
Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
samedi, décembre 30, 2006
MARCHAR

AMAR


jeudi, décembre 28, 2006
PARA NATYARA
Querida Natyara( creo que é así como te presentas no teu blog que por certo encántame):
Espero que o nadal pase rápido e poidas disfrutar da normalidade do día a día. Eu xa empezo a estar farta deste nadal de compromiso, de bos desexos impostados e da tanta ñoñería...
Ás veces a sociedade fai unha presión tan grande sobre como temos que vivir ou, aínda peor, sobre como temos que sentir que ímos rematar tolos¡¡¡¡¡¡¡
Eu tampouco fago todo o que se esperaría de min neste pequeno mundo burgués pero xa non me sinto culpábel porque os artífices deste constructo son tan humanos coma ti e coma min, polo tanto falibles. Unha aperta moi forte Natyara.
AS DISTINTAS CARAS DA MENTIRA

As caras da infamia, da falsedade, da insinceridade, da burla negra, do baleiro máis insano, da ambigüidade, do desamor, do cinismo, da ruptura interna da idiosincrasia, da inexistencia, do pesimismo, do pánico, do abandono...
A MENTIRA
Eu coñecín a algúns mentirosos ao longo da miña vida e, sinceiramente, mesmo se nalgún tempo lles desexei o máis profundo averno incitada pola raiva, agora danme mágoa porque todos e cada un deles foron caendo polo precipicio que configuraron axudados por toda ese rede de andrómenas que ofreceron como pago á autenticidade que lles din. Eu, coma todos, teño defectos, pero de mentir... N-A-D-A. Procuro buscar sempre a verdade. Síntome mellor.É unha cuestión de egoísmo.
dimanche, décembre 24, 2006
A ÁRBORE DO MEU AMIGO
Ás veces parece que hai cousas que xamáis suceden como atopar un traballo, ter un fillo, curar dalgunha enfermidade, atopar o amor, porén, como dicía a miña avoa, todo chega. Só hai que ter PACIENCIA.
Comede moito e bebede moito esta noite¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡
Eu xa estou na casa, coa familia e estou contenta.
jeudi, décembre 21, 2006
A IMPORTANCIA DE COCER ACELGAS

Comproba como me fere preparar unhas verduras
como é que unha acelga
pesa máis que o resto do universo.
Observa
como me depreda este eco
de escoitar e non escoitar
na sonoléncia do meu insónio.
Esquecida
cruzo os ermos do fastío
entre dunas de impoténcia
e ausentes labirintos.
Acelgas.
(POEMA DE CHUS PATO)
A importancia de cocer acelgas é ENORME, como as ganas de vivir sen esa brisa gasificada que se presenta na metade dun día entre claro e escuro, porque, ás veces, o feito de preparar unhas verduras convírtese en algo transcendental para ese silencio que reproduce a auga cando comeza a ferver.
Estar na cociña esmaga a nosa alma cando non existe xa a espera, cando vemos o bafo agochando a realidade que fica calada trala xanela. Por ese motivo cocer unha acelga pode ser determinante, definitivo, un feito de codicia existencial, un desexo de trasladar o corpo a esa dimensión que nos sitúa no ar, no punto máis álxido da poética dos fogóns e estalar en burbullas redondas e ser palabras molladas esvarando polo rosto...
dimanche, décembre 17, 2006
O UNIVERSO EN TRES GOTAS DE AUGA

