mardi, janvier 27, 2009

AMOR, ODIO, MALICIA…

Malicia, intención solapada, normalmente maligna ou picante, con que se di e se fai algo, ou tamén, interpretación sinistra e maliciosa, propensión a pensar mal. Estas son dúas das principais acepcións desta palabra que, intuitivamente, identificamos co veleno e talvez, porque non, coa envexa. Até aquí parece claro, mais, o asunto é soportala, tela preto e non ceder, non deixarse caer polos rueiros tortos e picudos da carraxe e impotencia que sentimos. Na poesía, a carraxe ten o aspecto da lixivia, entra nas adentras e queima todo, asolaga o corazón tanto e tan profundamente que axiña envolve os versos nun poema iracundo, de linguaxe abrupta e incómoda. Daquela, porque non falar do amor, do aroma e do sabor docísimo das caricias? Estaría ben como terapia, manter unha actitude de evasión, construír pontes sobre todo o que é podre e feo e camiñar sobrevoando as lousas dos tellados como se o que sucede ao noso redor non nos importase, coma se non fose con nós. O caso é que o amor, ese sentimento que engaiola a alma de dentro, a verdadeira, limita coa xenreira polos lados. É indiscutíbel. Dicía un amigo meu, e canta razón levaba, que dous que comen da mesma culler poden perfectamente rematar un bo día distanciados. Entón, porque existe, ás veces, ese prexuízo rancio de considerar que falar de amor é máis acaído para a poesía que retratar unha dor colectiva e denunciala se, ao fin e ao cabo, todo está intimamente realacionado? Porque ser enfant ou femme terrible pode levar a algúns asociar isto coa infelicidade do creador/a en cuestión? Acaso na defensa das ideas non existe un inmenso amor acochado, latexando mecánicamente? Eu creo que si. Porén, o mundo dos prexuízos é sempre un lugar absurdo favorecido pola ignorancia e a frustración sentida ante a propia incapacidade de gustar ou convencer. Por todo isto, penso que a malicia agroma nos espíritos inseguros, os que non teñen confianza en si mesmos e, no canto de aprender dos que si a teñen ou que polo menos iso intentan, transforman a seguridade persoal do que está en fronte nunha suposta conciencia de superioridade moral ou intelectual que unicamente existe na súa imaxinación e, a imaxinación, xa saben, ten efectos máxicos que mal empregados poden ser devastadores. Pensen en Otelo, tan feliz el até que o alférez Yago, tremendamente insidioso e envexoso, mételle na cabeza que Desdémona lle puña os cornos con Cassio. Nese intre, a flor da malicia comeza a tecer o seu pano na mente do esposo até que ese amor sinceiro deriva nun odio intenso cun desenlace fatal. De desenlaces fatais e de rupturas saben moito os que algún día amaron e, seguramente, estarán de acordo comigo en que a malicia e a inseguridade, nunha alta porcentaxe dos casos, tivo moito que ver con ese triste final. Para eles, recupero o consello de Ovidio, distánciense vostedes, collan perspectiva. A perspectiva devolve o sentido común e, se cadra, con moita, moitísima sorte, ese obxecto de amor esquecido, agora borrado pola carraxe, a lixivia e tantos outros elementos malignos porque odio e amor están cosidos co mesmo fío. Polo tanto, tendo en conta isto, creo que podo dicir que cando un ou unha poeta deixan entrever unha voz furibunda, non cabe dúbida, dalgún xeito están a falar de amor.




VELAIQUÍ AS IMAXES DO AMOR:
















dimanche, janvier 25, 2009

TERRÍBEL

Palestina xaneiro do 2009

Todo o medo do mundo
cabe nun saco de patacas.

Eu gardei nun deses pequenos
o son terríbel das balas
os nenos mortos
e aquela boneca grande
esfuracada polo centro
coma min.

E se soubeses como doe!
Como é que un fica xordo!
Pero ti non sabes
non podes imaxinalo sequera...


