Weblog de Rosa Enríquez
Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves.
Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
Sigo a buscar o meu refuxio en ti, miña rara flor veluda a agromar cada día do medio dos muros, a abrir a túa casa para min.
Eis o gozo do teu ámbito e a sensación de tocarte que tanto me perturba.
Ámame por dentro e bota o alento de cabalo no meu embigo. Sílvame aí, suave, para que os cadradiños de amor que teño gardados flúan polos condutos internos e note a inmensa fartura de amarte no eixo do corpo. É esa a única maneira de que me coñezas, enterrando a alma intramuros.
Nunca deixarei de quererte, penso.
Hei amarte fondamente como unha pranta verde, vexetal os días pares. Igual que a mellor carne poética o resto da semana.
Así, serás para sempre o meu animal precioso.
E querereite de amar, de acreditar na túa boca máis que en calquera catecismo cultural.
Ti, que me amas, sabes porque digo isto.Dígoo porque sempre que abrín as mans foi para vivir no conxunto, convencida de que son parte mecánica e sentimental dun crebacabezas inusitado. Ti a peza máis importante a proba definitiva de que existo porque a morte chega moito despois de irmos. Exactamente cando a imaxe de nós esmorece.
O corazón da besta nace no medio, xusto onde o amor pon o seu vestido máis fermoso. Cando Ela leva o traxe azul todo o teito da casa semella unha cunca celeste, sopa de estrelas eslamiadas como a cara que se che pon cando non miro dentro de ti, aí onde doe, onde os medos teñen forma de persiana caendo.
Atravesando as paredes do teu corpo non dou coa alma, non a vexo por ningures. Ás veces a alma da xente é só unha superficie rugosa. Saca as mans de dentro das potas, deixa o lápis de ollos e non te pintes coma unha exipcia, que estás botada a perder!
Deixa a cousa estar, que iso non se pode dicir. Non debes. É mellor calar. SILENCIO. Cala, que calada estás máis guapa. Non digas nada. Deixa que as deformacións acaden o seu punto álxido e vaite, vai indo, como a aurora cando o sol de zinc se lle bota enriba. Así, así mellor. Coloca as cadeiras na parte esquerda do cerebro, e pecha a porta da sentimentalide que aquí son todos burócratas, de burocracia. “No me digas? No me lo puedo creer? En serio?”
Deixa que o seu desprezo caia coma un manto. Hai desprezos que nos sitúan lonxe. Pero non interesa estar nun espazo podre de poder.
“Hay un sitio para cada cosa y una cosa para cada sitio. A ver si te enteras, que pareces tonta!”
Mira que non entender algo tan simple. Pero Ela pensa sempre que é mellor saír da coraza que laiarse e andar polo chan coma os vermes. Acariña o lombo dos que están desfeitos, sente a súa radical e extrema pobreza. Ser pobre é unha dimensión descoñecida en Eurarquia. Os eurarcas nacen nas empresas e venden cartos e hipotecas a prezo de saldo. Nas súas cristaleiras publicitarias fan tapetes con fío de liño extraído da terra. As cousas fermosas veñen todas de aí, da terra, pero os eurarcas cren que o leite sae dos cartóns e aliméntan as crianzas á forza de tetrabrik.
Non sei porque Ela sempre relaciona isto coa idiocia.
Idiocia: estado de estupidez mental que nos impide discernir, detectar a fraude por máis evidente que esta sexa.
Nun mundo multicolor prefabricado. Aí queremos vivir. Non no da abella Maya, "a amiga de Willy", non. Tampouco non a de Picasso, coa cara deforme e tan estraña, non. Anque, pensándoo ben, talvez non fose tan rara, se cadra Picasso víanos tal e como somos…
Por iso, esta necesidade de aire.
Daquela bícame. Logo tamén, segue a enredarte na miña boca e fálame cos ollos de animal que tes. Mmmm… Sábesme a algas e sal. Que doce sentir golpes de oxíseno entre os teus dentes e esquecer a rutina de ser consciente ou deixar de concentrarse nas raias das xirafas!
Decidido: vender a casa e os discos, lanzarse nun paracaídas pola ventá dun segundo piso, contemplar as sombras debuxadas no teito das casas, no faiado das cabezas da xente, nos caborcos lingüísticos de axentes contaminantes. Prometido. Ha disentir para rachar a porcelana toda.
Os ollos de tigre Das ventás entran no corazón, métense nel coma frechas. Son unha especie en vías de extinción.
O nascemento foi o mellor acontecemento da miña vida. Ou non, porque eu nacín sen dar o meu permiso, quero dicir que non asinei ningún contrato que me obrigase a vivir. Paríronme un serán de inverno, por iso sempre busco o sol por todas partes.
Escribo morta por dentro sen que ninguén escoite o que racha inexorabelmente cada día. Mais hai un heroi que me enriquece as adentras, abastece o alento que vai indo, lenemente. Veu do norte. Tamén chegou co inverno e ten frío, coma min. O frío é un porto sen pasaxeiros que nos mira dende fóra e nos arrastra. Eu aterrei nun planeta extraño, en rúas que nunca nunca foron miñas. Trasladada. Si, son inmigrante. Ilegal e prostituta. Fraca por dentro, ampla por fóra. O meu espírito fai unha dieta tremebunda. De feito ten prohibido entregarse como sistema. Así, debo permanecer ás escuras, coas mans apreixando as teas do vestido ou da saia. Ven, dis. Pero non vou. Eu nunca levo saia cando o sol agroma polo armario. Sempre de negro ou de gris, como moito, levo un xersei laranxa e camiño enardecida cara á estrada.
Teño medo. Teño moito medo. Estou ancorada. Ergueita no medio dos bares. Perdín a alma nun vaso de cristal. Afogou. Engordei vinte quilos de golpe coa depresión. Din que as depresións están feitas de cabalo. Eu sempre souben que algo rinchaba no intestino, era a nostalxia do futuro, a revolución.
Vou mercar unha máquina de coser e xogar ás costureiras. E tecer. Miña avoa tecía con agullas de cristal. Cortouse. Eu tamén cortei os dedos. Partín en dous por dentro, fráxil e escura. Dormín no inferno.
Mentiches.
Todo o que digo é unha mentira en tres dimensións: prosa poesía teatro.
Non interesa o que digo. Por iso non escoitan. Ás veces, a xordeira métese no corazón para non saír durante séculos.
Es tan pobre ou máis ca min pero non te queixas. É incríbel esta manía que teño de laiarme. Coserei. Hei facer un vestido de tres quilómetros de ancho, como ese músculo redondo que propugnas para que te lance un verso dende a cona.
A min gústanme os versos bonitos, de nido de abella. Para que? Para metelos nun caldeiro de lixo e buscar a beleza nas cousas que ninguén quere...
Quero marchar. Tirarme pola taza do water.
Non quero que me condenen por analfabeta. Sono, analfabeta perdida. Os libros sáenme polas orellas e, como di a outra, penso desterralos do meu cuarto, fanme perder pé. Din que ler é un mal paso, un camiño directo ao sumidoiro. Díno porque non saben que é un delirio naufragar nunha páxina onde todo cae. Gravidade cero. Sangre azul e lingua atravesada pola brétema.
Eu non teño raíz. Nacín no medio do aire. Por iso necesito voar.
A taza do water ten o aspecto dunha fervenza. Tiras da cadea e unha torrenteira flúe irremediabelmente coma se algo máxico empurrara o líquido, velozmente. A velocidade dá medo. Eu sempre teño medo. Son unha profesional do pánico e cada día sinto medo por algo distinto. Danme pánico os insectos, sobre todo os que se fusionan co medio onde habitan.