GOTA DA LUZ
GOTA DA VIDA
Todo o universo está metido en tres gotas de auga, gotas como esta que poden caer diante de vós sen que vos deades conta. Eu sentín medo cando compredín que todo o grande é tan pequeno e que, o pequeno pode ser enorme. Lembreime dun soño recorrente que tiña canda nena. Era un soño raro e convulso, un pouco coma min, frenética nas precipitacións que me anticipan ata os desexos ou os imposíbeis. No meu soño eu viaxaba dunha culler pequeniña ata unha culler xigante e nesa viaxe sofría unha metamorfose que me permitía medrar para ser xigante ou minimizarme nunha rosa pequeniña para habitar na mesma miseria desa c-u-l-l-e-r-c-i-ñ-a anana. Paréceme que o universo debe ser algo así, algo que se fai grande ou que case desaparece nunha viaxe de estrela en estrela para caer diante de nós cada día... En todo caso, nacer e morrer é a mesma viaxe que a destas gotas de auga? "Pañales y mortaja" que diría Quevedo...
UNHA VIAXE SINGULAR
Todos os humanos calaron e ASOR non soubo tampouco que dicir porque sabía da existencia da vida da súa antimateria no caso de saír da barriga universal que a proxectaría ÁS AFORAS...
ASOR tiña un contacto interestelar que lle permitía saber da lasitude da súa xemelga, deses tempos enfrontados batendo niso que dan en chamar xanela... A xanela, pensou ASOR, iso que din que serve para mirar... Pero por esa xanela non se ve ben... non se ve ben...
Non, ASOR, non querería nacer, preferiría ficar detrás do muro da inexistencia. Que fariades vós?


ASOR VIROU CARA AO CEO E COMEU TODAS AS ESTRELAS PARA QUE A LUZ HABITASE NESE ESPACIO QUE SABÍA LLE MEDRABA NUN RECANTO DO ESÓFAGO. SEMPRE É BO FACERSE O MORTO CANDO VIVIR NOS RESULTA COMPLICADO.
Canto desexamos a luz para vivir pero que viaxe tan longa temos que facer para que se instale nas nosas vidas e afogue todas as sombras que nos asombran...
Existe o espanto? Eu creo que o máis parecido ao espanto é ese intre non que nos decatamos de que estamos concentrados nas verduras que cocemos coa fame aberta en canal, ou tendendo a roupa e mirando as gotas que caen e rexistran para nós todo universo dentro. E como pode caber todo o universo dentro dunha pinga de auga?
samedi, décembre 16, 2006
UN RISO, DOUS RISOS, TRES


Un riso é o xeito que temos de manifestar a ledicia, a satisfación, o ánimo... Hoxe é sábado e o día está un pouco gris de máis.Cando iso acontece perdo un pouco as ganas de facer cousas e voume ás miñas adentras onde me revolvo ben a gusto e me desfago esmagada entre as ideas. Sei que non é bo, e claro, busco solucións.Entón penso: que podo facer para que a brétema non bote o alento sobre min? Botar un riso, dous risos, tres... Chamar aos meus amigos, comer con eles e falar do que importa ou do que non, pero sobre todo dar amor coa mirada e ler o afecto nos xestos e deixar que ese clima cálido que xorde entre a boa xente meta risos por riba da mesa, mentres tomamos café. Un riso, dous risos, tres, e toda a paciencia do mundo para entender que non sempre as cousas saen como un quere.
vendredi, décembre 15, 2006
O TÚNEL

