jeudi, janvier 03, 2008

TEMPO PARA ESTAR





Cando contemplou a inmensidade caeu na conta do absurdo de facer contas cara á adiante ou cara á atrás pois, se cadra, pensou, o aspecto da dimensión na que vivía era unicamente unha consecuencia dese tempo redondo, desa especie de cúmulo que derivou no teatro interestelar. Que é o tempo?, preguntábase. Un xeito de tasar o espacio que nos rodea? Un modo de contabilizar a existencia desta aquitectura que actúa como soporte para ser?
Brazos, mans, pernas e todo o que pon cara á consciencia depende do tempo.
Tempo-tic, tempo-tac, tic-tac, tic-tac, tic-tac...
O córporeo habitáculo celebraba a súa orixe, sita na liña cronolóxica dun ano que fai trinta e nove: un, dous, tres, catro.... vinte, trinta...
Porén non soubo contar moito máis. Ficou nese estado de éxtase voluntario e para dentro involucionou nove anos como nove puntos, como nove ansias. Quixo pensar que todas as semanas e anos teñen puntas recortabeis polos lados para suavizar o propio ámbito, un ámbito no que atoparse ben, como Orión, que debe ser quen ten máis datos sobre si mesma. Saber cousas dun mesmo é unha trampa-estéril, unha fundacióndeimperiosíntimos que nada poden dicir sobre nós, capa etérea suspendida no éter, figura con forma de botella ou de triángulo escaleno, operación matemática desgastada nun recipiente que envellece polos tabiques ata desaparecer... Eu non quero desaparecer, pensou con ansia de perturbarda... Pero Orión continuaba alí, inmóbil en apariencia, esperando a súa chegada...

mardi, décembre 18, 2007

VANSE, MARCHAN TODOS...


Virán pola noite, aproximadamente ás doce e cuarto, xusto cando todos esteamos nos postres. Levarán un traxe azul eléctrico ben axustadiño ao corpo e falarán...
Todos os que esperan son habitantes dun lugar situado moi lonxe de nós, mínimas partes dun sistema que de cando en vez lles dá esmola para vivir. Son os que sempre están esperando... Se cadra este ano, polo nadal, moitos deles desaparezan. Quizás atopen un bo punto de apoio neses seres procedentes do espacio. A esperanza ten para eles aspecto de naves esmagadas coma un chicle no chan cun decorado austero de luz poderosa. Levan anos esperando resposta as súas demandas e, por fin este ano, os que chamamos desfavorecidos, collerán o seu tique para ser feliz, farán cola e serán conducidos a través do hiperespacio ao espectacular estadio do repouso. Alí non existen prebendas, nin elexidos. Alí hai alimento para todos porque todos teñen iso que aquí chaman moitos alma. Eles chámanlle conciencia. Eu tamén querería ter un tique deses para coñecer o equilibrio interno, a bendita xustiza e, sobre todo, a honestidade.

vendredi, décembre 07, 2007

ANIMAIS E ANIMAIS...


Eu non teño ningún animal na casa, agás meu irmán pero el é un animal tranquilo e repousado. Non esixe nada que non sexa realizábel e anda ao seu, coma os gatos. Os gatos son algo precioso, con certo aire de nostalxia nos ollos, ou alomenos iso me parece a min. Non sabería explicalo ben pero é como se puidesen percibir o que para nós pasa inadvertido, se cadra é a enerxía que circula dentro das casas e ese cheiro que desprendemos os seres humáns cando nos cremos superiores a eles. Fascínanme. Ás veces creo que nos observan, que reflexionan sobre o que facemos... Temos que parecerlles idiotas, sempre correndo dun lado ao outro, intentando capturar o tempo.
Saben todo sobre nós e nos perdoan.
Eu non sei se podería.




vendredi, novembre 30, 2007

ANIVERSARIO



Un ano metida na rede... Enredada neste lío de escribir cousas e ler tantas outras que hai por aí soltas e que son tan chulas¡

Os meus animais fictícios queren dar as grazas á blogosfera por lelos, comentalos e facelos ser:


ASOR I DE ZEUQUIRNE: Dende Aretx quero dar as grazas a todos os visitantes de valdeorosa por que aí foi onde nacín, entre bloggers e teclados.

O CABALEIRO DO INFINITO: Con esta elegancia propia que me caracteriza direivos MERCI e seguirei pensando que sodes o mellor público.

GOBERTRAND: No nome do meu pobo envío un saúdo a todos os lectores da nosa historia. Estamos moi contentos.

SENNAR, O GATO ALADO: Miañando por aquí estiven o tempo que ela nos deixou e... Como me gustaba¡ Son o gato máis poético de todos¡ Son un ser completamente gato e completamente feliz¡

NABETSE: É incríbel pensar que a comedora de conchos e bullotes puidera construír un cibermundo dentro doutro¡ É estupendo saber que lle destes tanto ánimo, día a día, para que Asor tomara corpo e trascendese fóra da rede¡ Os deliberantes queremos mostrar o noso agradecemento a esta causa e felicitar aos bloggers pola súa importante presenza.
OS BLOGGOMERÓNS: Dende o noso retorcimento e estadía de verán en valdeorosa queremos felicitar aos bloggers pola súa simpatía e sentido do humor.
ROSA HENRÍQUEZ, ALIAS VALDEOROSA: O meu blog cumpre un ano na rede e debo dicir que estou ben contenta. Invítovos a este anaquiño de pastel cun riso grande GRANDE.

mardi, novembre 13, 2007

HELIÓPOCENS : OS CINCO CÍRCULOS CENTRAIS



Coa finalidade de organizar debidamente a existencia, os Seres Superiores determinaron construír unha cidade circular. Imaxinaron que así todo estaría ben, que non habería problemas de espacio pois as áreas de cada círculo quedarían fixadas pola súa potestade conque os futuros circulantes non terían ningún tipo de enfrontamento derivado das ansias de ocupación. Decidiron que cada ámbito sería un área, así que concretaron o espacio do que dispuñan en dez zonas.

Na ZONA PRIMEIRA instalaron aos circulantes de primeira orde, é dicir, aos máis destacados por algunha razón, normalmente de tipo intelectual. Vamos, que os pertencentes a esta zona da cidade eran os máis listos e como tales foron bautizados como UNOS.

Na ZONA DÚAS colocaron aos que disfrutaban dun maior atractivo físico, tendo en conta que para eles o canon estético estaba directamente relacionado coas figuras redondas ou grosas, como a eles lles gustaba chamalos. Estes recibiron o nome de BOLICÓNS e, a dicir verdade, parecían ben contentos.

