jeudi, octobre 04, 2007

HISTORIAS BREVES; RADICALIDADE

Si, vivo nun edénico paraíso vexetal rodeada de laranxas, arandos e cogomelos entre outros froitos que a natureza ten a ben proporcionarme para o meu alimento. Aquí son feliz, ben metida na terra, entre o humus do que escoito cada palabra como unha auténtica aprendiza, para non esquecer a miña PROCEDENCIA. Por iso direi de min que si, que son radical porque habito na raíz que me envolve no seu van abrazando cada parte da miña árbore caída, para que non vaia tan abaixo do fondo e me perda... E digo máis, digo que me retorzo e digo ben porque tomei a forma das polas deste mato pequeno que son, ergueito e torto a un tempo. Ouh¡ Cantas veces quixeron afastarme de ti, raíz grande e profunda¡ Tantas como días levo vividos nese sitio estraño onde o gris mediocre estala nos tabiques destripándome cada vez que caïo nese erro tan repetido de ousar meterme nas cabezas que só saben ler nas tapas dos libros¡ Mira que son analfabeta e non aprendo nunca, porque non poderei dicir que non mo avisaron veces: non vaias por corredoiras tan estreitas que non cabe a liberdade... Así que por tal motivo vivo aquí, en Terra de Ningures, onde non se oe máis murmurio co das follas precipitándose no chan, onde o límite racha cada día avergoñado, víctima da súa ignorancia.
E para que vos fagades unha idea desta fatiga que sinto ante as herbas que me afogan, direivos que son unha emigrante perpetua, unha fuxitiva, porque non gosto desa conciencia estirada como unha liña fina, como unha tea sutil e aceitosa que se pega a pel e nos mancha e nos manca e nos desborda polo tránsito abisal e descoñecido do egoísmo. Porén, estou a salvo pois achóme rodeada de margaridas e caraveis dos que cada día xorde unha enorme enerxía vital que arrastra e domina, e xa non desexo prescindir da súa voluptuosidade irredenta sobre min. Quero vivir así, exiliada, sen ese cheiro rancio asfixiándome e, certamente, non me preocupa a distancia. Non sinto nada, ningunha mágoa, nada en absoluto que non sexa o alivio de estar fóra, sempre fóra...
(RADICAL PROCEDE DE RADICEM: RAÍZ
PERTENCEN A ESTA FAMILIA LÉXICA OUTRAS COMO: arraigar, raigambre, arraigo, enraízar, radicación...)

samedi, septembre 29, 2007

HISTORIAS BREVES: SOZUMI TINAMÉ

Hai lugares onde non existe a calma. Son sitios perdidos no medio da metralla nos que xa non é posible a tristura porque o medo ocupa demasiado espacio. Suzumi Tinamé tivo a mala sorte de nacer alí pero el non o sabe. Descoñece que detrás das montañas de Zanaï os rapaces non queren comer verduras porque prefiren a pasta ou as hamburguesas. El se alimenta con pouca cousa e endexamais levou á boca un caramelo. Non espera nada pois a palabra esperanza non ten sentido para el. Hai uns días recibiu o seu primeiro agasallo: unha metralleta enorme.
Agora lévaa colgada enriba todos os días. Con este regalo Sozumi soubo que xa non era un neno. En Zanaï, a infancia ten unha duración de oito ou nove anos e ninguén protesta. É máis, coma todos os rapaces do lugar, ao abrir o paquete e ver a metralleta sorriu contento porque chegara o tempo de matar, de ir á guerra para defender ao seu pobo. Matar para el era un orgullo, alomenos así llo aprendera Nonju, o seu avó, trala morte do seu pai.
Quince días andivo Sozumi coa arma ao lombo feito un homiño, esgotado de tanto e tanto camiñar entre as montañas, agochado coma un ourizo. Pesaba tanto a metralleta¡ Porén, unha mañá escoitou un estoupido enorme, como cando todos aqueles homes brancos andaban nas covas traballando duro para coller uns cristais de cores brillantes polos que toleaban... Pouco despois sentiu unha dor intensa na perna dereita. Estaba partida e sangraba moito. Comezou a chorar pero non atopou consuelo. Buscou nervioso a metade da perna perdida pero estaba demasiado lonxe, a tres metros máis ou menos e non tiña folgos para chegar ata ela. Quería gardala con el e levala para a súa palloza. Se cadra Imaxinou que o médico aquel de pelo vermello podería pegarlla... Non puido ser así pero Sozumi Tinamé non quería crelo. El seguiu esperando moitos anos co anaco de perna perdida apodrecendo dentro da súa casa ... Ese foi o seu único soño na vida.

lundi, septembre 24, 2007

HISTORIAS BREVES: O BARCO DE CAROLA

No país de Carola Smith existía un mar inmenso, como unha gran saba trasnparente estendida baixo aquel ceo gris e metálico que cubría todo. Era o mar de Carola Smith, a súa grande casa líquida onde verquer anhelos sen medo de perderse neles, orfa e desorientada como estaba. Carola Smih tiña sete anos cando levou a cabo a súa primeira gran viaxe: unha traxectoria inaudita ao londo daquelas augas salgadas cara un universo de titáns e magnolias, algo así como un sitio no que hibernar igual que un animal pois esa era a maneira que ela tiña de espallar a consciencia e liberarse.
Para o seu periplo construiu un barquiño pequeno feito todo de papel. Despois de moito cavilar nun nome para a nau, decidiu chamarlle Memorie.
O Memorie saiu das costas daquel país estrañísimo unha noite de novembro cun só paxaxeiro, Carola Smith. Que grande viaxe fixeron e cantos paraxes descubriron... Unha rexión de peixes alongados cunha cola enorme, de tres metros aproximadamente, tigres de dúas cabezas e un exército de camelios cargados de metralla vexetal. E todo a unha velocidade extrema, exactamente de tres mil quilómetros por segundo. Parecía incrible poder visitar lugares tan remotos en tan pouco tempo pero nada era imposible para Carola e o seu barquiño de papel conque navegaron e navegaron no medio da tormenta reisitindo sempre á furia das augas salvaxes e rotundas. A xove viaxeira mailo seu barco eran como reises poderosos, triunfantes mariños, marabillosos paxaros voadores. Pode resultar raro pero así era Carola Smith e o seu mundo cimentado de posibilidades, a súa morada aberta, e, como sucede case sempre, a viaxe chegou ao seu fin, un punto definitorio e revelador que máis lle valera non ter decuberto porque tanto para Carola como para o súa barca supuso un tránsito tráxico, despiadado e cruel que os deixaría na beira dun lugar común, sen animais xigantescos nin monstros depredadores. Si, Carola Smith voltara a un mar como todos os mares, grande e azul, no que o barquiño, outrora máxico e forte, virou pequeno, practicamente minúsculo ate desparecer. Carola non quixo marchar dalí en moito tempo, tanto que non o creriades... Cecais ansiaba un renascemento ou un oasis no medio da auga, mais, endexamais sucedeu nada. Na superficie só quedaban restos dun papel mollado, derretido e triste. Realmente, con todo o que pasara, podía esperar algo aínda Carola?