Os porcos son dos poucos animais domesticados que non teñen nome. Están sen bautizar. A min bautizáronme con auga da fonte. Ha ser por iso que son brava.
Bravo, dis. Ti sempre dis bravo cando se trata de min. É que me queres moito e eu, eu sei que non o merezo. O teu riso é imperecedeiro, endexamais ten forma de cepillo de dentes, por iso nunca se mancha. Eu manchei a saia e o pantalón. O vestido non porque non gasto diso.
Ti fumas? Eu si.
Teño corpos dentro do meu corpo, todos os que imaxinei cando comía. Comer é un pracer. Sobre todo cando tes fame. É como ir ao water. Eu vou todos os días. Miro o meu rosto na auga e... Como pasan os anos! O peor de todo é que sempre fun guapa e nunca o souben. Contáronmo os anos e os amigos.
Os amigos de cartón rematan marchando. Hainos que nunca desaparecen. Poden facer unha viaxe curta, pero sempre sempre volven onda ti.
Gústanme os saltóns. Son sorprendentes. Atopar un saltón, se padeces insectofobia, é sempre un thriller dos que xa non quedan. Eu teño un mellor co de Michael Jackson. Vivo en loita perpetua. Indomábel.
O sistema absorbe todo. É un furado negro, sen fondo. A mentira unha paisaxe que non molesta.
Xa teño un pano no que coser. Vou debuxar un porco coas mans nesa tea preciosa. Non. Non é unha colcha, nin sequera un tapiz. Só é unha parede da miña casa que dobra en dous. Desestruturación da materia. Eu tamén desestruturar. Atómica como Gala. Maldita tamén un pouco por intensa. Incendiaria. Ardo por dentro. Ti comigo.
Es unha flor rara Es un cogomelo
Quero virar nun pez no mar azul. Quero morrer.
Sinto que caio sen remedio. O abismo. Eu nunca mirei tan de preto o abismo como agora. Ten forma de queixo de bola. Mol como o miolo do pan.
Tiña trece anos cando decidín non comer pan. Acto seguido traguei unha fogaza. Non facer promesas difíciles. Ese foi o meu lema para sobrevivir. Sobrevivo grazas a ti que me perdoas. Eu tamén che perdoei unha vez mais é estúpido perdoar cando realmente me comprendes. Eu non sei se comprendo o amor que tes metido na boca. Pero amas todo o que fago. Eu ámote tamén, igual que amo a terra e os montes.
A min ámanme as palabras.
Se especulas, pérdeste. Pérdete e non volvas por aquí. Isto é unha auténtica merda, dis. Cuidado. Nacín en España porque me mandaron. Agora sufro un renascemento.Poderedes perdoarme tamén iso?
A min non me alimenta ninguén. Unicamente miña nai. Tamén meu pai, por suposto.
Creo que teño cara de galleta.
Flipei contigo. Flipei a morrer.
Eis o meu castigo. Non querer aprender a mentir. Mente, din, mentecoasmanscoaspernascoacona. Mente coma unha puta. Abre a boca de mentiras e cuspe todo o odio. ODIAR é desesperante. Eu non sei odiar máis de media hora.
Non. Eu non son fea. Só o parezo se me miras mal. Eu non miro mal a ninguén. Só miro moito e moito tempo. Con sorpresa. Porque? Non cho sei. Tampouco me preocupa iso.
O rubor das persoas é estraño. Arden por fóra porque dentro ocultan secretos absurdos ou depravados? Quen o sabe? Eu non teño bolas de cristal. Teño, como moito, anacos.
Con nove anos sacaba a mágoa pola xanela para respirar.
Sempre quixen ter amigos pero eles non me quixeron.
O amor ten dúas cabezas.
A el ámoo. A ti só te quero, meu ben. Non é por mal. É que son así. Xa non me queda fío para coser.
A miña avoa non está. Morreu rezando. Parecía unha monxa. Eu, de idiota, ía con ela rezar. Quería ver a Deus. Deus sempre está ocupado cando se trata de ti. As monxas dicían que había casos con preferencia. Daquela xa existía o concepto de prioridade. Eu nunca fun prioritaria. Metida sempre no fondo do escenario porque tiña piollos. Piollosa. Os nenos son crueis pero non máis que nós. A nosa crueldade é exercida con esmero. É miseria podre. Se xogas coa palabra PODRE podes facer cambios curiosos. Mira: PODRE PODER PODRE PODER Anatema! Acabas de dicir algo terríbel. Culpábel. Vou untar con Tulicrem as ventás da cociña para que non me vexan dende fóra.
Cada día oio menos. A xordeira viráme de perlas para ir á praia e durmir un pouco baixo o sol,
Non deixo de pensar que todo é unha merda. Fíxate: MERDA MEDRA MERDA MEDRA.
-Si, a merda medra máis ca herba, meu. - Non quero ter merda que medre na miña cabeza. -E ti, que merda queres ti?- -Un campo de fútbol- respondeu- para metervos goles até no carné de identidade.
Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me peta e me dá a gana. Ninguén me vai dicir que o galego é só para usar na praza.
Eu quero sexo en galego. Sexogaleguízate, folla en galego. Es sexogalega? -Non.- contesta_ Yo follo en castellano.- Folla mejor en silencio que estás más guapa, pensei eu.
Son mal dada. É que son torcida para chegar a acordos. Cústame ceder. Cedo porque me equivoco. Ti non te equivocas nunca?
Dis que somos cabezóns. Non. Eu nunca quixen dicir que tiveses unha cabeza grande. Eu teño unha coñecida que ten unha cabeza enorme. É cabezudísima. Se ten esa cabeza tan grande é porque pensa moito di a miña nai, ou porque reza todos os días. Non coma ti, atea que es unha atea de la hostia. A cona serve de impermeábel. Mastúrbaste coa man para calmar os nervios. Os meus nervios son de aceiro inoxidábel. Nunca se acaban.
Unha noite de lúa, Jacobo Rial Piñeiro achegouse a casa de Isaac Pérez Touriño e Julio Anderson. Tanto e tan canso estaba que, no canto de ir ao seu fogar coa muller e o fillo, ficou alí, na vivenda destes dous homes. Xa no interior sentiuse ameazado. Disque o querían violar... Daquela, completamente aterrado, colleu un coitelo e... ZAS! 57 puñaladas. É que matar é un traballo duro, leva tempo e non val cunha puñalada ou dúas para quitarlle a alguén. Unha vez mortos, Jacobo Rial Piñeiro, asasino confeso, decidiu abrir o gas e incendiar o piso, amais de tomar prestadas algunhas cousas, nada importante.
O Xurado Popular decidiu absolvelo por considerar que actuou de tal xeito vítima "dun medo insuperábel". A homofobia e o racismo (Julio Anderson era negro, atención) foi determinante no veredicto pois, se no canto de Isaac e Julio, fosen Julia e Isaura as vítimas, esta besta estaría no cuarto escuro, pero non o dos locais que, de certo este home de sexualidade clandestina coñece perfectamente, senón o de verdade, ese onde non se escoita outro ruído que non sexa o do silencio. Agora cómpre agardar a denuncia desta inxustiza incomprensíbel por parte das distintas forzas políticas mais non con fins electorais... Sería posíbel tal xenerosidade?