Na ZONA TRES preparon todo para situar aos homes e mulleres que existían por triplicado, é dicir, que tiñan tres mans, tres pernas e tres cabezas ben redondiñas. Déronlles o sobrenome de TRINIS e a eles parecía gustarlles pois non puxeron xamais ningunha pega.

Vexamos a continuación quen vivía na ZONA QUATRO e, de seguro que nos sorprendemos, pois polo que parece alí estaban OS NINGUÉN. Estes seres carecían de rosto e unicamente contaban cunha boca que só abrían para comer ou iso era o que se dicía deles ou o que interesaba crer dende os círculos máis poderosos...

Vaia, como vedes estas cousas resultan algo estrañas para nós, ou se cadra non tanto...

Pasemos agora a zona ecuatorial, a intermedia, a ZONA ZINIKIS. Aquí os Seres Superiores decidiron ubicar aos ZINICÓNS, homes e mulleres moi noviños que cos anos ían diminuíndo de tamaño, virando cada vez máis pequenos ata desaparecer. Nese momento morrían. Isto parece moi duro pero non o é tanto se pensamos que estes individuos son os causantes de todo o malestar que se crea en Heliópocens conque o propio medio os aniquila arricándolles anacos de vida tras cada insidia que provocan.
Como vedes, nesta cidade de círculos concéntricos as miserias e as riquezas distribúense cunha orde estricta.Alomenos así é nestas cinco primeiras zonas...
Como será todo nas cinco restantes?

samedi, novembre 03, 2007

MEME DAS 8 COUSAS


Recibín un convite da arqueira para facer unha mini-lista das oito cousas que son importantes para min... Vaia, non é doado escoller entre tantas cousas que me gustan pero intentareino...
A ver, eu empezaría pola amplitude do concepto de familia. Sí, gústame pensar que existen outros referentes que incorporan á miña vida ese calor familiar aparte dos meus pais e irmáns aos que quero moito. Polo tanto aí queda unha desas cousas favoritas, a primeira.
Para continuar ... a ver, ah si, o criterio propio e libre para non convertirme xamais nunha integrista do que sexa e saber ir pola vida sen seguir a ningún líder.
Tamén me gusta aprender de todo o mundo, por exemplo, no meu traballo, aprendo moito da señora da cafetería, Mary, que é boa e xenerosa con todo o mundo e estame animando a traer un neno saharaui. Este mememmmm está sendo difícil pero parece que non vou mal. Sigo: a solidariedade. Creo que é necesaria para mellorar este mundo cheo de inxustiza social. Cando digo isto non penso exclusivamente no Terceiro Mundo, diso penso que xa partimos todos, falo da solidariedade aquí, agora, cos do lado, cos que son coma nós e cos diferentes, sen público e condescendencia.
Outra cousa que me parece moi importante para evoluír: o compromiso comigo mesma para non traizoarme e poder aportar algo aos demais sen pecar de insinceira.
Ser muller e galega, isto encántame. Síntome orgullosa de tantas mulleres como hai por aí loitando pola igualdade.
A literatura e, como non, o amor¡¡¡ Case me esquezo deste sentimento depurador, liberador e castrador a un tempo. Marabillosa viaxe de dous comendo do mesmo prato para finalmente desaparecer¡ O amor, esa composición culinaria cerebral tan prosaica, todo química e combustión, que nos fai tolear¡ Vaia isto conta como dúas cousas... mmm OITO¡¡¡
Convido a miña irmá a facer este meme: Rifo.
Penso que xa están os memes lanzados pola rede conque non daría con oito vítimas novas que non fosen xa convidadas. Un bico para A Rapaza do Arco, a dos ollos brillantes e frechas douradas¡

dimanche, octobre 28, 2007

HELIÓPOCENS : O NASCEMENTO DE GARLANA


Garlana de Moritz naceu no ano 1111 en Heliópocens, a cidade dos círculos concéntricos. O seu nascemento causou bastante espectación nos circulantes (este é o nome que reciben os que alí habitan) entre outras cousas por ser a filla do Circulante Máximo, Garzán de Moritz e da Muller Redonda, Telenar d' Amenoteps.

O esperado día, a Muller Redonda estaba máis redonda que nunca pois levaba consigo dúas vidas: a de Garlana e a súa propia. O gran momento tivo lugar no círculo central, a beira dun río que rodeaba a fortaleza. Había unha morea de persoas: médicos, enfermeiras, o colectivo de Bruxas do círculo exterior e a familia completa... Todo o mundo anhelaba ese nascemento, ata tal punto que se podería dicir que ninguén na sociedade de circulantes fora tan esperado dende a chegada de Imenotar, o menor dos Navegantes.

Ah¡ Que marabilla sentirse tan desexado¡ Pero... podería Garlana percibir esta ansia dende o interior da barraga da súa nai? Pois segundo Bruxana, a Bruxa Maior, si, mais esto é xa outro tema e non ímos entrar agora niso conque voltemos ao momento da saída e saibamos como foi. Polo que eu sei, Garlana de Moritz saltou do útero materno como unha bala. O seu pai colleuna axiña do ar, moi habilidosamente, evitando así que batera no chan. Unha vez no seu van, o bebé botou un riso e chiscou un olliño, como se comprendera todo e, se cadra comprendíao, xa que como filla do Circulante Máximo o don da intuición lle fora concedido polo Seres Superiores.

No que se refire á apariencia física direivos que a súa figura semellaba un círculo perfecto, isto dáballe un aspecto de brava saúde, é máis, resultaba graciosa aos ollos de todos pois parecía un choriciño dos máis sabrosos. Nacera co pelo apelotonado na zona da fronte como se fose un anxiño deses que enchen os templos dos Comedores de Zampallás...

Que gran día para Heliópocens¡ Todas as familias celebrábano cunha ledicia extrema pois tiñan posto nese bebé as súas esperanzas.

dimanche, octobre 21, 2007

VIRTUDES CAPITAIS: XENEROSIDADE

Cando Elianora Buster chegou a Heliópocens, a cidade dos espellos, comprendeu que todas as cousas marabillosas teñen un sentido común, universal e a un tempo propio e particular que de nada serviría fóra dun conxunto motivador e relaxante. Heliópocens era un lugar suspendido no tempo, un sitio inimaxinable, unha extensión enorme de xardíns e árbores frutais que se ofrecían aos que pasaban como un regalo, mais debía ser unicamente algo aparente sabendo todo o que Elianora sentiu e experimentou alí... Pero situémonos un pouco para comprender ben o significado verdadeiro desta historia e como Elianora Buster puido chegar ata eses círculos concéntricos e perder o seu tempo tanto como o perdeu na procura das cereixas.
O caso é que esta muller perdeuse sen bousola por un camiño e sen saber como apareceu no medio, en Heliópcens, rodeada de prantas, en aparencia vexetais. Estaba soa e sen memoria, ignoraba absolutamente todo sobre si mesma. O único realmente probable e comprobable era que agora vivía no medio dese círculo de maxia floral e alimenticia coma no medio dun fantástico labirinto. Pasados uns minutos decidiu tomar parte activa, estirou a man e prendeu con ela unha cereixa vermella e brillante. Meteuna na boca e comeuna. Gustoulle. Si, gustoulle moito porque Eleanora Buster, dos Buster de Philadelphia, era unha grande amante das cereixas e demais froitos naturais. Despois comeu outra e outra máis ata encher ben o bandullo e caer desmaiada de satisfacción. Nese momento unha voz potente e tremebunda escoitouse por todo o xardín:
"E TI QUE DÁS?"
Elianora sentiu unha suor fría por todo o corpo, era unha especie de alarma orgánica que a avisaba do perigo pero nada aconteceu durante horas conque foi recuperando a calma e esa sensación de normalidade que lle permitiu erguerse do chan e continuar comendo porque a fame comezara de novo para Elianora e parecía non ter fin: era a fame das cereixas.
Ter fame dalgo en concreto pode resultar moi cómodo se un dispón dese alimento en abundancia pero senon é así resulta tremendamente angustioso de tanto querer comer...
De todos modos, Elianora non estaba para unha metáfisica das vísceras e a súa obsesión non lle deixaba ver cantas froitas máis lucían naquel xardín...
A voz berrou de novo:
"E TI QUE DÁS?"
O corpo de Elianora Buster tremeu todo enteiro e redondo como estaba de tanto tragar e rodou polo círculo sen parar, unha e outra vez. Rodaba e rodaba, rodaba máis e máis. Parecía que non ía parar nunca pero parou.
Unha mañá levantouse coas mans abertas, os dedos despegados e un morodo ben grande ante ela. Tiña un aspecto fabuloso e as ganas de comelo eran grandes pero Elianora respirou profundamente, colleu o froito, pousouno no medio do xardín e cunha voz firme dixo"EU DOU ESTE MORODO" . Logo marchou, conseguiu saír desa esfera fantasmal rompendo todos os espellos e regresou á súa casa, a dos Buster de Philadelphia, a casa de sempre, ao xardín onde naceran os auténticos morodos, eses que saben a leña fresca e durmiu.

dimanche, octobre 14, 2007

HISTORIAS BREVES: REFEXIÓNS DUN XERANIO INDIGNADO

Dende este lado da xanela vese todo diferente. Ás cousas que preocupan aos de dentro resultan moitas veces aBsurdas cun B maiúsculo e belfudo, tanto e tan grande que ata eu caïo dentro da súa barriga duplicada como un idiota... Non sei que sucede exactamente. Debe ser que de tanto vivir entre eles fago miñas as súas teimas e o meu corpo somatiza esas descargas eléctricas e viscerais e dobro o tallo e me retorzo e sigo retorcéndome, cada día un pouco máis. Así estou chepudo coma unha cunca do revés. E, certamente, isto tenme alarmado pois non desexo ter este aspecto feo e torto. Detestaría parecer unha pranta indecorosa¡ Sobre todo porque eu non son ese que se estrangula entre as frores, son un Pelargonium dos mellores, cun verde matizado en gris como se estila nos da miña saga e luzo ao sol rodeado de pétalas un tanto rosadas que abotoan o meu traxe de verán. Si, eu son un xeranio ben parecido e pretendo seguir así. Non quero que esas dúas que me trouxeron para a súa casa por unhas moedas de prata esquezan a importancia do meu vestido como fixeron o outono pasado cando enfermei a causa das térmites. Foi terríbel¡ Estiven días espido, decolorado, únicamente tiña o meu tronco, que polo demais estaba prácticamente seco... Malditas formigas brancas¡ Non sei como puideron invadir o meu corpo, e, sobre todo ignoro como esas dúas non caeron na conta de que estaba enfermo¡ Por iso creo que dende este lado da vida vese todo distinto. Nós dependemos máis directamente da auga e do sol para sobrevivir. Se cadra por iso valoramos tanto o esplendor vexetal e somos tan respectuosos co resto dos habitantes deste mundo verde multicolor. Non me gusta xulgar a ninguén pero, se estes humanos estropean todo e funden na miseria o sitio que lles foi outorgado para vivir porque pensarán que son tan listos?


jeudi, octobre 04, 2007

HISTORIAS BREVES; RADICALIDADE

Si, vivo nun edénico paraíso vexetal rodeada de laranxas, arandos e cogomelos entre outros froitos que a natureza ten a ben proporcionarme para o meu alimento. Aquí son feliz, ben metida na terra, entre o humus do que escoito cada palabra como unha auténtica aprendiza, para non esquecer a miña PROCEDENCIA. Por iso direi de min que si, que son radical porque habito na raíz que me envolve no seu van abrazando cada parte da miña árbore caída, para que non vaia tan abaixo do fondo e me perda... E digo máis, digo que me retorzo e digo ben porque tomei a forma das polas deste mato pequeno que son, ergueito e torto a un tempo. Ouh¡ Cantas veces quixeron afastarme de ti, raíz grande e profunda¡ Tantas como días levo vividos nese sitio estraño onde o gris mediocre estala nos tabiques destripándome cada vez que caïo nese erro tan repetido de ousar meterme nas cabezas que só saben ler nas tapas dos libros¡ Mira que son analfabeta e non aprendo nunca, porque non poderei dicir que non mo avisaron veces: non vaias por corredoiras tan estreitas que non cabe a liberdade... Así que por tal motivo vivo aquí, en Terra de Ningures, onde non se oe máis murmurio co das follas precipitándose no chan, onde o límite racha cada día avergoñado, víctima da súa ignorancia.
E para que vos fagades unha idea desta fatiga que sinto ante as herbas que me afogan, direivos que son unha emigrante perpetua, unha fuxitiva, porque non gosto desa conciencia estirada como unha liña fina, como unha tea sutil e aceitosa que se pega a pel e nos mancha e nos manca e nos desborda polo tránsito abisal e descoñecido do egoísmo. Porén, estou a salvo pois achóme rodeada de margaridas e caraveis dos que cada día xorde unha enorme enerxía vital que arrastra e domina, e xa non desexo prescindir da súa voluptuosidade irredenta sobre min. Quero vivir así, exiliada, sen ese cheiro rancio asfixiándome e, certamente, non me preocupa a distancia. Non sinto nada, ningunha mágoa, nada en absoluto que non sexa o alivio de estar fóra, sempre fóra...
(RADICAL PROCEDE DE RADICEM: RAÍZ
PERTENCEN A ESTA FAMILIA LÉXICA OUTRAS COMO: arraigar, raigambre, arraigo, enraízar, radicación...)

