samedi, septembre 25, 2010

UN CONTO DE FRÍO E NEVE






-Temos algún compromiso con Fanny?. -Preguntou o home algo axitado.
-Non. Nigún.- respondeu ela -podes tirar padiante. -



E tiraron. Moito. Foron dar nun recuncho deses que semellan perfectos: un souto dourado e, ao cruzaren, amareleceron coma flores: margaridas eléctricas-dispendio e salmodia para principiantes. Sen demasiada luz. Estrañamente apacíbeis e cun fondo de tristura en gris e azul.

Mentres, Fanny pensou moito niso do compromiso e tremelou: vibrante polo espasmo que tan mala sombra lle provocara...
Vivir-dixo ante o espello- até o final. A pesar da angustia.


Hay un estraño olor a podrido aquí, entre los dos, Harry. Si querida, pero no te afectes, no te afectes tanto. Al fin y al cabo, debería importarnos el daño que pudiéramos causar?. Quand il faut y aller, faut y aller, ma bîche...

Harry e a súa esposa, colleron os brazos de Fanny e botáronos pola ventá. Así é que non loitou. Caeu derramada no chan. Logo pensaron que, talvez, estaría mellor cun ollo só, e quitáronllo tamén. Xa sen brazos nin ollo, Fanny parecía aínda máis fermosa. Era como se houber un aroma agorgullado entre os osos e a pel aterecendo con tal forza que, de non sair, formaría un vulto inmenso e esmagaría absolutamente todo. A vós tamén,Harry, quixen dicir, mais como sabedes, Harry nunca escoitaba nada de xente descoñecida. Gostaba das cousas tal e como estaban:fixas.

No entanto, Fanny movíase,e, sorprendentemente, botouse a voar. Estendeu dúas enormes membranas brancas e coouse polo medio do monte, feita un fiuncho.

E as prantas preguntáronlle á terra se tiñan algún compromiso con Fanny.
E a terra respondeu que si.
Foi entón cando entendemos o cheiro a menta dos seus ollos. E a xabre e mimosas.
O das membranas comprendímolo máis tarde.

Porén, Harry e a súa esposa non o entenderon nunca. Só amaban o que tiñan diante. Aquilo que lles aprenderan a aprezaren de cativos.
Mais, foi aos poucos que as cousas medraron na casa de Harry e aumentaron tanto de tamaño que os deixaron -a el e mais a súa esposa- moi moi pequeniños.
E desapareceron...
Agora son só puntos de insistencia:fríos cantos de pedra-neve: bastión de quentes baleiros quentes-aires afervoados e tristes. Nin cos incendios poderán arder-tampouco amainar a tesitura que soergue dos fietos...

samedi, septembre 04, 2010

DESOBEDIENCIA (poemas publicados na Revistas das Letras, Galicia Hoxe)



Desobediencia é un conxunto de poemas para desartellar mecánicas viciadas.Rexeita a impostura. Por iso o de volvermos ao bravún orixinal e inscribírmonos fóra da podremia. Lonxe dos cántaros baleiros ecoando á luz do día... Foron escritos neste verán do 2010 para o Galicia Hoxe. Aquí quedan para vós. Grazas




DESOBEDIENCIA


“Convidei un home a cear.
Non quixo mirarme os ollos.
Comeu en paz.”

A enerxía dos escravos, Leonard Cohen.


POEMAS QUE NON DIN NADA ( Parte I)


ALGO PARA COMENZAR:

A vibración dos obxectos: pausa sutil e imprevisíbel: violencia sagrada.
Saca o noso motor da boca-pode inquietar…

Logo correr-desfacéndose en migallas-deixándose ir.
Run run-proclamamos-run run
E amamos. Somos pobres.

Preciosas voces da herba é que nos chaman: leiróns en silencio demoledor que se perden
de tanto devecermos boca e peixe polo oco aberto da terra.
E ningunha sabemos onde vai dar…

ALGO QUE TEMER:

As hienas: morte e pan seco: luminarias psicotrópicas transparentes: feitas á medida.
Tamén negror e friaxe.
Atrápannos.
Pero ti cólleme polas maos. Non deixes que me leven fóra de aquí.

E responde-amor-a esta cuestión que tan gustosamente vos sobrepasa:
E pra sacarmos a morte da barriga-pra liberármonos da angustia?
Polo embigo-cherie. Tout à fait droit. Tiras e xa está.
Se tes ocasión-non deixes de facelo.

Pero as hienas seguen aí-na estepa-vibran coma búfalos.

ALGO QUE SEXA PÚBLICO

E chegados a este punto de vibración-mon cher Antoine-debo falarche de min-do meu destino-da perda constante de soños-da morea de rostros indefinidos. Das hienas. Da decadencia. Dos búfalos.

Pero non quero contarche algo tan público. Prefiro a deshonra íntima.

Falemos entón de mortes e mentiras que sorprenderán.
Digamos-por exemplo-que teño matado homes-que lles quitei a vida polo embigo
/que os metín no conxelador.
Que soño con tigres. Con cafeteiras e mimosas. Que me desprendo.


ALGO OBSCENO

Ao principio esmagáronme o corpo. Pauline espapallada.
E todo foron lóstregos e cinsa. Ninguén falou por min.

Foi cando os incendios. Despois da deflagración e da intemperie.
Metéronme nunha caixa. Coma os homes que mato.
Dentro é que escribín este libro. Feito de sombras.

Pero antes das palabras e do incendio¬-antes das sombras-cheguei onda vós-nun cabalo a vapor.
Pauline à la plage: desobediente Antígona nemorosa-a piques de evaporarse…
É como non quixen-deixáronme.
É como non puiden-non o evitei: pinchei os dedos no aramio e un líquido brutal saiu de min: fun fonte.
Pauline ensanguentada: rodeada de insectos.

E souben entón que había unha hemorraxia interna: tumulto e tigres.

E PREVISÍBEL

Daquela fun monstra preciosa.Vítima cavernaria baixo o run run das mimosas: a animalia besta e parda: carne de mi carne: vasto imperio-filial e ruinoso-la fille d’un hérisson.

E sempre o ceo protector: Pauline-el cielo te cubrirá…

Pero ti rompíchesme o libro e agora sangro polos poemas.

El cielo no pudo protegerme de eso.

OU MEMORÁBEL

Así é como envolvo a lembranza da apoplexía. Con plumas e sangue.

Pero tu-que vais saber tu-que fais a guerra coas prantas e tragas a substancia dos obxectos igual que tragas a sopa?

Nada. Tu ne sais rien. T’es devenu tigre. Por iso nunca che pedirei amor.
Sobre todo no lo pediré.




ALGO QUE NOS REPRESENTE

Pauline nos fondais dun texto-atrapada nun mundo que desaparece.
Que se nos vai. Tu que veis co teu pelo-colmada de tanto amor. Deiforme.
Única no teu xénero. Ama a terra. Detente.

Recoñece que teis unha multitude ansiosa na barriga e repite: Ámame-amor-quéresme?
E terás da túa parte ese misterio absurdo: que escribir segue sendo unha devoción insá: unha absoluta tristeza: abismos.

ALGO PRIMAVERAL

Mírame-Antoine-escoita: vivo atravesada de instinto. De run run e mimosas.
Pauline à la campagne: sen vida no nariz-metida nesa primavera que é un lugar estraño onde os burócratas morren de amor.

ALGO SEXI

A desobediencia: esa ingrata emoción nas sombras.
Antoine-sabes que tan gran desexo suscita certa hostilidade?
Alors-cherie-tu me détestes?.
Si.

TAMÉN VIOLENTO

O lobo é can de monte.

