O AQUEL-A LENDA DESCOÑECIDA O Aquel vive nunha fraga preciosa-no medio do monte. É un ser prodixioso que pode partirse en anacos diminutos até esmorecer. Se o contemplas-se te achegas para tocalo-quítache os pensamentos-sácachos polo nariz. Daquela-todo-absolutamente todo o teu corpo-adquire a forma da chuvia e do sal. Logo-O Aquel vaise-tira dereito polo camiño dos liques na procura dun sitio onde durmir. Ti con el. Entón é cando comprendes que as prantas saben igual cós idiomas-a chuvia e sal. Por iso-unha vez respirado esa terra fragosa-é probábel que non desexes volver nunca.
Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
mercredi, avril 28, 2010
mercredi, avril 07, 2010
O MUNDO DOS CAVORCOS

o mundo dos cavorcos
Este é un lugar para que ti nunca vaias
un burato escuro-que non dorme e dá medo
omedoquesinto-tenformadecadea
pero sempre atopo unha excusa
e introduzo alí a ansia toda-insistente.
-Aprender a vivir non está nos libros-dicías.
A escoitar tampouco-é unha mágoa.
Eis a dor intensa-provocada pola xordeira.
Si-o mundo dos cavorcos
é un lugar para que eu nunca vaia
lundi, février 01, 2010
jeudi, janvier 14, 2010
CONVITE DA PRESENTACIÓN DE UNICROM
lundi, décembre 07, 2009
DIÁLOGO ENTRE O CAN, CONSCIENTE DE SEU, E A DONA DAS XESTAS

Non hai maneira. algo foi mal, algo estragou a posibilidade de comunicármonos con esta deidade natural feminina, Non podo imaxinar o que, Nin idea teño diso, A verdade é que, talvez, e mira ben que digo talvez, pois non ousaría eu afirmar como verdade absoluta o que creo, abofé que non, a Dona das Xestas ande molesta por algo que fixemos. Pero que dis, Troski?, Iso é imposíbel, Se non fixemos nada!. Iso dilo ti, mais eu estou certo de que a ofendimos, Se cadra foi por andármos pola zona sen permiso. Ti toleaches, can!. Mira, rapaza, non penso discutir contigo sobre este asunto, Agora o que cómpre é saír de aquí, deste burato escuro e noxento e poder volver a Vellarre. Trosky, Iso vai ser difícil porque ir cara a arriba até dar co bico do monte hanos levar horas.... Xa, pero non imos ficar enterrados sen facermos nada só polo feito de estar cansos!, Non cres?.
(No Libro das Verdades este episodio é case pasado por alto. As voces narradoras non consideraron que isto merecese demasiada atención. Preocupáballes bastante máis o misterio da inmensa morada oceánica, coma se naquel ámbito vexetal nada tivese conexión. Para comprenderdes isto, velaí un extracto do texto:
“ Do que aconteceu na parte do fondo da aldea entre Area do Souto-Piñeiral Cadrado, o cuzo, Trosky para ser exactos, e a Dona das Xestas, o único que sabemos é que solucionaron o malentendido sen grandes dificultades. A verbosidade do animal, callou na alma anoxada da deidade natural.”)
O caso é que Trosky, o cadelo máis ladrador de Vellarre, iniciou a súplica dialogante ouleando, tal e como fixeran durante anos os seus devanceiros, cans de grande altura, depredadores de galos e galiñas, fortes e egrexios:
-Guau, guau, guau-comezou-(déixate de trapalladas e fála dunha vez, presuntuoso, que es un presuntuoso- repetíalle Area do Souto-Piñeiral Cadrado polo baixo) -grande e poderosa muller, a máis fermosa de cantas deidades teño coñecido (mentirán, peloteiro, lambecús, esta muller é feísima, Así non imos conseguir nada)…”
-Basta-respondeu a deusa- deixa os afagos e responde, “trampacan”, que faciades vós por aquí?.
-Ouh, deidade prodixiosa, non faciamos nada en absoluto. Caemos polo cavorco de Vellarre e unha forza estrañísima conduciunos até aquí.-
-Simplemente.
-Simplemente.
-Ben. Por esta vez vou ser xenerosa. Abrirei a tapadeira terrestre para que poidades marchar, pero debedes saber que, para virdes por aquí, hai que envíar primeiro a flor da pataca co voso nome e o da Grande AnxanA escrita nas pétalas. Só así saberei que non sodes inimigos.
- A Grande AnxanA? E quen vén sendo esa muller?.
-Xa o averiguaredes. Polo de agora saíde de aí!
Ao dicir iso, a parte de arriba que lles cubría a cabeza-azebac, elevouse polo aire, como antes de caeren naquel furado. Entón un vento forte botou todo enriba da herba fresca. Cando digo todo, refírome a todo, isto é, ao cuzo, á magnética rapaza e mailo resto, as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Unha vez fóra daquela pota natural, o que lles agardaba era o camiño de regreso, cousa difícil pois terían que rubir polo lombo do monte e iso levaríalles aínda un par de horas.
vendredi, novembre 27, 2009
TRES POEMAS PARA DARLLE TEMPO A DONA DAS XESTAS A FACER UN MIRAGRE