As nubes o betume
mesmo aquel cepillo do pelo
convertido en esporas.

Nada é comparábel a tanta carne podre.

mardi, janvier 13, 2009

MANIFESTAÇOM EM COMPOSTELA O DOMINGO 18 DE JANEIRO ÁS 12:OO

Quérovos contar aquí o que aconteceu estes días no meu lugar de traballo:

A semana pasada recibín unha lista de produtos para facer o boicote ao Estado de Israel polo masacre que están a levar a cabo na franxa de Gaza. Enviouma amabelmente Ângelo Meirao polo Facebook. A devandita lista estaba escrita en galego reintegrado e, como podedes imaxinar, considerei que era perfectamente entendíbel para calquera, for galegofalante ou non.
Como a situación é a todas luces gravísima, decidín facer cen copias e distribuílas entre o profesorado e o alumnado.
Cos compañeiros non houbo ningún problema e se o houbo eu non me enterei. Quero dicir que cada un fixo o que lle petou coa información entregada, dependendo do seu criterio e da súa sensibilidade porque, xa sabedes, na Galiza hai de todo, como na botica.
Non sucedeu o mesmo co alumnado que, nunha porcentaxe mínima(todo hai que dicilo),fíxome saber que consideraba que eu os incitara a facer o boicote e que iso estaba "mal". Criticaron tamén que lles entregase o texto "nunha cousa que non se entendía nin se sabía o que era"

Queridos bloggers, a luita é bem difícil e o desconhecemento é tam grande que uma pessoa pode perder as ganas de fazer o que seja com gente assim. Mais a luita ha seguir ADIANTE tanto en prol da lingua coma da paz fronte ao abuso de poder colonialista.

Digo isto porque apoio toda manifestación e boicote contra o Estado sionista de Israel aínda que debemos ter cuidado e non caer no populismo antibelicista, quero dicir que hai outras guerras no mundo moi graves. Lembrade o afán colonial de China co pobo tibetano que, mesmo que estea vivindo nunha ditadura, ten dereito a autorecuperación sen ningunha intervención allea. Sexamos claros, o paternalismo chinés resulta pouco creíbel e, sobre todo indignante pois, coma o Estado de Israel, ten claramente un desexo de ocupación territorial e poder. Amais os métodos empregados(queima de textos relixiosos, ataques contra os monasterios e esterilización de mulleres)distan moito da simple preocupación pola liberación do pobo tibetano que, por outra parte non pediu ser liberado...

Outra guerra terríbel é a que ten lugar na República Democrática do Congo entre tutsis e hutus, iso sen contar a explotación dos xacementos de ouro, petróleo, diamantes e coltán por parte de distintas multinacionais occidentais de EEUU, Bélxica e Inglaterra entre outros. Iso si, este abuso como non leva tanques nin bombas senón que se fai por medio de empresas e obreiros pois... Parece que non é tal abuso.

Así son as cousas pero como esta información non é a que escoitamos cada día nas distintas televisiósn ao servizo do Estado Español, todos os que teñen interiorizado o discurso españolista que, sexamos sinceiros, molesta menos, séntense ofendidos por unha simple lista ou unha lingua que non estudan na escola...
Molestos ou cómplices?


Eis máis fotos do masacre:







INTERESANTE: ESCOITEN

mardi, janvier 06, 2009

O ATAQUE DE ISRAEL CONTRA O POBO PALESTINO

Porque non se entende nin hai explicación posíbel ante un ataque contra inocentes, porque o inmobilismo é unha derrota anunciada, porque non podemos ser cómplices.Por iso toda ferramenta empregada para combatir o abuso será útil e positiva.O boicot aos produtos de Israel, por exemplo, é unha proposta. A lista é grande, a saber:

x. Cosméticos REVLON Mui importante, o director, Ronald Perelman, é um conhecido activista pró-sionista.

x. Imaginarium Vende brinquedos fabricados em Israel.