Pero ti soñabas con tigres.
E _tras dunha lenta agonía_ fixémonos indixentes.
E eu afoguei no cazo da sopa.
Logo lanzácheste por min: viñeches nun barco de papel.
Pauline no océano-entre fideos e sal: colgada dunha culler.
E seguimos sendo listos.
Sobrevivimos.
O día exacto. La hora perfecta. C’est ça.

E o can era o noso lobo da casa.


ALGO QUE CONSUMIR

Unha ducia de ovos-pan leite e ingratitude. Fundamentalmente iso: desagradecemento.
A xente cómese nas prazas públicas: teñen fame-Pauline. Non podemos ignorar iso.







ALGO PROPORCIONADO E TRISTE

Tristes son todos os que levan paraugas e descoñecen o instinto.
Os que obedecen.

Pero tu faime algo sucio: algo que nos avergoñe.
Dime-por exemplo-que somos pobres
e saquemos a alma aos tigres
descorticémolos.
Vivamos unha vida estraña
e que nos detesten tamén por iso.
Deixemos que nos colguen.

Sexamos feos.
Edifiquemos un templo propio.

Pauline à la plage ou à la montagne-bestial e intensa
(demasiado para ser triste)

Vén-Pauline-volve dicir obscenidades
Algo que sexa verdade e que moleste.

E Pauline fai o amor en público: denuncia a miseria.

Tristes son todas as que levan paraugas e ignoran o instinto.
As que obedecen.

DECADENTE

Antoine-mírame. Faime o run run na boca grande.
Nos sucos deste pracer insomne.
Tírame do pelo e ámame coma un búfalo.


ALGO QUE SEXA SOBRE TODO MENTIRA

Un molde que non desborde-a pesar de todo-Antoine:
do renxer dos corpos atrapados
do estupor e da clausura.
Ritmo e run run-malia a enfermidade:
cette haine infinie ce mépris insupportable…

Pauline vous regarde à l’écran: dans un pénible état de sagesse
pornográfica obscenidade manifesta
deformidade nas frases ben adubiadas
co esplendente rubor-sempre brillante en vós.
Indiferentes á podremia: egoístas.


POEMAS QUE DIN TODO ( Parte II)

NADA PARA COMENZAR

Só ruído. Palabras feitas de metal-vibrantes e imprevisíbeis.
E nós aí-debruzadas na sombra.
Sagradas e violentas. Co run run dos tigres na cabeza.
Fillas do tumulto é que nos proclaman. E berramos.

NADA QUE TEMER

Ocultación. Blancor na grisalla.
Pero aínda podemos tremelar coma búfalos: ser metálicas: matar.
E farémolo: poremos en marcha unha tenra vinganza: abriremos o círculo.

NADA PÚBLICO

Antoine-todas as televisións viven enfrontadas co silencio.
Son públicas-prívannos da conciencia.
Pero nós temos aínda da nosa parte un segredo:
nada que ninguén queira saber nunca: somos ourizos.


NADA OBSCENO

A humanidade sae de dentro da barriga: esa é a orixe:
a carne o Verbo
Porque en el principio era el Verbo
y el Verbo estaba junto a Dios
y Dios era mentira: non foi quen de amarnos a todos…

Desconectouse ( principalmente porque le abruma nuestra pobreza)
Vive tranquilo en augas tranquilas:
do silencio á mansedume
da mansedume á obediencia
da obediencia ao abuso
do abuso ao medo
do medo á morte
da morte à Dieu
de Dios a la mentira
de la mentira al Verbo
do Verbo ao Principio
do Principio à l’ombre
Despois matar.
Pauline face à vous-à votre théâtre vertical-tout à fait gros et resplendissant.
Inquieta polo descubrimento: que quedarse quieta é obedecer: permettre le silence.
Pauline! Faite tigre entre tigres! Entra no tumulto!
Pero Pauline non ten tribo: naceu nunha cuncha y dios no la reconoce.

Agora fará o amor en público: rachará a espiral de silencio.
E IMPREVISÍBEL

As feridas flúen de alma en alma até dar coas poutas dun ourizo-le hérisson: notre petit et courageux soldat.
Comme tous les autres: con botas e viseira: le hérisson botté: listo para pincharse os dedos.
A súa ferida rebenta: se ofrece al dios del fracaso.
Afouta e firme-con claros signos de repetición. Instálase nos pueblos.
Se veis onda min-trae contigo ese virus que quero estar enferma.
É esta a urxencia: comprender que levamos con nós o tacto da usura. Que nalgún momento-en determinadas condicións atmosféricas-somos monstruos vestidos de madreperlas. El cielo no podrá evitarnos esa vegüenza.


OU ESQUECÍBEL…

Pauline sexi-a pesar das plumas e do sangue.
Ás veces vulgar. Tampouco distante.
Pero é que ela non é de aquí: non precisa de perspectiva.
Non nos pertence.
Está feita de vacas suizas de negror doce sofisticado.
Ignora que as leiras son potencias políticas seculares-que saben a viño
e castañas.
É certo-Antoine: Pauline non está enferma. No te pedirá amor.
Sobre todo no lo pedirá.

NADA QUE NOS REPRESENTE

Mírame-amor: sácame das tripas deste texto e do seu fondo azul.
Fagamos algo sucio: nin glorioso nin brillante.
Que sexa público: de todos. Comportémonos coma bestas.
Podes facer iso por min: inscribirme fóra da podremia e amarme
até a deshonra?

Se podes-se o fas-non esquezas que Pauline nos mira. Sempre está mirando.
Tamén a vós-a miña multitude ansiosa.

Sodes conscientes diso?

E-SOBRE TODO- NADA DE PRIMAVERAS

Non soporto ese arrecendo a almiscre no medio da brisa: con el vuelo aleve del abanico y la risa de Eulalia atormentándonos.
Quero amor de verdade: atroz e instintivo-envolto de run run e mimosas.
Con tacto de estrugas. Que queime.

Pauline sur terre: longue et precieuse: femme bottée: desenfundando as armas: todo tipo de espinas-desas que mancan por dentro-Antoine. Xa sabes do que che falo.
E que o instinto nos salve da gloria ás dúas.
A min-que son de aquí e estou enfema.
A ela-que non precisa de perspectivas nin curación.
E moi importante-Antoine: que os burócratas nunca morran de amor.

NIN DE SEXO

Unicamente pornografía e desobediencia. Que tanta submisión remate por acabarse: que finalice: que se extinga coma os animais que cazamos.

Actualmente se conocen aproximadamente 11.167 especies en peligro de extinción, de las cuales 124 están englobadas en las categorías de “estado crítico”…

Que tanta dominación nos sobrepasa e necesitamos dos ourizos: que salten-que nos pinchen os dedos-que fagan sangue…

Que o coito sexa un acto público.

Antoine-seremos capaces? Poderemos desentrañar esta rede de redes?

… Pauline nos mira-segue mirando: a vós tamén. Sabe que estamos emporcados de gloria.

Nos detesta. Lo sabéis?

Sodes conscientes diso?

NIN MOITO MENOS VIOLENTO

Invirtamos os termos: modifiquemos a nosa casa: que os tigres sexan cans de monte: os cans paxaros: os paxaros nós. E voar-altísimo-cos ollos cheos de aire-Antoine.
Que as puntas dos edificios dean a volta e nos amemos.

Mais a realidade é que estes cambios suceden só no texto: por medio de audaces exercicios ximnásticos para non apodrecer…

É precisamente esta audacia a que nos arrastra: somos vítimas da exhibición: somos mentira: pasamos a vida comendo xente.

Deviene en lo que soy y respetaré tu diferencia…
Soy listo soy hombre
soy blanco y poderoso
tengo armas y leo novelas de amor.

Voilà ton destin: faire comme moi: devenir tigre: manger les autres: gagner tout le temps. VAINCRE.

E Pauline saltou do cazo da sopa infinitamente triste.
Pasou o día a comer pan. Iso é violencia.



NADA QUE NON POIDAMOS PAGAR

Metín a alma no conxelador. Tamén os cadavres dos homes mortos: xente violenta que mato para definirme no medio do xeo.
Fágoo porque sei que a identidade exposta nas vitrinas sempre foi unha cuestión supérflua-esencialmente improdutiva. Dixéronmo as hienas e os búfalos co seu desprezo.
Antoine-meu amado Antoine!- si hubiese aprendido a comer lentejas no tendría que adular al rey-verdad?
Pero Antoine non responde: quixera vivir despreocupado. En augas tranquilas.

NADA PROPORCIONADO NIN TRISTE

Pauline sous la pluie.
Sabe que foder en público é un acto abominábel pero desobedece.

TAMPOUCO DECADENTE

Mon cher Antoine: deixemos os voitres que se extravíen.
E como tu teis moita responsabilidade nisto
(neste drama interior da conciencia)
deixa que deixemos os fiaños
que nos prendan
e sorprendan
abramos o artefacto: a sonora vivencia
da decadencia…
Logo tu faime iso que sabes
na chaira
contra as petunias
enchoupadas de orballo
e rincha comigo
fumega
engurúñate aquí-cabo dos meus brazos
esbolazado completamente
que si que o fagas
veña Antoine
afaite ás formas sinuosas
arredor do embigo
e tira de aí
onde os pensamentos torcen
y se comprimen
fanse pequenos
de petits morceaux les nuits d’ivresse
pero ti morde todo
absolutamente cheri
(sen tregua)
pra sermos libres
mentres saímos do diagrama social
tan triste tan apacíbelmente violento
metidosxanopiagosecretoquetantonosdesfavorece
porque que nos gusta-claro
porque queremos
cierto es
pero-sobre todo-
(e malia o noso gusto pola enfermidade-Antoine)
que nos envolva a inocencia
conservemos iso polo menos
o noso bravún orixinal:
sangue plumas vento chuvia
e desastre
tamén instinto
un pouco de augardente e o run run inesquecíbel
pois pra nós
ten que seguir sendo útil soñar
a pesar da poeira e do ciscallo
daquelas cousas tan brillantísimas.

Deixemos os voitres co seu ruído: abandonemos o tumulto. As hienas.
Os tigres.

Practiquemos sexo en público e que nos detesten.

NADA CERTO

Pauline vous regarde à l’écran: dans un pénible état de sagesse
pornográfica obscenidade manifesta
deformidade nas frases ben adubiadas
co esplendente rubor-sempre brillante en vós.
Indiferentes á podremia: egoístas cómplices.


ROSA ENRÍQUEZ

samedi, août 28, 2010

ESTÉTICA DO CINISMO: A VIOLENCIA ESTRUTURAL

ARTIGO PUBLICADO EN TERRA E TEMPO







ARTIGO PUBLICADO EN TERRA E TEMPO

ESTÉTICA DO CINISMO: A VIOLENCIA ESTRUTURAL

Vivimos no mundo da imaxe, da virtualidade, do hedonismo. Porén, a nosa inquietude é ben antiga, ser felices. Lóxico. A "ética da felicidade" foi estudada por moitos pensadores dende hai séculos. Os eudemonistas, por exemplo, considerárona o ben supremo acadado por medio da virtude. Os estoicos entendérona coma unha consecuencia desta última e, Kant, pola súa banda, afirmou que, felicidade e virtude eran elementos distintos, así que unha muller ou un home "virtuosas/os" poderían perfectamente non ser felices por moi merecentes que fosen dese ben precioso.

Daquela, é evidente que andamos atrás da felicidade dende que temos memoria. É unha pretensión humana natural. Quen non quere estar a gusto, sentirse pleno/a? O problema xorde coa deriva semántica do termo "felicidade" que, nas sociedades de consumo como a nosa, nada ten que ver co inxenuo "Beatus ille" de Horacio (65 ac- 8 ac) no que se louvaba a vida no campo, asociando pois felicidade á tranquilidade e repouso. Tampouco non co recoñecemento público da "virtude" ou "beleza", pois, a día de hoxe, estes conceptos adquiren maior densidade e son bastante ambiguos.

Ser fermoso/a non depende unicamente dun "suposto" atractivo físico, mais doutros factores adxacentes que, malia que nos doa, condicionan a nosa percepción. Son estes, por citarmos algún exemplo, a popularidade ou a riqueza. Sempre foi así, mais agora a tendencia é exaxerada. Así pois, características xenéticas ou circunstancias -propiciadas estas polo capitalismo- que non implican ningún mérito de seu, pasan á categoría de calidades humanas, isto é, "virtudes". "Margarita é moi agradábel, rica e famosa" é unha afirmación perfectamente válida, en Occidente, para describirmos unha persoa descoñecida ante un auditorio expectante. E se Margarita é así, todos quereremos ser Margarita. Indubidabelmente que si, pois sabemos que "posúe" o necesario para "triunfar" nun sistema de competición poderosísimo que, sen dármonos conta -ou si- interiorizamos e transmitimos de nais a fillos.

Triunfo e felicidade van da man. Se triunfo son feliz. Son feliz se triunfo. Porén, a pregunta que me vén á mente, talvez capciosa, non o nego, é a seguinte: que ou quen determina ese "triunfo"? Existen entidades que teñan de seu esa facultade de "outorgar" a etiqueta convinte para nós sentirnos satisfeitos coa propia vida? Son esas entidades "mentes preclaras" cuxo "destino" sexa distribuír "medallas" morais -ou éticas, se esta palabra agrada máis, ou incomoda menos- que nos conducirán polo camiño da felicidade? Poden tamén estas mentes decidir como e cando debemos entrar nese camiño cara á ningures, tan atractivo para nós? De ser isto así, aínda que sexa subrepticiamente, debemos aceptar que dirixan estes "poderes fácticos" a capacidade de noso para sermos felices? O sistema pode invisibilizar as súas accións indirectas ante os nosos ollos? Durante canto tempo? Temos capacidade de protesta?

Tendo todo isto en conta, cómpre recoñecer que ser feliz, aínda que sexa unha procura lóxica, constitúe a día de hoxe unha arela sen límites, pois implica satisfacción, logros laborais, mesmo emocionais, e, dadas as expectativas xeradas polo sistema de mercado, nunca o estaremos. Xamais teremos o suficiente.

O sistema convertiuse nunha fábrica de expectativas. E cales son estas? Principalmente de carácter burgués, iso parece claro. Visibilicemos as básicas: un traballo digno, unha familia -con mascota moito mellor-, unha casa, un coche...

Unha vez satisfeitas, poderemos sentir que estamos "dentro", mais no horizonte aparecerán outras novas e aquilo do "máis difícil aínda" soará nos nosos oídos. Xa que logo, volta a empezar coa loita. Deste xeito, a "felicidade" deixa de ser un anhelo natural comprensíbel e lícito para se converter certamente noutra cousa ben diferente, nunha obsesión, nunha pugna interna decepcionante, en extremo perigosa, que nos somete a unha competición permanente. Competiremos cos demais e con nós propios/as. E será esta competitividade a que orixinará o utilitarismo e o servilismo nas relacións humanas, sempre envoltas nunha brétema de tensión disimulada, na falta de sinceridade e compromiso. Se non tes nada que me "interese" -cartos, beleza-xuventude, poder en suma- non perderei o meu tempo contigo... Eis o berce da agresividade que dará paso á violencia vertical, oculta nunha primeira ollada.

Pero volvamos atrás, outra vez ao consumo continuado, conspicuo, non só de obxectos, mais de persoas e ideas. Tamén do tempo, un tempo non cuantificábel, abstracto e brutal. Estamos na era da mercantilización das emocións, no imperio dun cinismo violento que asoballa e desmerece a inocencia, mesmo a ridiculiza. Así, ante a inseguridade que sentimos ao respecto da sinceridade dos demais e da fraxilidade do seu compromiso -derivados dos intereses- aceptamos tacitamente entrar no xogo desa rede humana infectada polo medo. Integrarse ou morrer. Esa é a cuestión, to be or not to be. Está moi claro, se non formo parte de, non son, non existo. Para iso, cómpre facerse notar, ser visibilizados/as. Velaí o xermolo do egocentrismo, da hipocresía e da mentira. En resumo, do egoísmo máis feroz que poidamos imaxinar.

Os xogadores/as desta partida inhumana de xadrez, abrirán entón as súas portas para recibiren con gusto a ilusión desa felicidade estraña. E para iso, para disfrutaren do oasis cativo que supón o efecto placebo derivado do acto de consumir e lograr determinados obxectivos, os/as que se proclaman liberais abertamente e os que actúan como tales sen sabelo -ou facendo que non o saben- precisarán de mellorar a situación persoal de seu, abocados pois a novos intercambios interesados, algo que vén sendo o principal estímulo das relacións entre as persoas. Facer algo a cambio doutra cousa é o que mobiliza o mundo postmoderno. Para que realizar o esforzo e dar algo a cambio de nada?. Que nos reportaría iso, aparte do simple e inxenuo gusto de axudar?. Na sociedade capitalista non hai sitio para a inxenuidade. O hedonismo arrástranos polos vieiros do pracer e as campás seguen a entoar aquilo de "vale que ten, vale quen ten". A asociación cartos-felicidade, leva implícita a idea de posesión. Queremos ter. Cada quen o que máis lle interese. Algúns buscarán popularidade, outros beleza, e os máis, un capital de seu. O caso é visibilizar a nosa presenza neste caos infernal que o mundo é.

Polo tanto, convén, como xa se explicou arriba, que nos integremos, que formemos parte de. Para logralo debemos ser pensados/as, pois non selo conleva a inexistencia e, actualmente, só existe o que se sabe publicamente. Eis a idea esencial, ofrecer unha imaxe que nos favoreza, traficar con ela. Daquela, volvemos novamente ao egoísmo, agora explicitado no culto excesivo a un mesmo, isto é, na vaidade, unida -non nos enganemos- por un fío indisolúbel, á falta de seguridade que vén determinada por unha autoestima sempre dependente da opinión dos/das que nos rodean que, tristemente, valorarán o noso produto -pois iso é o que somos, unha mercancía humana- en función das calidades presumibelmente imprescindíbeis nas sociedades capitalistas.

E cales son as "virtudes cardinais" que elevarán o home e a muller hedonistas á categoría de seres vivos felices?. Pois esencialmente aquelas que lles garantan repercusión pública, a poder ser, con efecto inmediato. Daquela, se pensamos na beleza, na xuventude ou na riqueza material, antes citadas, non iremos mal encamiñados/as. Posuír calquera delas significará o acceso a unha pequena parcela de poder que nos asegurará un lugar propicio neste "primeiro mundo".

Daquela, insisto, o anonimato será como non existir, en resumo, non contar. "Esse est percipi". Berkeley (1685-1753) utilizou esta frase como premisa para xustificar a existencia dun deus (mente infinita que crea) e a humanidade (mente finita que percibe tal creación). Para nós, a mente infinita que orixina o espazo que identificamos como real, o único onde podemos vivir felices, é o Capital. A mente finita somos nós. Certamente, aquí, neste lado do mundo, quero dicir en Occidente, "ser" e "estar" só serán equiparábeis se "estar" implica unha ubicación asegurada no pensamento alleo que, a súa vez, ha vir determinada por unha das devanditas calidades postizas (cartos, beleza, xuventude). De non posuírmos ningunha delas pasaremos ao outro lado, o da maldita inexistencia social. Esa é a verdade, lamentabelmente.

Mais, como o mercado non entende de sentimentos, si de resultados, cal é o dunha verdade incómoda?. O silencio. A verdade, en esencia, non interesa. O homo e a mulier videns, dos que falou no seu día Sartori, adscríbense ás verdades prácticas, maioritarias, elaboradas por medio da desinformación para contentármonos. Tendo en conta todo isto, a conclusión resulta obvia mais non por iso infravalorábel, e é esta: existe no noso mundo de "certezas", unha profunda violencia de carácter estrutural cuxo efecto destrutivo afecta non só ao ámbito económico e social, mais tamén ao íntimo. Desaparecen o compromiso e a lealdade. Prevalece a apariencia. Consumimos amor, sexo, xuventude, beleza. As relacións humanas, como moi atinadamente apuntou Bauman, fanse, a cada máis, líquidas. E isto, paradoxalmente, xerará xusto o contrario do que arelamos, infelicidade e insatisfacción.

De pouco ha valer a denuncia da existencia dun terceiro ou cuarto mundo que nós propias/os asoballamos, aínda que non sexa directamente -nós non somos financieiras nin poñemos os tanques para instaurar democracias, por dios!- se empregamos, consciente ou inconscientemente, os valores da sociedade de consumo que denunciamos para tratar mellor ou peor ás persoas (violencia estrutural) orixinando ao noso redor oprimidos e empoderados, xusto o que denunciamos.

Por esta razón, é evidente que existe un fascismo solapado no entramado das relacións que se desprende do desleixo no trato que dispensamos a aqueles/as que non poidan reportarnos ningún beneficio.

Dignidade, esforzo, honestidade, solidariedade, compromiso, resistencia ou xenerosidade son substantivos abstractos, difícilmente perceptíbeis a día de hoxe. E se non os percibimos facilmente, se non somos quen de visibilizalos, será que non existen?

mardi, août 17, 2010

TRANSPARENCIAS



"L'homme ivre d'une ombre qui passe
Porte toujours le châtiment
D'avoir voulu changer de place." (Baudelaire)

Vergoña é opresión
fronteiras e lazos invísibeis que nos ocultan
-detrás da sombra-.
Fica á espreita
na superficie das cousas
que o son
-cousas-
para existir.
E carece de fondura …


Mais c’est terrible-bébé-qu’une corde en soie nous attache tellement fort…
E se as cousas vibrasen soas-e se puidesen manifestarse e asombrarnos?
Daquela nada tería a mesma forma.
Rien que le sang sur le visage-la mine d’un enfant qui fait tort.
Mira-bebé-observa las cosas vibrar
escucha el sonido de las paredes
plegándose y plegándolo todo
cun tran tran de cadeiras
e membranas que estiran
e devecen
por nos arrastrar con elas
por meter a voz odiada
na súa sutil película pegañenta
cambiando as formas invisíbeis
dándolles textura outra
e que nos afagamos
á paixase
única visión coñecida
y agarrarlo todo por todas partes
siempre asir las piedras con los dedos
para que no rompan dentro el silencio y la muerte
et quoi que tu fasses nous éblouira
ese teu gas ó falarmos de amor e resistencia
tan poderosísimo que fais que fascine
silencio ruído fortuna y pan
e as maos abertas
sen disimulo
a correr
río abaixo coa troita nun pé
le grand pied à Bertrade
abandonnée de tous
un pé branco e brillantísimo e enorme
e eu: branca tamén-e abandonada
observándolo todo
aquilo que as cousas teñen vibrado
infatigabelmente
collida do rabo do can
o meu dios pequeno e desesperado
un dios como una puta
fodendo a todo dar
licor e amoras no tran tran
e vergoña outra vez
la honte
ce fait humiliant et terrible de nous montrer
telles qu’on est
simulación transparente nun mundo despoboado
-lujo de pobres-
Pero tu-xa intuías todo isto?
Sabías que levamos un feixe nas orellas de luz podre
/que afrouxa polo nariz?
Sabías que todo-absolutamente todo o que tocamos tinxeoorostrodepúrpuracarmínincendiario?
Nous avons le diable au corps-bébé.
Sáenos en forma de luz polas meixelas…
pero carece de fondura.

mardi, juin 22, 2010

INANIMALIA EMERXENTE





"O instinto de supervivencia, tamén se trata diso cando de cidades falamos, vale tanto para os animais como para os inanimais..."
O home duplicado, José Saramago



Contan que as algas teñen de seu un ollo
de menta e auga:brillante-verde-aromático-suave.

Naceu dun líquido das montañas-do bosque-das terras do cumio-do centro
-do pico-do bico das xentes que se aman
E pode
-e o fai-
peneirar a humanidade dende os pés até a cabeza
e gravar
-e grava-

o amor da superficie...

Por iso as algas teñen poderes alimenticios
e procuran para nós unha vida nova que vivir

Daquela-disque quen ama ten auga nos ollos
e pode reflictir con eles as propiedades da alma
e sacar
-e saca-
a color da deshonra
e da mentira.

Déamoslle pois
un bico-no pico-do centro-das terras-dos bosques co líquido das montañas que nelas nace
e amemos
non só o que se ve
mais aquilo que está abaixo
e se dilúe: a especie inanimal emerxente que se abraza...

jeudi, juin 17, 2010

A NATUREZA DOS MONSTROS



Dependendo de quen mire
a luz estende sobre as cousas
un tacto de seda
configurando os horizontes.
Es ti quen escolle
o sitio onde estar-a textura do trono.
Pola contra
se é a noite e o seu territorio inmenso
onde prefires vivir
hai para ti un mundo que se abre
de apariencia hostil e deformidade extrema.
Mais isto é unicamente aparente
pois detrás das terras que non se ven
as cousas
aquelas que estaban alí
na bisectriz do terreo enganoso
alumeando o claror do día
adquiren un aspecto vaporoso
para os que aman os segredos.

E dende o cume da montaña
a verdade ten forma
de mar aberto-materia múltiple e indivisa
potente monstruosidade.
Resulta estraño e misterioso
como todo o que ocultamos
e ti déixaste invadir...
Arrastras contigo a polimorfia vírica da deformidade

vendredi, juin 11, 2010

CIDADES DE CRISTAL







CIDADES DE CRISTAL

O campamento humano circula mecanicamente entre os muros/
move as antenas e saúda pero nada poderá liberalos/

acugulados nos andeis botan a cabeza para respirar pero o seu horizonte
é cristal afumado.

De cristal son tamén os ollos que nos miran e as vitrinas grandes para vender amor.

Se miras ben/
verás ao redor un mundo translúcido que nos traspasa/
sesenta metros cadrados e a incomodidade dos cables da luz na arañeira
eléctrica e desconcertante.

Todo o universo nun ascensor e ti -que non estás- inzas o corpo polas fendas/ incitándome a amar.
Que tacto que efervescencia íntima/
polo baixo das escaleiras
nas prazas públicas
nos ciclos vitais dos transeúntes…

A cidade e os seus muros
a lene pausa morna do serán
ti no meu centro/
o home de cristal…

Vxte lgo. Chgo en dz mnuts.

(Unha cabina telefónica desaparece cada cinco minutos)
Raramente chegan as mensaxes/
a cobertura emocional é sempre cero.

Equidistantes.
Atrapallados nun paso de peóns as almas de cristal carecen de busola.
Hai caras que nunca esqueceremos por moito tempo que pase.

Atsco. Trdo Kince mnuts. Agarda mllor no crce.

O tempo transcorre mentres corres/
non corras se queres chegar.

De cristal, o teu corazón é un poema de cristal…

Humanos e humanas
no alambique
a fluír a mergullarse.
Todo o que se ve son sombras.

ROSA ENRÍQUEZ




,

dimanche, juin 06, 2010

suBmisión E SOMBRAS


Convive con nós unha luz estraña que procede das sombras e anuncia a intemperie detrás das palabras preciosas.

(De o saber-iría-collería as cousas e marcharía-lonxe-cara a un lugar escuro-como a ficción vaporosa que nos atrapa.
Todo por palpar os estreitos fíos de luz que se infiltrasen.)

Diagnóstico:enfermidade.




Comezou nun edificio grande que tiña xente que tiña máquinas que tiñan présa-que agoniaban. Morreron todos-d’abord les mains-as maos-puis les pieds-también las piernas-claro-e-finalmente-morreu a cabeza.

Consecuencia:suBmisión

A suBmisión colócanos por debaixo e supón un delito da conciencia-descoñece as estruturas e o seu funcionamento. Prexulga. Discrimina e violenta.

Posoloxía: curiosidade

Unha postura política de ánimo normalmente inquebrantábel-sitúanos diante dos cables da luz-das tubaxes metálicas ou da abstracción financieira-do aillamento multitudinario e da diáspora.

vendredi, mai 28, 2010

HOMENAXE A ROSALÍA






“(…) Que hai amores de índole pezoñenta
que privan os espritos, que turban as conciencias,
que morden si acariñan, que cando miran queiman,
que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan.
Máis val morrer de friaxen que quentarse a súa fogueira”

(“Follas Novas”, Rosalía de Castro)


En tecer e destecer ocupou Jessica o tempo
inscrita nas paredes das casas.
E sábeno todas.

Mais isto non é Nova Iorque
E se te Cansas ficas muda-como en todas partes.
E ela calou varias estacións seguidas-anoada as pedras.

Pero eu sementar sementarei o liño de clarear-dixo EL.
E mentres o pobo nin medre fareiche nena un cantar.

En folgar e fornecer-l’esprit grand(e)-dieuse-
trazou Jessica o inverno
até afundir naquel abrazo.

E soubérono todas-que o amaches- indigna e relixiosa.

E dios cho pague miña reina
por me solicitares amor.

Por tecer e destecer parou Jessica o tempo
vestiu o saial-botouse á leira
lanzou o corpo enriba das prantas
-qu’on dit que les plantes ne parlent jamais-
que las plantas no hablan
que non falan-non.
Que fablan en glosa descoñecida.
Mais iso non conta.
O que conta é o amor
Toujours cette émotion
cette idée du paradis
cette recherche
de magdalenas ou pan de millo mal rillado
de fábulas
e cantares
do noso lar
daquel mar salobre
batendo na rocha enquistada
du gran coeur amante
esprit fort e indecoroso
traballando arreo
na cama
na terra
no mar ou na cociña
la nouvelle cuisine deseñada para ti
pro teu benestar
pra faceres química
coas fabas cordeiras
cos chícharos
con todo tipo de chourizos
grandes saucisses e filloas
on dit crêpes de algodón
ou ovos fritidos…

E que fais que tomas prestadas as penas?
Que teis que alivias su pesar?
Le gros chagrin d’un homme triste
d’un triste homme qui s’éteint.
E apágase
vaise apagando
luz e lámpadas
cavernarias formas do instinto
na espiral de panos de prata
no arruallo lene do pranto
desigual
informe e infinito-como a dor
con esa estraña maneira de convencer…
Que non existe en ningures
nada semellante ao desencanto
á pertinaz expresión do que termina
daquilo que remata
do fin final-último e definitivo

Et s’il finit-mon dieu
mon tout puissant dompteur des lions
xornaleiro prodixioso
obreiro e orfebre das miñas prendas
como recuperar o que xa foi?

En tecer e destecer ocupou Jessica o tempo
inscrita nas paredes das casas.
E sábeno todas.

vendredi, mai 21, 2010

DESIDIA





A incoherencia é un tránsito permanente entre espellos-despréndese da inconsciencia.

