mercredi, octobre 13, 2010

ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN"



DOMESTICACIÓN

A pobreza deixa de ser algo continxente para derivar nunha realidade ben triste que invade o social. Que o condiciona. Existen, para entendérmonos, dous tipos de pobreza, ambas non continxentes. A máis coñecida vén determinada pola carencia de recursos económicos que provocan esa ruínosa convivencia coa necesidade da que non nos gusta falar. Xente tirada. Colgada. O lumpen da socialdemocracia que habita, paradoxalmente, nos caixeiros automáticos, de tal xeito que, mentres as vítimas do neoliberalismo dormen enriba dun cartón, esas bocas metálicas botan cartos para nós. Así de obsceno. Así de cruel. Esa é a pobreza primeira, non continxente e reveladora de que vivimos ancorados nun sistema fracasado que racha por todas partes.

Porén, o peor de todo, é que a crise non é tan só unha consecuencia da política neoliberal, mais un modo de nos gobernar que alterna períodos de euforia económica con devastadoras etapas de disforia nas que, non nos enganemos, as vítimas son as mesmas de sempre. As/os traballadora/es. Por iso, recoñecer que todo se repite, ao aceptarmos modos de xestión política económica ineficaces, non constitúe un descubrimento. Abofé que non, mais si unha constatación que deixa entrever a necesidade dun estudo a fondo da estrutura e as súas capas.

No entanto, que nos falla a conciencia é un asunto que, de empregarmos a terminoloxía católica benpensante, resulta pecaminoso. É esa a pobreza segunda que, de sermos rigorosas/os, poderiamos situar nun primeiro plano: a do pensamento feble, escaso e ruín. A case total ausencia de criterio político para visibilizarmos a violencia que recae sobre todas esas persoas que non teñen un peso para alimentaren as/os fillas/os. Por esa razón, a domesticación do animal humano é a política da insolidariedade inoculada a base de meritocracia, aquiescencia non continxente e, por ende, do empoderamento. Mentres isto sucede, poderemos comprobar como cada día que vivimos se parece máis ao anterior e todo vira extrañamente gris, tal é a color da indiferenza.

Aucun commentaire: