
Que febril incomodo medrou no ventre das baleas que vivían dentro dela, que encantamento marabilloso, que loita de alfinetes batendo nas paredes íntimas... Sen máis dilación, Eliodora Rabadilla, a das carnes apretadas e cabelos contra o vento, mirou cara ás árbores que tiña detrás e puido ver ao gran Príncipe da Lagoa, un mozo duns vintetantos anos, gallardo mancebo con ollos verdecentes e longas pernas. Metéronse un dentro da outra alí mesmo, enriba da herba, sofocados pola temperatura dos corpos enfrontados e construíron unha soa e única fortaleza por medio da máis feble das promesas, a do amor. Xurar amor cando o que temos é unha calor inaudita asolagando todos os tabiques é a máis hipócrita das actitudes humanas, un exercicio amatorio pueril e pouco serio. Porén eles non o sabían. Non eran conscientes da diferencia e xogaban a amarse entre beixos latexando linguas axitadas, fuxidías, buscando o pracer máximo, o Grial místico da consciencia agochado nas profundidades...
Ao cabo dun par de días os amantes entregaron as promesas de amor diante de todos os habitantes da corte. O rei Rabadilla deu a súa aprobación e os esponsais remataron nunha festa dionisíaca de sexo e comida ata fartar.
As primieras semanas todo parecía normal pero ao chegar ao mes Eliodora empezou a estar cansa do príncipe. Algo incríbel estaba a suceder: o mozo sufría unha estraña metamorfose, estaba a transformarse nun animal viscoso, verde e noxento, algo parecido a unha ra xigantesca¡¡ Eliodora berraba:"Porque, porque ?" Unha voz lle respostou" POR NON MIRAR BEN, POR NON ESTAR ATENTA"
O príncipe Rabadilla non sabía facer nada: nin fregar, nin planchar, nin dar conversación... Para que, diredes vós, non é un príncipe e ela unha princesa? Pois para todo porque na corte do rei Rabadilla para amar ben hai que fundirse por completo e demostrar as capacidades domésticas e de salón cada día xa que o pobo estaba a piques de derrubar o castelo e instaurar unha República.Conviña prepararse...
Velaiquí tedes o conto do príncipe máis torpe que se puido atopar nunha corte e eu volo conto como o sinto, presentándovos a unha especie de inútil, e non minto.