É industria monumental e estatuaria na conciencia-tactode sombras.

O colectivo incha os argumentos-fabrica aire-líquidos discursos preciosos que provocan fartura-un desexo irrefrenábel de morder.

Pero continuamos.

Non sabemos por que-mais o facemos.

Consentimos-pactamos-transferimos o ideario-dividimos todo en público e privado-tan tranquilamente. Xustificámonos.

Mentres-os espellos transitan entre a multitude solitaria e enferma e rompen.
Que o fagan pois-que se desprendan...

mercredi, avril 28, 2010

O AQUEL-A LENDA DESCOÑECIDA

O AQUEL-A LENDA DESCOÑECIDA O Aquel vive nunha fraga preciosa-no medio do monte. É un ser prodixioso que pode partirse en anacos diminutos até esmorecer. Se o contemplas-se te achegas para tocalo-quítache os pensamentos-sácachos polo nariz. Daquela-todo-absolutamente todo o teu corpo-adquire a forma da chuvia e do sal. Logo-O Aquel vaise-tira dereito polo camiño dos liques na procura dun sitio onde durmir. Ti con el. Entón é cando comprendes que as prantas saben igual cós idiomas-a chuvia e sal. Por iso-unha vez respirado esa terra fragosa-é probábel que non desexes volver nunca.

mercredi, avril 07, 2010

O MUNDO DOS CAVORCOS




o mundo dos cavorcos


Este é un lugar para que ti nunca vaias
un burato escuro-que non dorme e dá medo
omedoquesinto-tenformadecadea
pero sempre atopo unha excusa
e introduzo alí a ansia toda-insistente.

-Aprender a vivir non está nos libros-dicías.

A escoitar tampouco-é unha mágoa.

Eis a dor intensa-provocada pola xordeira.

Si-o mundo dos cavorcos
é un lugar para que eu nunca vaia

jeudi, janvier 14, 2010

CONVITE DA PRESENTACIÓN DE UNICROM

Notas de Aretx:
Asor III de Zeuquirne envía este convite aos bloggers aos que agradece enormemente as súas agarimosas palabras cando hai anos luz ela andaba por aquí, por este valdeorosa, un estraño espazo entre paredes virtuais. Estades pois tod@s convidad@s:





lundi, décembre 07, 2009

DIÁLOGO ENTRE O CAN, CONSCIENTE DE SEU, E A DONA DAS XESTAS




Non hai maneira. algo foi mal, algo estragou a posibilidade de comunicármonos con esta deidade natural feminina, Non podo imaxinar o que, Nin idea teño diso, A verdade é que, talvez, e mira ben que digo talvez, pois non ousaría eu afirmar como verdade absoluta o que creo, abofé que non, a Dona das Xestas ande molesta por algo que fixemos. Pero que dis, Troski?, Iso é imposíbel, Se non fixemos nada!. Iso dilo ti, mais eu estou certo de que a ofendimos, Se cadra foi por andármos pola zona sen permiso. Ti toleaches, can!. Mira, rapaza, non penso discutir contigo sobre este asunto, Agora o que cómpre é saír de aquí, deste burato escuro e noxento e poder volver a Vellarre. Trosky, Iso vai ser difícil porque ir cara a arriba até dar co bico do monte hanos levar horas.... Xa, pero non imos ficar enterrados sen facermos nada só polo feito de estar cansos!, Non cres?.

(No Libro das Verdades este episodio é case pasado por alto. As voces narradoras non consideraron que isto merecese demasiada atención. Preocupáballes bastante máis o misterio da inmensa morada oceánica, coma se naquel ámbito vexetal nada tivese conexión. Para comprenderdes isto, velaí un extracto do texto:

“ Do que aconteceu na parte do fondo da aldea entre Area do Souto-Piñeiral Cadrado, o cuzo, Trosky para ser exactos, e a Dona das Xestas, o único que sabemos é que solucionaron o malentendido sen grandes dificultades. A verbosidade do animal, callou na alma anoxada da deidade natural.”)

O caso é que Trosky, o cadelo máis ladrador de Vellarre, iniciou a súplica dialogante ouleando, tal e como fixeran durante anos os seus devanceiros, cans de grande altura, depredadores de galos e galiñas, fortes e egrexios:
-Guau, guau, guau-comezou-(déixate de trapalladas e fála dunha vez, presuntuoso, que es un presuntuoso- repetíalle Area do Souto-Piñeiral Cadrado polo baixo) -grande e poderosa muller, a máis fermosa de cantas deidades teño coñecido (mentirán, peloteiro, lambecús, esta muller é feísima, Así non imos conseguir nada)…”
-Basta-respondeu a deusa- deixa os afagos e responde, “trampacan”, que faciades vós por aquí?.
-Ouh, deidade prodixiosa, non faciamos nada en absoluto. Caemos polo cavorco de Vellarre e unha forza estrañísima conduciunos até aquí.-
-Simplemente.
-Simplemente.
-Ben. Por esta vez vou ser xenerosa. Abrirei a tapadeira terrestre para que poidades marchar, pero debedes saber que, para virdes por aquí, hai que envíar primeiro a flor da pataca co voso nome e o da Grande AnxanA escrita nas pétalas. Só así saberei que non sodes inimigos.
- A Grande AnxanA? E quen vén sendo esa muller?.
-Xa o averiguaredes. Polo de agora saíde de aí!
Ao dicir iso, a parte de arriba que lles cubría a cabeza-azebac, elevouse polo aire, como antes de caeren naquel furado. Entón un vento forte botou todo enriba da herba fresca. Cando digo todo, refírome a todo, isto é, ao cuzo, á magnética rapaza e mailo resto, as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Unha vez fóra daquela pota natural, o que lles agardaba era o camiño de regreso, cousa difícil pois terían que rubir polo lombo do monte e iso levaríalles aínda un par de horas.

vendredi, novembre 27, 2009

TRES POEMAS PARA DARLLE TEMPO A DONA DAS XESTAS A FACER UN MIRAGRE




“Amei a Anticlea por ser todo o que eu non era, e ela amoume a min a pesar de ser eu o que era” (palabras de Laertes, pai de Ulíses, sobre a súa muller, a nobre e soberbia Anticlea)

“A túa nobreza, a túa xenerosidade, a túa forma de me amar en liberdade, préndenme a ti máis que ningunha das túas múltiples grazas” (palabras de Ulíses a Circe)

Citas extraídas da novela “Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Caamaño.




poema un:



UN CONTO PARA ESPERTAR

E SAÍN.
Collín o barco atracado na xanela
e botei meses fóra-exiliada do cuarto azul.

Fica aquí-á miña beira-preto do meu colo-da sima abisal do meu cetro-no punto central deste meu reino-dicía o monarca.

Meu señor El Rei-respondín delicadamente-non podo-non poderei permanecer aquí máis tempo-pois teño diante o mundo todo-Que te comerá-Si. Probabelmente-


PERO MARCHEI.
As voces convocáronme para eu florecer neste deserto-neste oxidado reino de sardiñas.
Collín o avión do xardín e pasei anos desterrada-sin tierra nuestra que pisar.

Volve amor-ao meu abeiro-para te anainar-para collérmonos os labios e untar o noso leito-vén-deixa a cousa estar e pégate a min-ao meu trono-ao poro sinuoso deste amor e métete aquí nesta cova a durmir-a miña fermosa dona que dorme…

Non-Meu Señor El Rei-repliquei-antes hei untar os labios nas pedras-no código secreto deste amor que se acaba-na enorme e grande batalla por facer-E perderás.-E perderei.

PORÉN EU FUN
Vestín as ás coloradas e voei infindo-enfiei o camiño dereito-dereito-e nunca non mirei atrás.