“Amei a Anticlea por ser todo o que eu non era, e ela amoume a min a pesar de ser eu o que era” (palabras de Laertes, pai de Ulíses, sobre a súa muller, a nobre e soberbia Anticlea)
“A túa nobreza, a túa xenerosidade, a túa forma de me amar en liberdade, préndenme a ti máis que ningunha das túas múltiples grazas” (palabras de Ulíses a Circe)
Citas extraídas da novela “Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Caamaño.
poema un:
UN CONTO PARA ESPERTAR
E SAÍN.
Collín o barco atracado na xanela
e botei meses fóra-exiliada do cuarto azul.
Fica aquí-á miña beira-preto do meu colo-da sima abisal do meu cetro-no punto central deste meu reino-dicía o monarca.
Meu señor El Rei-respondín delicadamente-non podo-non poderei permanecer aquí máis tempo-pois teño diante o mundo todo-Que te comerá-Si. Probabelmente-
PERO MARCHEI.
As voces convocáronme para eu florecer neste deserto-neste oxidado reino de sardiñas.
Collín o avión do xardín e pasei anos desterrada-sin tierra nuestra que pisar.
Volve amor-ao meu abeiro-para te anainar-para collérmonos os labios e untar o noso leito-vén-deixa a cousa estar e pégate a min-ao meu trono-ao poro sinuoso deste amor e métete aquí nesta cova a durmir-a miña fermosa dona que dorme…
Non-Meu Señor El Rei-repliquei-antes hei untar os labios nas pedras-no código secreto deste amor que se acaba-na enorme e grande batalla por facer-E perderás.-E perderei.
PORÉN EU FUN
Vestín as ás coloradas e voei infindo-enfiei o camiño dereito-dereito-e nunca non mirei atrás.
Perdín un reino-unha casa e o meu Señor-antes diso-a memoria.
E DIXEN OUFANA
Meu Señor El Rei-a fráxil súbdita do teu abrazo-aquel teu peixe-leva agora un transatlántico nos pés-afástase do teu empedrado castelo-e nunca non mira atrás.
poema dous (escrito para o filocafé de Petín, Silencio ou morte)
TEÑO UNHA POZA ENTRE OS DENTES
CON NENÚFARES E HORTENSIAS
E TU QUE TEIS QUE NON TEIS NADA?
CAE TODO POLOS LADOS
e ti gardas no oco da man
un río enorme
grande coma un mundo grande
E ACABARSE é entón coma chover
e chover chovía coma nunca…
na casa as cousas sempre quietas
metidas entre as pedras e mazairas
na praza da cociña
só pingas de auga
e un golpe niquelado no vaso…
E CHOVER moito
coma nunca naquel sitio.
E O FUME delicioso
igual que o teu perfil de espiga na ventá.
pégate-repite-pégate-a min-ao meu colo-a miña saúde enferma-e-bucea nas potas-come o sol con patacas-e-deixa que todo-absolutamente todo-caia sobre nós.
naquel lugar nada podería ser tan grande como a selva salvaxe do armario
un fronte de nubes e silencio instálase no tercio norte da casa.
quen vai?
NINGUÉN NADIE EN LA VIVIENDA
(sólo tú)
Tu es ti
Tu con nubes no cesto da roupa…
TU QUE TEIS A ALMA ESGOTADA
TU QUE TEIS QUE NON TEIS NADA
Pero-chover-chovía como nunca
e non puiden evitalo
eu sempre chorei o domingo a tarde…
poema tres (escrito tamén para o filocafé de Petín)
A CRÓNICA DA CHUVIA ESTÁ ESCRITA NA AUTOESTRADA
NOS PASOS DE PEÓNS QUE NOS DIVIDEN EN AUTO-MÓBILES E HUMANIDADE TRANSPORTÁBEL.
Normalmente a humanidade vive nun salón-pegado ao mar. Ao abrir as ventás
a paisaxe documenta os vestixios dun futuro atronador-que pasou-prendido na memoria das montañas.
Por humano transportábel entédese aquel que-con dúas mans e dous pés-ten coma vontade un abúlico proceder-meláncolica sedución da nada flotando ao teu redor-meu amor…
O humano transportábel vai camiño da industria-nunha nave doméstica de direción asistida-e atraca no fondo das grotas e pedreiras
lento-violento
no vougo silandeiro
e derrama o medo como derrama a sopa.
A CRÓNICA DA CHUVIA ESTÁ ESCRITA NOS MUROS HORIZONTAIS DAS CIDADES, NA PLANTA DOS PÉS.
A humana auto-móbil leva un motor solar na barriga
e así vai tirando-tira-que-tira-tira ben-meu-ben-arredor do meu amor.
Por humana auto-móbil enténdese aquela que-coas mans anoadas ao lombo e os pés rebentados-fai carreiras nos campos de millo quentes pero non arde nunca-flúe entre espigas-pegada á venta-coma o teu corpo en punta.
OS PASOS DE PEÓNS FORMAN CRUCES E DESAPARECEN COMO TODO O QUE VEMOS E NON EXISTE.
Hai procesos de combustión gástrica na esfera ondeante de tungsteno na mentira máis grande de todas:
QUE TU ESTÁS AQUÍ-QUE TEIS O QUE NON TEIS-QUE NON TEIS NADA
E que fais para evitalo?. só sabes morder os labios por dentro. muda.
dimanche, novembre 15, 2009
A DONA DAS XESTAS