ABERRANTE (Artigo)
O equilibrio é sensatez, mesura nos actos e xuízos, algo realmente necesario para poder valorar unha conduta, por exemplo. Para acadar este prezado equilibrio o home e a muller deberán procurar a observación atenta da realidade circundante, liberarse dos prexuízos e buscar o coñecemento. Cando non é así, cando non se teñen en conta os matices e diferentes texturas que conforman a nosa selva humana, este coñecemento será parcial pois, ao partiren dunha visión reducionista que ailla o obxecto de estudo do seu contexto, a análise resultante ha ser sempre incompleta e, consecuentemente, errada. De aí a importancia da lectura, as viaxes e o contacto con outras culturas cuxa forma de vivir e sentir difira radicalmente da nosa, pois, as novas aprendizaxes sempre fan posíbel unha visión panorámica maior desas partes máis pequenas, e non por iso menos importantes, que conforman a “totalidade” aparentemente uniforme e insisto, só aparentemente. O noso planeta é diverso, plural. E esta polimorfia é a que nos salva dun fastío aterrador. Porén, existe certa tendencia ao daltonismo que impide ver máis de dúas cores neste arco da vella no que vivimos. Triste, por suposto, pero sobre todo perigoso. Un exemplo disto témolo en Vigo, onde un xurado popular absolveu a Jacobo Piñeiro Rial do dobre asasinato cometido na madrugada do 13 de xullo de 2006 nun piso da rúa Oporto, na cidade olívica. Este anxiño arrepentido asestou 57 puñaladas a Isaac Pérez Touriño e Julio Anderson (de raza negra), froito dun “medo insuperábel”, segundo el mesmo explicou durante o proceso, de ser violado, pois, ambas vítimas eran gays. Despois de matalos e, “fóra xa de perigo”, abriu o gas provocando un incendio na vivenda que, sorprendentemente, é o único delito (dos tres que se lle imputaban) polo que será condenado. Un caso de homofobia ou de racismo talvez? Evidentemente si pois senón non se explica como polo caso do asasinato de Marta del Castillo, en Sevilla, ou da inmigrante golpeada por Sergi Xavier Martín no metro de Barcelona, haxa tanta unión na denuncia pública, non só por parte dos particulares senón das propias autoridades locais e medios de comunicación, e no destes pobres infelices aínda non se pronunciaran coa contundencia necesaria as competencias correspondentes. Unha sombra escura arrandea sobre o mundo dos homosexuais. Non se lles apoia, nin se lles protexe o suficiente. A igualdade non cristaliza na estrutura social e segue a sobrevoar sobre eles a idea de guetto fechado. Moitos aínda teñen medo da reacción dos familiares ou amigos e non queren saír á luz. Coma tantos pobos, os gays, lesbianas, transexuais e bisexuais foron colonizados por un sistema bipolar rancio e obsoleto que non entende de matices e segue a consideralos algo exótico. A autoxenreira é o seu peor inimigo. Eles deben procurar o seu empoderamento e liberación, sen pedir nada, porque a súa reclamación non debe ter caráter de solicitude pois é un dereito.
Porque África é un continente sen límites, fermoso e de tradicións vibrantes, previas á súa colonización. Malia a todos os esforzos realizados por sometelos á nosa idea de modernidade e de coñecemento, malia que intentamos minimizar a sabedoría dos seus habitantes para "rescatalos" do indixenismo, aí están, asombrados e memorísticos.
"Escoller un grupo de persoas (os especialistas) que adoitan un xeito de coñecer o mundo físico(o reduccionista), para descubrir un conxunto de propiedades na natureza (as mecánicas), non é un modo científico senón político" (Feyerbán)
"A apariencia de obxectividade que se atribúe a algúns xuízos de valor procede do feito de que determinada tradición é usada pero non recoñecida. A ausencia da impresión de subxectividade non é unha proba de obxectividade senón un descuido. Os experimentos "controlados" que segundo se supuso eran un modo de observación "neutro", eran na realidade, unha ferramenta política para a exclusión, de maneira que aos experimentos da xente na vida diaria negóuselles o acceso á condición de científico" (Feyerbán)
Con esta imaxe queda retratado claramente o malestar dos galegos que, na defensa da nosa identidade e da nosa lingua, non entendemos as demandas dunha asociación con tintes fascistas e, sobre todo, hipócrita. Refírome, xa saben, a Galicia Bilingüe, cuxos membros din sufrir a imposición do galego. Para combatela manifestáronse, pasearon o seu falso bilingüismo harmónico polas rúas de Compostela acompañados por unha morea de españois que chegaron até Santiago en doce autobuses, un deles da Falanxe. Así, o domingo 8 de febreiro foi o día da invasión, as doce tribus da dereita máis rancia achegáronse para constituírse en manifestantes cavernarios, grandes histrións con vocación de agraviados. "Extranjeros en su país" ou "La normalización lingüística, una anormalidad democrática.El caso del gallego", son os libros de cabeceira desta organización pretendidamente demócrata... Sen palabras. O mellor? O vello do ollo morado que, despois de arremeter cun paraugas contra un membro do independentismo galego, caer con el ao chan e recibir ambos os dous unha malleira da policía(toda de fóra da Galiza, por certo)pretende facer crer que el é un pobre vello que non se mete con ninguén vítima do ataque dun bestia! Alucinante, sobre todo cando existe un vídeo na páxina dixital de A nosa terra onde se pode ver a outra cara deste vello demoníaco. Interesante asunto este da mentira do "velliño". Seguro que se o ven actuar o primeiro que se lles vén á cabeza é o avó de Heidi... Triste espectáculo o sainete do domingo, bufonada barata. Unha policía estranxeira batendo nos mozos e mozas do independentismo cunha virulencia innecesaria para apresalos e metelos no calabozo onde, por certo, amais de pasar toda a noite coa luz encendida, houberon soportar o cheiro dos vómitos e as feces que por alí había. Ao máis puro estilo medival de porcallada e abuso. En facebook xa hai un grupo GALIZA BILINGÜE DÁ NOXO. Creouse hai pouco e xa ten case seiscentos membros. Axiña serán moitos máis.
Querer o que se dí querer quíxoas a todas. Evanescente lume mel e burgazo ardentía pura mesmo luz e faro na mar fonda coma o teito das casas das sereas. E queréndoas como as quixo tensou versos nos dentes ulindo a podre e mel...
Na parede do poema estaba a resistencia o manto avultado da semente sempre a retornar. Abrupto parda bestia poética elementoinesquecíbel...
Pero talvez non quixo a ningunha porque tocou moi dentro mui mui fondo onde o amor se relaxa. Adeus díxolles o tigre. Ningunha contestou.
