mardi, janvier 27, 2009

AMOR, ODIO, MALICIA…

Malicia, intención solapada, normalmente maligna ou picante, con que se di e se fai algo, ou tamén, interpretación sinistra e maliciosa, propensión a pensar mal. Estas son dúas das principais acepcións desta palabra que, intuitivamente, identificamos co veleno e talvez, porque non, coa envexa. Até aquí parece claro, mais, o asunto é soportala, tela preto e non ceder, non deixarse caer polos rueiros tortos e picudos da carraxe e impotencia que sentimos. Na poesía, a carraxe ten o aspecto da lixivia, entra nas adentras e queima todo, asolaga o corazón tanto e tan profundamente que axiña envolve os versos nun poema iracundo, de linguaxe abrupta e incómoda. Daquela, porque non falar do amor, do aroma e do sabor docísimo das caricias? Estaría ben como terapia, manter unha actitude de evasión, construír pontes sobre todo o que é podre e feo e camiñar sobrevoando as lousas dos tellados como se o que sucede ao noso redor non nos importase, coma se non fose con nós. O caso é que o amor, ese sentimento que engaiola a alma de dentro, a verdadeira, limita coa xenreira polos lados. É indiscutíbel. Dicía un amigo meu, e canta razón levaba, que dous que comen da mesma culler poden perfectamente rematar un bo día distanciados. Entón, porque existe, ás veces, ese prexuízo rancio de considerar que falar de amor é máis acaído para a poesía que retratar unha dor colectiva e denunciala se, ao fin e ao cabo, todo está intimamente realacionado? Porque ser enfant ou femme terrible pode levar a algúns asociar isto coa infelicidade do creador/a en cuestión? Acaso na defensa das ideas non existe un inmenso amor acochado, latexando mecánicamente? Eu creo que si. Porén, o mundo dos prexuízos é sempre un lugar absurdo favorecido pola ignorancia e a frustración sentida ante a propia incapacidade de gustar ou convencer. Por todo isto, penso que a malicia agroma nos espíritos inseguros, os que non teñen confianza en si mesmos e, no canto de aprender dos que si a teñen ou que polo menos iso intentan, transforman a seguridade persoal do que está en fronte nunha suposta conciencia de superioridade moral ou intelectual que unicamente existe na súa imaxinación e, a imaxinación, xa saben, ten efectos máxicos que mal empregados poden ser devastadores. Pensen en Otelo, tan feliz el até que o alférez Yago, tremendamente insidioso e envexoso, mételle na cabeza que Desdémona lle puña os cornos con Cassio. Nese intre, a flor da malicia comeza a tecer o seu pano na mente do esposo até que ese amor sinceiro deriva nun odio intenso cun desenlace fatal. De desenlaces fatais e de rupturas saben moito os que algún día amaron e, seguramente, estarán de acordo comigo en que a malicia e a inseguridade, nunha alta porcentaxe dos casos, tivo moito que ver con ese triste final. Para eles, recupero o consello de Ovidio, distánciense vostedes, collan perspectiva. A perspectiva devolve o sentido común e, se cadra, con moita, moitísima sorte, ese obxecto de amor esquecido, agora borrado pola carraxe, a lixivia e tantos outros elementos malignos porque odio e amor están cosidos co mesmo fío. Polo tanto, tendo en conta isto, creo que podo dicir que cando un ou unha poeta deixan entrever unha voz furibunda, non cabe dúbida, dalgún xeito están a falar de amor.




VELAIQUÍ AS IMAXES DO AMOR:
















5 commentaires:

Chousa da Alcandra a dit…

Profunda e sentida reflexión.
Como será posible que unha palabra -malicia- que tan gratificante tonalidade sonora me evoca, poda simultanear tanta revirivolteada maldade?

Anonyme a dit…

Cara Rosa:
Propoño o combate firme, honesto e coherente, coa carraxe toda no duro cotiá deste mundo, tomando folgos dos afectos que fan soportábel a realidade do compromiso e o combate. Toda revolución ten que ser feita necesariamente con moito sentimento, amor... mesmo paixón! nunha cabeza ben asistida de ideas, abofé! Eih! malos tempos para a lírica! Na poesía cabe todo iso porque nós somos todo iso, sexa cal sexa a expresión por cada quen elixida. Seica poesía é todo e máis aínda. Non te amargures, miña amiga, e deixa espazo para unha aperta en pleno combate ;-) Bicos
L'important c'est la Rose
c'est la rose c'est la rose
- ROSA DO DESERTO -
“Rosa do deserto, atopar querías con que ferirnos, máis, coma o segredo que vai ceibarse, inclinábaste i era fermosa a orde que aceptaches dar i era o sorriso coma unha espada alerta. O ascenso do teu ceo animaba o universo, da túa espiña arrincábase o designio do camiño, o noso pulo insinuábase espido a posuírche, era doado o mundo, un simple latexo.”

(Yorgos Seferis)

rosa enriquez a dit…

Ola Chousa. Vémonos en facebook, en blogspot... Haberá que verse en AntAs de UllA e probar ese mAteriAl gozoso que tedes(fAlo do queixo e mAis do pAn) e rir moito!!
Sigo co das fotos.
Unha aperta:)))

Alfonso Láuzara, levas moita razón, l'important c'est la rose. A luita é dura e difícil mais o poema é a espada, a espiña, a rosa toda. E o poema di: Adiante! E se o poema di, como mostrarse indiferente? Cando os poemas falan é porque están tristes, ledos, avultados ou lisos, é porque teñen vida propia e non están enfermos de mentira e impostura. Que mo dixo a min un poema onte polo serán:))
Bicos.

Nelson a dit…

Amor e odio estão muitas vezes ligados por um mesmo fio condutor num equilibrio de forçar que temos de saber gerir. Prefiro olhar para o lado do amor e dar-lhe a importância que deve ter, enquanto que o lado do ódio prefiro dar-lhe "apenas" atenção.
Sim, atenção para que não passe o limite do potencial e se converta em acções. Para que não abafe os outros nem a mim próprio. Para que não me roube a tranquilidade e paz de espírito.

Torreira a dit…

Benquerida Rosa:levaba moito tempo sen ir de chatos polo blogomillo mais hoxe comprobei que o seu local gaña co paso do tempo e manten o seu selo inconfundible.Non abandoe as trincheiras.Bico e LK