O DE TER OU NON TER IDEAS dentro da cabeza é algo sobre o que non quero reflexionar agora. Máis tarde. Talvez pola fresca. Neste momento, pensei, o mellor é observar, indagar sobre a estraña presenza, sobre a muller da saia enorme.
Non resultaba fácil con ela alí, preto de min, fitándome cos seus ollos de marmelo. Por iso unha rara sensación metéuseme gorxa adentro. Era como afogar de tanto aire como entraba pola boca. Así, fun inchando, pouco a pouco,e, coma se fose un globo,marchei rodando pola devesa abaixo con Troski e todo o que, como arrastradora magnética que son, levaba tras de min: as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Eu, cativa-cativa, o meu can,e todo o conxunto, fomos dar naquela extensión de mazairas verdes e castiñeiros.
TRANCATRÁN TAN TAN TAN.
Ese foi o golpe seco do meu corpo ingrávido que, como un prodixio, baleirou todo o aire que gardara na barriga polo nariz. Foi a primeira vez que coñecín os efectos dun tornado pero, no meu caso, non era este de carácter meteorolóxico. En absoluto! A explosión íntima que experimentei nada tiña que ver coas nubes da cabeza-azebac, nin co vento do nordés, senón máis ben cunha aerofaxia exacerbada, froito daquel vento todo que se me metera pola boca.
Xa recuperado o alento, mirei o ceo. Estaba convencida de que unha visión tan fermosa dese mar celeste relaxaríame pero, ao contrario do que pensaba, estremecín aínda máis, unha calor ardorosa rubiume polas pernas arriba do pánico que sentín. Ela estaba alí, suspendida no aire, coa saia ondeando. E nós,Troski, eu e todo o resto, con ela! Dabamos voltas e voltas, sen parar. Era como estar dentro dunha batedora… Tantas e tan veloces voltas deu aquela muller da saia infinita que eu propia saltei da devesa-móbil e fiquei pendurada da póla dunha das mazairas da miña avoa con Troski pegado a unha das miñas galochas metálicas. Da outra colgaban as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Foi terríbel, os garfos e coitelos pinchábanme as pernas e un fío de sangue comezou esvarar polas miñas coxas. Este é o fin Troski, dixen moi asustada, imos matarnos neste furacán!. Non teñas medo rapaza, dicía el, todo vai saír ben, xa verás.
Entón, facendo un esforzo inimaxinábel,decidín dirixirme a ela, a muller sen límites. Quen es,díxen como puiden no medio daquela voráxine. A Dona das Xestas, respondeu mentres cesaba aquela tortuosa rotación. Falou con solemnidade pois todo era solemne naquel lugar dende a construción de Otuos Uaim e diso había xa dous séculos! Eu son a grande e poderosa Dona que cobre de xestas os montes,explicou, Vós estades nos meus dominios así que ide de aquí, XA.
Isto último berrouno, moi forte. Entón puidemos comprobrar que todo o que había ao redor estaba colgado da súa faldra, coma nós. Estaban colgadas as flores, as pedras, a plantación de mazairas, os castiñeiros e toda canta herba fresca enchía o prado. Incríbel, o faldón inmenso que vestía a misteriosa muller era a tapadeira terrestre da tubería pola que andaramos previamente. Caímos na conta diso cando intentamos fuxir, liscar daquel lugar, tal e como ela, moi contundentemente, nos indicara.
E foi mirar cara a abaixo e caer, todo a un tempo. Daquela entramos novamente na pota natural que a intimidade telúrica constituía e comprendimos que, en breve, ía ser cuberta pola súa saia infinita, irremediabelmente. Así que, sen podelo evitar, vímonos enterrados outra vez coma patacas.
De nada valeu que petásemos forte no teito escuro, tampouco serviron para nada as nosas pregarias. A Dona das Xestas esqueceu que quedaramos alí abaixo conque a piedade non agromou por ningures. Eu, coa miña magnética persoa,Troski e todo o demais,as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño, encrequenámonos, formando un vurullo, ben xuntos, para dármonos seguridade e confianza pois comprenderamos que ese enterro anticipado duraría aínda un tempo, así que mellor darse apoio e calmarse coa forza do abrazo.
Segundos despois, de sócato, puidemos escoitar o canto desafinado daquela muller poderosísima:
A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.
Un paxaro no meu millo
o pote ben a ferver
e non deixa de chover
de chover e de chover.
Na beira daquelas fragas
móllanse as miñas cabras
móllase o gorrión
móllase todo o Pontón.
A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.
O que aquí ben veredes
son as miñas posesións
e para que o confirmedes,
dende á Oliveira ó Pontón.
A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.
Despois de escoitármonos aquel cántico de exaltación territorial, Troski propuxo iniciar o diálogo coa Dona das Xestas.
O xeito de o facer? Eis a cuestión!
lundi, novembre 02, 2009
A CABEZA AZEBAC A CABEZA AZEBAC A CABEZA