Malicia, intención solapada, normalmente maligna ou picante, con que se di e se fai algo, ou tamén, interpretación sinistra e maliciosa, propensión a pensar mal. Estas son dúas das principais acepcións desta palabra que, intuitivamente, identificamos co veleno e talvez, porque non, coa envexa. Até aquí parece claro, mais, o asunto é soportala, tela preto e non ceder, non deixarse caer polos rueiros tortos e picudos da carraxe e impotencia que sentimos. Na poesía, a carraxe ten o aspecto da lixivia, entra nas adentras e queima todo, asolaga o corazón tanto e tan profundamente que axiña envolve os versos nun poema iracundo, de linguaxe abrupta e incómoda. Daquela, porque non falar do amor, do aroma e do sabor docísimo das caricias? Estaría ben como terapia, manter unha actitude de evasión, construír pontes sobre todo o que é podre e feo e camiñar sobrevoando as lousas dos tellados como se o que sucede ao noso redor non nos importase, coma se non fose con nós. O caso é que o amor, ese sentimento que engaiola a alma de dentro, a verdadeira, limita coa xenreira polos lados. É indiscutíbel. Dicía un amigo meu, e canta razón levaba, que dous que comen da mesma culler poden perfectamente rematar un bo día distanciados. Entón, porque existe, ás veces, ese prexuízo rancio de considerar que falar de amor é máis acaído para a poesía que retratar unha dor colectiva e denunciala se, ao fin e ao cabo, todo está intimamente realacionado? Porque ser enfant ou femme terrible pode levar a algúns asociar isto coa infelicidade do creador/a en cuestión? Acaso na defensa das ideas non existe un inmenso amor acochado, latexando mecánicamente? Eu creo que si. Porén, o mundo dos prexuízos é sempre un lugar absurdo favorecido pola ignorancia e a frustración sentida ante a propia incapacidade de gustar ou convencer. Por todo isto, penso que a malicia agroma nos espíritos inseguros, os que non teñen confianza en si mesmos e, no canto de aprender dos que si a teñen ou que polo menos iso intentan, transforman a seguridade persoal do que está en fronte nunha suposta conciencia de superioridade moral ou intelectual que unicamente existe na súa imaxinación e, a imaxinación, xa saben, ten efectos máxicos que mal empregados poden ser devastadores. Pensen en Otelo, tan feliz el até que o alférez Yago, tremendamente insidioso e envexoso, mételle na cabeza que Desdémona lle puña os cornos con Cassio. Nese intre, a flor da malicia comeza a tecer o seu pano na mente do esposo até que ese amor sinceiro deriva nun odio intenso cun desenlace fatal. De desenlaces fatais e de rupturas saben moito os que algún día amaron e, seguramente, estarán de acordo comigo en que a malicia e a inseguridade, nunha alta porcentaxe dos casos, tivo moito que ver con ese triste final. Para eles, recupero o consello de Ovidio, distánciense vostedes, collan perspectiva. A perspectiva devolve o sentido común e, se cadra, con moita, moitísima sorte, ese obxecto de amor esquecido, agora borrado pola carraxe, a lixivia e tantos outros elementos malignos porque odio e amor están cosidos co mesmo fío. Polo tanto, tendo en conta isto, creo que podo dicir que cando un ou unha poeta deixan entrever unha voz furibunda, non cabe dúbida, dalgún xeito están a falar de amor.
Quérovos contar aquí o que aconteceu estes días no meu lugar de traballo:
A semana pasada recibín unha lista de produtos para facer o boicote ao Estado de Israel polo masacre que están a levar a cabo na franxa de Gaza. Enviouma amabelmente Ângelo Meirao polo Facebook. A devandita lista estaba escrita en galego reintegrado e, como podedes imaxinar, considerei que era perfectamente entendíbel para calquera, for galegofalante ou non. Como a situación é a todas luces gravísima, decidín facer cen copias e distribuílas entre o profesorado e o alumnado. Cos compañeiros non houbo ningún problema e se o houbo eu non me enterei. Quero dicir que cada un fixo o que lle petou coa información entregada, dependendo do seu criterio e da súa sensibilidade porque, xa sabedes, na Galiza hai de todo, como na botica. Non sucedeu o mesmo co alumnado que, nunha porcentaxe mínima(todo hai que dicilo),fíxome saber que consideraba que eu os incitara a facer o boicote e que iso estaba "mal". Criticaron tamén que lles entregase o texto "nunha cousa que non se entendía nin se sabía o que era"
Queridos bloggers, a luita é bem difícil e o desconhecemento é tam grande que uma pessoa pode perder as ganas de fazer o que seja com gente assim. Mais a luita ha seguir ADIANTE tanto en prol da lingua coma da paz fronte ao abuso de poder colonialista.
Digo isto porque apoio toda manifestación e boicote contra o Estado sionista de Israel aínda que debemos ter cuidado e non caer no populismo antibelicista, quero dicir que hai outras guerras no mundo moi graves. Lembrade o afán colonial de China co pobo tibetano que, mesmo que estea vivindo nunha ditadura, ten dereito a autorecuperación sen ningunha intervención allea. Sexamos claros, o paternalismo chinés resulta pouco creíbel e, sobre todo indignante pois, coma o Estado de Israel, ten claramente un desexo de ocupación territorial e poder. Amais os métodos empregados(queima de textos relixiosos, ataques contra os monasterios e esterilización de mulleres)distan moito da simple preocupación pola liberación do pobo tibetano que, por outra parte non pediu ser liberado...
Outra guerra terríbel é a que ten lugar na República Democrática do Congo entre tutsis e hutus, iso sen contar a explotación dos xacementos de ouro, petróleo, diamantes e coltán por parte de distintas multinacionais occidentais de EEUU, Bélxica e Inglaterra entre outros. Iso si, este abuso como non leva tanques nin bombas senón que se fai por medio de empresas e obreiros pois... Parece que non é tal abuso.
Así son as cousas pero como esta información non é a que escoitamos cada día nas distintas televisiósn ao servizo do Estado Español, todos os que teñen interiorizado o discurso españolista que, sexamos sinceiros, molesta menos, séntense ofendidos por unha simple lista ou unha lingua que non estudan na escola... Molestos ou cómplices?
Porque non se entende nin hai explicación posíbel ante un ataque contra inocentes, porque o inmobilismo é unha derrota anunciada, porque non podemos ser cómplices.Por iso toda ferramenta empregada para combatir o abuso será útil e positiva.O boicot aos produtos de Israel, por exemplo, é unha proposta. A lista é grande, a saber:
x. Cosméticos REVLON Mui importante, o director, Ronald Perelman, é um conhecido activista pró-sionista.
x. Imaginarium Vende brinquedos fabricados em Israel.
x. Frutas Carmel (comercializa MERCABARCELONA)
x. TECNOTRON (cabines de foto, carros musicais para crianças, na rua, nas estaçons... 100% do capital é israelita)
x. Nanas (marca de esfregons)
x. Patacas de consumo (variedade MONDIAL, com código de barras 8 423632 102300)
x. Vinho Carmel Mizrachi Wines
x. Abacate "ecológico" (Ecofresh-Carmel)
x. Datis ("Carmel" e "Jordan Plains", vendidos no Corte Inglés)
x. Abacates, os vendidos em El Corte Inglés
x. Água mineral EDEN
x. EL CORTE INGLÉS: Cosméticos, brinquedos, objectos de decoraçom e jóias, fatos de banho, roupa infantil e produtos têxteis para o lar. Em El Corte Inglés vendem produtos de Israel desde 1979.
x. AHAVA. Cremes, sais e loçons que se vendem em El Corte Inglés.
x. Fatos de banho Gideon Oberson e GOTTEX (vendem-se em El Corte Inglés)
x. ROUPA INTERIOR DAS MARCAS: [b] VICTORIA SECRET, WARNACO, GAP, NIKE
x. [b]ROUPA DAS MARCAS: Marks&Spencer, Gap, Kmart, C&A, Nike, Hugo Boss, Polo Ralph Lauren, Sara Lee
x. Epilady (máquinas de depilaçom e massagem)
x. Aparelhos de ar acondicionado JOHNSON, WHITE WESTINGHOUSE, AIRWELL e ELECTRA
x. Livros de texto em inglês para E.S.O e Primária ( Burlington Books)
x. Carros SEAT Grupo Volkswagen (é o principal exportador de carros a Israel)
x. Terra (associada a Babylon, tradutor de internet)
"Neste momento da historia cómpre aceptar que o Estado de Israel nunca tivo intención ningunha de permitir a existencia dun estado palestino a carón das súas fronteiras"(Ver artigo de Alfredo Iglesias Diéguez no Galicia Hoxe)
Estes son os restos, as consecuencias do masacre, a espeluznante visión do abuso
tirados no chan ausentes déixanse ir e nada importa sóperdersenunboteenorme sempre perderse ensarillarse contra si introducirse coma os edificios no inmenso mar veludo e tan aborrecido subterráneos que non han regresar nunca...
