vendredi, juin 11, 2010

CIDADES DE CRISTAL







CIDADES DE CRISTAL

O campamento humano circula mecanicamente entre os muros/
move as antenas e saúda pero nada poderá liberalos/

acugulados nos andeis botan a cabeza para respirar pero o seu horizonte
é cristal afumado.

De cristal son tamén os ollos que nos miran e as vitrinas grandes para vender amor.

Se miras ben/
verás ao redor un mundo translúcido que nos traspasa/
sesenta metros cadrados e a incomodidade dos cables da luz na arañeira
eléctrica e desconcertante.

Todo o universo nun ascensor e ti -que non estás- inzas o corpo polas fendas/ incitándome a amar.
Que tacto que efervescencia íntima/
polo baixo das escaleiras
nas prazas públicas
nos ciclos vitais dos transeúntes…

A cidade e os seus muros
a lene pausa morna do serán
ti no meu centro/
o home de cristal…

Vxte lgo. Chgo en dz mnuts.

(Unha cabina telefónica desaparece cada cinco minutos)
Raramente chegan as mensaxes/
a cobertura emocional é sempre cero.

Equidistantes.
Atrapallados nun paso de peóns as almas de cristal carecen de busola.
Hai caras que nunca esqueceremos por moito tempo que pase.

Atsco. Trdo Kince mnuts. Agarda mllor no crce.

O tempo transcorre mentres corres/
non corras se queres chegar.

De cristal, o teu corazón é un poema de cristal…

Humanos e humanas
no alambique
a fluír a mergullarse.
Todo o que se ve son sombras.

ROSA ENRÍQUEZ




,

3 commentaires:

Chousa da Alcandra a dit…

Gustoume tanto, que so podías superalo se, en troques de alambique, escolleras unha alquitara.
(E que son moi fan de Portomarín e alí vense con malos ollos aqueles)

bks d ants xra ti

Antón Mixiriqueiro a dit…

Fantástico unha vez máis... parabéns !!

Son Unha Xoaniña a dit…

Gustoume moitísimo.
Estou un pouco afastada deste mundo virtual porque levo dous meses co ordenador en coidados intensivos.
Bicos.