samedi, septembre 15, 2007

HISTORIAS BREVES: A FELICIDADE


Nancy chegou á casa de Martina alá polos anos setenta. Levaba posta unha camiseta a raias e un pantalón azul de tergal que abría nos pés ao xeito dunha enorme campana. É o que se leva, dixo a súa tía de Barcelona, e se ela o dicía debía de ser verdade, pensou a nena , porque a tía sabía todo niso da moda. Vaia que a modernidade de Nancy era algo incuestionable. Sen dubidalo colleu satisfeita a boneca nas mans e comezou ese longo periplo interno cara ás marabillas dun mundo fantástico e irreal xerado no seu maxín como unha especie de pequeno teatro no que a felicidade tiña o papel principal. Por imaxinar, imaxinou un castelo de torres estirando a cabeza cara ao ceo, un xardín cheo de camelios cunha orquídea xigante no centro e unha muller de tres cabezas que falaban sen parar. Tanto xogou Martina á felicidade que chegou a pensar que podería acadar ese estado e mesmo mantelo como algo propio, intrínseco e secreto. Co paso dos anos, Nancy foise deteriorando: Martina cortoulle de máis o pelo, pintoulle en exceso os ollos e, claro, a pobre da boneca virou nalgo totalmente diferente. Atrás quedaron os tempos das andanzas pola casa, atrás as cancións ... Un bo día Nancy deixou de falar. Se coñece que xa non tiña moito máis que dicir ou cecais intuiu a distancia da nena, máis interesada noutros asuntos. Que máis ten? O caso é que Nancy, a boneca máis querida, ficou muda, coa mirada triste e quieta como unha santiña enriba do andel da habitación. Martina medrara, virara alta, máis por dentro que por fóra, e xa non quería xogar. A felicidade non estaba onde ela cría, naquel xardín de camelios inventados, cheos de príncipes azul turquesa. Tampouco no artificio das torres tirando ao ceo. Non, a felicidade debía estar noutro sitio. Pero onde?


lundi, septembre 10, 2007

BLOGOMERÓN: A MULLER DE NEVE

Preséntome: Son o anano Simenón das terras de Xarial, situadas nun recuncho metidiño nas montañas, á beira do río. Fun elexido Guerreiro de 1ª Orde polo maxestuoso Señor da Montaña e dende entón levo un vida axitada, sempre en movemento. Non me queixo porque era o que eu quería dende pequeno... Quero dicir dende neno xa que pequeno sereino sempre, coma todos os da miña raza. Eu debo ser dos máis altos. Mido exactamente un metro e dez centímetros, isto facilitoume a entrada no mellor corpo de guerreiros e, claro, síntome moi orgulloso. Estou casado con Nanasar, unha das ananas máis fermosas do meu pobo, Anamark. Agora mesmo ela está esperando un neno, así que nun par de meses serei pai por primeira vez. Supoño que así , polo meu nome a secas, Simenón, ninguén saberá quen son pero... Se vos digo que eu fun quen lle prestou a carreta a Lancelot, como se vos queda o corpo? Si, eu fun quen lle deixou a famosa carreta que inxustamente podería desprestixialo por ser dun anano. Sobre este asunto tería eu e todos os ananos ballesteros de Anamark moito que dicir. Porque vamos a ver, que culpa temos nós de ter cargos pouco prestixiosos, como levar nunha carreta aos condeados? Ningunha. É o que nos ofrecen pola nosa condición de pequenos e nada puidemos facer a ese respecto polo de agora debido ao medo que lle temos ao Señor da Montaña. Porén as cousas cambiaron moito nos últimos tempos dende que Sisibel acadou o posto de Anana Maior. Esta muller puxo as cousas no seu sitio, nada de superioridades ridículas derivadas da estatura e nada de traballos vexatorios como consecuencia deste aspecto que tanta hilaridade provocamos polas nosas pernas tortas. Sisibel plantoulle cara ao Señor da Montaña e dende aquela tamén podemos ser guerreiros, adicarnos ás artes e as letras ou simplemente seguir facendo o que facemos: rexentar granxas de ratos destinados ao consumo dos reises e raíñas da rexión.

No pasado mes de xaneiro tiven que realizar unha viaxe longa cara a terra das minas para investigar un asasinato moi estraño: o dunha rapaza fermosísima e branca coma a neve, que apareceu morta enriba das camas dos setes ananos cos que cohabitaba. O caso tiña pinta de crime pasional pero as cousas non sempre son o que parecen ... Ou si?

Ao chegar repasei a lista de familiares e coñecidos e todo parecía apuntar cara a madrastra...

Segundo confirmou o forense, a autopsia indicaba que a muller de neve fora envelenada cunha mazá redonda coma unha pelota mais quen lle dera tal froito á rapaza? Pensamos en tres persoas:

A madrastra, o anano machista e unha bruxa que andaba polos bosques. A seguinte pregunta que nos faciamos era porque, é dicir, desexabamos averiguar o mobil deste crime retorcido e escuro.

O máis fácil, por suposto, era pensar que foi a madrastra, unha muller envexoxa da beleza incomparable da muller de neve pero non foi así. Contóvolo rapidiño para que non vos metan máis cousas raras na cabeza ao respecto de Brancaneves. Aí vai:

Brancaneves chegou a casiña dos ananos e en cuetión dun par de semanas revolucionou a casa toda: metéuselle nas súas cousas, estrampou o ferro de pasar e colleu cartos do peto do anano máis pequeniño para mercar vestidos cos que pasear polos xardíns do castelo . Neses paseos deu con Tristadora, unha dama da corte, a quen lle confiou o desexo de entablar relacións co príncipe Carolus. Tristadora presentoullo pero ocultoulle algo moi importante: Carolus tiña apetencias íntimas diferentes ás de Brancaneves pero non confesables nesta época medieval de fervor relixioxo e predominio do concepto do pecado... Casaron mais non tiveron fillos. Imposible se non daban consumado... Logo chegou a separación e a volta á convivencia cos mineiros pequeniños. Estes comentaron que Brancaneves comportábase dun xeito raro pois sempre andaba pola casa como retorcéndose. Cando os collimos un a un foron cantando: A muller de neve era unha comeananos, matábaos, logo deitaba con eles e finalmente comíaos. Os sete entrevistados confesaron ter coñecementos destas tendencias necrófilas da morta e nos seus rostos puidemos intuír unha cólera enferma que os devoraba.

Si señor, a Brancaneves matárona os ananos. Isto enfadoume moito porque xusto cando a nosa condición de ananos comenzaba a ser repectada van eles e se cargan a Brancaneves... Vaia cos ananos. Ben pois esta é a historia desta muller branca coma neve, fermosa coma unha mazá fresca e viciosa ata o máis profundo das adentras. O consello? Si, claro:

Sempre haberá quen desfaga o camiño que nos levou tanto esforzo e tanto tempo máis quen tira seguidiño todo dereito non leva máis que sono e paz íntima ao leito.

samedi, septembre 01, 2007

BLOGOMERÓN: INTACTA

(Retrato de Aurora antes e despois do sono)
Aurora, así me puxeron cando nacín, un fermoso día de principios de outono, xusto cando as follas das árbores comezaban a caer. A caída da folla foi coma un prexaxio dunha caída persoal que unicamente ía comezar ao me poñer ese nome tan gris, cacofónico e incómodo de pronunciar, un pouco coma min, que son tamén dada ás complicacións. Pois ben, como dicía, nese día fatídico, a miña fada madriña, afeizoada á maxia, sentou no salón do palacio cos meus pais e non se lle ocorreu outra cousa que facer vaticinios e dar consellos que ninguén lle pedira. Haiche moita xente así, que gosta de opinar gratuitamente . Eu creo que este mal tan estendido debe ser causado por carencias afectivas na infancia que suscitan un desexo de facerse notar, como para sentirse presentes nos corazóns alleos. Tolerías emocionais en todo caso que dalgún modo estaban a provocar na miña fada madriña unha locuacidade compulsiva en relación co desastre. Vaia, que parecía que se propuxera aguarlle a festa a todos os presentes nun día que debería ter sido glorioso pois eu era a primeira filla dos meus pais tras uns dez anos de conatos de embarazo. No que a predicción se refire, a voz desta estúpida fada madriña que teño sonou ultraterreal( ideal para prediccións catastróficas), suliñada por unha chea de significantes que máis ou menos daban como resultado a mensaxe seguinte: A VOSA FILLA PINCHARÁSE CUN ALFINETE DOURADO E CAERÁ NUN SONO PROFUNDO QUE DURARÁ CEN ANOS. UNICAMENTE ESPERTARÁ SE UN PRÍNCIPE FERMOSÍSIMO DECIDE BICALA NOS PES.




Que che parece? Será filla de puta? Cen anos durmindo e esperando un principiño plasta e cursi cando eu o que desexaría é que viñese a fada do lago, unha tipa loira moi atractiva cuns beizos vermellos marabillosos... E para rematar de fastidiar a cousa o alambicado prícipiño tería que bicarme nos pes que os teño cheos de xoanetes... Levábaa clara. A min nos pes non che me bicou endexamais ninguén nin creo que o fagan nunca. Ao ir medrando, a ameaza do sono pesaba sobre min como unha espada de Damocles así que, para evitar caer rendida no leito como unha parva, decidín tomar precoaucións: en primeiro lugar fíxenme cunhas herbas que estaban nos aposentos da miña nai e grazas a elas mantiven o estado de alerta día e noite, para non pincharme e gañar tempo porque iso de durmir cen anos calquera o resiste pois o máis probable é que morrera sen enterarme de nada. Un par de semanas despois de tomar as herbas famosas decidín porme en contacto coa FADAQUENDEXAMAISREMATA , unha experta no contorno facial, estiramentos da pel e masaxes corporais. Tiña que estar lista para o peor, o sedentarismo provocaríame esa pel de laranxa horrible que ten Brancaneves por estar como morta sen moverse ata que chegou o príncipe... Non ,non non. Eu debía evitar todo iso. Son coñecida como a Bela Durminte¡ Como ía estar fea? Sen pensalo nin un minuto puxen en marcha todo un sistema de ventas por catálogo con pergamiños do mellorciño mailos debuxos dun xoglar que temos na corte, Edelmiro Leviatán. Ao cabo dunhas semanas recibín ás agochadas dos chambeláns unha ducia de compradores que viñan todos vestidos de sacerdotes. Eu dicía que buscaba un confesor ideal que me dera repouso e paz espiritual para os meus cen anos durmindo. Colou sen problema e puiden vendelo todo: as mazairas do meu avó, o xardín das marabillas e o val enteiro, con veciños e todo. Que contenta estaba¡ Contratei un servizo de perruquería, tres masaxistas(dous deles aínda non naceran), catro paquetes de ungüentos para a celulite, algas ao por maior e eu que sei... todas esas cousas que unha sabe que precisa para estar ben. Nada máis. Polo que respecta a absurda da miña fada madriña envieille uns tipos que lle roubaron a variña máxica e xa non pode adiviñar absolutamente nada. Hai xente que é mellor que estea caladiña. Cando chegou o día do pinchazo, a FADAQUENDEXAMAISREMATA díxome: Non esteas preocupada, nestes cen anos terás os sonos felices que contrataches, e todo o frío polar que mercaches encherá o teu aposento. Permanecerás intacta Aurora e non te arrepintas de nada porque ti o mereces ¡ Para iso o paguei lista, pensei eu, e creo que este foi un dos meus últimos pensamentos claros porque ao pouco tempo debínme pinchar co devandito alfinete dourado e adeus consciencia consciente... Todo o tempo que pasei durmida é para min coma unha longa paréntese da que non teño a percepción temporal xusta. Quero dicir que eu sentín, ao espertar, que durmira só unha noite pero xa pasaran ben os cen anos. Fun correndo ao espello e alí estaba, fermosa como unha flor, chea de vitalidade e enerxía. Non envellecera nada¡ Iso si, o príncipe que me bicou nos pes era feísimo, a fada do lago xa non vivía no val e os meus pais e a miña familia desapareceran da face da terra. Porén, aínda quedaba alguén, a miña fada madriña, máis vella que unha uva pasa, fea e torpe, como xa non tiña a variña máxica.... Eu estou soa, sen amigos, nin familia, nin casa... Pero sigo sendo fermosa, radiante coma unha avelaíña. Iso é o que importa.


(A fada madriña cen anos despois na casa da familia coa que vive)



Velaiquí tedes aos seus amigos


Durmir cen anos e facerse vello sucede todo a un tempo, por iso, se vedes un froito fermoso, non o pensedes, collédeo; pero, elexide ben. Non é sempre máis fermoso o que mellor aspecto ten...

samedi, août 04, 2007

ATA LOGO

VOU DESCANSAR UNS DÍAS. VOLVO AXIÑA. UN BICO A TODOS E MOITAS GRAZAS POLAS VOSAS VISITAS.

samedi, juillet 28, 2007

BLOGOMERÓN: PATA FEA

Aquí estou. Enriba da artesa. Pero quen é esa pailaroca que mira seguido. Meu deus¡ Non podo seguir aquí dentro. Vou estoupar¡ Ouh, que fai ? É parva? Se move todo¡ Que mareo. Que vomito. Heille meter o peteiro nas meixelas. Para xa¡ Cuidaaaadooo¡¡¡ Son un ovo¡ Flipante. Pensa que son ... Incríbel, véxoo todo a través deste cárcere. Non respiro. Vou afogar... quen son todos estes? Estou rodando¡ Sinto que vou escaAAAAACCHHHAAAAAAAAAAAAAAAAAARRRRRRRRRRRRRRR¡¡¡
CHASCARRASCHÁS.

Palmira naceu no mes do noso Señor, a carón dunha fonte pequena situada á beira do camiño por onde André paseaba as vacas. Pertencía a unha saga de ánades transhumantes que traballaban nun circo como malabaristas pero ela non sabía nada diso. Palmira era claramente un bebé abandoado. Non atopaba familiares coñecidos por ningures...
Ao cabo duns días chegaron ao Val di Orras un grupo de patos amarelos ben bonitiños, co peteiro limpo e as plumas batendo no ar. Celebraban unha festa.
Jeremy, o máis grande de todos, achegouse a ela e preguntoulle:
-E ti, de quen ves sendo?
Non houbo resposta. Palmira non sabía quen eran os seus pais. Jeremy observouna atentamente con aire de suficiencia e engadiu: - Es ben fea¡ Como te chamas?
-Palmira, dixo algo tímida, podo ir con vós?
Jeremy dixo que sí e levouna cos seus irmáns. Estes nin lle miraron á cara. Cando lles falaba non lle contestaban, como se non falase niguén. Comprendeu entón que non a querían no seu clan. Sería porque era fea? Sería porque non a coñecían? Sería porque eran tontiños de todo? Como non entendía nada e non estaba a gusto, colleu o bolsiño de Zara Animal e marchou para a cidade. Pensou en operarse, reducirse o peteiro ou tinxir a plumaxe. Non o fixo. Vós pensaredes que esta pata se transformará nun cisne fermoso pero estades nun erro. Palmira era unha pata dos pes á cabeza. Así que non cabe esperar un regreso toda chula, rodeada de cisnes¡
Que fixo entón? Meteuse a cantante nun pub do barrio chinés. Alí coñeceu a un can moi simpático que fixo dela toda unha intérprete do Bel Cuácntico. Actuaba todas as noites. O seu espéctaculo acadou moita sona entre os noctámbulos. Pouco a pouco o seu aspecto foi cambiando e convertiuse na pata máis sexi do local polo que era moi demandada como compaña de cans, patos, lobos e demais animais.
Un bo día Jeremy chegou ao bar e tralo espéctaculo quixo deitar con Palmira. Parecíalle tan glamurosa...
Palmira díxolle que esperara un chisco, que tiña que cambiar a plumaxe toda e meteuno coas ocas, un grupo radical feminista de ánades. Elas quitáronlle as plumas e organizaron un festival orxiástico. El berraba coma un tolo pero xa era tarde, as ocas estaban enriba del e metíanlle o peteiro por todas partes. Logo deixárono só, no medio do recinto. Estaba feito polvo. Mallaran nel coma tolas. Palmira compadeceuse e levouno con ela. Cuidouno e deulle de comer. El preguntábase seguido porque lle fixeran iso, porque o trataran tan mal. Sería porque era de fóra? Sería porque non era un ganso? Sería porque eran tontas?

A soberbia, como o desprezo, é un conto xa moi vello. Estade atentos e dádelle sempre ao corazón o mellor alimento.

samedi, juillet 21, 2007

BLOGOMERÓN: OS TRES PORQUIÑOS

(Lucho, Xoán e Troulón, fotografía tomada nos anos sesenta no festival infantil de fin de curso:Porcallada )

Alá polos anos setenta a familia Boullona vivía nunha casa de pedra no medio do monte, a poucos quilómetros de Pireira, unha cidade enorme. Nela vivían papá Boullón, mamá Boullona e os tres pequenos Boullóns: Lucho, Xoán e Troulón.

Eran felices xuntos, garantízovolo. O problema comezou cando Lucho, o máis astuto, tomou a decisión de independizarse. Pretendía mercar un apartamento de solteiro no que levar á porquiña Trini, a súa moza.Mamá Boullona e papá Boullón levaron un bo disgusto pero o drama da separación familiar só acababa de comezar porque os outros dous irmáns, Xoán e Troulón, tamén decidiron marchar. Querían ser libres, non dar explicacións a ninguén e facer da súa vida o que lles petase. Tras varias semanas de busca impenitente partiron un sábado pola mañá.

Lucho atopou un piso céntrico de cor vermella moi chuliño e Xoán e Troulón mercaron un a medias na Rúa dos Porcos, a carón da igrexa. Todo transcurriu con normalidade durante as catro primeiras semanas pois sentíanse moi satisfeitos da súa adquisición. O problema comezou coa festa de inauguración que Lucho e maila súa moza deron no seu piso. Invitaron a moita xente e entre os invitados coouse Xenxo, un lobo macarra de todo. No medio da festa o tal Xenxo colleu á Trini e levouna ao baño, para meterse unhas raias, dixo. Trini era unha porca con moito vicio e ao lobo non lle costou moito convencela. Xa no interior foille ao morro con todo descaro e meteulle a lingua ata o fondo da gorxa. A Trini bruaba como unha tola, ben contentiña pero, cando xa estaba a piques de acadar o éxtase... Bum, zampouna. Só quedaron os restos do vestido rachado e as unllas dos pes. Cando Lucho caiu na conta de que Trini estaba desaparecida buscouna por toda a casa ata que chegou ao baño e comprendeu todo. Inmediatamente pensou en avisar aos seus irmáns pero estes xa estaban no balcón probando as pirulas que lles ofrecía Xenxo e, antes de que puidese evitalo, Luchiño viu como o Lobo e Caperuchiña arratraban os cadáveres polo corredor. O noso porquiño berraba deseperado cunha dor afiada no peito que o asfixiaba. Despois ficou en silencio, espantado. Ninguén facía nada, todos os invitados rían indiferentes.
Entón Lucho lembrou aquel western que tanto lle gustara, " Inferno de covardes", e como Clint Eastwood, agarrou o látego que Trini gardaba no armario da habitación e bateu no lobo cunha forza inusitada. "Sofre mamón, devólveme a miña moza¡" O resto dos invitados cantaron con el "ou te revolverás entre o pó dun pica-pica". Xenxo non parecía resistirse, é máis, gustáballe. Sobre todo se Caperuchiña vermella estaba diante, como así era. Imaxinade a escena: Lucho desfeito, Trini no bandullo, Caperuchiña drogada perdida e os convidados facendo o coro... Unha situación do máis absurdo, como vedes. O noso amiguiño choraba coma un tolo e, cando xa daba todo por perdido, o sanguinario e masoquista a un tempo vomitou botando á Trini fóra da boca. Si señor este conto ten final feliz... ou non. Non sei, non estou moi segura de se o consideraredes así xa que Trini marchou correndo da casa con Caperuchiña Vermella e abandoou ao pobre do Lucho. O porqué?... Imaxinádelo vós.

Velaiquí outra historia dos tres porquiños, contádea polos camiños

vendredi, juillet 13, 2007

BLOGOMERÓN: TACIÑA DE PRATA

Aquí tedes a entrada á vivenda de Taciña de Prata. Está situada nas Montañas de Vermellona, ao sur do Gran Río Eliofermes. Pertence á familia das Prata, toda unha saga de limpadoras instalada nesta especie de recuncho natural destinado ao naturismo. Na actualidade é un museo no que figuran expostos os distintos productos de limpeza empregados ao longo da historia. Pero coñezámos mellor a historia desta cova e da súa última habitante .




Veredes, nos tempos do Gran Asedio, as lindísimas damas da corte Do Rei Elionardo fuxiron cara ao monte para protexer a súa integridade física, xa me entendedes. Non é o caso dicilo todo aquí. Ben, pois entre todas estas nobles había unha especialmente fermosa: Giovannellla, con tres eles. Si si con tres eles. Supoño que lle puxeron así porque nacera con tres pernas. Eu que sei, o caso é que esta rapaza instalouse nesta cova da montaña para ocultarse e sobrevivir. Os Guerreiros do Asedio foron marchando pouco a pouco pero durante todo o tempo que permaneceron no castelo do soberano Elionardo, Giovannellla con tres eles viviu como unha anacoreta, soa, triste. Naquel espacio reducido estaba todo suxo así que a moza comezou a limpar. Fregaba día e noite como unha posesa, era como se unha especie de Xenio do Mistol Verde se lle aparecera en soños e lle atribuíra o don do esplendor doméstico Foron anos moi duros. Especialmente porque ninguén a axudaba. Moitas veces asomaba o corpo fóra e falaba coas árbores e os paxaros establecendo con eles unha epecie de simbiose íntima e secreta pero nada conseguía calmar esa dor. Detestaba esa vida tediosa e repetitiva. Sempre o mesmo. Igual todos os días: varrer, fregar, sacudir o pó... E aínda por riba tiña tres vagalumes psicóticos cantándolle aquelo de " Así limpaba así así, así limpaba así así. Así limpaba que eu a vin". Nese estado de cousas Givannellla con tres eles xa perdera toda esperanza ata que unha noite pareceu o Xenio da cova. Si, neste conto o Xenio non chega nunha lámpara nin nada diso. Aparece porque si, porque lle peta, no medio do pó. Era o Xenio das limpadoras, o curmán de Mistol.



O diálogo foi directo e diáfano: Precisas de axuda e eu vouche conceder tres desexos pero será un por semana.



Giovannellla con tres eles dixo " Unha lavadora"

"Sexa" respostou o xenio verdecente e un obxecto enorme e rectangular apareceu no medio da cova con deterxente e todo( non ímos dar o nome da marca, comprendédeo)

Ao cabo dunha semana O Xenio convocou á moza outra vez para que fixese outra petición.

Esta vez Giovannellla con tres eles pediu un home. Entón este ser poderoso proporcionoulle un ben fermoso, parecido ao das galletas de chocolate.
Con este tipo a rapaciña compredeu a importancia da retagarda e virou forte como un león. Entendeu o motivo da existencia desta perna de máis e botou un berro de ledicia sodomizante ao penetrar naquela cova escura que este príncipe de melenas lle amosaba, leal e humilde, como ofrecéndose ao xeito dun regalo.
Pasou a semana nese festival de zumes íntimos e nin se enterou. Os bos momentos fan que o tempo transcurra case a velocidade da luz¡
Chegado o día o gran Xenio escuro e verdecente apareceu formulando a consabida pregunta:"Que desexas muller?"
Giovannellla "con tres eles" contestou rexia "A TI"
Inmediatamente o Xenio pasou a formar parte do séquito sexual desta muller-emperador e xa non se aburriu mais. Eles limpaban para ela e a satisfacían plenamente. Por iso a súa vivenda pasou a chamarse TACIÑA DE PRATA.
Está ben que coñezades de todos os contos a verdade

mardi, juillet 10, 2007

BLOGOMERÓN: O PRÍNCIPE QUE ERA UNHA RA

Os días transcorrían naquel lugar afastado da corte do rei Rabadilla cunha placidez inusitada pois nos tempos deste monarca o normal eran as guerras con estraños e as loitas intestinas na busca do poder. Nese estado de cousas Eliodora decidiu dar unha volta polos arredores por ver se acontecía algunha cousa. Os seres humáns somos todos así, sempre andamos á procura doutras experiencias que nos liberen da alienación á que estamos sometidos por decisión propia, por abulia e falta de carácter. Pois ben, como vos estaba a contar, a fermosa Eliodora saíu do seu cárcere interior e entregou o corpo ás montañas e camiñou cara ao nordés. No seu paseo deu cunha lagoa marabillosa chea de frores flotando nela coma os ovos fritos no plato e ao achegarse para cheiralas ouviu un ruído raro, como de follas abanexadas polo vento. Ergueuse e mirou cara aos lados pero non viu nada. Ao cabo duns minutos unha voz grave e profunda estendeuse por toda a lagoa: "Eu son aquel co que soñas na nudez do teu leito. Eu son quen rastrexará no teu corpo horizontes de grandeza"
Que febril incomodo medrou no ventre das baleas que vivían dentro dela, que encantamento marabilloso, que loita de alfinetes batendo nas paredes íntimas... Sen máis dilación, Eliodora Rabadilla, a das carnes apretadas e cabelos contra o vento, mirou cara ás árbores que tiña detrás e puido ver ao gran Príncipe da Lagoa, un mozo duns vintetantos anos, gallardo mancebo con ollos verdecentes e longas pernas. Metéronse un dentro da outra alí mesmo, enriba da herba, sofocados pola temperatura dos corpos enfrontados e construíron unha soa e única fortaleza por medio da máis feble das promesas, a do amor. Xurar amor cando o que temos é unha calor inaudita asolagando todos os tabiques é a máis hipócrita das actitudes humanas, un exercicio amatorio pueril e pouco serio. Porén eles non o sabían. Non eran conscientes da diferencia e xogaban a amarse entre beixos latexando linguas axitadas, fuxidías, buscando o pracer máximo, o Grial místico da consciencia agochado nas profundidades...
Ao cabo dun par de días os amantes entregaron as promesas de amor diante de todos os habitantes da corte. O rei Rabadilla deu a súa aprobación e os esponsais remataron nunha festa dionisíaca de sexo e comida ata fartar.
As primieras semanas todo parecía normal pero ao chegar ao mes Eliodora empezou a estar cansa do príncipe. Algo incríbel estaba a suceder: o mozo sufría unha estraña metamorfose, estaba a transformarse nun animal viscoso, verde e noxento, algo parecido a unha ra xigantesca¡¡ Eliodora berraba:"Porque, porque ?" Unha voz lle respostou" POR NON MIRAR BEN, POR NON ESTAR ATENTA"
O príncipe Rabadilla non sabía facer nada: nin fregar, nin planchar, nin dar conversación... Para que, diredes vós, non é un príncipe e ela unha princesa? Pois para todo porque na corte do rei Rabadilla para amar ben hai que fundirse por completo e demostrar as capacidades domésticas e de salón cada día xa que o pobo estaba a piques de derrubar o castelo e instaurar unha República.Conviña prepararse...
Velaiquí tedes o conto do príncipe máis torpe que se puido atopar nunha corte e eu volo conto como o sinto, presentándovos a unha especie de inútil, e non minto.

jeudi, juillet 05, 2007

BLOGOMERON: RAPUNZEL

Atrás van quedando os días nos que a bruxa Alina meteu a Rapunzel naquela torre circular. Naquel tempo a rapaza non coñecera varón nin outra muller que non fose ela e, claro, Alina non era o que se dí precisamente guapa.


Todos os días eran igual de aburridos e a mociña estremecía naquel fastío sempiterno e claustrofóbico de almena empotrando toda a súa sexualidade nas paredes frías dunha pedra catedralicia e insana. Para entreterse, non se lle ocurreu outra cousa que entoar melodías desinfectantes para purificar a alma da súa carceleira.Nunha desas tardes de calor sofocante EL escoitou a voz de Rapunzel e decidiu facerlle unha visitiña. Entón berrou:Rapunzel,Rapunzel, nena feiticeira bota a túa cabeleira...


Non creo que tardedes moito en imaxinar o que alí pasou... Nos contos que liamos dende nenos pouca cousa máis ala dun bico pudoroso... Pero aquí, neste blogomerón que vos ofrecemos en valdeorosa, poderedes coñecer a realidade: Rapunzel díxolle ao Príncipe" Méteme ben a lingua dentro da boca. Desexo coñecer o sabor da túa realeza"
Ante tal embestida verbal o principiño edulcorado e radiante virou nun animal erótico, bravo. "Levanta eses faldóns" exclamou. Ao pricipiño íalle o sado así que colleu un pauciño que deixara a bruxa enriba da mesa e bateu con el nas cachas da rapaza que ruxía coma unha ogresa no labirinto. Alina escoitou os berros e subiu á torre. Ao abrir a porta e ver a situación cravoulle ao principiño un coitelo e matouno. Rapunzel ficou muda ante o desastre. Entón decidiu non falar máis con Alina na súa vida.