x. Frutas Carmel (comercializa MERCABARCELONA)

x. TECNOTRON (cabines de foto, carros musicais para crianças, na rua, nas estaçons... 100% do capital é israelita)

x. Nanas (marca de esfregons)

x. Patacas de consumo (variedade MONDIAL, com código de barras 8 423632 102300)

x. Vinho Carmel Mizrachi Wines

x. Abacate "ecológico" (Ecofresh-Carmel)

x. Datis ("Carmel" e "Jordan Plains", vendidos no Corte Inglés)

x. Abacates, os vendidos em El Corte Inglés

x. Água mineral EDEN

x. EL CORTE INGLÉS: Cosméticos, brinquedos, objectos de decoraçom e jóias, fatos de banho, roupa infantil e produtos têxteis para o lar. Em El Corte Inglés vendem produtos de Israel desde 1979.

x. AHAVA. Cremes, sais e loçons que se vendem em El Corte Inglés.

x. Fatos de banho Gideon Oberson e GOTTEX (vendem-se em El Corte Inglés)

x. ROUPA INTERIOR DAS MARCAS: [b] VICTORIA SECRET, WARNACO, GAP, NIKE

x. [b]ROUPA DAS MARCAS: Marks&Spencer, Gap, Kmart, C&A, Nike, Hugo Boss, Polo Ralph Lauren, Sara Lee

x. Epilady (máquinas de depilaçom e massagem)

x. Aparelhos de ar acondicionado JOHNSON, WHITE WESTINGHOUSE, AIRWELL e ELECTRA

x. Livros de texto em inglês para E.S.O e Primária ( Burlington Books)

x. Carros SEAT Grupo Volkswagen (é o principal exportador de carros a Israel)

x. Terra (associada a Babylon, tradutor de internet)



"Neste momento da historia cómpre aceptar que o Estado de Israel nunca tivo intención ningunha de permitir a existencia dun estado palestino a carón das súas fronteiras"(Ver artigo de Alfredo Iglesias Diéguez no Galicia Hoxe)





Estes son os restos, as consecuencias do masacre, a espeluznante visión do abuso

mercredi, décembre 17, 2008

CUARTO MUNDO

tirados no chan
ausentes
déixanse ir
e nada importa
sóperdersenunboteenorme
sempre perderse
ensarillarse contra si
introducirse
coma os edificios no inmenso mar veludo
e tan aborrecido
subterráneos
que non han regresar nunca...








samedi, novembre 29, 2008

A VERDADEIRA CRISE

A vida neste planeta ten dúas caras: a que se ve e a que está acochada para que pensemos nela o xusto, unicamente nese intre no que aparece un anuncio no televisor solicitando axuda.
Daquela, se entramos no outro lado do espello, veremos un mundo en decadencia, unha realidade fea e escura, chea de miseria. Mentres, aquí fálase de crise, de tecnoloxía punta, de nadal...
Será que o Fondo Monetario Internacional ignora todo isto?
É este o mundo do progreso? Será certo iso que din os titáns da economía de que o comunismo é o reparto da pobreza? Ou será que somos igual que os voitres e nos alimentamos grazas á morte duns pobres infelices? O conto vén de vello, sempre houbo ricos e pobres. Por iso, á sociedade piramidal, neoliberal e abafante, interésalle a postura inmobilista conservadora que intenta facermos crer que somos incapaces de vencer o abuso. Dicir que a igualdade social é unha utopía constitúe a falacia máis grande xamais contada.
Se houbese un xuízo, como o final que anuncia a Igrexa, gustaríame ver a cara de todos os poderosos ao escoitar na boca do gran ente divino:
Agora ti vivirás na máis absoluta pobreza o resto da eternidade.




dimanche, novembre 09, 2008

O AUTÉNTICO LOBO FEROZ



Este é o que vemos, o que matamos con saña por consideralo maligno e perigoso para o gando. Matámolo tanto que podería extinguirse. Iso non debería acontecer nunca na Galiza xa que forma parte da nosa cultura e das nosas tradicións. Adega ofrece unha exposición sobre o tema con vocación itinerante que vén de inaugurarse no Ceida, en Oleiros.

Aquí abaixo deixo un vídeo do auténtico lobo feroz que nos domina e devora.








NOTA IMPORTANTE: Un saúdo para Alén dende Valdeorosa, con moito caríño. Alédome de terte visto.

dimanche, octobre 26, 2008

A SILANDEIRA



a silandeira

...e non di nada,
desaparece no límite das palabras.

Para coller o seu pulso de imán,
para capturalo,
é necesario non volver atrás,
esquecer a textura da memoria.
(Os que calan
pintan o silenzo cos dedos,
xogan co impacto que se produce na cabeza
xusto cando todo se revolve nas entrañas)
E cala,
nada di porque nada sabe.
Só escoita,
mira,
pasa as mans
polos bordes da ausenza.
E vaise,
desaparece detrás da brétema,
silandeira.

mercredi, octobre 08, 2008

MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES



Os próximos 18 e 19 de outubro mulleres de máis de 150 países, procedentes dos cinco continentes, reuniranse en Vigo para celebrar o VII Encontro Mundial.Trataranse temas que preocupan e afectan a todas as mulleres coma a violencia e a pobreza. Amais haberá tamén un foro e unha Feira de Soberanía Alimentaria con debates, exposicións, mostra de produtos, obradoiros e música.
Nesta feira denunciaráse a utilización de monocultivos intensivos, os agrotóxicos, a especulación coa produción, transporte e venda de alimentos.
Porque este foro? Porque as mulleres son maioría na elaboración e produción de alimentos mesmo que unicamente posúan un 1% da propiedade da terra.
O domingo 19 realizarase a construción dun milladoiro coas pedras que as distintas delegadas traerán dos seus países. Simbolizarase así a unidade das mulleres e dos camiños na loita contra a violencia e a pobreza.
A manifestación será o domingo 19, polas rúas de Vigo.O lema este:"CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES PARA CAMBIAR O MUNDO, CAMBIAR O MUNDO PARA CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES".

mercredi, septembre 17, 2008

ESA HUMILDADE...

Eu non tiña nin idea disto e, mira ti, o que fun atopar cando andaba na procura doutra cousa. Víctor Manuel cantándolle a Franco! Despois de visualizar o vídeo pensei que era unha vergoña que podería ser moi ilustrativa para todos. Quero dicir que pode servirnos como lección de humildade e prudencia pois moitas veces podemos facer ou dicir cousas, froito da inexperiencia e o descoñecemento, das que talvez máis tarde non arrepintamos. Cantas veces esquecemos as propias limitacións e xulgamos sen base, baseándonos unicamente en impresións, partindo dunha mal asumida intelixencia que supoñemos nos garante un cristal privilexiado que concede a fortuna do acerto constante? Algunha vez, de certo, se miramos ben dentro de nós e somos francos, fariamos iso, actuar dun xeito prepotente e prexuicioso. Algunha vez. Xa que logo, porque non pensar na posibilidade de meter a pata? Un non ten sempre a verdade absoluta sobre nada e a soberbia é mala compañeira.
Seguro que Víctor Manuel decidiu perdoarse e ben está que o faga porque iso significa un recoñecemento da idiocia palpitante que sempre pode habitar dentro de nós se non actuamos con humildade. Meter a gamba, por listos que creamos ser, non é exclusivo dos que non teñen iso que consideramos "unha ampla formación". E senón, pensade en Steiner e nas súas absurdas decaracións sobre a literatura e a lingua galegas...

lundi, août 18, 2008

COLISIONADOR DE HADRONES


Déixovos aquí un vídeo sobre o famoso e polémico acelerador de partículas que van pór en marcha no vindeiro mes de setembro, en CERN, preto de en Xenebra.
Máis de 2.000 físicos de 34 países e centos de universidades e laboratorios colaboraron na súa construcción. Buscan a "partícula de deus" o denominado bosón de Higgs. Amais deste bosón, o LHC podería explicar por qué a gravidade é tan débil comparada coas otras tres forzas. Tamén poderían producirse outras novas partículas para as que se planificou a busca, como os stranxelets, os micro buratos negros, o monopolo magnético ou as partículas supersimétricas.