DO OUTRO LADO DO FÍO, refírome á tubería que une o campo de abaixo coa inmensa morada oceánica de Outos Uaim, puiden albiscar unha figura humana estrañísima.Saín por unha fenda que atopamos até dar cun camiño estreito, moi moi estreito. A estraña presencia levaba o pelo arredor da cabeza, pegadiño ás orellas e tiña nas mans un pau bastante gordo co que afastar as malas herbas que medraban por entre as pedras do camiño.
Curioso, pensei, esta alma de deus leva unha saia tan grande que non se revolve. Certo, a saia ocupaba hectáreas e hectáreas, pero, de non prestar atención, nin me decataría pois, polo medio da tea, agromaban margaridas de todas as cores… Era como un pradairo artificial. Insólito.
Que miras, paspán, que fas que non andas? Corre, desaparece da miña vista!
Eu calada. Confundírame cun home!
Que, pensas pasar así toda a tarde?. Non, dixen, pero quen é vostede?. Eu son a que son, neno intrigante! Outra vez máis! Volveu tratarme coma se fose un rapaz! A muller grande seguiu o seu camiño cantando, esfuracando co dedo nas cavidades abisais do seu nariz, en extremo delicada.
Ai, se me perdera, se caera por ese conduto horroroso… Como se me lera o pensamento, a muller da saia infinita botou aire polo seu nariz e unha fervenza branquísima arremuiñouse arredor daquel corpo vello. Teño o mar todo dentro da cabeza, e teño aire e terra e amor e fame. Teño de todo, practicamente.
Cantas cousas leva con ela, pensei, como pode cargar con tanto peso?
Dentro da cabeza cabe de todo, ideas propias e estrañas, promesas de amores mortos e frases inconclusas. O mar e a terra. Todo, absolutamente todo o que queiras, poderá entrar dentro. Até un propio pode vivir alí. Hai que ten a cabeza deshabitada. É raro pero sucede. E non porque a cabeza en cuestión sexa estreita. Nada que ver con iso!
Eu coñecín un home coa cabeza chea de nubes. Era un home triste.
Traía nos ollos restos dun naufraxio. Entrei e saín da súa cabeza como se nada porque nada había…
mercredi, octobre 21, 2009
O POZO

ALÓ NO FONDO DERON CUN POZO ESCURO, moito máis aínda que ese oco polo que caeran. Area do Souto-Piñeiral Cadrado abriu os ollos todo o que puido, primeiro asomou a cabeza, logo o tronco e, finalmente, as pernas. Ficou varios minutos nesa posición, cos pés no borde, para rematar descolgándose. A baixada produciuse inevitabelmente. Marcharon todos cara á abaixo, conformando un grupo, pegados entre eles. O derradeiro en caer foi o can. Entraron na auga e flotaron durante un bo rato. Non podería precisar canto tempo mais todo parece indicar que non excedería dos quince minutos. Que pasou? Que foi o que orixinou o afundimento?
No Libro das Verdades o suceso descrébese así:
“Un ruído xordo, un furacán mariño de auga doce, un estraño maremoto, arrastrou aquel vulto sorprendente. Era como se un poltergeist tivese lugar naquel sitio. Documentamos esta caída con axuda dos familiares afectados. Parece ser que tivo lugar un martes. Os martes sempre son días conflitivos nos arredores de Vellarre. Nin se sabe porque pero sempre suceden cousas raras. De feito, ese día ten unha duración de tres xornadas. Temos pois, o martes-un, o martes-dous e o martes-tres. É así. Danos igual se non o credes. Despois de todo, porque nos ha preocupar iso? A información é case sempre incompleta ou, simplemente non existe, ou non pode ser, que tamén serviría como explicación. En todo caso, o importante é saber que isto aconteceu un dos tres martes. Cremos, non podemos aseguralo, que foi un triste martes-tres do día trece da terceira primaveira (aquí existen catro primaveiras, xa explicaremos iso máis adiante). Para ben ou para mal, insistimos, o martes-tres do día trece da terceira primaveira pérderonse polo oco do pozo unha morea de obxectos e dous seres vivos, unha rapaza, Area do Souto-Piñeiral Cadrado, e un can, Troski. A aspiradora doméstica de Otuos Uaim tragounos sen piedade e alá foron o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño…
Que difícil dicir todo isto seguido e escribilo sen respirar! Case afogamos!
En resumo, que detrás deles non quedou nada. Unicamente o silencio.”
O silencio é internacional, carece de bandeiras e, precisamente por iso, ninguén poderá nunca apropiarse del. Imposíbel fundar empresas que o comercialicen. Non nos pertence. Só a terra podería fulminar cada átomo seu cun estrondo bárbaro até desaparecer.
Eu nunca puiden vender o meu silencio, sempre calei o xusto, Troski. Tampouco eu, que absurdo! Estou convencida, o silencio é un gas que non poderemos amarrar nunca.
vendredi, octobre 02, 2009
NA BEIRA DE AQUÍ, O CAVORCO CENTRAL

NA BEIRA DE AQUÍ...
Area do Souto-Piñeiral Cadrado anda agora polos camiños, co paquete de tabaco no peto do pantalón e unha caixa de mistos grande, daqueles que usaba a avoa para acender a cheminea. Leva detrás as bonecas, os libros e unha tira de panos de cociña larafuzados de graxa. Troski, pegado a ela, coma un zombie. Nin palabra. Os dous en silencio. Só o ruído das follas molladas, dos coitelos, dos garfos e de toda a ferramenta doméstica que parecía cantar ese tin tan tin acorde coas campás da igrexa. Nada máis.
No ceo, as nubes inchadas de gas e un sol de dez centímetros colgando do teito celeste coma unha lámpada vella.
Atrás as caixas, o caldeiro do lixo, as mudas de roupa limpa, as sillas, o arcón de madeira podre e as sabas de liño.
Magnéticos e silandeiros, can e rapaza mastigan secretos que nunca serán contados, palabras cheas de sombras e amores metidos no oco do corazón.
Ás veces páranse para mirarse, fitando o un cara a outra, sen dicir nada.
Na aldea todas as veciñas queren saber que pasa, que é o que din, porque o fan dese xeito e como o conseguen. Nada. Niguén sabe nada.
ENTÓN A BOCA DO INFERNO ábrese no núcleo da montaña máis redonda, entre as xestas. Inevitabelmente, o universo de cavorcos deixa paso a toda esa morea de obxectos perseguidores, róuballes o tin tan tin e traga con todo.
Alá van o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos de cociña larafuzados de graxa, os coitelos e a ferramenta toda para morder.Tamén as caixas, as mudas de roupa limpa, as sillas, o vello arcón de madeira podre,as sabas de liño... Todo, absolutamente todo, esbara terra abaixo, ao fondo, cun tran-ca-trán-tan-tan-tan.
Mentres, Otuos Uaim, a inmesa morada oceánica, arrastra o sol para dentro...
samedi, septembre 19, 2009
A CASA DE OTUOS UAIM

HAI ENTRADAS AO INFERNO QUE TEÑEN VENTÁS PRECIOSAS como aquelas da casa grande de Otuos Uaim, ondeando no cume da aldea, acirrando ás árbores para quitarlle o oxíxeno e deixalas secas.
Era tan sinistra e secreta aquela casa enorme que todos fantaseabamos con ela. Lóxico pois tiña un aspecto deforme, como se dobrase por fóra ao abanear o mundo tranquilo da aldea coas xanelas verdes, sempre en alerta. Daba a impresión de que chamaba por nós, Vén, anda, vén, escoiteille dicir máis dunha vez, coa voz anguriada, como se precisase de min para algo. Eu quieta, co medo dentro do corpo, agardando, sempre atenta por se chamaba por min outra vez, A próxima irei, soa ou en compaña. Sempre que pensaba niso a misteriosa vivenda eructaba longa e fondamente, botando pola porta un corpo inerte e frío. Se cadra por iso fiquei sempre nesta beira, quero dicir, no plano do real e coñecido, onde diferenciar o aire dun suspiro era tan sinxelo como respirar, e así, inmóbil física e mentalmente, fiquei moito tempo, calada coma unha morta. Mentres, en Otuos Uaim o aire e o mar parecían a mesma cousa, de feito, cada noite, un vento destes que tira con todo, metíase alí de tanto como se abrían as contras e vidrieiras.
Eu sempre pensei que o propio mar cabería dentro, que millóns de persoas serían capaces de bucear na súa insólita inmensidade oceánica, evidentemente convulsa e reveladora. Creo que non me enganaba.
Encantados, así estabamos, engaiolados pola casa ondeante e aqueles ollos arrandeando día e noite, como quen non quere a cousa. Parecía que todos os habitantes da aldea tivésemos bebido unha apócema velenosa e carecésemos de capacidade para o discernimento. Abofé que si. Por iso a nosa submisión era comprensíbel porque cando unha persoa é vítima dun feitizo, e eu coido que esa casa tíñanos enfeitizados a todos, polo menos na miña familia, dende meus pais, pasando polas xemelgas, os avós e propio can, Troski, creo que era, perde capacidade volitiva e vive pendente de quen lle roubou a vontade que, neste caso, foi ese ámbito estraño, refírome á vivenda claro está, que,por estraño que pareza,tíñanos sempre, continuamente, atentos a cada aceno seu. Si, dixen aceno, díxeno e non o retiro pois a mansión parecía estarmos mirando a cada momento e, se algo non lle gustaba, xuntaba as ventás e abría a porta para eructar e, cando facía iso, sentiamos un medo terríbel porque sabíamos de boa tinta que calquera cousa podería saír de aí.
Porén, deste asunto, o máis curioso era que todos, e mira que digo todos,incluído o canario de miña nai, que era a única que o cuidaba, andabamos como atados entre nós por algo. Non sei, non sabería explicalo ben pero, e para que se entenda, eu diría que estabamos pegados por lazos invisíbeis. É máis, polos lugares por onde pasabamos arrastrabamos as cousas coma se fósemos imáns, eu polo menos tiraba con todo, como cando era cativa-cativa e o prendedor do pelo enganchaba cos fechos, cos abrigos ou coa trandeira da roupa e logo levaba aquilo detrás de min contrariada ao comprobar que todo, absolutamente todo, podía ficar permanentemente unido a min. Por iso, cando vin aquela glotis de estalactitas aberta aledeime moito ante a posibilidade de romper coa monotonía de arrastradora magnética que levaba e pensei que tal vez houbese algo interesante detrás e pagase a pena investigar, andar aí, no medio e medio e descubrir o que houbese que descubrir, iso si, si é que algo ou alguén vivía alí dentro e manexaba os fíos…
------------------------------------- -----------------------------------
ENTÓN, COMA SEMPRE, A MEMORIA DEVOLVEUME AS FERIDAS, o pano branco da avoa e aquela saia da miña nai a que permanecín prendida tanto tempo. Tiña sete anos e mexaba por min cada noite, do medo que tiña de todo, Tiñas medo de todo?, Si, sobre todo dun anano gordecho que sempre estaba enriba da coqueta, firme, cos ollos extraviados, como se disimulase, Disimular… e que ía disimular o pobre do anano?, Nin sei, Pero, preséntate, primeiro di quen es, con nome e apelidos, identifícate, non fagas como ese, ou esa, que che envía letras de amor procedentes dun foco infeccioso como esa cova na que pretendes entrar. Vale, son Area do Souto Piñeiral-Cadrado, Ah! e que máis?, Que máis de que?, Que que máis podes contar de ti, muller…, Agora o único que me vén á cabeza son os cartos que gastei naquel avión de cinco metros que metín na corte das vacas, ha ha ha, Pero, viraches tola? Como vas meter un avión de cinco metros nunha corte?, Era un avión de cartón e podíase pregar, que hai que explicarcho todo…
Como aquela casa oceánica?,
Despois desa pregunta, Area do Souto-Piñeiral Cadrado, a muller trasladadora, meteu as palabras dentro da gorxa e alí ficaron uns corenta segundos antes de saír disparadas coma frechas: a casa de Otuos Uaim nin mentala, oíches?
A BOCA DO INFERNO ÁBRESE, VAISE ABRINDO E NIN OS PRENDEDORES PODERÁN ATARNOS Á SÚA BEIRA, QUE É ESTA DE AQUÍ…
dimanche, août 30, 2009
CRUELDADE INFINITA

HAI ALGO EN TI QUE SE DILATA
que inflama
até abrir as entrañas.
Así abren as caixas
e as botellas.
Venus saiu dunha concha
/contaminante
encheu o mar de escuma e de beleza.
Nada hai máis cruel
que ser deusa ou esposa.
PERO HAI ALGO EN MIN
QUE NON RESPIRA.
Se cadra teño muros de seda
na cabeza
ou asubíos de cebra niquelados
e eu a tremer
a revolverme
coma unha bóla de gas.
PERO HAI ALGO EN TI.
Talvez sexa o idilio saboroso
e aquel manifesto contra a pobreza.
Cando somos pobres
amamos os cintos de ferro.
O noso murmurio vai acorde
co murmurio do leite
reberverando nas cuncas.
A política é o mellor analxésico.
Dosifica a realidade
en proporcións plastificábeis.
-Ás veces, amor,
a escuridade nunca se acaba.-
PERO AHI ALGO EN NÓS
QUE NOS ATA...
Afeitas ás corazas
ábrimonos por dentro
coma unha froita poderosísima.
E seguimos a merecer
un himno
unha espada
un templo.
-Mais os templos, amor,
bendicen a mentira
perdóannos.
E ti non debes esquecer nunca
que a condescendencia
é unha crueldade infinita.-
vendredi, août 14, 2009
sen título

A puta máis feroz de todas as putas come os homes con manteiga e logo bótaos polo cú.
Redúcese todo. Faise pequeno. Ana baila cun ritmo lento, de pasos curtos. Saboroso.
Sente dobrar as paredes do cuarto. O espazo prégase sobre ela, como para facer un bocadillo co seu corpo. Daquela tira dun milleiro de quilómetros metidos na taza de café.
Os bordes da cronoloxía íntima
tocan as fendas máis fondas/
afunden con nós.
E as horas estiran -anoadas á punta da frecha grande- e seguen e perseguen o corpo ondeante de Ana. Ana no vurullo. Na espiral virtuosa. No centro de comunicacións do abismo.
Envolve a face nun manto de cincuenta metros
quita a saia,
tira a auga polo burato cósmico do vertedoiro.
e traga un litro de leite de soia.
No rebumbio doméstico esculca outros roteiros da alma e lanza bólas de cristal porque ten poderes máxicos.Deforma as formas e transcribe os nomes dos mártires nun caderno.
As feridas máis fondas fenden as conas máis voluminosas e espantan.
Todo se reduce. Se hace pequeño. Petit. Tout à fait terrible. Comme nous.
Ana no leito. Alta e privada, besta e cóbrega a un tempo. Dobra o corpo e bota fóra todo o que a compromete.
A puta máis feroz de todas as putas come os homes con manteiga e logo bótaos polo cú.
jeudi, juillet 30, 2009
TANTO ARDO TANTO ME ATAS

E ábreste, así, tan doce, no medio deste aire morno do verán, para darme amor.
Dame pois, para que trague todo o teu aire e respire canda ti, á beira túa…
De todo o que non dis, quedareime co vento a zoar entre os dous, impulsivamente.
Tanto ardo tanto me atas.
Atarse, encadearse ao teu pelo e mirar aí, nos delicados lindes que nos separan, fíos finos que tecen contornos estraños nos campos de millo verde.
Sempre hai liñas douradas neste alimento gozoso,
ti as ves e eu as vexo
lonxe,
estiradas e firmes.
Pero ti ábreste sen medo.
Sempre o fas para min,
cálido neste vurullo secreto
oculto e silandeiro…
nun abrazo que non se acaba nunca.
Ábrete máis, digo, tanto como se non foses fechar nunca.
E ti abres a alma por dentro
e abres os ollos, as mans
tamén a boca.
Abrirse ou morrer para darche amor…
Damo, dis, trágame enteiro,
respira á miña beira
como se non volveses tocarme nunca.
dimanche, juillet 05, 2009
PRAZA DE ABASTOS EN COMPOSTELA