A partir dese día a rapaza, que debía sobrevivir a extenuación do tedio cotiá, comezou a experimentar certos calores en forma de disfrute solitario, onanismo de auto-axuda para "muchachas salidas" ou como vostedes desexen chamalo.


Rapunzel, a lasciva, a mal follada, a insatisfeita, buscou no seu centro de gravidade a propia satisfacción. Esta é a verdadeira historia da muller reprimida polo útero creador da súa propia estirpe, o lado escuro da maternidade representada polo alter ego da nai de Rapunzel, a bruxa. Sen color, nin arcos da vella, mirade que historia contada de boca a orella.

lundi, juillet 02, 2007

OBXECTIVO KOMODORO

O comandante Ilov ascendeu rapidamente na súa nave. Dispuxo todo para entrar no hiperespacio e colleu rumbo a Galaxia de Ayonk. Sabía que debía aretxizar en Komodoro e falar coa deliberante. Tiñan asuntos que arranxar. Así o híbrido máis divertido de todos, o desterrado, retornaba ao seu punto de partida: Aretx.
Durante a longa viaxe a través das estrelas hibernou para evitar ter jaquecas. A Ilov os traxectos interestelares producíanlle migrañas. Así estivo case catro meses, durmindo. Normalmente cando un aretxita hiberna nunha travesía espacial programa o soño para que nada alterase ese estado. Ilov esqueceu iso. Levaba moito tempo metido naquel sarcófago e as súas percepcións e actuacións parecían alteradas. Así comezou o periplo mental máis insólito
para el...
O seu corpo ríxido comezou a xirar bruscamente. Abriu os ollos coma platos e botou a lingua fóra igual que un poseso. As cousas non estaban a saír ben para o comandante. Se non era quen de facer algo tan sinxelo como hibernar xa podía mentalizarse para sufrir. Ilov contemplaba saír da súa boca serpes e sapos que lle falaban. Pero o peor de todo foi cando a serpe máis grande de todas quitoulle as gafas Ramaniz... Aí as cousas cambiaron. Ilov perdeu o medo todo. Puxo o seu corpo en pe, como se fose un zombi, e botou lume pola boca queimando así os sapos e as culebras. El era Ilov O Exterminador, o gran guerreiro hibridota, o que botara fóra aos grupos antisistema de Berix. Grazas a este episodio onírico o desterrado reuperou a súa antiga forza. O proceso de maduración rematara para el. Ilov O Exterminador regresaba a Aretx.
Mentres todo isto sucedía no navúnculo do retornado, algo acontecía no navungalow de Asor. A deliberante sentíu no corazón un golpe estraño, como de martelo espetando a dor. Percibiu algo raro no ar que entraba pola xanela e un riso como de sandía estendeu o seu poder polo rosto de Asor. O Híbrido máis divertido estaba de camiño e ela estaba contenta.

lundi, juin 25, 2007

FELIZ VERÁN A TODOS DENDE ARETX

Chamei o verán a berros dende a miña casa. Chameino dende a xanela, dende o balcón, diante da porta, no xardín...



Clamei coma unha bolboreta estendendo as mans irisadas entre luces artificiais con sabor a un anís antigo, como de hai cen anos.

Solicitei ter un desexo. Fíxeno con moita forza e
cando un desexa algo con moita forza nácelle un anhelo impenitente, intermitente e acedo. É unha sensación estraña como de fervenza íntima, algo parecido a unha derrota pero non é unha derrota porque as derrotas fumigan os restos do que queda, do que non queda, do que existe e do que non. As derrotas son un vestido amargo, unha palidez de anémona espida, unha despedida. Non debemos entregar as armas do silencio, nin todas as bocas abertas. Temos un nome e un espacio habitable, temos unha consciencia de pertenencia a un estado, libre e republicano, temos as mans abertas para coller todas as rosas que nos pertenecen por decreto. Ninguén pode roubarmos o alento infatigable, a loita continua e os furacáns de mariquiñas que configuran ese desexo.



Pretendín un sol no inverno. Arricáronme o corazón en anacos detrás das portas. Pero seguín soñando cun verán rachando nos postigos da tristura.Collín o sol cas mans e faleille baixiño, como quen quere contar un segredo, pregunteille pola inocencia. "Onde reside?" Díxome: "Búscaa sempre fóra, onde non hai trámites, onde non existe o pudor nin os traxes, onde florecen as pedras..."


Que difícil, pensei, como poden florecer as pedras... Pois florecen porque na inmensidade do universo todos somos parte de algo e podemos acadar o don da marabilla.


Coller o sol coas mans é como portar un tesouro dentro, como levantarlle a saia aos faraóns e enterrar no chan as simas profundas, algo semellante a erguer un trono de perdón e fortalezas.


DESCUBRIR UN MUNDO COMA ESTE, APARENTEMENTE PEQUENO PERO INMENSO FOI COMA TER UN SOL NAS MANS, UN SOL QUE LUCE DENDE FÓRA, ONDE FLORECEN AS PEDRAS.

Quero adicar este post de verán e sol a todos vós, en agradecemento ás vosas visitas:
MENCÍA (SANGUE DE BREOGÁN), MORALLA (LIBÉLULA GOLPEANDO NO TAMBOR. DÉBOCHE UNHA HOMENAXE AÍNDA), TORREIRA (DAS MIÑAS PRIMEIRAS VISITAS. GRAZAS CABALEIRO), BRAIS( O MEU PRIMEIRO VISITANTE CHEGADO DENDE O NORTE CUN CORAZÓN NAS MANS) , NENO CONGOXA(POETA EN REDE, LEDE¡¡¡), O MEU CAPITÁN HARVEY( ALIAS MODERNO DE MERDA E GOREVISIÓN), DOUTORA(RECÉTEME ALGO PARA ESTE SOL PORFA) RA COMA UN SOL OSIRIFICADO, A MAXESTADE DA RAÍNHA VERMELLA, TORREDEBABEL (TECENDO UN FÍO DENDE MOI LONXE ATA ARETX. GRAZAS), NHUSKO(GRAZAS POLO CONSELLO), NATYARA(DENDE AQUEL NADAL...), FRANÉTICO(TREPIDANTE ROCK DE PALABRAS), RAPOSO(POETA), AMOR(AMIGO), MARCOS NA SOLAINA DAS UVAS(GRAZAS POLAS TÚAS PALABRAS),PAIDELEO,MOUCHO BRANCO(MORDAZ E DIVERTIDO), OQUETENCUTENMEDO, MARGOT TENEBAUM... hAI MOITOS MÁIS. sEGURO QUE ESQUEZO A ALGUÉN: DESCULPAS ANTICIPADAS.


AOS MEUS AMIGOS: OERIUS E NTLV POLA SÚA INCONDICIONALIDADE.







vendredi, juin 15, 2007

ILOV: RESURRECIÓN

Ilov permaneceu durmindo ao longo daquela viaxe estelar na que a furia das súas víctimas o enviaran. Viviu nun soño insólito de insectos que devoraban no seu embigo os anacos da súa miseria.Coñeceu todas as dimensións do medo e unha estraña sensación metéuselle polos miolos rabuñando neles para morderlle a covardía que o convertera nun híbrido escuro e maledicente. Así son as cousas cando ferimos aos que nos queren, un burato negro abre ante nós as comisuras abisais polas que caemos como as pingas da auga nun infinito decadente.