samedi, septembre 29, 2007

HISTORIAS BREVES: SOZUMI TINAMÉ

Hai lugares onde non existe a calma. Son sitios perdidos no medio da metralla nos que xa non é posible a tristura porque o medo ocupa demasiado espacio. Suzumi Tinamé tivo a mala sorte de nacer alí pero el non o sabe. Descoñece que detrás das montañas de Zanaï os rapaces non queren comer verduras porque prefiren a pasta ou as hamburguesas. El se alimenta con pouca cousa e endexamais levou á boca un caramelo. Non espera nada pois a palabra esperanza non ten sentido para el. Hai uns días recibiu o seu primeiro agasallo: unha metralleta enorme.
Agora lévaa colgada enriba todos os días. Con este regalo Sozumi soubo que xa non era un neno. En Zanaï, a infancia ten unha duración de oito ou nove anos e ninguén protesta. É máis, coma todos os rapaces do lugar, ao abrir o paquete e ver a metralleta sorriu contento porque chegara o tempo de matar, de ir á guerra para defender ao seu pobo. Matar para el era un orgullo, alomenos así llo aprendera Nonju, o seu avó, trala morte do seu pai.
Quince días andivo Sozumi coa arma ao lombo feito un homiño, esgotado de tanto e tanto camiñar entre as montañas, agochado coma un ourizo. Pesaba tanto a metralleta¡ Porén, unha mañá escoitou un estoupido enorme, como cando todos aqueles homes brancos andaban nas covas traballando duro para coller uns cristais de cores brillantes polos que toleaban... Pouco despois sentiu unha dor intensa na perna dereita. Estaba partida e sangraba moito. Comezou a chorar pero non atopou consuelo. Buscou nervioso a metade da perna perdida pero estaba demasiado lonxe, a tres metros máis ou menos e non tiña folgos para chegar ata ela. Quería gardala con el e levala para a súa palloza. Se cadra Imaxinou que o médico aquel de pelo vermello podería pegarlla... Non puido ser así pero Sozumi Tinamé non quería crelo. El seguiu esperando moitos anos co anaco de perna perdida apodrecendo dentro da súa casa ... Ese foi o seu único soño na vida.

lundi, septembre 24, 2007

HISTORIAS BREVES: O BARCO DE CAROLA

No país de Carola Smith existía un mar inmenso, como unha gran saba trasnparente estendida baixo aquel ceo gris e metálico que cubría todo. Era o mar de Carola Smith, a súa grande casa líquida onde verquer anhelos sen medo de perderse neles, orfa e desorientada como estaba. Carola Smih tiña sete anos cando levou a cabo a súa primeira gran viaxe: unha traxectoria inaudita ao londo daquelas augas salgadas cara un universo de titáns e magnolias, algo así como un sitio no que hibernar igual que un animal pois esa era a maneira que ela tiña de espallar a consciencia e liberarse.
Para o seu periplo construiu un barquiño pequeno feito todo de papel. Despois de moito cavilar nun nome para a nau, decidiu chamarlle Memorie.
O Memorie saiu das costas daquel país estrañísimo unha noite de novembro cun só paxaxeiro, Carola Smith. Que grande viaxe fixeron e cantos paraxes descubriron... Unha rexión de peixes alongados cunha cola enorme, de tres metros aproximadamente, tigres de dúas cabezas e un exército de camelios cargados de metralla vexetal. E todo a unha velocidade extrema, exactamente de tres mil quilómetros por segundo. Parecía incrible poder visitar lugares tan remotos en tan pouco tempo pero nada era imposible para Carola e o seu barquiño de papel conque navegaron e navegaron no medio da tormenta reisitindo sempre á furia das augas salvaxes e rotundas. A xove viaxeira mailo seu barco eran como reises poderosos, triunfantes mariños, marabillosos paxaros voadores. Pode resultar raro pero así era Carola Smith e o seu mundo cimentado de posibilidades, a súa morada aberta, e, como sucede case sempre, a viaxe chegou ao seu fin, un punto definitorio e revelador que máis lle valera non ter decuberto porque tanto para Carola como para o súa barca supuso un tránsito tráxico, despiadado e cruel que os deixaría na beira dun lugar común, sen animais xigantescos nin monstros depredadores. Si, Carola Smith voltara a un mar como todos os mares, grande e azul, no que o barquiño, outrora máxico e forte, virou pequeno, practicamente minúsculo ate desparecer. Carola non quixo marchar dalí en moito tempo, tanto que non o creriades... Cecais ansiaba un renascemento ou un oasis no medio da auga, mais, endexamais sucedeu nada. Na superficie só quedaban restos dun papel mollado, derretido e triste. Realmente, con todo o que pasara, podía esperar algo aínda Carola?

samedi, septembre 15, 2007

HISTORIAS BREVES: A FELICIDADE


Nancy chegou á casa de Martina alá polos anos setenta. Levaba posta unha camiseta a raias e un pantalón azul de tergal que abría nos pés ao xeito dunha enorme campana. É o que se leva, dixo a súa tía de Barcelona, e se ela o dicía debía de ser verdade, pensou a nena , porque a tía sabía todo niso da moda. Vaia que a modernidade de Nancy era algo incuestionable. Sen dubidalo colleu satisfeita a boneca nas mans e comezou ese longo periplo interno cara ás marabillas dun mundo fantástico e irreal xerado no seu maxín como unha especie de pequeno teatro no que a felicidade tiña o papel principal. Por imaxinar, imaxinou un castelo de torres estirando a cabeza cara ao ceo, un xardín cheo de camelios cunha orquídea xigante no centro e unha muller de tres cabezas que falaban sen parar. Tanto xogou Martina á felicidade que chegou a pensar que podería acadar ese estado e mesmo mantelo como algo propio, intrínseco e secreto. Co paso dos anos, Nancy foise deteriorando: Martina cortoulle de máis o pelo, pintoulle en exceso os ollos e, claro, a pobre da boneca virou nalgo totalmente diferente. Atrás quedaron os tempos das andanzas pola casa, atrás as cancións ... Un bo día Nancy deixou de falar. Se coñece que xa non tiña moito máis que dicir ou cecais intuiu a distancia da nena, máis interesada noutros asuntos. Que máis ten? O caso é que Nancy, a boneca máis querida, ficou muda, coa mirada triste e quieta como unha santiña enriba do andel da habitación. Martina medrara, virara alta, máis por dentro que por fóra, e xa non quería xogar. A felicidade non estaba onde ela cría, naquel xardín de camelios inventados, cheos de príncipes azul turquesa. Tampouco no artificio das torres tirando ao ceo. Non, a felicidade debía estar noutro sitio. Pero onde?