ÁS TENDEIRAS DA PRAZA DE COMPOSTELA
NINGUÉN SEN AMOR
OU CASA. NUNCA.
As historias de verdade foron escritas polos transeúntes
Por iso estalan os segredos nas pedras
dos templos
e vidrieiras.
Un tren transatlántico
arrimou o estraño latexo de corpos acugulados
fauna humana petando nos lastros
potente e vigorosa por vivir.
A chuvia acomodou
introduciu a intimidade
e nos amou.
Amounos.
Si.
E medramos de tanto ler nos labios
os poemas das tendeiras da praza
estirados na táboa de partir o peixe.
Estatuarias figuras no balbordo
ventres imperturbábeis
ao gallope…
Sempre a gallopar
metéronnos dacabalo na mudez
outoniza e pétrea da cidade.
E vale máis que un peso
cada palabra súa.
Bestas cortadoras de carne
dignas de amor
e antigüidade
nas rúa enxoitas
que debruzan a alma da cidade
na grisalla
neste ámbito sagrado de frío e luz.
dimanche, juin 14, 2009
MENTRES AS BOLBORETAS ARDEN

(mentres arden as bolboretas)
de necios
de traumatismo e osteoporose
de burla
de animais gozosos fodendo
de todo aquilo que sucede
/mentres as bolboretas arden.
de arder
/clamorosamente
no cume dos andamios
e andar…
CANDO ANDES ANDA NON CORRAS.
de argumentos
e tamén de correr…
de velocidade
de queimar auga nun caldeiro
para domesticar…
PERO AS BOLBORETAS ARDEN
COMA PAUS ABRAZADOS ENRIBA DA HERBA
MENTRES DURMIMOS.
de durmir
de non espertar nunca
dealertaclaxontorresebrétema
de contemplar
de introducir un sol no espello
de adorar...
MAIS AS BOLBORETAS NIN DORMEN NIN ADORAN
DESORGANIZAN O NOSO MUNDO EN CINCO MINUTOS.
deliberdadementiraseangustia
de esmorecer.
O MUNDO COMUNITARIO VIVE UN LETARGO SOCIAL
E DIVÍDESE.
apodrece no pote do caldo
na embergadura dos idiotas.
(Mentres as bolboretas arden…)
Triptico as Linguas Suman
dimanche, mai 31, 2009
UNIVERSOS PARALELOS
Se cadra nalgún outro universo as cousas vaian un pouco mellor, ou peor. Quen o sabe? Realmente é inquietante...
vendredi, avril 17, 2009
UN MUNDO EN SENEGAL

Casamance, Senegal
20 de novembro de 2006
Querida Ndeye:
Tardo en escribir porque tiven que agardar que volvese Tamsir para redactar esta carta pois, como ben sabes, deixei a escola canda nena e, a dicir verdade, nin o abecedario sei, mais, polo que estou a ver ao meu redor, iso é o de menos. O que importa é respirar. Aquí, querida Ndye, o aire permanece inmóbil dende os primeiros enfrontamentos. Saír é sempre a mellor opción ou iso cremos os que aquí estamos. Resulta tan duro só imaxinar o que contas… Sei que non mentes, que probabelmente vivir en Galiza non sexa doado, que talvez te miren mal porque es negra, muller e pobre… Síntoo, como sinto que morrera meu irmán e podo xurarche que esta dor non é só porque fose do meu sangue senón polo que representou para tantos homes e mulleres que, dende aquí, acreditabamos nas súas palabras cando repetía aquilo de que Europa se convertería no noso refuxio, na Terra Prometida…
Agora, depois de ler a túa carta, a mágoa é cada día máis e máis grande. Creo que teño a alma furada de desesperanza porque, amiga Ndeye, aquí que nos queda? Seguir no medio da podremia e resistir coma se por iso fosen darnos unha medalla? Deixar que nos maten coma cordeiros no sacrificio? Non. Eu non podo, non poderei xamais deixar as cousas estar. A situación é límite, xa o sabes, xa que logo, subir a un caiuco e arriscar semella a mellor opción. Paga a pena coñecer Galiza e Portomarín, porque é aí onde vives ti agora con Assane, non é? Ou non… Non o sei, non teño nada claro porque intúo nas túas palabras certa desolación e iso frea o meu desexo de buscar.
Amiga Ndeye, se soubeses cantas veces estiro o pescozo para liberar toda a enerxía negativa… Porque non podo deixar que a semente do odio medre na miña cabeza, coma unha mala herba. Se puideses sentir por un intre sequera o meu desacougo, daríaste conta de que estou enferma. A esperanza neste lugar, ben o sabes, é unha doenza terminal.
No Senegal todas as persoas están enfermas, cren que están de paso, que se irán, que nada poderá impedir o seu verdadeiro destino de ser felices… Dá a impresión de que andan sempre a outra cousa, como agardando o seu momento e é xusto ese desexo quen os mata pois se cadra nunca sairán de aquí ou, de saíren, hano facer con billete de ida e volta coma Abdyoud, que foi repatriado coa súa esposa á semana seguinte de marchar.
E o peor de todo non é a enfermidade, bendita ilusión, nin o fastío de repetir cada día a mesma rutina de ser pobres, de non poder alimentar os fillos, de preferir mesmo que non nazan… Non. O peor é vivir odiando este lugar, rexeitando ser Senegalesa, enfastiada de tanta miseria, co corpo partido polo amor aos fillos, un amor que non ten máis utilidade que a do cariño pois xamais, mira ben o que che digo, xamais poderei darlles nada que non sexa un bico ou un sorriso agarimoso.
Daquela, vivir até morrer, sen perder nin un só segundo pensando que vou rachar este muro de cristal é o único destino que, polo de agora, me foi revelado. Mais, talvez diga isto porque estou enfadada co mundo anque sei ben que o mundo, en si mesmo, non ten ningunha responsabilidade pois non é máis que a casa natural cedida para vivir. Só iso.
Unha aperta Nafissatou
Ndeye
samedi, avril 11, 2009
O REFUXIO
Sigo a buscar o meu refuxio en ti, miña rara flor veluda a agromar cada día do medio dos muros, a abrir a túa casa para min.
Eis o gozo do teu ámbito e a sensación de tocarte que tanto me perturba.
Ámame por dentro e bota o alento de cabalo no meu embigo. Sílvame aí, suave, para que os cadradiños de amor que teño gardados flúan polos condutos internos e note a inmensa fartura de amarte no eixo do corpo. É esa a única maneira de que me coñezas, enterrando a alma intramuros.
Nunca deixarei de quererte, penso.
Hei amarte fondamente como unha pranta verde, vexetal os días pares.
Igual que a mellor carne poética o resto da semana.
Así, serás para sempre o meu animal precioso.
E querereite de amar, de acreditar na túa boca máis que en calquera catecismo cultural.
Ti, que me amas, sabes porque digo isto.Dígoo porque sempre que abrín as mans foi para vivir no conxunto, convencida de que son parte mecánica e sentimental dun crebacabezas inusitado.
Ti
a peza máis importante
a proba definitiva de que existo
porque a morte chega moito despois de irmos.
Exactamente cando a imaxe de nós esmorece.
samedi, avril 04, 2009
O medo á liberdade