Cando a deliberante caeu na conta da traizón, a ira e a mágoa mesturáronselle dentro batallando na barriga. Maliá todo o sucedido permanceu firme, recia como unha árbore e esperou o momento. Chorar é un exercicio inútil cando alguén bate coas unllas na confianza que lle demos e trafica coas nosas palabras manipulándoas.

Así fixo Ilov durante moito tempo: botou a semente da cizaña na alma dos amigos e eles ficaron en silencio, mudos.

Utilizou as palabras ditas nun momento de raiva e desolación, multiplicándo o seu efecto, batendo as pálpebras como se dun santiño se tratase, porén baixo a capa desa modestia impostada estendíase unha rara forma de envexa debuxada cun lápis gris clariño, como transparente.
Asor mirou ao híbrido cos ollos ben abertos e pronosticoulle un deserto de silencio de mil anos. En Aretx, na Comunidade Asorita, quen terxiversa as palabras recibe o castigo do silencio: o Princeps, Nabetse I de Zeuquirne, colle a voz do mesquiño ou mesquiña nas súas mans e gárdaa na caixiña galeánica. Cando abra a caixa será o momento do perdón e o castigado recuperará a súa voz de novo.





Ilov ficou mudo durante o tempo que Aretx tarda en realizar o seu movemento de traslación. Así que Asor e el estiveron separados cerca dun ano.


Durante todo ese ano os olliños de Asor foron recuperando alento e esquecendo as ofensas. Unha deliberante non podía instalar o resentimento nun lugar tan íntimo como a consciencia particular, ademais xa pasara o tempo necesario. A caixiña galeánica empezaba a abrir...

A MILES DE MILLÓNS DE ANOS LUZ o Comandante Ilov espertaba dese silencio terríbel que lle fora imposto tralo Consello Asorita e botaba a andar. Non era doado camiñar despois de tanto tempo coas pernas cruzadas dentro do sarcófago. Había moita neve naquel recuncho do universo e o frío metíaselle dentro coma un coitelo.Tiña o aspecto dun resucitado.




Ilov estaba preocupado. Non quería ficar nun sitio tan gris e pouco apropiado para el... Así que cando tras unha longa camiñata pola neve avistou o seu navúnculo, todo un mundo de afeites e améndoas lle saíron pola cabeciña. Por fin podería cambiar o traxe de pilotaxe, coller as gafas de sol "Ramaniz" verde turquesa e pasear polas alamedas acristaladas de Noruf...


Aí o tedes: Ilov, o híbrido máis divertido de todos, o maledicente, o condeado ao silenzo, xa saíu do seu sarcófago, puso as gafas de sol de Ramaniz último modelo e chamou ao seu navúnculo no idioma hibridota: XIAX
O navúnculo achegouse a Ilov sen tardar nin medio minuto porque el domina a tecnoloxía e non se lle resisten nin navúnculos, nin naves nodrizas nin nada.
Cara a onde pensades que se dirixe?



vendredi, juin 08, 2007

TAREAS DOMÉSTICAS DE ASOR




Como todos os vernarius, sobre as 19:oo, Esmar o Cabaleiro do Infinito chegará ao navungalow de Asor. Fará o traxecto dende as terras de Noruf no seu robocal Sartestám C4,un dos mellores robocabals do mercado espacial. Con el pode ir a distintas velocidades: uniformemente acelerada, decelerada ou simplemente non ir, ficar parado e teletransportarse quilómetro a quilómetro e chegar na metade de tempo. O caso é que como Esmar é un romántico sen remedio, prefire ir lenemente, saboreando cada paisaxe, disfrutando do cheiro das flores, sobre todo das margaridas, que en Aretx son dun azul turquesa deslumbrante. Durante o camiño fai un descanso para tomar un pouquichiño de Linxel rebaixado con auga no Navuncafet de Tubuf, un androide moi simpático que sempre lle conta algún chiste. Así é Esmar, un híbrido de costumes. Ao saír do nabuncafet pensa nas cousas que lle contará a Asor e nas ganas que ten de vela. Está contento.A nosa deliberante sabe da chegada do híbrido e atópase un tanto histérica... Ten que limpar todo o navungalow¡¡¡¡ Asor sempre está ocupada dende o principio da semana ata ao fin e, claro, facer unha limpeza en profundidade é algo que a atormenta día tras día.Non quere estar ao servicio do seu navartamento como unha escrava. Máis ben ten que ser ao revés, el ten que estar ao servicio de Asor. Unha deliberante coma ela non pode estar tan pendente de cousas tan absurdas como limpar. Porén como , no fondo lle remorde a conciencia, dispón as cousas para proceder ao acto de purificación medioambiental doméstica.
PROCESO DE LIMPEZA ASORITA

1º Meditación profunda

2ºExercicios de relaxación na escuridade

3ºConexión musical rítmica( a música suave quítalle as ganas)

4ºEncendido do robasistent Z5

Cando ten todo listo e xa está mentalizada deixa que a música penetre no seu cerebro asorita. Entón ponse en marcha o seu lado máis prosaico: Asor-limpadora.
Mirádea ben: disfrazada como as antiguas traballadoras do fogar de hai uns tres mil anos. A ela parécelle que lle dá máis realismo ao asunto e, xa que ten que desenvolver un papel que non lle gusta nada, mellor botarlle un pouco de coña ao asunto. De todos os xeitos, este traballo non é tan duro. Conta co apoio do seu robasistent, un regaliño que lle fixo a súa nai, Asor Lía, sabedora do malestar que sente con estes labores.
Robasistent Z5 é un minirobot que fai de todo: varre, plancha, quita o pó, fai de aspiradora... Só a louza se lle resiste. Pero non importa, o peor queda feito. O único problema é que está programado para protestar cando hai moito pó e claro, Asor ponse tola cando lle repite unha e outra vez: "Pó e suciedade diversa, ácaros pola zona centro e sur, necesidade de desinfección"· A muller-mapoula ten ganas de estrampalo pero non pode. Facilítalle moito a vida.
Cando Esmar fai a súa entrada neste recinto místico purificado todo brilla e Asor luce un espléndido riso como se nada tivera pasado. O linxel está enriba da mesiña e a tertulia vai comezar.












mardi, juin 05, 2007

NENO CONGOXA

Mensaxe para Neno Congoxa:


POETA, durmes nas páxinas desta rede que tecemos entre todos coma un paxariño pequeno habitado de riquezas inmensas, de tesouros como baleas inchadas de anémonas, e todavía non che demos as grazas por prestarnos as imaxes da túa CONGOXA entre liñas, baixo os tapices que luces verso a verso con tantas tormentas como che asedian na poza infinita que brúa dentro. Amamos a sutileza escrita entre ladrillos,
con veleno e acedumes de desastre...
Isto é para ti, rapaz .

mardi, mai 29, 2007

NIMAJ NEBÉN



Nimaj Nebén é o menor dos asoritas, o ben amado, o que veu do río. Exégeta e librepensador que ama todas as manifestacións do pensamento.