A vida neste planeta ten dúas caras: a que se ve e a que está acochada para que pensemos nela o xusto, unicamente nese intre no que aparece un anuncio no televisor solicitando axuda. Daquela, se entramos no outro lado do espello, veremos un mundo en decadencia, unha realidade fea e escura, chea de miseria. Mentres, aquí fálase de crise, de tecnoloxía punta, de nadal... Será que o Fondo Monetario Internacional ignora todo isto? É este o mundo do progreso? Será certo iso que din os titáns da economía de que o comunismo é o reparto da pobreza? Ou será que somos igual que os voitres e nos alimentamos grazas á morte duns pobres infelices? O conto vén de vello, sempre houbo ricos e pobres. Por iso, á sociedade piramidal, neoliberal e abafante, interésalle a postura inmobilista conservadora que intenta facermos crer que somos incapaces de vencer o abuso. Dicir que a igualdade social é unha utopía constitúe a falacia máis grande xamais contada. Se houbese un xuízo, como o final que anuncia a Igrexa, gustaríame ver a cara de todos os poderosos ao escoitar na boca do gran ente divino: Agora ti vivirás na máis absoluta pobreza o resto da eternidade.
Este é o que vemos, o que matamos con saña por consideralo maligno e perigoso para o gando. Matámolo tanto que podería extinguirse. Iso non debería acontecer nunca na Galiza xa que forma parte da nosa cultura e das nosas tradicións. Adega ofrece unha exposición sobre o tema con vocación itinerante que vén de inaugurarse no Ceida, en Oleiros.
Aquí abaixo deixo un vídeo do auténtico lobo feroz que nos domina e devora.
NOTA IMPORTANTE: Un saúdo para Alén dende Valdeorosa, con moito caríño. Alédome de terte visto.
...e non di nada, desaparece no límite das palabras.
Para coller o seu pulso de imán, para capturalo, é necesario non volver atrás, esquecer a textura da memoria. (Os que calan pintan o silenzo cos dedos, xogan co impacto que se produce na cabeza xusto cando todo se revolve nas entrañas) E cala, nada di porque nada sabe. Só escoita, mira, pasa as mans polos bordes da ausenza. E vaise, desaparece detrás da brétema, silandeira.
Os próximos 18 e 19 de outubro mulleres de máis de 150 países, procedentes dos cinco continentes, reuniranse en Vigo para celebrar o VII Encontro Mundial.Trataranse temas que preocupan e afectan a todas as mulleres coma a violencia e a pobreza. Amais haberá tamén un foro e unha Feira de Soberanía Alimentaria con debates, exposicións, mostra de produtos, obradoiros e música. Nesta feira denunciaráse a utilización de monocultivos intensivos, os agrotóxicos, a especulación coa produción, transporte e venda de alimentos. Porque este foro? Porque as mulleres son maioría na elaboración e produción de alimentos mesmo que unicamente posúan un 1% da propiedade da terra. O domingo 19 realizarase a construción dun milladoiro coas pedras que as distintas delegadas traerán dos seus países. Simbolizarase así a unidade das mulleres e dos camiños na loita contra a violencia e a pobreza. A manifestación será o domingo 19, polas rúas de Vigo.O lema este:"CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES PARA CAMBIAR O MUNDO, CAMBIAR O MUNDO PARA CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES".
Eu non tiña nin idea disto e, mira ti, o que fun atopar cando andaba na procura doutra cousa. Víctor Manuel cantándolle a Franco! Despois de visualizar o vídeo pensei que era unha vergoña que podería ser moi ilustrativa para todos. Quero dicir que pode servirnos como lección de humildade e prudencia pois moitas veces podemos facer ou dicir cousas, froito da inexperiencia e o descoñecemento, das que talvez máis tarde non arrepintamos. Cantas veces esquecemos as propias limitacións e xulgamos sen base, baseándonos unicamente en impresións, partindo dunha mal asumida intelixencia que supoñemos nos garante un cristal privilexiado que concede a fortuna do acerto constante? Algunha vez, de certo, se miramos ben dentro de nós e somos francos, fariamos iso, actuar dun xeito prepotente e prexuicioso. Algunha vez. Xa que logo, porque non pensar na posibilidade de meter a pata? Un non ten sempre a verdade absoluta sobre nada e a soberbia é mala compañeira. Seguro que Víctor Manuel decidiu perdoarse e ben está que o faga porque iso significa un recoñecemento da idiocia palpitante que sempre pode habitar dentro de nós se non actuamos con humildade. Meter a gamba, por listos que creamos ser, non é exclusivo dos que non teñen iso que consideramos "unha ampla formación". E senón, pensade en Steiner e nas súas absurdas decaracións sobre a literatura e a lingua galegas...
Déixovos aquí un vídeo sobre o famoso e polémico acelerador de partículas que van pór en marcha no vindeiro mes de setembro, en CERN, preto de en Xenebra. Máis de 2.000 físicos de 34 países e centos de universidades e laboratorios colaboraron na súa construcción. Buscan a "partícula de deus" o denominado bosón de Higgs. Amais deste bosón, o LHC podería explicar por qué a gravidade é tan débil comparada coas otras tres forzas. Tamén poderían producirse outras novas partículas para as que se planificou a busca, como os stranxelets, os micro buratos negros, o monopolo magnético ou as partículas supersimétricas.
O novo acelerador usa o túnel de 27 km de circunferencia creado para o Gran Colisionador de Electróns y Positróns. Observemos o máxico aparello...
Permitínme pegar nesta páxina esta noticia referente á presentación do libro Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, na Feira do Libro da Coruña, ás sete da tarde. Non coñezo o autor pero paréceme moi interesante o que fai. É de Ponferrada, unha vila próxima a Valdeorras, a miña terra, que como xa sabedes está algo aillada do resto de Galiza. Por outra banda, valoro moito que,na triste e absurda época de manifestos pola defensa dun castelán "perxudicado polo galego" (atención a TELE 5, CANLE QUE APOIA ESTE RIDÍCULO MANIFESTO, SUSTENTADO NUNHA FALACIA)alguén nado fóra do país colabore na dignificación da lingua.
A memoria das aldeas Fernando Cabeza recupera e explica a etimoloxía de máis de 5.000 nomes de lugar galegos para "revalorizar o propio" V. OLIVEIRA . SANTIAGO
Cabeza Quiles ten publicados outros dous libros sobre toponimia dende o ano 1992
"Hai que revalorizar o propio, poñer de moda que os galegos amen Galicia, facer que se coñeza porque o que non se coñece non se pode valorar". Así explica o profesor e escritor Fernando Cabeza Quiles o celme do seu novo libro, logo de máis dunha década investigando a toponimia galega. Consciente de que o despoboamento xa borrou do mapa moitos nomes de lugares, este ponferradino que vive en Carballo, recupera a memoria que gardan máis de 5.000 vilas e aldeas no ambicioso volume Toponimia de Galicia, que hoxe presenta ás sete da tarde na Feira do Libro da Coruña, xunto ó director editorial de Galaxia, Carlos Lema, e o escritor Xesús Fraga.
Logo de editar Os nomes do lugar en 1992 e Os nomes da terra no 2000, este terceiro libro achega novos nomes de lugares e profunda na súa etimoloxía buscando, sobre todo, "a claridade".
O escritor constatou que "hai máis topónimos en Galicia que en toda a España húmida do norte, porque os antigos facían a casa onde atopaban auga, algo que en Castela non se podía facer."
Cabeza Quiles deixa claro que se trata dun libro de divulgación no que busca claridade. "En determinados ambientes pseudovangardistas, se es moi claro din que es un tipo simple. Pero este libro é moi claro e ten topónimos novos que non os vin noutras obras como Couso, que significa "caixa", en referencia á forma da terra onde está".
E iso que todo empezou como un hobby durante o servizo militar. "A mili sentoume moi mal e empecei a ler sobre toponimia como unha vía de escape, para abstraerme do ambiente militar", afirma. Un estudo que lle esixiu longas viaxes por Galicia. "Unha das miñas teimas era o traballo de campo: gústame andar dun lado para outro. Outros libros son demasiado teóricos, pero eu ía aos lugares para ver a súa orixe: onde había unha depresión no terreo chamábanlle Couso, pero noutros casos hai excepcións." "Rescatei moitos microtopónimos: sempre lle dou importancia ao descoñecido, case ao "vello", o que se esquece.
Tamén traballou con libros antigos atopados en mosteiros onde aparecen moitos nomes. "Por exemplo, Triacastela vén de Tria-Castella que xa estaba así a principio do século vinte", apunta. Os nomes dos lugares teñen diferentes orixes. Hainos que teñen "relación cos propietarios da terra". Na Idade Media, os grandes terratenentes poñíanlle a unha granxa o nome: moitos son suevos ou galaico-romanos tardíos que lle poñían o nome suevo para darlle máis prestixio, como os que acaban en -iz como Guitiriz".
Nomes que fan referencia ás plantas, á fauna e á relixión
Tamén hai topónimos "nativos como Chorente, Vivente, antigos posuidores da terra como Verín que daquela era unha granxa". Outros topónimos fan referencia a plantas como Carballedo, á fauna salvaxe como Vitureira, lugar onde había voitres, ou Lobeira, á relixión como Santiago. Outros son anecdóticos como Balcón de Pilatos con sitios que teñen "moi boas vistas".
Por outra banda, non constatou demasiadas diferenzas entre os nomes de zonas da costa ou do interior, salvo variedades dialectais, nin tampouco topónimos castelanizados. "Así como a lingua está bastante castelanizada no vocabulario, a toponimia está máis respectada porque nos concellos se ten máis coidado", apunta. O volume inclúe ao longo das súas 700 páxinas, fotos de Tono Arias, Paco Vilar e do propio Cabeza Quiles que se achega ao detalle natural como chairas e vales.
NOS CONCELLOS "A sinalización segue sen ser boa"
A perda da toponimia é outra das preocupacións que guiou o traballo de Cabeza Quiles. "Hai moitas aldeas arruinadas", asegura, "ves zonas baleiras totalmente, sobre todo, no interior, e a sinalización non é moi boa nos concellos".
Para buscar os lugares, tivo que enfrontarse ademais á desconfianza dos veciños: "Hai anos pensaban que era da concentración parcelaria, pero agora preguntan se son de Facenda", chancea o escritor. Ademais, valora positivamente o Proxecto Toponimia de Galicia que está a levar adiante a Xunta. "É algo ben feito porque rescata a microtoponimia, que son os nomes de leiras ou muíños, é só unha recolleita de nomes, que se rescata da memoria dos vellos".
Pero tamén hai topónimos de creación relativamente recente como os asociados ao nome de barcos como "Baixos do Casón" ou "Baixos do Serpent" así como os relativos a barrios "conflitivos" como "Corea".
Creo que estou a vivir unha fase galeánica ben intensa. Gústame Galeano: o que di, como o di... Pero, por riba de todo, eu diría que me fascina a razón pola que abre as palabras, para sacarlles de dentro todo o ar e pousalas no papel, nidiamente. Así, nos seus textos, as putas son putas e os negros, negros. Parece que eses espellos retorcen as mentiras tanto, que, finalmente, nos devolven a verdade neles acochada. Ata tal punto importa o asunto do espello que, calquera pode caer na conta de que, de seguir así, por este camiño de baldas amarelas, rematará representando o papel previsto. Si, así é, pois, no cumio desta trufa occidental na que vivimos, están ELES, os desinformantes e manipuladores, os políticos, cun imperio que, segundo eles, "protexe" o planeta. Mais o planeta do que falan é deforme e, amais, non existe, por irreal e incompleto. Na casa planetaria que nos venden faltan todos os que non contan, os que non queremos ver, eses que nos devolven unha imaxe nova de nós mesmos e xa para sempre somos incapaces de autocontemplarnos de tan feos como estamos. Ás veces, facerse o tont@ moito tempo fai de nós auténticos idiotas egoístas, porque todos os idiotas son egoístas e todos os egoístas idiotas, ou case todos...
" A guerra de Irak naceu da necesidade de correxir o erro que a Xeografía cometeu cando colocou o petróleo de Occidente, baixo a area de Oriente, pero ningunha guerra ten a honestidade de confesar: -Eu mato para roubar" (fragmento de "Espellos, unha historia case universal" ed. Siglo XXI)
Amigos bloggers, podemos soñar, soñemos. Imaxinemos un país galego poboado de mulleres galegas, de homes galegos, de nenas e nenos galegos, de música galega, de poesía, teatro e narrativa galegas, de tendas de obxectos galegos, de papagaios galegos que falen galego... Pensemos con memoria, para ter unha paisaxe lingüística PROPIA, pasemos de vintecinco mil a un millón. Non cedamos ante a presión, non creamos que nada hai que facer. Saiamos deste espazo estreito, deste país de ananos. "(...) Son rebelde, danme noxo os homes mansos, os pequenos tendeiros do tedio, os que viven coma sapos. Durmo sobre un xergón de neve, i estou descalzo. Sofrín a lei do embudo e son moi mal pensado. Creo nos homes puros que non son educados que non teñen modales esquisitos nin saben comportarse coma fámulos...
Un lugar estraño, unha escaleira estreita e a identidade fragmentada. Así viviu Elisabeth Fritzl durante 24 longos anos, metida entre catro paredes, co útero resentido polo abuso dun pai que todos tildan agora de psicópata... Eu creo que non padece enfermidade algunha, simplemente é malo, perverso, desviado. O noso cerebro é unha totalidade que contén no seu interior áreas escuras, zonas azuis metalizadas, grises intencións potenciais que se retorcen ata saír fóra en forma de violencia psicolóxica e física. Terríbel. Cando penso nesta muller envellecida pola desidia e o abandono, pois ten con corenta e dous anos o aspecto dunha muller de sesenta, sinto unha furia potente, algo que desanoa as cordas íntimas e distorsiona o entendemento porque, sinceramente, non entendo nada.Imaxino que Elisabeth esqueceu nese zulo cal era a súa identidade, cal a súa casa e cales as lembranzas.Estaba dentro dun inferno imperioso e denso,como o de Sartre en Huis clos (Portas fechadas)e, coma no mellor dos thrillers, descobreu que l'enfer c'est les autres. Preguntábame o outro día unha amiga como pensaba eu que puido permanecer esta muller cautiva coa mente sá e non tolear alí dentro. Eu fiquei en silencio uns minutos, tentando dar coa resposta.Difícil. Finalmente e tras darlle voltas ocorréuseme que, talvez, alterou a propia realidade para acomodala ás súas necesidades de continuar viva. Creo que, se cadra, rematou aceptando a situación, entregándose, deixando as armas na mesa. Atreveríame case a afirmar que Elisabeth Fritzl morreu hai vinte e catro anos, agora só quedan restos, ruinas. Meteuse no fondo dos soños e alí permaneceu acochada todo o tempo. Non sei se será posíbel rescatala de si mesma.