O novo acelerador usa o túnel de 27 km de circunferencia creado para o Gran Colisionador de Electróns y Positróns.
Observemos o máxico aparello...


YouTube - Acelerador de Particulas - (LHC): "01:25 From: efe
Views: 17,010"

vendredi, août 01, 2008

A MEMORIA DAS ALDEAS

Permitínme pegar nesta páxina esta noticia referente á presentación do libro Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, na Feira do Libro da Coruña, ás sete da tarde.
Non coñezo o autor pero paréceme moi interesante o que fai. É de Ponferrada, unha vila próxima a Valdeorras, a miña terra, que como xa sabedes está algo aillada do resto de Galiza.
Por outra banda, valoro moito que,na triste e absurda época de manifestos pola defensa dun castelán "perxudicado polo galego" (atención a TELE 5, CANLE QUE APOIA ESTE RIDÍCULO MANIFESTO, SUSTENTADO NUNHA FALACIA)alguén nado fóra do país colabore na dignificación da lingua.


A memoria das aldeas
Fernando Cabeza recupera e explica a etimoloxía de máis de 5.000 nomes de lugar galegos para "revalorizar o propio"
V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Cabeza Quiles ten publicados outros dous libros sobre toponimia dende o ano 1992

"Hai que revalorizar o propio, poñer de moda que os galegos amen Galicia, facer que se coñeza porque o que non se coñece non se pode valorar". Así explica o profesor e escritor Fernando Cabeza Quiles o celme do seu novo libro, logo de máis dunha década investigando a toponimia galega. Consciente de que o despoboamento xa borrou do mapa moitos nomes de lugares, este ponferradino que vive en Carballo, recupera a memoria que gardan máis de 5.000 vilas e aldeas no ambicioso volume Toponimia de Galicia, que hoxe presenta ás sete da tarde na Feira do Libro da Coruña, xunto ó director editorial de Galaxia, Carlos Lema, e o escritor Xesús Fraga.

Logo de editar Os nomes do lugar en 1992 e Os nomes da terra no 2000, este terceiro libro achega novos nomes de lugares e profunda na súa etimoloxía buscando, sobre todo, "a claridade".

O escritor constatou que "hai máis topónimos en Galicia que en toda a España húmida do norte, porque os antigos facían a casa onde atopaban auga, algo que en Castela non se podía facer."

Cabeza Quiles deixa claro que se trata dun libro de divulgación no que busca claridade. "En determinados ambientes pseudovangardistas, se es moi claro din que es un tipo simple. Pero este libro é moi claro e ten topónimos novos que non os vin noutras obras como Couso, que significa "caixa", en referencia á forma da terra onde está".

E iso que todo empezou como un hobby durante o servizo militar. "A mili sentoume moi mal e empecei a ler sobre toponimia como unha vía de escape, para abstraerme do ambiente militar", afirma. Un estudo que lle esixiu longas viaxes por Galicia. "Unha das miñas teimas era o traballo de campo: gústame andar dun lado para outro. Outros libros son demasiado teóricos, pero eu ía aos lugares para ver a súa orixe: onde había unha depresión no terreo chamábanlle Couso, pero noutros casos hai excepcións." "Rescatei moitos microtopónimos: sempre lle dou importancia ao descoñecido, case ao "vello", o que se esquece.

