Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
samedi, avril 11, 2009
O REFUXIO
Sigo a buscar o meu refuxio en ti, miña rara flor veluda a agromar cada día do medio dos muros, a abrir a túa casa para min.
Eis o gozo do teu ámbito e a sensación de tocarte que tanto me perturba.
Ámame por dentro e bota o alento de cabalo no meu embigo. Sílvame aí, suave, para que os cadradiños de amor que teño gardados flúan polos condutos internos e note a inmensa fartura de amarte no eixo do corpo. É esa a única maneira de que me coñezas, enterrando a alma intramuros.
Nunca deixarei de quererte, penso.
Hei amarte fondamente como unha pranta verde, vexetal os días pares.
Igual que a mellor carne poética o resto da semana.
Así, serás para sempre o meu animal precioso.
E querereite de amar, de acreditar na túa boca máis que en calquera catecismo cultural.
Ti, que me amas, sabes porque digo isto.Dígoo porque sempre que abrín as mans foi para vivir no conxunto, convencida de que son parte mecánica e sentimental dun crebacabezas inusitado.
Ti
a peza máis importante
a proba definitiva de que existo
porque a morte chega moito despois de irmos.
Exactamente cando a imaxe de nós esmorece.
Inscription à :
Publier les commentaires (Atom)
4 commentaires:
Aqui hai unha man-chea de amor.Bico Rosa
En verdade gustame moito a túa escrita. Bicos
Poema fermosisimo, cheo de amor
Intensamente sutil. Gustoume moito
Enregistrer un commentaire