Collo o dicionario e busco xenreira, así, sen composición de ningún tipo. Xa no interior, dou coa páxina exacta onde figuran distintos sinónimos como animadversión, antipatía, aversión, fobia, manía, odio… Entón comprendo que isto da xenreira ten matices escuros, coma lamazais podres, que manchan e mancan ós corazóns de quen a padece porque, ser odiado ou rexeitado resulta duro e obriga a unha loita intestina por non prestar atención a eses tigres feroces e doentes que nos cravan as unllas por diante, ou por detrás. O caso é que para odiar con xeito, hai que ter vocación de permanencia, insistir nese duro asunto e non deixar o corpo baleiro, estendido nun campo de millo ao arbitrio de algo tan sinxelo coma o ar fresco e rotundo, que move e remove nas vísceras infectadas por tal veleno incuestionábel. Neste punto, creo que podo afirmar que odiar é un hábito insá que desvirtúa a realidade e a deforma, coma unha goma elástica, e moitos dos que lean isto estarán de acordo comigo. Porén, imos avanzar e darlle forma a este sustantivo, imos engadir auto, que significa un mesmo, e vexamos o cambio semántico que sofre este vocablo. Agora a fobia e a animadversión recae sobre a propia fonte da enfermidade, enredadada nel coma unha cobra deseperada e triste. Como pode un odiarse a si mesmo? Pois aínda que pareza mentira hai moitos que o fan por carecer de autoestima e non saber valorar a propia persoa. Así destrúen e devastan a autarquía emocional ficando sen recursos, pobremente aillados pois non poñen en valor nada de seu e, pola conta, sobrevaloran o que lles resulta alleo. Un exemplo claro disto é o mal endémico de avergoñarse do galego e non defendelo con feitos, escritos ou orais, como sexa. Alegando universalismo, estas víboras lingüísticas chegan a afirmar que non teñen porque escoitar estupideces, que eles son cidadáns do mundo… Inaudito. Como pode un afirmar que é cidadán do mundo se a súa procedencia é tan difusa que, por dicilo dalgún modo, xa case nin existe? Quen pode fiarse dunha persoa insegura e lábil, que rexeita a propia cultura, renegando da lingua e da tradición? Como saudar a alguén que di que empregou o Estatuto da Galeguidade para limparse no retrete? Evidentemente facendo uso da xenerosidade galega, herdada, no meu caso, das terras do Bolo, onde aprendín que debemos axudar os que non teñen. E, verdadeiramente, estes españolistas que dan tanto noxo, son unicamente pobres, pero de espírito. Convén darlles algo diso.
ROSA ENRÍQUEZ
INFORME A TODOS OS BLOGGERS: Fotocopiei o Estatuto da Galeguidade de Elos e paseillo a algúns compañeiros. Un deles dixo que o utilizara para limparse o cu no baño. Quedei alucinada ante o profundo desprezo polo país e mala educación. Normalmente teño escoitado topicazos coma o de que os nacionalistas somos uns radicais ou mesmo paletos intolerantes, e xa paso pero isto... Isto foi demasiado para min. Se eu fose de Sevilla, Teruel, Murcia, Castilla la Mancha, Burgos( patria do Cid, icona do universo castelán) non me fiaría deste tipo de xente. Como fíarse de quen non confía nin valora e para nada defende o propio? Rosa-Valedeorosa, nacionalista, independentista e radical, a moita honra dixit felice porque está ben contenta de ser muller e galega. Un bico a todos.
ControvertidoComa un O aberto poloCentro. parezo un riso pero realmente son toda unhagargallada. existen milleiros de razóns para abrir as portas, outras tantas para telas feChadas. eu son deses que non poñen reparos, gosto do ar que entra pola miña boCa aberta para enCher de osíxeno Cada parte do meu oCo. Constituída así pordeCreto, vou detrás do A e do B pero teño personalidade dabondo tantaComopara iniCiarunha palabra, mesmo un sms. Convido a todos a un repousoCerto.
Para o vindeiro fin de semanatemos unha natureza coma esta, artificial e efémera, unha proposta na diáspora, nos puntos máis alonxados do sistema, algo luminoso que non pode irse sen que a visitedes. Nace na Casa das Palmeiras o 16 de febreiro, un sábado no que moitas veces non sabemos moi ben que facer e que nos presta un pouco de aire fresco para o noso cómodo e correcto universo tranquilo, un soporte bravo e DIFERENTE, algo que se inicia para estenderse toda unha semana neste mes ata o día 23.Gustavo Sequeiro,AS IMAXES,SerxioSequeiro, A MÚSICA, convocaN a todos os animais indomabeis para que gocen desa construción vexetal artificiosa. Preparádevos e ide indo.
Esta carta é para vostedes. Levo tempo sen andar moito pola blogosfera e quería agradecer os ánimos a tod@s e esas visitas que recibín malia a miña breve retirada deste ciberespacio. Elexín esta imaxe porque penso que nos representa perfectamente, así tan pegadiños, tan preto mesmo que pareza que estamos tan lonxe. Dende esta páxina moito máis non podo facer pero desexo que conste en acta o meu agradecemento á vosa fidelidade a este humilde valdeorosa. Un bico a todas/os: AUTOMATOR RIFO NTLV OERIUS O RAPOSO SILVANA SEYMOUR TORREIRA RA A CONXURADA PAIDELEO ZEROVACAS VERMELLA APÁTRIDA ANTONIO OLIVES X TORREDEBABEL NÁCHOK LOURIXE NENO SUSOLISTA MARINHA ALLEGUE MOUCHO BRANCO ARQUEIRA RAINHA VERMELLA MODERNO DE MERDA LÚA CHOUSA DA ALCANDRA ANGELES MALLO HORMIGA FRANÉTICO BRAIS...............................................................................................................
Ninguén chega á nosa vida ansiando permanencias. Ninguén aplaude a profundidade que sentimos no cristal dos ollos cando amamos… Ao caer a noite, cae o vestido caen as miserias e a voracidade toda. A escuridade desvirtúa as formas e bebemos océanos de medo e sal fotografando un aillamento discordante, unha promesa de vesania e liberdade. A ausencia mete todo o mar nunha caixa e parece que quedamos xordos, enfermos de silencio, coa dúbida instalando
este rosario de incertezas. Unha luz rara apaga cada instante e as sombras viran enormes, como montañas de diamantes rotos. Ficamos sós.
Nós ante a inmensidade, ante a insignificancia, ante ese misterio de consciencia colectiva e única … Porén sempre esta respiración, este pánico terríbel de ser, e todos os lazos … Nós ante o periplo de infortunios, ante esta recorrencia de baleiros, ante a inexistencia derramándose. A bailarina xira sobre si mesma, na caixiña marrón, cada vez máis lentamente. Entón un eco profundo de lasitudes tira das lembranzas e pensamos no exército perdido, na eternidade. Queremos amar, ser conscientes, vivir dentro e fóra, existir.
A inexistencia é unha liña de orfandade e desencanto, unha soidade de mil anos, unha espera inútil. Estamos co sexo en branco e as carnes frías. O mosaico roto. Ninguén máis.