Tamén traballou con libros antigos atopados en mosteiros onde aparecen moitos nomes. "Por exemplo, Triacastela vén de Tria-Castella que xa estaba así a principio do século vinte", apunta. Os nomes dos lugares teñen diferentes orixes. Hainos que teñen "relación cos propietarios da terra". Na Idade Media, os grandes terratenentes poñíanlle a unha granxa o nome: moitos son suevos ou galaico-romanos tardíos que lle poñían o nome suevo para darlle máis prestixio, como os que acaban en -iz como Guitiriz".



Nomes que fan referencia ás plantas, á fauna e á relixión

Tamén hai topónimos "nativos como Chorente, Vivente, antigos posuidores da terra como Verín que daquela era unha granxa". Outros topónimos fan referencia a plantas como Carballedo, á fauna salvaxe como Vitureira, lugar onde había voitres, ou Lobeira, á relixión como Santiago. Outros son anecdóticos como Balcón de Pilatos con sitios que teñen "moi boas vistas".

Por outra banda, non constatou demasiadas diferenzas entre os nomes de zonas da costa ou do interior, salvo variedades dialectais, nin tampouco topónimos castelanizados. "Así como a lingua está bastante castelanizada no vocabulario, a toponimia está máis respectada porque nos concellos se ten máis coidado", apunta. O volume inclúe ao longo das súas 700 páxinas, fotos de Tono Arias, Paco Vilar e do propio Cabeza Quiles que se achega ao detalle natural como chairas e vales.



NOS CONCELLOS "A sinalización segue sen ser boa"

A perda da toponimia é outra das preocupacións que guiou o traballo de Cabeza Quiles. "Hai moitas aldeas arruinadas", asegura, "ves zonas baleiras totalmente, sobre todo, no interior, e a sinalización non é moi boa nos concellos".

Para buscar os lugares, tivo que enfrontarse ademais á desconfianza dos veciños: "Hai anos pensaban que era da concentración parcelaria, pero agora preguntan se son de Facenda", chancea o escritor. Ademais, valora positivamente o Proxecto Toponimia de Galicia que está a levar adiante a Xunta. "É algo ben feito porque rescata a microtoponimia, que son os nomes de leiras ou muíños, é só unha recolleita de nomes, que se rescata da memoria dos vellos".

Pero tamén hai topónimos de creación relativamente recente como os asociados ao nome de barcos como "Baixos do Casón" ou "Baixos do Serpent" así como os relativos a barrios "conflitivos" como "Corea".

jeudi, juin 19, 2008

GALEANO: ESPELLOS, UNHA HISTORIA CASE UNIVERSAL



Creo que estou a vivir unha fase galeánica ben intensa. Gústame Galeano: o que di, como o di... Pero, por riba de todo, eu diría que me fascina a razón pola que abre as palabras, para sacarlles de dentro todo o ar e pousalas no papel, nidiamente. Así, nos seus textos, as putas son putas e os negros, negros. Parece que eses espellos retorcen as mentiras tanto, que, finalmente, nos devolven a verdade neles acochada. Ata tal punto importa o asunto do espello que, calquera pode caer na conta de que, de seguir así, por este camiño de baldas amarelas, rematará representando o papel previsto. Si, así é, pois, no cumio desta trufa occidental na que vivimos, están ELES, os desinformantes e manipuladores, os políticos, cun imperio que, segundo eles, "protexe" o planeta. Mais o planeta do que falan é deforme e, amais, non existe, por irreal e incompleto. Na casa planetaria que nos venden faltan todos os que non contan, os que non queremos ver, eses que nos devolven unha imaxe nova de nós mesmos e xa para sempre somos incapaces de autocontemplarnos de tan feos como estamos.
Ás veces, facerse o tont@ moito tempo fai de nós auténticos idiotas egoístas, porque todos os idiotas son egoístas e todos os egoístas idiotas, ou case todos...

" A guerra de Irak naceu da necesidade de correxir o erro que a Xeografía cometeu cando colocou o petróleo de Occidente, baixo a area de Oriente, pero ningunha guerra ten a honestidade de confesar:
-Eu mato para roubar" (fragmento de "Espellos, unha historia case universal" ed. Siglo XXI)

dimanche, mai 25, 2008

SOÑAR SOÑEMOS

Amigos bloggers, podemos soñar, soñemos. Imaxinemos un país galego poboado de mulleres galegas, de homes galegos, de nenas e nenos galegos, de música galega, de poesía, teatro e narrativa galegas, de tendas de obxectos galegos, de papagaios galegos que falen galego... Pensemos con memoria, para ter unha paisaxe lingüística PROPIA, pasemos de vintecinco mil a un millón. Non cedamos ante a presión, non creamos que nada hai que facer.
Saiamos deste espazo estreito, deste país de ananos.
"(...)
Son rebelde,
danme noxo os homes mansos,
os pequenos tendeiros do tedio,
os que viven coma sapos.
Durmo sobre un xergón de neve,
i estou descalzo.
Sofrín a lei do embudo
e son moi mal pensado.
Creo nos homes puros
que non son educados
que non teñen modales esquisitos
nin saben comportarse coma fámulos...

Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro

jeudi, mai 01, 2008

HUIS CLOS



Un lugar estraño, unha escaleira estreita e a identidade fragmentada. Así viviu Elisabeth Fritzl durante 24 longos anos, metida entre catro paredes, co útero resentido polo abuso dun pai que todos tildan agora de psicópata... Eu creo que non padece enfermidade algunha, simplemente é malo, perverso, desviado.
O noso cerebro é unha totalidade que contén no seu interior áreas escuras, zonas azuis metalizadas, grises intencións potenciais que se retorcen ata saír fóra en forma de violencia psicolóxica e física. Terríbel. Cando penso nesta muller envellecida pola desidia e o abandono, pois ten con corenta e dous anos o aspecto dunha muller de sesenta, sinto unha furia potente, algo que desanoa as cordas íntimas e distorsiona o entendemento porque, sinceramente, non entendo nada.Imaxino que Elisabeth esqueceu nese zulo cal era a súa identidade, cal a súa casa e cales as lembranzas.Estaba dentro dun inferno imperioso e denso,como o de Sartre en Huis clos (Portas fechadas)e, coma no mellor dos thrillers, descobreu que l'enfer c'est les autres.
Preguntábame o outro día unha amiga como pensaba eu que puido permanecer esta muller cautiva coa mente sá e non tolear alí dentro. Eu fiquei en silencio uns minutos, tentando dar coa resposta.Difícil.
Finalmente e tras darlle voltas ocorréuseme que, talvez, alterou a propia realidade para acomodala ás súas necesidades de continuar viva. Creo que, se cadra, rematou aceptando a situación, entregándose, deixando as armas na mesa. Atreveríame case a afirmar que Elisabeth Fritzl morreu hai vinte e catro anos, agora só quedan restos, ruinas. Meteuse no fondo dos soños e alí permaneceu acochada todo o tempo. Non sei se será posíbel rescatala de si mesma.

vendredi, avril 11, 2008

mercredi, avril 02, 2008

O ESTRANXEIRO EN TERRA PROPIA

AUTOXENREIRA

Collo o dicionario e busco xenreira, así, sen composición de ningún tipo. Xa no interior, dou coa páxina exacta onde figuran distintos sinónimos como animadversión, antipatía, aversión, fobia, manía, odio… Entón comprendo que isto da xenreira ten matices escuros, coma lamazais podres, que manchan e mancan ós corazóns de quen a padece porque, ser odiado ou rexeitado resulta duro e obriga a unha loita intestina por non prestar atención a eses tigres feroces e doentes que nos cravan as unllas por diante, ou por detrás. O caso é que para odiar con xeito, hai que ter vocación de permanencia, insistir nese duro asunto e non deixar o corpo baleiro, estendido nun campo de millo ao arbitrio de algo tan sinxelo coma o ar fresco e rotundo, que move e remove nas vísceras infectadas por tal veleno incuestionábel. Neste punto, creo que podo afirmar que odiar é un hábito insá que desvirtúa a realidade e a deforma, coma unha goma elástica, e moitos dos que lean isto estarán de acordo comigo. Porén, imos avanzar e darlle forma a este sustantivo, imos engadir auto, que significa un mesmo, e vexamos o cambio semántico que sofre este vocablo. Agora a fobia e a animadversión recae sobre a propia fonte da enfermidade, enredadada nel coma unha cobra deseperada e triste. Como pode un odiarse a si mesmo? Pois aínda que pareza mentira hai moitos que o fan por carecer de autoestima e non saber valorar a propia persoa. Así destrúen e devastan a autarquía emocional ficando sen recursos, pobremente aillados pois non poñen en valor nada de seu e, pola conta, sobrevaloran o que lles resulta alleo. Un exemplo claro disto é o mal endémico de avergoñarse do galego e non defendelo con feitos, escritos ou orais, como sexa. Alegando universalismo, estas víboras lingüísticas chegan a afirmar que non teñen porque escoitar estupideces, que eles son cidadáns do mundo… Inaudito. Como pode un afirmar que é cidadán do mundo se a súa procedencia é tan difusa que, por dicilo dalgún modo, xa case nin existe? Quen pode fiarse dunha persoa insegura e lábil, que rexeita a propia cultura, renegando da lingua e da tradición? Como saudar a alguén que di que empregou o Estatuto da Galeguidade para limparse no retrete? Evidentemente facendo uso da xenerosidade galega, herdada, no meu caso, das terras do Bolo, onde aprendín que debemos axudar os que non teñen. E, verdadeiramente, estes españolistas que dan tanto noxo, son unicamente pobres, pero de espírito. Convén darlles algo diso.

ROSA ENRÍQUEZ

INFORME A TODOS OS BLOGGERS:
Fotocopiei o Estatuto da Galeguidade de Elos e paseillo a algúns compañeiros. Un deles dixo que o utilizara para limparse o cu no baño. Quedei alucinada ante o profundo desprezo polo país e mala educación. Normalmente teño escoitado topicazos coma o de que os nacionalistas somos uns radicais ou mesmo paletos intolerantes, e xa paso pero isto... Isto foi demasiado para min. Se eu fose de Sevilla, Teruel, Murcia, Castilla la Mancha, Burgos( patria do Cid, icona do universo castelán) non me fiaría deste tipo de xente. Como fíarse de quen non confía nin valora e para nada defende o propio?
Rosa-Valedeorosa, nacionalista, independentista e radical, a moita honra dixit felice porque está ben contenta de ser muller e galega.
Un bico a todos.

lundi, mars 24, 2008

CE-DARIO


Controvertido Coma un O aberto polo Centro.
parezo un riso pero realmente son toda unha gargallada.
existen milleiros de razóns para abrir as portas,
outras tantas para telas feChadas.
eu son deses que non poñen reparos,
gosto do ar que entra pola miña boCa aberta
para enCher de osíxeno Cada parte do meu oCo.
Constituída así por deCreto, vou detrás do A e do B
pero teño personalidade dabondo
tanta Como para iniCiar unha palabra,
mesmo un sms.
Convido a todos a un repouso Certo.

samedi, mars 15, 2008

BECEDARIO


BE, ese é o seu nome.
De aspecto gozoso
engolada e gloBular
Bífida con amBas Bocas pechadas.
Segunda na lista
número 2ous,
Bipolar e Branda,
tacto de escuma
máis ou menos poderosa, dependendo.
Maiúscula duplicada
ou única na forma mínima,
acochando unha das Barrigas
na pluma que non a retrata.
(Gústame o BE
cando inicia palaBras tal e como é, quero dicir cando non se perde o seu nome atrapado nunha sílaBa.
Así prefiro BEleza, BEtadine, BEtanzos, BEtica, BEnévola, BEnelux
a
Belxica, Berta, Bendición, Benvida, Berska.)