Este asorita anda envolto nesa xuventude que nos presta a todos recunchos insospeitados de beleza. Posúe grandes dotes para as comunicacións exteriores e forma parte dunha agrupación denominada Vasos Comunicantes. Normalmente vive en OboloB, no palacio dos Salgueiros pero posúe un dos mellores borolocos do mercado co que se desplaza a Berix, o planeta contiguo a Aretx, por motivos laborais. Ten, como Asor, os ollos ovalados pero máis claros que ela. Está en plena forma física e mental pois o seu carácter tranquilo permítelle facer as cousas con xeito. Nabetse considérao moi similar a el e está orgulloso. Xa ten bastante coas presas de Asor. Nimaj Nebén preocúpase moito pola súa irmán xa que teme que un día a electricidade na que derivaron os seus derradeiros rituais acaben con ela. Asor é unha deliberante que adora a velocidade. Ir despacio consúmea, parécelle insufríbel. Vamos que por ela viaxar a velocidadeda luz é o ideal. Co tempo esta muller-mapoula, esta constructora de palabras, vai acadando máis parcelas de calma e xa case non se marea cos ritmos lentos¡
Por exemplo, cando a nosa amiga visita a Gobertrand Le Marquis, como pensades que resiste os movementos pausados deste híbrido? Pois exercitándose na Calmatio todos os días, como nós cando aprendemos a táboa de multiplicar. Cada día mellora un pouco e así xa non cansa cando o híbrido máis fermoso de todos estende o mantel e pronuncia a frase famosa: "Mira que ben estamos aquí, tranquilos".
Ao principio Asor perdía os nervios, doblaba as pernas e os brazos, como unha boneca articulada. Agora bota un riso e contesta sempre igual:" Sí. A nós o que nos gusta é estar así, tranquilos na casa". Todo é mellorábel ata o que nos parece imposíbel.

mardi, mai 22, 2007

A GRAN COLISIÓN

O accidente tivo lugar nas turbulencias de Unicrom. Asor e Sennar ían lanzados cara á Tangibia. As tormentas desta zona perigosa parecían tranquilas ao saír de Komodoro pero as cousas irían cambiando conforme se achegaban a elas. Un aire frío e violento empurrou a Sennar e Asor cara á espiral incontinente de ventos enfrontados cunha forza inusitada. Asor berrou coma tola pedindo clemencia ao Gran Unicelular e o gato alado cos ollos envoltos nunha maré de bágoas clamaba: "É o fin Asor¡ Desta matámonos¡¡¡
Asor estaba asustadísima e unha febre delirante abrollou pola súa fronte ...
Realmente ían ser aspirados por estas turbulencias como miserábeis partículas de pó celeste?

Non podía ser¡ Había que facer algo¡¡¡
De súpeto as turbulencias cesaron e Sennar recuperou o movemento acompasado das súas ás...
Tangibia aparecía no horizonte e os ollos da deliberante brillaban emocionados: Isix de Raisís estaría alí, onda sempre, esperándoa...
A muller-mapoula amaba a este ser metade home metade lagarto e, maliá todos os inconvintes e o natural egoísta deste anfibio, el tamén a amaba...
Ás veces o amor ofrece camiños estraños, posibilidades equívocas e nos confunde... Sennar sabe estas cousas e sempre aconsella ben a Asor, a constructora de palabras, a dos ollos de améndoa a amante das palabras.

mercredi, mai 16, 2007

SENNAR, O GATO ALADO DE ASOR

Aquí tedes unha imaxe de Sennar cando está quieto, cando se fai o santiño, cando non protesta, cando observa a Asor por detrás dese cristal líquido que potencia o seu aire aniñado de gatiño sensíbel e intelixente. Así é Sennar: un pillabán.
Mirade estoutra imaxe do mesmo felino. Parece outro. Asor coñéceo ben e non se sorprende de nada. Quéreo moito e cuídao ben. Dende cando se coñecen? Pois dende que Asor levaba tres coletas. Nimaj Nebén lV de Zeuquirne ofreceullo canda nena, para que tivese compañía e non pasase tanto tempo coa roboneca Yanic. Este gato procede de Berix, o planeta máis próximo a Aretx, onde vivían os híbridos. Pertence a especie dos TACX, felinos situados exactamente por debaixo dos híbridos na cadea evolutiva. Para entendermos son animais racionais, intelixentes e contumaces. Poden falar e posúen un estraño sentido do humor. Asor pásao moi ben con el, ten con quen falar no seu navungalow cando está soa. As conversas con Sennar son moi variadas porque é todo un humanista. Pero o máis curioso deste gato é que ten ás, como todos os da súa especie, os TACX. Así Asor e el realizan viaxes por todos os continentes de Aretx buscando coñecer o mundo. Normalmente realizan viaxes a Tangibia, a rexión onde viven os anfibios e alí permanecen sempre uns días. Durante a viaxe sempre discuten un pouco por nimiedades. Sennar é así, quisquilloso e un pouco desconfiado.Na derradeira viaxe case se matan. O accidente foi apoteósico. Directamente viron as estrelas.

mercredi, mai 09, 2007

UNHA PARTY NO NAVUNGALOW

Esta é unha boa imaxe da festa de verán que celebra Asor no seu navungalow para confraternizar cos híbridos. Normalmente acuden todos. Gústalles a tertulia, o baño e o fantástico chocolate xelado que prepara a deliberante acompañado dunha bebida oxixenizante con sabor a Linxel, unha herba aromática que medra nas terras de OboloB, na cima da Montaña Rosa, lugar no que a muller-mapoula viu a luz dese ceo trisolar de Aretx por primeira vez, tras saír despedida da gran barriga celeste. Esta herba sabe parecido ao que na terra coñecemos como limóns e ten un poder relaxante que libera endorfinas. Con esta pócima Asor engaiola aos híbridos. O único que fastidia un pouco esta recepción asorita é cando Sennar, o gato alado de Asor, non está de bo humor. Entón a festa decae un pouco pero a deliberante non se preocupa porque sabe que Sennar é moi impulsivo e logo se lle pasan os fumes contaminantes. Para que nos entendamos, Sennar ten ciumes de Esmar, o Cabaleiro do Infinito porque sabe que Asor o ten en grande estima e lle conta moitos secretos. As veces os que temos corazón amamos e odiamos, damos e pedimos... Somos imperfectos. A nosa amiga ten en conta estas cousas e procura que este gato as supere.
Na festa Asor pon os víveres e a música e os híbridos agasállana con algunha cousiña, para sorprendela. Saben que lle gustan moito as caixiñas de música así que xa a obsequiaron con varias. A máis recente que lle deron foi unha caixa azul con estreliñas verdes que ao abrila bota bicos amarelos e canta un na-na-na-ná que fai nacer dentro do que a abre un soño de arcos da vella como un feitizo de calma redentora. Sennar comeza a tertulia e Pigmalion o contrapunto. Este híbrido sempre está en contra de todo. Gústalle levar a contraria para provocar a furia da asorita. Esmar ponse nervioso, os ollos danlle voltas e as ideas bulen na súa cabeza coma tolas. Neste punto Gobertrand estende a súa maxestade de capa lapislázuli e pronuncia a palabra máxica: XARACAX.
Entón todos os híbridos fican mudos. A discusión remata. A deliberante chisca un ollo a este ser de luz e bota un riso. Gobertrand, o magno, o híbrido das cinco capas, reponde a ese riso cun brillo de azul ocular que transporta, que eleva... Esmar ponse contento, gústalle a paz.
Aquí, na terra, deberíamos ter tamén unha palabra máxica como XARACAX , que significa "somos irmáns", quizabes así perderíamos esa raiva que nos devora tantas veces.
A party continúa e Sennar comeza a estar un pouco pasado. Gústalle moito o Linxel.