lundi, septembre 10, 2007

BLOGOMERÓN: A MULLER DE NEVE

Preséntome: Son o anano Simenón das terras de Xarial, situadas nun recuncho metidiño nas montañas, á beira do río. Fun elexido Guerreiro de 1ª Orde polo maxestuoso Señor da Montaña e dende entón levo un vida axitada, sempre en movemento. Non me queixo porque era o que eu quería dende pequeno... Quero dicir dende neno xa que pequeno sereino sempre, coma todos os da miña raza. Eu debo ser dos máis altos. Mido exactamente un metro e dez centímetros, isto facilitoume a entrada no mellor corpo de guerreiros e, claro, síntome moi orgulloso. Estou casado con Nanasar, unha das ananas máis fermosas do meu pobo, Anamark. Agora mesmo ela está esperando un neno, así que nun par de meses serei pai por primeira vez. Supoño que así , polo meu nome a secas, Simenón, ninguén saberá quen son pero... Se vos digo que eu fun quen lle prestou a carreta a Lancelot, como se vos queda o corpo? Si, eu fun quen lle deixou a famosa carreta que inxustamente podería desprestixialo por ser dun anano. Sobre este asunto tería eu e todos os ananos ballesteros de Anamark moito que dicir. Porque vamos a ver, que culpa temos nós de ter cargos pouco prestixiosos, como levar nunha carreta aos condeados? Ningunha. É o que nos ofrecen pola nosa condición de pequenos e nada puidemos facer a ese respecto polo de agora debido ao medo que lle temos ao Señor da Montaña. Porén as cousas cambiaron moito nos últimos tempos dende que Sisibel acadou o posto de Anana Maior. Esta muller puxo as cousas no seu sitio, nada de superioridades ridículas derivadas da estatura e nada de traballos vexatorios como consecuencia deste aspecto que tanta hilaridade provocamos polas nosas pernas tortas. Sisibel plantoulle cara ao Señor da Montaña e dende aquela tamén podemos ser guerreiros, adicarnos ás artes e as letras ou simplemente seguir facendo o que facemos: rexentar granxas de ratos destinados ao consumo dos reises e raíñas da rexión.

No pasado mes de xaneiro tiven que realizar unha viaxe longa cara a terra das minas para investigar un asasinato moi estraño: o dunha rapaza fermosísima e branca coma a neve, que apareceu morta enriba das camas dos setes ananos cos que cohabitaba. O caso tiña pinta de crime pasional pero as cousas non sempre son o que parecen ... Ou si?

Ao chegar repasei a lista de familiares e coñecidos e todo parecía apuntar cara a madrastra...

Segundo confirmou o forense, a autopsia indicaba que a muller de neve fora envelenada cunha mazá redonda coma unha pelota mais quen lle dera tal froito á rapaza? Pensamos en tres persoas:

A madrastra, o anano machista e unha bruxa que andaba polos bosques. A seguinte pregunta que nos faciamos era porque, é dicir, desexabamos averiguar o mobil deste crime retorcido e escuro.

O máis fácil, por suposto, era pensar que foi a madrastra, unha muller envexoxa da beleza incomparable da muller de neve pero non foi así. Contóvolo rapidiño para que non vos metan máis cousas raras na cabeza ao respecto de Brancaneves. Aí vai:

Brancaneves chegou a casiña dos ananos e en cuetión dun par de semanas revolucionou a casa toda: metéuselle nas súas cousas, estrampou o ferro de pasar e colleu cartos do peto do anano máis pequeniño para mercar vestidos cos que pasear polos xardíns do castelo . Neses paseos deu con Tristadora, unha dama da corte, a quen lle confiou o desexo de entablar relacións co príncipe Carolus. Tristadora presentoullo pero ocultoulle algo moi importante: Carolus tiña apetencias íntimas diferentes ás de Brancaneves pero non confesables nesta época medieval de fervor relixioxo e predominio do concepto do pecado... Casaron mais non tiveron fillos. Imposible se non daban consumado... Logo chegou a separación e a volta á convivencia cos mineiros pequeniños. Estes comentaron que Brancaneves comportábase dun xeito raro pois sempre andaba pola casa como retorcéndose. Cando os collimos un a un foron cantando: A muller de neve era unha comeananos, matábaos, logo deitaba con eles e finalmente comíaos. Os sete entrevistados confesaron ter coñecementos destas tendencias necrófilas da morta e nos seus rostos puidemos intuír unha cólera enferma que os devoraba.

Si señor, a Brancaneves matárona os ananos. Isto enfadoume moito porque xusto cando a nosa condición de ananos comenzaba a ser repectada van eles e se cargan a Brancaneves... Vaia cos ananos. Ben pois esta é a historia desta muller branca coma neve, fermosa coma unha mazá fresca e viciosa ata o máis profundo das adentras. O consello? Si, claro:

Sempre haberá quen desfaga o camiño que nos levou tanto esforzo e tanto tempo máis quen tira seguidiño todo dereito non leva máis que sono e paz íntima ao leito.

samedi, septembre 01, 2007

BLOGOMERÓN: INTACTA

(Retrato de Aurora antes e despois do sono)
Aurora, así me puxeron cando nacín, un fermoso día de principios de outono, xusto cando as follas das árbores comezaban a caer. A caída da folla foi coma un prexaxio dunha caída persoal que unicamente ía comezar ao me poñer ese nome tan gris, cacofónico e incómodo de pronunciar, un pouco coma min, que son tamén dada ás complicacións. Pois ben, como dicía, nese día fatídico, a miña fada madriña, afeizoada á maxia, sentou no salón do palacio cos meus pais e non se lle ocorreu outra cousa que facer vaticinios e dar consellos que ninguén lle pedira. Haiche moita xente así, que gosta de opinar gratuitamente . Eu creo que este mal tan estendido debe ser causado por carencias afectivas na infancia que suscitan un desexo de facerse notar, como para sentirse presentes nos corazóns alleos. Tolerías emocionais en todo caso que dalgún modo estaban a provocar na miña fada madriña unha locuacidade compulsiva en relación co desastre. Vaia, que parecía que se propuxera aguarlle a festa a todos os presentes nun día que debería ter sido glorioso pois eu era a primeira filla dos meus pais tras uns dez anos de conatos de embarazo. No que a predicción se refire, a voz desta estúpida fada madriña que teño sonou ultraterreal( ideal para prediccións catastróficas), suliñada por unha chea de significantes que máis ou menos daban como resultado a mensaxe seguinte: A VOSA FILLA PINCHARÁSE CUN ALFINETE DOURADO E CAERÁ NUN SONO PROFUNDO QUE DURARÁ CEN ANOS. UNICAMENTE ESPERTARÁ SE UN PRÍNCIPE FERMOSÍSIMO DECIDE BICALA NOS PES.