Perdín un reino-unha casa e o meu Señor-antes diso-a memoria.

E DIXEN OUFANA
Meu Señor El Rei-a fráxil súbdita do teu abrazo-aquel teu peixe-leva agora un transatlántico nos pés-afástase do teu empedrado castelo-e nunca non mira atrás.





poema dous (escrito para o filocafé de Petín, Silencio ou morte)



TEÑO UNHA POZA ENTRE OS DENTES
CON NENÚFARES E HORTENSIAS

E TU QUE TEIS QUE NON TEIS NADA?


CAE TODO POLOS LADOS
e ti gardas no oco da man
un río enorme
grande coma un mundo grande

E ACABARSE é entón coma chover
e chover chovía coma nunca…

na casa as cousas sempre quietas
metidas entre as pedras e mazairas

na praza da cociña
só pingas de auga
e un golpe niquelado no vaso…

E CHOVER moito
coma nunca naquel sitio.

E O FUME delicioso
igual que o teu perfil de espiga na ventá.

pégate-repite-pégate-a min-ao meu colo-a miña saúde enferma-e-bucea nas potas-come o sol con patacas-e-deixa que todo-absolutamente todo-caia sobre nós.

naquel lugar nada podería ser tan grande como a selva salvaxe do armario

un fronte de nubes e silencio instálase no tercio norte da casa.
quen vai?
NINGUÉN NADIE EN LA VIVIENDA

(sólo tú)

Tu es ti
Tu con nubes no cesto da roupa…

TU QUE TEIS A ALMA ESGOTADA
TU QUE TEIS QUE NON TEIS NADA

Pero-chover-chovía como nunca
e non puiden evitalo
eu sempre chorei o domingo a tarde…




poema tres (escrito tamén para o filocafé de Petín)


A CRÓNICA DA CHUVIA ESTÁ ESCRITA NA AUTOESTRADA
NOS PASOS DE PEÓNS QUE NOS DIVIDEN EN AUTO-MÓBILES E HUMANIDADE TRANSPORTÁBEL.

Normalmente a humanidade vive nun salón-pegado ao mar. Ao abrir as ventás
a paisaxe documenta os vestixios dun futuro atronador-que pasou-prendido na memoria das montañas.
Por humano transportábel entédese aquel que-con dúas mans e dous pés-ten coma vontade un abúlico proceder-meláncolica sedución da nada flotando ao teu redor-meu amor…

O humano transportábel vai camiño da industria-nunha nave doméstica de direción asistida-e atraca no fondo das grotas e pedreiras
lento-violento
no vougo silandeiro
e derrama o medo como derrama a sopa.

A CRÓNICA DA CHUVIA ESTÁ ESCRITA NOS MUROS HORIZONTAIS DAS CIDADES, NA PLANTA DOS PÉS.

A humana auto-móbil leva un motor solar na barriga
e así vai tirando-tira-que-tira-tira ben-meu-ben-arredor do meu amor.


Por humana auto-móbil enténdese aquela que-coas mans anoadas ao lombo e os pés rebentados-fai carreiras nos campos de millo quentes pero non arde nunca-flúe entre espigas-pegada á venta-coma o teu corpo en punta.


OS PASOS DE PEÓNS FORMAN CRUCES E DESAPARECEN COMO TODO O QUE VEMOS E NON EXISTE.


Hai procesos de combustión gástrica na esfera ondeante de tungsteno na mentira máis grande de todas:

QUE TU ESTÁS AQUÍ-QUE TEIS O QUE NON TEIS-QUE NON TEIS NADA


E que fais para evitalo?. só sabes morder os labios por dentro. muda.

dimanche, novembre 15, 2009

A DONA DAS XESTAS






O DE TER OU NON TER IDEAS dentro da cabeza é algo sobre o que non quero reflexionar agora. Máis tarde. Talvez pola fresca. Neste momento, pensei, o mellor é observar, indagar sobre a estraña presenza, sobre a muller da saia enorme.
Non resultaba fácil con ela alí, preto de min, fitándome cos seus ollos de marmelo. Por iso unha rara sensación metéuseme gorxa adentro. Era como afogar de tanto aire como entraba pola boca. Así, fun inchando, pouco a pouco,e, coma se fose un globo,marchei rodando pola devesa abaixo con Troski e todo o que, como arrastradora magnética que son, levaba tras de min: as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Eu, cativa-cativa, o meu can,e todo o conxunto, fomos dar naquela extensión de mazairas verdes e castiñeiros.

TRANCATRÁN TAN TAN TAN.

Ese foi o golpe seco do meu corpo ingrávido que, como un prodixio, baleirou todo o aire que gardara na barriga polo nariz. Foi a primeira vez que coñecín os efectos dun tornado pero, no meu caso, non era este de carácter meteorolóxico. En absoluto! A explosión íntima que experimentei nada tiña que ver coas nubes da cabeza-azebac, nin co vento do nordés, senón máis ben cunha aerofaxia exacerbada, froito daquel vento todo que se me metera pola boca.
Xa recuperado o alento, mirei o ceo. Estaba convencida de que unha visión tan fermosa dese mar celeste relaxaríame pero, ao contrario do que pensaba, estremecín aínda máis, unha calor ardorosa rubiume polas pernas arriba do pánico que sentín. Ela estaba alí, suspendida no aire, coa saia ondeando. E nós,Troski, eu e todo o resto, con ela! Dabamos voltas e voltas, sen parar. Era como estar dentro dunha batedora… Tantas e tan veloces voltas deu aquela muller da saia infinita que eu propia saltei da devesa-móbil e fiquei pendurada da póla dunha das mazairas da miña avoa con Troski pegado a unha das miñas galochas metálicas. Da outra colgaban as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Foi terríbel, os garfos e coitelos pinchábanme as pernas e un fío de sangue comezou esvarar polas miñas coxas. Este é o fin Troski, dixen moi asustada, imos matarnos neste furacán!. Non teñas medo rapaza, dicía el, todo vai saír ben, xa verás.
Entón, facendo un esforzo inimaxinábel,decidín dirixirme a ela, a muller sen límites. Quen es,díxen como puiden no medio daquela voráxine. A Dona das Xestas, respondeu mentres cesaba aquela tortuosa rotación. Falou con solemnidade pois todo era solemne naquel lugar dende a construción de Otuos Uaim e diso había xa dous séculos! Eu son a grande e poderosa Dona que cobre de xestas os montes,explicou, Vós estades nos meus dominios así que ide de aquí, XA.
Isto último berrouno, moi forte. Entón puidemos comprobrar que todo o que había ao redor estaba colgado da súa faldra, coma nós. Estaban colgadas as flores, as pedras, a plantación de mazairas, os castiñeiros e toda canta herba fresca enchía o prado. Incríbel, o faldón inmenso que vestía a misteriosa muller era a tapadeira terrestre da tubería pola que andaramos previamente. Caímos na conta diso cando intentamos fuxir, liscar daquel lugar, tal e como ela, moi contundentemente, nos indicara.

E foi mirar cara a abaixo e caer, todo a un tempo. Daquela entramos novamente na pota natural que a intimidade telúrica constituía e comprendimos que, en breve, ía ser cuberta pola súa saia infinita, irremediabelmente. Así que, sen podelo evitar, vímonos enterrados outra vez coma patacas.
De nada valeu que petásemos forte no teito escuro, tampouco serviron para nada as nosas pregarias. A Dona das Xestas esqueceu que quedaramos alí abaixo conque a piedade non agromou por ningures. Eu, coa miña magnética persoa,Troski e todo o demais,as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño, encrequenámonos, formando un vurullo, ben xuntos, para dármonos seguridade e confianza pois comprenderamos que ese enterro anticipado duraría aínda un tempo, así que mellor darse apoio e calmarse coa forza do abrazo.
Segundos despois, de sócato, puidemos escoitar o canto desafinado daquela muller poderosísima:




A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.

Un paxaro no meu millo
o pote ben a ferver
e non deixa de chover
de chover e de chover.

Na beira daquelas fragas
móllanse as miñas cabras
móllase o gorrión
móllase todo o Pontón.

A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.

O que aquí ben veredes
son as miñas posesións
e para que o confirmedes,
dende á Oliveira ó Pontón.

A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.

Despois de escoitármonos aquel cántico de exaltación territorial, Troski propuxo iniciar o diálogo coa Dona das Xestas.

O xeito de o facer? Eis a cuestión!

lundi, novembre 02, 2009

A CABEZA AZEBAC A CABEZA AZEBAC A CABEZA




DO OUTRO LADO DO FÍO, refírome á tubería que une o campo de abaixo coa inmensa morada oceánica de Outos Uaim, puiden albiscar unha figura humana estrañísima.Saín por unha fenda que atopamos até dar cun camiño estreito, moi moi estreito. A estraña presencia levaba o pelo arredor da cabeza, pegadiño ás orellas e tiña nas mans un pau bastante gordo co que afastar as malas herbas que medraban por entre as pedras do camiño.
Curioso, pensei, esta alma de deus leva unha saia tan grande que non se revolve. Certo, a saia ocupaba hectáreas e hectáreas, pero, de non prestar atención, nin me decataría pois, polo medio da tea, agromaban margaridas de todas as cores… Era como un pradairo artificial. Insólito.
Que miras, paspán, que fas que non andas? Corre, desaparece da miña vista!
Eu calada. Confundírame cun home!
Que, pensas pasar así toda a tarde?. Non, dixen, pero quen é vostede?. Eu son a que son, neno intrigante! Outra vez máis! Volveu tratarme coma se fose un rapaz! A muller grande seguiu o seu camiño cantando, esfuracando co dedo nas cavidades abisais do seu nariz, en extremo delicada.
Ai, se me perdera, se caera por ese conduto horroroso… Como se me lera o pensamento, a muller da saia infinita botou aire polo seu nariz e unha fervenza branquísima arremuiñouse arredor daquel corpo vello. Teño o mar todo dentro da cabeza, e teño aire e terra e amor e fame. Teño de todo, practicamente.
Cantas cousas leva con ela, pensei, como pode cargar con tanto peso?

Dentro da cabeza cabe de todo, ideas propias e estrañas, promesas de amores mortos e frases inconclusas. O mar e a terra. Todo, absolutamente todo o que queiras, poderá entrar dentro. Até un propio pode vivir alí. Hai que ten a cabeza deshabitada. É raro pero sucede. E non porque a cabeza en cuestión sexa estreita. Nada que ver con iso!

Eu coñecín un home coa cabeza chea de nubes. Era un home triste.
Traía nos ollos restos dun naufraxio. Entrei e saín da súa cabeza como se nada porque nada había…

mercredi, octobre 21, 2009

O POZO




ALÓ NO FONDO DERON CUN POZO ESCURO, moito máis aínda que ese oco polo que caeran. Area do Souto-Piñeiral Cadrado abriu os ollos todo o que puido, primeiro asomou a cabeza, logo o tronco e, finalmente, as pernas. Ficou varios minutos nesa posición, cos pés no borde, para rematar descolgándose. A baixada produciuse inevitabelmente. Marcharon todos cara á abaixo, conformando un grupo, pegados entre eles. O derradeiro en caer foi o can. Entraron na auga e flotaron durante un bo rato. Non podería precisar canto tempo mais todo parece indicar que non excedería dos quince minutos. Que pasou? Que foi o que orixinou o afundimento?

No Libro das Verdades o suceso descrébese así:

“Un ruído xordo, un furacán mariño de auga doce, un estraño maremoto, arrastrou aquel vulto sorprendente. Era como se un poltergeist tivese lugar naquel sitio. Documentamos esta caída con axuda dos familiares afectados. Parece ser que tivo lugar un martes. Os martes sempre son días conflitivos nos arredores de Vellarre. Nin se sabe porque pero sempre suceden cousas raras. De feito, ese día ten unha duración de tres xornadas. Temos pois, o martes-un, o martes-dous e o martes-tres. É así. Danos igual se non o credes. Despois de todo, porque nos ha preocupar iso? A información é case sempre incompleta ou, simplemente non existe, ou non pode ser, que tamén serviría como explicación. En todo caso, o importante é saber que isto aconteceu un dos tres martes. Cremos, non podemos aseguralo, que foi un triste martes-tres do día trece da terceira primaveira (aquí existen catro primaveiras, xa explicaremos iso máis adiante). Para ben ou para mal, insistimos, o martes-tres do día trece da terceira primaveira pérderonse polo oco do pozo unha morea de obxectos e dous seres vivos, unha rapaza, Area do Souto-Piñeiral Cadrado, e un can, Troski. A aspiradora doméstica de Otuos Uaim tragounos sen piedade e alá foron o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño…
Que difícil dicir todo isto seguido e escribilo sen respirar! Case afogamos!
En resumo, que detrás deles non quedou nada. Unicamente o silencio.”

O silencio é internacional, carece de bandeiras e, precisamente por iso, ninguén poderá nunca apropiarse del. Imposíbel fundar empresas que o comercialicen. Non nos pertence. Só a terra podería fulminar cada átomo seu cun estrondo bárbaro até desaparecer.
Eu nunca puiden vender o meu silencio, sempre calei o xusto, Troski. Tampouco eu, que absurdo! Estou convencida, o silencio é un gas que non poderemos amarrar nunca.

vendredi, octobre 02, 2009

NA BEIRA DE AQUÍ, O CAVORCO CENTRAL





NA BEIRA DE AQUÍ...
Area do Souto-Piñeiral Cadrado anda agora polos camiños, co paquete de tabaco no peto do pantalón e unha caixa de mistos grande, daqueles que usaba a avoa para acender a cheminea. Leva detrás as bonecas, os libros e unha tira de panos de cociña larafuzados de graxa. Troski, pegado a ela, coma un zombie. Nin palabra. Os dous en silencio. Só o ruído das follas molladas, dos coitelos, dos garfos e de toda a ferramenta doméstica que parecía cantar ese tin tan tin acorde coas campás da igrexa. Nada máis.
No ceo, as nubes inchadas de gas e un sol de dez centímetros colgando do teito celeste coma unha lámpada vella.
Atrás as caixas, o caldeiro do lixo, as mudas de roupa limpa, as sillas, o arcón de madeira podre e as sabas de liño.
Magnéticos e silandeiros, can e rapaza mastigan secretos que nunca serán contados, palabras cheas de sombras e amores metidos no oco do corazón.
Ás veces páranse para mirarse, fitando o un cara a outra, sen dicir nada.
Na aldea todas as veciñas queren saber que pasa, que é o que din, porque o fan dese xeito e como o conseguen. Nada. Niguén sabe nada.

ENTÓN A BOCA DO INFERNO ábrese no núcleo da montaña máis redonda, entre as xestas. Inevitabelmente, o universo de cavorcos deixa paso a toda esa morea de obxectos perseguidores, róuballes o tin tan tin e traga con todo.

Alá van o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos de cociña larafuzados de graxa, os coitelos e a ferramenta toda para morder.Tamén as caixas, as mudas de roupa limpa, as sillas, o vello arcón de madeira podre,as sabas de liño... Todo, absolutamente todo, esbara terra abaixo, ao fondo, cun tran-ca-trán-tan-tan-tan.
Mentres, Otuos Uaim, a inmesa morada oceánica, arrastra o sol para dentro...