dicir destes incompetentes emocionais que endexamais estiveron á altura, que sempre souberon que non ían amar como insinuaban e adoitaron seguir, ser unicamente amados, perseverando no finximento até seren descubertos, malia os atrancos da propia cegueira amorosa do amante, sempre incondicional e xeneroso? Nada. Seguramente prefires, coma min, dar media volta. Non paga a pena perder o tempo reflexionando sobre este tipo de persoas. A día de hoxe, eu prefiro pór en práctica aquilo que dicía Facundo Cabral, 'Deja la cama dónde te duermes con la multitud y sal a caminar por ti mismo. (?) Deja La parasitaria tribuna y entra a la cancha a jugar tu partido.'. Así é que eu xa deixei a miña. Decidín seguir o teu exemplo e lanceime. Volvín os ollos ao pasado para poder recibir o futuro cos brazos abertos. Collín as cousas e marchei a eses lugares da infancia coa intención de recoller o mellor de min e traelo ao presente, porque, prezada Ana, deixar atrás o pasado implica facerlle fronte, entrar nel coa mirada aberta. Desprexuízada e afouta. Daquela fun ao monte. Si si, liches ben, ao monte. Camiñei lizgaira pola beira do Xares. Metín os pés nas paraxes inigualábeis da comarca d'O Bolo. Fun e contemplei a beleza que tanto amou meu pai. E ameina por el, sen medo. Entrei polo túnel natural que nace en Barxa para chegar á aldea na que fun criada, pois unha se cría onde chega a descubrir o máis importante de si mesma.No meu caso, debo dicir que foi en San Martiño, nese lugar insólito de castiñeiros e nogais, onde comprendín quen son e porque non quero adaptarme ás cousas. Deste xeito, volver á casa familiar, na Oliveira, botar unha ollada ás fotos e pasear polas estreitas corredoiras, trouxo á miña memoria, por exemplo, as campás da igrexa , os meus paseos á Pingueíña, na procura dun xerro de auga fresca -a mellor auga do mundo, dicía meu pai-, os primeiros bicos ás escuras, as festas do verán, a miña amiga Gloria, os meus curmáns, e a familia enteira : todos os/as habitantes da aldea que, dalgunha maneira, imprimiron en min a naturalidade silvestre que me caracteriza e este afán constante por aprender. E trouxen comigo o sabor dos morodos. O balneario de Mondón. A beleza da miña irmá con aquel vestido branco tan setenteiro? Miña nai na ventá, chamando por nós para irmos comer. Meu irmán á caza dos grilos. Todo iso trouxen comigo desta viaxe fabulosa. Trouxen pois a Galicia enteira. O rumor das árbores de Pondal. A maxia atávica da selva de Esmelle de Cunqueiro, pois alí está, en Pireira, o pico máis grande do mundo. Porque o mundo, Ana, comezou alí arriba. Así é que eu debería cantar aquilo de 'Miña terra, miña terra,/ terra donde m' eu criei, hortiñas que quero tanto,/ figueiriñas que prantei?'. Coma Rosalía. Talvez por iso, renunciei a ser turista, porque non querería perder a pouca liberade que se nos permite, pois, antes de coñecer o mundo, necesito ter un propio. O meu é este: as terras d' O Bolo. O meu pai.

mercredi, août 10, 2011

POEMARIO NOVO: DESOBEDIENCIA



Imaxe da portada: Ana Cibeira
Edición: Q de Vian Cadernos
Deseño e maqueta: Nova Galicia Edicións
Execución gráfica: Obradoiro de Nova Galicia Edicións


Poema de "Desobediencia"

DECADENTE

Antoine-mírame. Faime o run run na boca grande.
Nos sucos deste pracer insomne.
Tírame do pelo e ámame coma un búfalo.

mercredi, juin 22, 2011

O CORAZÓN CROCANTE




O CORAZÓN CROCANTE

Amplo corazón que te reservas aqueles ocos destinados á rareza-que tan incólume e vasto sitio de reclamas se edifica no teu cetro-vén-dime porque te desbordas-porque esta luz sobre nuestras cabezas que tan bien nos arrastra…

Calas. Faste grande no delirio: nese abismo espectral que parece dominalo todo. Y todo-cómpre aclaralo-es esto que vemos: a actitude criminal indispensábel alimentada polos idiotas.

Espontánea e libremente-crevado corazón crocante-emites un comunicado derivado de ese estado que llamamos comúnmente tristeza- e dis-con gran pesar-que lamentas o terror de sermos tan felices. De construírmonos por imitación.

As flores de cristal viven nos invernadoiros e invocan ao seu amo-ese dios de vidrio y diamantes-de violencia de papel e carne fresca. As flores-corazón-fanse felices.

Entón-aquela víscera expansiva e muscular que desbordándose nos emocionaba-xa non quere salvarnos: caed-repite-caed y desmoronaos como piedras. E caemos-pero non importa.


(Esta es la cuestión palpitante en el corazón de los idiotas: non parecer nunca vítimas do infortunio-que tal deshonra nos los alcance.)

mardi, mai 24, 2011

POEMA DE "DESOBEDIENCIA"




OS OLLOS DA TERRA
Yeux d’ abyme: brûlants de gloire et d’angoisse
c’est bien vous qui m’aimez?.