Que che parece? Será filla de puta? Cen anos durmindo e esperando un principiño plasta e cursi cando eu o que desexaría é que viñese a fada do lago, unha tipa loira moi atractiva cuns beizos vermellos marabillosos... E para rematar de fastidiar a cousa o alambicado prícipiño tería que bicarme nos pes que os teño cheos de xoanetes... Levábaa clara. A min nos pes non che me bicou endexamais ninguén nin creo que o fagan nunca. Ao ir medrando, a ameaza do sono pesaba sobre min como unha espada de Damocles así que, para evitar caer rendida no leito como unha parva, decidín tomar precoaucións: en primeiro lugar fíxenme cunhas herbas que estaban nos aposentos da miña nai e grazas a elas mantiven o estado de alerta día e noite, para non pincharme e gañar tempo porque iso de durmir cen anos calquera o resiste pois o máis probable é que morrera sen enterarme de nada. Un par de semanas despois de tomar as herbas famosas decidín porme en contacto coa FADAQUENDEXAMAISREMATA , unha experta no contorno facial, estiramentos da pel e masaxes corporais. Tiña que estar lista para o peor, o sedentarismo provocaríame esa pel de laranxa horrible que ten Brancaneves por estar como morta sen moverse ata que chegou o príncipe... Non ,non non. Eu debía evitar todo iso. Son coñecida como a Bela Durminte¡ Como ía estar fea? Sen pensalo nin un minuto puxen en marcha todo un sistema de ventas por catálogo con pergamiños do mellorciño mailos debuxos dun xoglar que temos na corte, Edelmiro Leviatán. Ao cabo dunhas semanas recibín ás agochadas dos chambeláns unha ducia de compradores que viñan todos vestidos de sacerdotes. Eu dicía que buscaba un confesor ideal que me dera repouso e paz espiritual para os meus cen anos durmindo. Colou sen problema e puiden vendelo todo: as mazairas do meu avó, o xardín das marabillas e o val enteiro, con veciños e todo. Que contenta estaba¡ Contratei un servizo de perruquería, tres masaxistas(dous deles aínda non naceran), catro paquetes de ungüentos para a celulite, algas ao por maior e eu que sei... todas esas cousas que unha sabe que precisa para estar ben. Nada máis. Polo que respecta a absurda da miña fada madriña envieille uns tipos que lle roubaron a variña máxica e xa non pode adiviñar absolutamente nada. Hai xente que é mellor que estea caladiña. Cando chegou o día do pinchazo, a FADAQUENDEXAMAISREMATA díxome: Non esteas preocupada, nestes cen anos terás os sonos felices que contrataches, e todo o frío polar que mercaches encherá o teu aposento. Permanecerás intacta Aurora e non te arrepintas de nada porque ti o mereces ¡ Para iso o paguei lista, pensei eu, e creo que este foi un dos meus últimos pensamentos claros porque ao pouco tempo debínme pinchar co devandito alfinete dourado e adeus consciencia consciente... Todo o tempo que pasei durmida é para min coma unha longa paréntese da que non teño a percepción temporal xusta. Quero dicir que eu sentín, ao espertar, que durmira só unha noite pero xa pasaran ben os cen anos. Fun correndo ao espello e alí estaba, fermosa como unha flor, chea de vitalidade e enerxía. Non envellecera nada¡ Iso si, o príncipe que me bicou nos pes era feísimo, a fada do lago xa non vivía no val e os meus pais e a miña familia desapareceran da face da terra. Porén, aínda quedaba alguén, a miña fada madriña, máis vella que unha uva pasa, fea e torpe, como xa non tiña a variña máxica.... Eu estou soa, sen amigos, nin familia, nin casa... Pero sigo sendo fermosa, radiante coma unha avelaíña. Iso é o que importa.


(A fada madriña cen anos despois na casa da familia coa que vive)



Velaiquí tedes aos seus amigos


Durmir cen anos e facerse vello sucede todo a un tempo, por iso, se vedes un froito fermoso, non o pensedes, collédeo; pero, elexide ben. Non é sempre máis fermoso o que mellor aspecto ten...

samedi, août 04, 2007

ATA LOGO

VOU DESCANSAR UNS DÍAS. VOLVO AXIÑA. UN BICO A TODOS E MOITAS GRAZAS POLAS VOSAS VISITAS.

samedi, juillet 28, 2007

BLOGOMERÓN: PATA FEA

Aquí estou. Enriba da artesa. Pero quen é esa pailaroca que mira seguido. Meu deus¡ Non podo seguir aquí dentro. Vou estoupar¡ Ouh, que fai ? É parva? Se move todo¡ Que mareo. Que vomito. Heille meter o peteiro nas meixelas. Para xa¡ Cuidaaaadooo¡¡¡ Son un ovo¡ Flipante. Pensa que son ... Incríbel, véxoo todo a través deste cárcere. Non respiro. Vou afogar... quen son todos estes? Estou rodando¡ Sinto que vou escaAAAAACCHHHAAAAAAAAAAAAAAAAAARRRRRRRRRRRRRRR¡¡¡
CHASCARRASCHÁS.