Cando contemplou a inmensidadecaeu na conta do absurdo de facer contas cara á adiante ou cara á atrás pois, se cadra, pensou, o aspecto da dimensión na que vivía era unicamente unha consecuencia dese tempo redondo, desa especie de cúmulo que derivou no teatro interestelar. Que é o tempo?,preguntábase. Un xeito de tasar o espacio que nos rodea? Un modo de contabilizara existencia desta aquitectura que actúa como soporte para ser? Brazos, mans, pernas e todo o que pon cara á consciencia depende do tempo. Tempo-tic, tempo-tac, tic-tac, tic-tac, tic-tac... O córporeo habitáculo celebraba a súa orixe, sita na liña cronolóxica dun ano que fai trinta e nove: un, dous, tres, catro.... vinte, trinta... Porén non soubo contar moito máis. Ficou nese estado de éxtase voluntario e para dentro involucionou nove anos como nove puntos, como nove ansias. Quixo pensar que todas as semanas e anos teñen puntas recortabeis polos lados para suavizar o propio ámbito, un ámbito no que atoparse ben, como Orión, que debe ser quen ten máis datos sobre si mesma.Sabercousas dun mesmo é unha trampa-estéril,unha fundacióndeimperiosíntimosquenada poden dicir sobre nós, capa etérea suspendida no éter, figura con forma de botella ou de triángulo escaleno, operación matemática desgastada nun recipiente que envellece polos tabiques ata desaparecer... Eu non quero desaparecer, pensou con ansia de perturbarda... Pero Orión continuaba alí, inmóbil en apariencia, esperando a súa chegada...
Virán pola noite, aproximadamente ás doce e cuarto, xusto cando todos esteamos nos postres. Levarán un traxe azul eléctrico ben axustadiño ao corpo e falarán...
Todos os que esperan son habitantes dun lugar situado moi lonxe de nós, mínimas partes dun sistema que de cando en vez lles dá esmola para vivir. Son os que sempre están esperando... Se cadra este ano, polo nadal, moitos deles desaparezan. Quizás atopen un bo punto de apoio neses seres procedentes do espacio. A esperanza ten para eles aspecto de naves esmagadas coma un chicle no chan cun decorado austero de luz poderosa. Levan anos esperando resposta as súas demandas e, por fin este ano, os que chamamos desfavorecidos, collerán o seu tique para ser feliz, farán cola e serán conducidos a través do hiperespacio ao espectacular estadio do repouso. Alí non existen prebendas, nin elexidos. Alí hai alimento para todos porque todos teñen iso que aquí chaman moitos alma. Eles chámanlle conciencia. Eu tamén querería ter un tique deses para coñecer o equilibrio interno, a bendita xustiza e, sobre todo, a honestidade.
Eu non teño ningún animal na casa, agás meu irmán pero el é un animal tranquilo e repousado. Non esixe nada que non sexa realizábel e anda ao seu, coma os gatos. Os gatos son algo precioso, con certo aire de nostalxia nos ollos, ou alomenos iso me parece a min. Non sabería explicalo ben pero é como se puidesen percibir o que para nós pasa inadvertido, se cadra é a enerxía que circula dentro das casas e ese cheiro que desprendemos os seres humáns cando nos cremos superiores a eles. Fascínanme. Ás veces creo que nos observan, que reflexionan sobre o que facemos... Temos que parecerlles idiotas, sempre correndo dun lado ao outro, intentando capturar o tempo.
Un ano metida na rede... Enredada neste lío de escribir cousas e ler tantas outras que hai por aí soltas e que son tan chulas¡
Os meus animais fictícios queren dar as grazas á blogosfera por lelos, comentalos e facelos ser:
ASOR I DE ZEUQUIRNE: Dende Aretx quero dar as grazas a todos os visitantes de valdeorosa por que aí foi onde nacín, entre bloggers e teclados.
O CABALEIRO DO INFINITO: Con esta elegancia propia que me caracteriza direivos MERCI e seguirei pensando que sodes o mellor público.
GOBERTRAND: No nome do meu pobo envío un saúdo a todos os lectores da nosa historia. Estamos moi contentos.
SENNAR, O GATO ALADO: Miañando por aquí estiven o tempo que ela nos deixou e... Como me gustaba¡ Son o gato máis poético de todos¡ Son un ser completamente gato e completamente feliz¡
NABETSE: É incríbel pensar que a comedora de conchos e bullotes puidera construír un cibermundo dentro doutro¡ É estupendo saber que lle destes tanto ánimo, día a día, para que Asor tomara corpo e trascendese fóra da rede¡ Os deliberantes queremos mostrar o noso agradecemento a esta causa e felicitar aos bloggers pola súa importante presenza.
OS BLOGGOMERÓNS: Dende o noso retorcimento e estadía de verán en valdeorosa queremos felicitar aos bloggers pola súa simpatía e sentido do humor.
ROSA HENRÍQUEZ, ALIAS VALDEOROSA: O meu blog cumpre un ano na rede e debo dicir que estou ben contenta. Invítovos a este anaquiño de pastel cun riso grande GRANDE.
Coa finalidade de organizar debidamente a existencia, os Seres Superiores determinaron construír unha cidade circular. Imaxinaron que así todo estaría ben, que non habería problemas de espacio pois as áreas de cada círculo quedarían fixadas pola súa potestade conque os futuros circulantes non terían ningún tipo de enfrontamento derivado das ansias de ocupación. Decidiron que cada ámbito sería un área, así que concretaron o espacio do que dispuñan en dez zonas.
Na ZONA PRIMEIRA instalaron aos circulantes de primeira orde, é dicir, aos máis destacados por algunha razón, normalmente de tipo intelectual. Vamos, que os pertencentes a esta zona da cidade eran os máis listos e como tales foron bautizados como UNOS.
Na ZONA DÚAS colocaron aos que disfrutaban dun maior atractivo físico, tendo en conta que para eles o canon estético estaba directamente relacionado coas figuras redondas ou grosas, como a eles lles gustaba chamalos. Estes recibiron o nome de BOLICÓNS e, a dicir verdade, parecían ben contentos.
Na ZONA TRES preparon todo para situar aos homes e mulleres que existían por triplicado, é dicir, que tiñan tres mans, tres pernas e tres cabezas ben redondiñas. Déronlles o sobrenome de TRINIS e a eles parecía gustarlles pois non puxeron xamais ningunha pega.
Vexamos a continuación quen vivía na ZONA QUATRO e, de seguro que nos sorprendemos, pois polo que parece alí estaban OS NINGUÉN. Estes seres carecían de rosto e unicamente contaban cunha boca que só abrían para comer ou iso era o que se dicía deles ou o que interesaba crer dende os círculos máis poderosos...
Vaia, como vedes estas cousas resultan algo estrañas para nós, ou se cadra non tanto...
Pasemos agora a zona ecuatorial, a intermedia, a ZONA ZINIKIS. Aquí os Seres Superiores decidiron ubicar aos ZINICÓNS, homes e mulleres moi noviños que cos anos ían diminuíndo de tamaño, virando cada vez máis pequenos ata desaparecer. Nese momento morrían. Isto parece moi duro pero non o é tanto se pensamos que estes individuos son os causantes de todo o malestar que se crea en Heliópocens conque o propio medio os aniquila arricándolles anacos de vida tras cada insidia que provocan.
Como vedes, nesta cidade de círculos concéntricos as miserias e as riquezas distribúense cunha orde estricta.Alomenos así é nestas cinco primeiras zonas...