mercredi, mai 09, 2007

UNHA PARTY NO NAVUNGALOW

Esta é unha boa imaxe da festa de verán que celebra Asor no seu navungalow para confraternizar cos híbridos. Normalmente acuden todos. Gústalles a tertulia, o baño e o fantástico chocolate xelado que prepara a deliberante acompañado dunha bebida oxixenizante con sabor a Linxel, unha herba aromática que medra nas terras de OboloB, na cima da Montaña Rosa, lugar no que a muller-mapoula viu a luz dese ceo trisolar de Aretx por primeira vez, tras saír despedida da gran barriga celeste. Esta herba sabe parecido ao que na terra coñecemos como limóns e ten un poder relaxante que libera endorfinas. Con esta pócima Asor engaiola aos híbridos. O único que fastidia un pouco esta recepción asorita é cando Sennar, o gato alado de Asor, non está de bo humor. Entón a festa decae un pouco pero a deliberante non se preocupa porque sabe que Sennar é moi impulsivo e logo se lle pasan os fumes contaminantes. Para que nos entendamos, Sennar ten ciumes de Esmar, o Cabaleiro do Infinito porque sabe que Asor o ten en grande estima e lle conta moitos secretos. As veces os que temos corazón amamos e odiamos, damos e pedimos... Somos imperfectos. A nosa amiga ten en conta estas cousas e procura que este gato as supere.
Na festa Asor pon os víveres e a música e os híbridos agasállana con algunha cousiña, para sorprendela. Saben que lle gustan moito as caixiñas de música así que xa a obsequiaron con varias. A máis recente que lle deron foi unha caixa azul con estreliñas verdes que ao abrila bota bicos amarelos e canta un na-na-na-ná que fai nacer dentro do que a abre un soño de arcos da vella como un feitizo de calma redentora. Sennar comeza a tertulia e Pigmalion o contrapunto. Este híbrido sempre está en contra de todo. Gústalle levar a contraria para provocar a furia da asorita. Esmar ponse nervioso, os ollos danlle voltas e as ideas bulen na súa cabeza coma tolas. Neste punto Gobertrand estende a súa maxestade de capa lapislázuli e pronuncia a palabra máxica: XARACAX.
Entón todos os híbridos fican mudos. A discusión remata. A deliberante chisca un ollo a este ser de luz e bota un riso. Gobertrand, o magno, o híbrido das cinco capas, reponde a ese riso cun brillo de azul ocular que transporta, que eleva... Esmar ponse contento, gústalle a paz.
Aquí, na terra, deberíamos ter tamén unha palabra máxica como XARACAX , que significa "somos irmáns", quizabes así perderíamos esa raiva que nos devora tantas veces.
A party continúa e Sennar comeza a estar un pouco pasado. Gústalle moito o Linxel.

16 commentaires:

Anonyme a dit…

Tentarei buscar no meu campo ese raro froito de sabor cítrico pra pepararme unha bebida relaxante e oxixenizante...penso que a receita tereilla que pedir a Asor de paso pedireille tamén un pouquiño dese xélido chocolate pra acompañala. Ten que ser moi boiña esta Asor pra invitar a toda unha comunidade a súa festa.
Unha aperta.
Neno C.

Son Unha Xoaniña a dit…

Espero non perderme a próxima festa de Asor, só pensar nesa bebida "o linxel" e máis no chocolate xelado, fáiseme a boca auga.
un bico.

Anonyme a dit…

Que festa tan divertida! Esmar é dende logo ben asutadizo. Seguesme a engaiolar cos teus relatos.
Oerius

Anonyme a dit…

Que continúe a festa, espero ir a esa festa cando salga desta cárcere, xa que penso que o castigo que tiven foi suficiente. Agora virán os sorrisos e as alegrias,¡ven o verán!. Bicos.

Anonyme a dit…

As festas son rituais de amizade. Nunha festa convocada por unha deliberante é lóxico que se susciten debates, polémicas. Paréceme que ós híbridos apaixóalles a tertulia quente. Se tras a palabra máxica todo volve á normalidade, benvida sexa a capa lapislázuli. ¿Gobertrand non se cansará ás veces do peso das capas? Moita responsabilidade depositan nel os híbridos, ¿non?.
Unha aperta azul.
NTLV.

Anonyme a dit…

benvidos todos.
Ao Neno C.: de seguro Asor compartiría cun poeta coma ti esa receita. Estos días pasareime polo teu blog de poesía en estado puro.
Un bico.
A Rifo: cando queiras podes pasar por esta recepción asorita da que sempre es parte aínda que non esteas. Un bico
A Oreius: Esmar é tan tan bo que non concibe a maldade. Nen sequera en pequenas proporcións. Lóxico. Pero como todo cabaleiro acaba perdendo rápido ese nerviosismo.
A NTLVT: Benvido por primeira vez a este valdeorosa. Gobertrand leva moito peso de capas enriba pero alguén ten que portar o peso do poder. El é o indicado, o elexido, o que veu da luz. Non podería ser doutro xeito. Un bico forte para ti AMIGO.
mANUEL: Está a chegar o día no que sairás dese cárcere, como ti dis e eu estarei esperando para compartir mesa e café contigo. GUAPO.(valdeorosa-rosa)

Son Unha Xoaniña a dit…

Parece que circula por todos os blogs,o cuestionario de Proust, a min mandoumo torredebabel, i eu mándocho a ti, se te apetece podes contestalo.
Un bico.

Anonyme a dit…

Anoto: Xaracax. Nunca está de máis ter a man unha boa palabra máxica nos tempos que corren.

Anonyme a dit…

Grazas a rifo. a ver se teño tempo.
Benvida doutora. esta palabra dará bo resultado. Seguro(valdeorosa-rosa)

nhusko a dit…

Tamén eu anoto: Sennar. Por ter un amigo con quen partillar se me coincide algunha festa...

Anonyme a dit…

Realismo máxico-extraterreal en estado puro. Apliquemos todo o que dis a este cárcere que chamamos mundo. Bicos, Rosa dos vales ;-)
Moralla

Anonyme a dit…

Hola e benvidos Moralla e Nhusko.
Sennar é un bo compañeiro co que falar. Asor está moi entretida falando con el e como resulta que un pouco testán pois a conversa está sempre moi apaixoante.
Moralla moralla moralla... Este mundo de Asor é un mundo alternativo no que a deliberante pasa ratiños fantásticos. Non ten nin idea do cárcere no que habitamos todos. Bicos e noraboa polo teu post. (valdeorosa-rosa)

nhusko a dit…

E ese michiño cando está un pouco pasado co linxel no garda as rabuñas e se deixa mecar na barriguiña peluda coa ollada entreaberta?

Anonyme a dit…

Pois si. Deixa que o acariñen e ponse moi meloso. Digamos que perde as ganas do debate e busca a proximidade. É un supergato.Un bico nhusko.(valdeorosa-rosa)

A Raíña Vermella a dit…

Ata o de agora Asor semellaba tan seria e espiritual que dubidaba de que fixese festas, pero alégrome de que sexa así. Ás veces está ben abandonar un pouco a trascendencia por algo de diversión:)

Anonyme a dit…

Maxestade: Sexa vostede benvida de novo por estes lares. Asor leva celebrando festas e asistindo a elas moito tempo. Claro que sí. A deliberante indícame que lle diga vostede é tamén unha muller poliédrica, chea de matices e iso faina moi interesante. Un bico e alegrámonos de que nos visite. Xa nos faltaba...(valdeorosa-rosa)