Palmira naceu no mes do noso Señor, a carón dunha fonte pequena situada á beira do camiño por onde André paseaba as vacas. Pertencía a unha saga de ánades transhumantes que traballaban nun circo como malabaristas pero ela non sabía nada diso. Palmira era claramente un bebé abandoado. Non atopaba familiares coñecidos por ningures...
Ao cabo duns días chegaron ao Val di Orras un grupo de patos amarelos ben bonitiños, co peteiro limpo e as plumas batendo no ar. Celebraban unha festa.
Jeremy, o máis grande de todos, achegouse a ela e preguntoulle:
-E ti, de quen ves sendo?
Non houbo resposta. Palmira non sabía quen eran os seus pais. Jeremy observouna atentamente con aire de suficiencia e engadiu: - Es ben fea¡ Como te chamas?
-Palmira, dixo algo tímida, podo ir con vós?
Jeremy dixo que sí e levouna cos seus irmáns. Estes nin lle miraron á cara. Cando lles falaba non lle contestaban, como se non falase niguén. Comprendeu entón que non a querían no seu clan. Sería porque era fea? Sería porque non a coñecían? Sería porque eran tontiños de todo? Como non entendía nada e non estaba a gusto, colleu o bolsiño de Zara Animal e marchou para a cidade. Pensou en operarse, reducirse o peteiro ou tinxir a plumaxe. Non o fixo. Vós pensaredes que esta pata se transformará nun cisne fermoso pero estades nun erro. Palmira era unha pata dos pes á cabeza. Así que non cabe esperar un regreso toda chula, rodeada de cisnes¡
Que fixo entón? Meteuse a cantante nun pub do barrio chinés. Alí coñeceu a un can moi simpático que fixo dela toda unha intérprete do Bel Cuácntico. Actuaba todas as noites. O seu espéctaculo acadou moita sona entre os noctámbulos. Pouco a pouco o seu aspecto foi cambiando e convertiuse na pata máis sexi do local polo que era moi demandada como compaña de cans, patos, lobos e demais animais.
Un bo día Jeremy chegou ao bar e tralo espéctaculo quixo deitar con Palmira. Parecíalle tan glamurosa...
Palmira díxolle que esperara un chisco, que tiña que cambiar a plumaxe toda e meteuno coas ocas, un grupo radical feminista de ánades. Elas quitáronlle as plumas e organizaron un festival orxiástico. El berraba coma un tolo pero xa era tarde, as ocas estaban enriba del e metíanlle o peteiro por todas partes. Logo deixárono só, no medio do recinto. Estaba feito polvo. Mallaran nel coma tolas. Palmira compadeceuse e levouno con ela. Cuidouno e deulle de comer. El preguntábase seguido porque lle fixeran iso, porque o trataran tan mal. Sería porque era de fóra? Sería porque non era un ganso? Sería porque eran tontas?

A soberbia, como o desprezo, é un conto xa moi vello. Estade atentos e dádelle sempre ao corazón o mellor alimento.

samedi, juillet 21, 2007

BLOGOMERÓN: OS TRES PORQUIÑOS

(Lucho, Xoán e Troulón, fotografía tomada nos anos sesenta no festival infantil de fin de curso:Porcallada )

Alá polos anos setenta a familia Boullona vivía nunha casa de pedra no medio do monte, a poucos quilómetros de Pireira, unha cidade enorme. Nela vivían papá Boullón, mamá Boullona e os tres pequenos Boullóns: Lucho, Xoán e Troulón.

Eran felices xuntos, garantízovolo. O problema comezou cando Lucho, o máis astuto, tomou a decisión de independizarse. Pretendía mercar un apartamento de solteiro no que levar á porquiña Trini, a súa moza.Mamá Boullona e papá Boullón levaron un bo disgusto pero o drama da separación familiar só acababa de comezar porque os outros dous irmáns, Xoán e Troulón, tamén decidiron marchar. Querían ser libres, non dar explicacións a ninguén e facer da súa vida o que lles petase. Tras varias semanas de busca impenitente partiron un sábado pola mañá.

Lucho atopou un piso céntrico de cor vermella moi chuliño e Xoán e Troulón mercaron un a medias na Rúa dos Porcos, a carón da igrexa. Todo transcurriu con normalidade durante as catro primeiras semanas pois sentíanse moi satisfeitos da súa adquisición. O problema comezou coa festa de inauguración que Lucho e maila súa moza deron no seu piso. Invitaron a moita xente e entre os invitados coouse Xenxo, un lobo macarra de todo. No medio da festa o tal Xenxo colleu á Trini e levouna ao baño, para meterse unhas raias, dixo. Trini era unha porca con moito vicio e ao lobo non lle costou moito convencela. Xa no interior foille ao morro con todo descaro e meteulle a lingua ata o fondo da gorxa. A Trini bruaba como unha tola, ben contentiña pero, cando xa estaba a piques de acadar o éxtase... Bum, zampouna. Só quedaron os restos do vestido rachado e as unllas dos pes. Cando Lucho caiu na conta de que Trini estaba desaparecida buscouna por toda a casa ata que chegou ao baño e comprendeu todo. Inmediatamente pensou en avisar aos seus irmáns pero estes xa estaban no balcón probando as pirulas que lles ofrecía Xenxo e, antes de que puidese evitalo, Luchiño viu como o Lobo e Caperuchiña arratraban os cadáveres polo corredor. O noso porquiño berraba deseperado cunha dor afiada no peito que o asfixiaba. Despois ficou en silencio, espantado. Ninguén facía nada, todos os invitados rían indiferentes.
Entón Lucho lembrou aquel western que tanto lle gustara, " Inferno de covardes", e como Clint Eastwood, agarrou o látego que Trini gardaba no armario da habitación e bateu no lobo cunha forza inusitada. "Sofre mamón, devólveme a miña moza¡" O resto dos invitados cantaron con el "ou te revolverás entre o pó dun pica-pica". Xenxo non parecía resistirse, é máis, gustáballe. Sobre todo se Caperuchiña vermella estaba diante, como así era. Imaxinade a escena: Lucho desfeito, Trini no bandullo, Caperuchiña drogada perdida e os convidados facendo o coro... Unha situación do máis absurdo, como vedes. O noso amiguiño choraba coma un tolo e, cando xa daba todo por perdido, o sanguinario e masoquista a un tempo vomitou botando á Trini fóra da boca. Si señor este conto ten final feliz... ou non. Non sei, non estou moi segura de se o consideraredes así xa que Trini marchou correndo da casa con Caperuchiña Vermella e abandoou ao pobre do Lucho. O porqué?... Imaxinádelo vós.

Velaiquí outra historia dos tres porquiños, contádea polos camiños

vendredi, juillet 13, 2007

BLOGOMERÓN: TACIÑA DE PRATA

Aquí tedes a entrada á vivenda de Taciña de Prata. Está situada nas Montañas de Vermellona, ao sur do Gran Río Eliofermes. Pertence á familia das Prata, toda unha saga de limpadoras instalada nesta especie de recuncho natural destinado ao naturismo. Na actualidade é un museo no que figuran expostos os distintos productos de limpeza empregados ao longo da historia. Pero coñezámos mellor a historia desta cova e da súa última habitante .