O corazón da besta nace no medio, xusto onde o amor pon o seu vestido máis fermoso. Cando Ela leva o traxe azul todo o teito da casa semella unha cunca celeste, sopa de estrelas eslamiadas como a cara que se che pon cando non miro dentro de ti, aí onde doe, onde os medos teñen forma de persiana caendo.
Atravesando as paredes do teu corpo non dou coa alma, non a vexo por ningures.
Ás veces a alma da xente é só unha superficie rugosa.
Saca as mans de dentro das potas, deixa o lápis de ollos e non te pintes coma unha exipcia, que estás botada a perder!
Deixa a cousa estar, que iso non se pode dicir. Non debes. É mellor calar. SILENCIO. Cala, que calada estás máis guapa. Non digas nada. Deixa que as deformacións acaden o seu punto álxido e vaite, vai indo, como a aurora cando o sol de zinc se lle bota enriba.
Así, así mellor. Coloca as cadeiras na parte esquerda do cerebro, e pecha a porta da sentimentalide que aquí son todos burócratas, de burocracia.
“No me digas? No me lo puedo creer? En serio?”
Deixa que o seu desprezo caia coma un manto. Hai desprezos que nos sitúan lonxe. Pero non interesa estar nun espazo podre de poder.
“Hay un sitio para cada cosa y una cosa para cada sitio. A ver si te enteras, que pareces tonta!”
Mira que non entender algo tan simple. Pero Ela pensa sempre que é mellor saír da coraza que laiarse e andar polo chan coma os vermes.
Acariña o lombo dos que están desfeitos, sente a súa radical e extrema pobreza. Ser pobre é unha dimensión descoñecida en Eurarquia. Os eurarcas nacen nas empresas e venden cartos e hipotecas a prezo de saldo. Nas súas cristaleiras publicitarias fan tapetes con fío de liño extraído da terra. As cousas fermosas veñen todas de aí, da terra, pero os eurarcas cren que o leite sae dos cartóns e aliméntan as crianzas á forza de tetrabrik.
Non sei porque Ela sempre relaciona isto coa idiocia.
Idiocia: estado de estupidez mental que nos impide discernir, detectar a fraude por máis evidente que esta sexa.
Nun mundo multicolor prefabricado. Aí queremos vivir. Non no da abella Maya, "a amiga de Willy", non. Tampouco non a de Picasso, coa cara deforme e tan estraña, non. Anque, pensándoo ben, talvez non fose tan rara, se cadra Picasso víanos tal e como somos…
Por iso, esta necesidade de aire.
Daquela bícame. Logo tamén, segue a enredarte na miña boca e fálame cos ollos de animal que tes. Mmmm… Sábesme a algas e sal.
Que doce sentir golpes de oxíseno entre os teus dentes e esquecer a rutina de ser consciente ou deixar de concentrarse nas raias das xirafas!
Decidido: vender a casa e os discos, lanzarse nun paracaídas pola ventá dun segundo piso, contemplar as sombras debuxadas no teito das casas, no faiado das cabezas da xente, nos caborcos lingüísticos de axentes contaminantes. Prometido.
Ha disentir para rachar a porcelana toda.
Inscription à :
Articles (Atom)
.jpg)