Os ollos da terra observan todo atentamente-Antoine-con brutal e desmedido amor. Coñecen a usura: pan de papel e vellos bebés belicosos. Toman diente de león para olvidar. E calan meu ben: mon homme du bois: bûcheron radioactif que recolles mortos coma quen apaña patacas. Búfalo e resistente. Fodiendo puteos.

Mais il n’y a que de terribles morceaux d’amour et tristesse: crueis e ludre por todas partes e cavernas e porcas hienas de satin e bravos cordeiros azuzando a lumieira por detrás.

Infames podres hidras hidráulicas sobre los dioses de Pound flotan en el aire azur. Queiman todo: arrasan la tierra y sus gentes.

Pero tu teis algo para min: un cesto de amor e de xustiza.
Y no sabes cuánto te lo agradezco…

jeudi, avril 28, 2011

INFANCIA E LECER (ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN")



De volta xa destes días de repouso, comprobamos, unha vez máis, o ben que senta iso de estar ociosos/as. Nótase nos rostros relaxados e na amabilidade das persoas. A tensión previa acumulada parece absurda ao comtemplármola con certa perspectiva. Daquela, se somos listos/as, caeremos na conta das actitudes pouco, ou nada, construtivas que, nalgún momento, puidemos ter manifestado. A cousa está clara: a ociosidade non é un luxo, é unha necesidade. Un dereito. Os beneficios son obvios, pois, ao empregar esas horas libres para facer o que nos gusta, ou, simplemente non facer nada, recuperamos o sentido do humor aniquilado polo desgaste. Cómpre entón que 'santifiquemos' as festas, que nos dediquemos á súa defensa ,sen complexos nin culpas, e procuremos que os/as cativos/as tamén dispoñan e disfruten das horas de luz. Que xoguen. Moitísimo. Que desenvolvan as capacidades sociais, que aprendan a compartir, a ser xenerosos/as. Que se solten.

Ningunha escola pode aprendernos a vivir. Lamentabelmente, o de ser felices é un conto de fadas, interrompido xusto no medio? Casaron e foron felices? Por canto tempo? Que foi, por exemplo, de Brancaneves ao descubrir que o seu príncipe era un 'pimpollo' egoísta e que o seu amor cursi resultaba tedioso? Como se sentiu ao comprender que vivira unha escravitude doméstica na casa dos ananos?

Evidentemente, a Brancaneves, como a Cincenta ou Rapunzel, ninguén lle dixo que a liberdade é o máximo don. Todas viviron laboriosamente, metidas entre catro paredes, porque, alguén ten coñecemento de que xogasen ao fútbol, ao rescate ou ás canicas? Ninguén. Tampouco non existe documentación ao respecto da educación sexual recibida, así é que de comprobar, comparar e, posteriormente, decidir, nada de nada. Pola súa banda, os príncipes, rodeados de adoradores e asistentas, nunca xogaron a nada que non fose brutal e sanguiñento, mentres as súas homónimas, as princesas, vivían en estado de reclusión, metidas nun castelo que, sen o pretender os autores destas historias, rematou por converterse na mellor metáfora do exilio infantil das sociedades capitalistas. A rapazallada malvive nas cidades sen luz, correndo dunha actividade extraescolar a outra. A inocencia, o seu máximo dereito, roubámosllo nós ao condenalos á falta de aire.

samedi, mars 26, 2011

O IMPERIO DOS OBXECTOS




Hai un bo feixe de cousas neste sitio: cousas con vida propia.
Son propias-por exemplo-as palabras que estas cousas inventan para nós. Parece que nos hablan. Lo parece. ¡Oh si! E todo aquilo que ten apariencia de verdade remata por ser certo.
A continuación-falaremos do sexo: del de las cosas.
Hainas transexuadas- que-nin femeninas nin masculinas-seducen e apaixoan: c’est toute une revolution quotidienne.
Estas son as máis desexadas: valen para todo.
De todos modos-cómpre saber que a simbiose é un dos fenómenos máis interesante deste bestiario dos obxectos. La femme à la chose-par exemple- constitúe basicamente o cerne do noso estudo. Referímonos á muller apedreada polos obxectos. La créatrice du conflict dramatique-malgré l’indifference naturelle qui essaye de la soumettre
Penduradas do teito están as cousas suicidas: falsarias orgánicas de todos os tamaños posíbeis. Estaban muertas desde el principio-pero elas xamais o souberon. A muller tapiada si. Ela intuiu esta morte programada: difficile pour la chose dite inutile.
E de todas estas cousas citadas-as máis fermosas son as alleas: aquelas que non nos pertencen.
Pero todo remata por ser noso. Dunha maneira ou doutra seremos propietarios de algo. Algo con vida propia que pode permitirnos esa felicidade programada dende o trono-pensada para o silencio.

mardi, février 22, 2011

TON MONSTRE



TON MONSTRE

Así é que te desafío.Entro no teu celme-como se for area diversificada nun insólito feixe de luz. Ninguén poderá apedrearme por iso.

Lo imaginas-Antoine?. Podes -sen incomodarte- entregar a prenda prezada -ton tout petit monstre- à cet empire à moi: gazeux et colérique?

Podes -e o farás- porque amas toda esta furia atravesándonos. Sientes sobre ti el peso de mi alma. Eu sinto a túa.
E o monstro encherá de auga os canos-e faremos un fillo: unha explosión eléctrica e memorábel dos abrazos.

Pauline en éxtase: viviendo en tu boca.

(Poema de "DESOBEDIENCIA")