Veredes, nos tempos do Gran Asedio, as lindísimas damas da corte Do Rei Elionardo fuxiron cara ao monte para protexer a súa integridade física, xa me entendedes. Non é o caso dicilo todo aquí. Ben, pois entre todas estas nobles había unha especialmente fermosa: Giovannellla, con tres eles. Si si con tres eles. Supoño que lle puxeron así porque nacera con tres pernas. Eu que sei, o caso é que esta rapaza instalouse nesta cova da montaña para ocultarse e sobrevivir. Os Guerreiros do Asedio foron marchando pouco a pouco pero durante todo o tempo que permaneceron no castelo do soberano Elionardo, Giovannellla con tres eles viviu como unha anacoreta, soa, triste. Naquel espacio reducido estaba todo suxo así que a moza comezou a limpar. Fregaba día e noite como unha posesa, era como se unha especie de Xenio do Mistol Verde se lle aparecera en soños e lle atribuíra o don do esplendor doméstico Foron anos moi duros. Especialmente porque ninguén a axudaba. Moitas veces asomaba o corpo fóra e falaba coas árbores e os paxaros establecendo con eles unha epecie de simbiose íntima e secreta pero nada conseguía calmar esa dor. Detestaba esa vida tediosa e repetitiva. Sempre o mesmo. Igual todos os días: varrer, fregar, sacudir o pó... E aínda por riba tiña tres vagalumes psicóticos cantándolle aquelo de " Así limpaba así así, así limpaba así así. Así limpaba que eu a vin". Nese estado de cousas Givannellla con tres eles xa perdera toda esperanza ata que unha noite pareceu o Xenio da cova. Si, neste conto o Xenio non chega nunha lámpara nin nada diso. Aparece porque si, porque lle peta, no medio do pó. Era o Xenio das limpadoras, o curmán de Mistol.



O diálogo foi directo e diáfano: Precisas de axuda e eu vouche conceder tres desexos pero será un por semana.



Giovannellla con tres eles dixo " Unha lavadora"

"Sexa" respostou o xenio verdecente e un obxecto enorme e rectangular apareceu no medio da cova con deterxente e todo( non ímos dar o nome da marca, comprendédeo)

Ao cabo dunha semana O Xenio convocou á moza outra vez para que fixese outra petición.

Esta vez Giovannellla con tres eles pediu un home. Entón este ser poderoso proporcionoulle un ben fermoso, parecido ao das galletas de chocolate.
Con este tipo a rapaciña compredeu a importancia da retagarda e virou forte como un león. Entendeu o motivo da existencia desta perna de máis e botou un berro de ledicia sodomizante ao penetrar naquela cova escura que este príncipe de melenas lle amosaba, leal e humilde, como ofrecéndose ao xeito dun regalo.
Pasou a semana nese festival de zumes íntimos e nin se enterou. Os bos momentos fan que o tempo transcurra case a velocidade da luz¡
Chegado o día o gran Xenio escuro e verdecente apareceu formulando a consabida pregunta:"Que desexas muller?"
Giovannellla "con tres eles" contestou rexia "A TI"
Inmediatamente o Xenio pasou a formar parte do séquito sexual desta muller-emperador e xa non se aburriu mais. Eles limpaban para ela e a satisfacían plenamente. Por iso a súa vivenda pasou a chamarse TACIÑA DE PRATA.
Está ben que coñezades de todos os contos a verdade

mardi, juillet 10, 2007

BLOGOMERÓN: O PRÍNCIPE QUE ERA UNHA RA

Os días transcorrían naquel lugar afastado da corte do rei Rabadilla cunha placidez inusitada pois nos tempos deste monarca o normal eran as guerras con estraños e as loitas intestinas na busca do poder. Nese estado de cousas Eliodora decidiu dar unha volta polos arredores por ver se acontecía algunha cousa. Os seres humáns somos todos así, sempre andamos á procura doutras experiencias que nos liberen da alienación á que estamos sometidos por decisión propia, por abulia e falta de carácter. Pois ben, como vos estaba a contar, a fermosa Eliodora saíu do seu cárcere interior e entregou o corpo ás montañas e camiñou cara ao nordés. No seu paseo deu cunha lagoa marabillosa chea de frores flotando nela coma os ovos fritos no plato e ao achegarse para cheiralas ouviu un ruído raro, como de follas abanexadas polo vento. Ergueuse e mirou cara aos lados pero non viu nada. Ao cabo duns minutos unha voz grave e profunda estendeuse por toda a lagoa: "Eu son aquel co que soñas na nudez do teu leito. Eu son quen rastrexará no teu corpo horizontes de grandeza"
Que febril incomodo medrou no ventre das baleas que vivían dentro dela, que encantamento marabilloso, que loita de alfinetes batendo nas paredes íntimas... Sen máis dilación, Eliodora Rabadilla, a das carnes apretadas e cabelos contra o vento, mirou cara ás árbores que tiña detrás e puido ver ao gran Príncipe da Lagoa, un mozo duns vintetantos anos, gallardo mancebo con ollos verdecentes e longas pernas. Metéronse un dentro da outra alí mesmo, enriba da herba, sofocados pola temperatura dos corpos enfrontados e construíron unha soa e única fortaleza por medio da máis feble das promesas, a do amor. Xurar amor cando o que temos é unha calor inaudita asolagando todos os tabiques é a máis hipócrita das actitudes humanas, un exercicio amatorio pueril e pouco serio. Porén eles non o sabían. Non eran conscientes da diferencia e xogaban a amarse entre beixos latexando linguas axitadas, fuxidías, buscando o pracer máximo, o Grial místico da consciencia agochado nas profundidades...
Ao cabo dun par de días os amantes entregaron as promesas de amor diante de todos os habitantes da corte. O rei Rabadilla deu a súa aprobación e os esponsais remataron nunha festa dionisíaca de sexo e comida ata fartar.
As primieras semanas todo parecía normal pero ao chegar ao mes Eliodora empezou a estar cansa do príncipe. Algo incríbel estaba a suceder: o mozo sufría unha estraña metamorfose, estaba a transformarse nun animal viscoso, verde e noxento, algo parecido a unha ra xigantesca¡¡ Eliodora berraba:"Porque, porque ?" Unha voz lle respostou" POR NON MIRAR BEN, POR NON ESTAR ATENTA"
O príncipe Rabadilla non sabía facer nada: nin fregar, nin planchar, nin dar conversación... Para que, diredes vós, non é un príncipe e ela unha princesa? Pois para todo porque na corte do rei Rabadilla para amar ben hai que fundirse por completo e demostrar as capacidades domésticas e de salón cada día xa que o pobo estaba a piques de derrubar o castelo e instaurar unha República.Conviña prepararse...
Velaiquí tedes o conto do príncipe máis torpe que se puido atopar nunha corte e eu volo conto como o sinto, presentándovos a unha especie de inútil, e non minto.