O mércores 13 de decembro fun ver a adaptación da obra de Ernesto Sábato, " O túnel". Encantoume. A interpretación de Héctor Alterio foi boísima e dende logo fixo rir a todo o auditorio, representando a un ciumento neurótico que non deixa respirar á muller que ama.
Pareceume xenial a idea de representar o flash back tendo como fío conductor ao protagonista e no que se refire á posta en escea, eu destacaría a idea de representar as conversacións telefónicas situando a un dos personaxes detrás un cristal translúcido falando por un altavoz.
Resumindo e, ao meu modo de ver, a posta en escea, libre de preciosismos céntrase no actor Héctor Alterio. El é a escea, el é os actores, el é a obra completa.
lundi, décembre 11, 2006
O XIGANTE EGOISTA
A LIBERDADE É ISO QUE BUSCAMOS DANDO GOLPES DE TAMBOR COMO SE REALMENTE EXISTISE ...
Nesta historia de Oscar Wilde o muro que protexe o habitat do xigante do mundo exterior é o muro estéril dunha conciencia obstruída polo medo a perder cousas, un muro que corta a primaveira, que é un inverno impenetrábel. un inverno que é a nostalxia da primaveira, unha primaveira que só nace tralo muro, fóra, onde ninguén colle nada aos demáis porque non existe o temor a perder.
O MEDO, ese fantasma que se presenta nun cuarto egoista, ás escuras, ao sul do amor e da tenrura, é un monstruo negro e feo, horríbel. Deberíamos desatar o espanto e deixar o amor vivir libre no xardín.
Hai pouco, en Compostela, Galeano deu unha charla para falar un pouco das arterias de América latina e falando falando mostrounos a súa conclusión sobre esta problemática e dixo claramente que a raíz de toda evasión, fuxida e silencio é O MEDO.
TEMOS MEDO A AMAR
TEMOS MEDO A PERDER
TEMOS MEDO A DAR
TEMOS MEDO A FALAR
TEMOS MEDO A VERDADE
TEMOS MOITO MEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEDO.
E con tanto MEDO como podemos vivir? Non, así só sobrevivimos.
Para non perder creamos un muro e todo o que bate nel sae despedido, así ninguén nos causa dor pero ninguén sabe de nós e somos esquecidos do pensamento alleo.
A xustiza e a liberdade
o medo e o inverno
a tenrura e a primaveira
a mentira e o pranto
A LIBERDADE ESTÁ NA ENTREGA DAS TÚNICAS, NA XENEROSIDADE.
EU PERDÍN BATALLAS PERO SIGO DANDO PORQUE AMAR É VIVIR E XA CASE NON TEÑO MEDO, CREO QUE CASE CASE SON LIBRE.
PINOCHET

Eu estou en contra da violencia pero creo que en determinadas situacións unha morte pode ser necesaria. Non falo xa de Pinochet que morreu sen pagar polos seus crimes senon doutro dictador pérfido e asasino como Trujillo que foi asasinado por unhas persoas as que creo que podemos considerar mártires.
Moitos países deberían tomar nota destos valientes e loitar por botar fóra aos magnicidas e perder o medo. Non se debe esperar un dictador.
Que pensades?
jeudi, décembre 07, 2006
SECUESTRO EMOCIONAL

SER UNHA E SÓ UNHA E NADA MÁIS QUE UNHA ROSA, ÚNICA E SOBRE TODO SOA, ROSA,ROSA,ROSA UNHA SOA NOMEADA TRES VECES...
Neste estilo, a imitación de Gertrud Stein, intento manifestar este recanto de silencios cara ao norte da dor, ollando unha casa do ceo, chea de papeis en branco para escribir páxinas e páxinas de baleiro e máis baleiro...
Menos mal que teño tele¡¡¡
ESTE FASTÍO QUE ME EXTERMINA

Hoxe merquei un televisor. Levaba oito meses sen el e non pasaba nada. Ao principio sentíame rara, finisecular do dezanove, case nunha actitude mística, como a dos Amis ou como se chamen.
Vivín ben sen tele pero agora, hoxe, á última hora da tarde collín os cartos e dixen"Xa está ben. Deixa que a túa mente sexa máis modesta e non considere as súas reflexións como algo transcendental. Que merda(perdón pola palabra), alienarse dúas horas ao día non é ningunha vergoña"
Xa vedes teño tele e grazas a ela non me fago 625 líneas todas as noites.
Esta semana vivín unha soidade de trescentos anos. Non sei se me paso. quizás de douscentos cincuenta... ou douscentos. Eu que sei¡¡¡¡ FIQUEI ESTARRICADA NO CHAN COA MENTE RETORCIDA POLOS TAPICES E AS FOTOS PERDIDAS NUNHA POZA PARTICULAR DE INCENSO E MIRRA, DE PRATA NADA.
mardi, novembre 28, 2006
PERFUME DE ABANDONO
acariñando erubescencias que xa non poden figurar no rosto difuminado no tempo...
Existe na nosa vida un denso perfume de abandono, un cheiro que afoga, un presente que tememos
e as aristas da conciencia estalando.
O perfume a visita e algúns prazos esquecidos baixo as faldras.
Quérote amor,
quérote amar e boto a lingua fóra e non escoito ese aroma que te anuncia
e xa creo que non te vexo ou que non me existes pel adentro,
porque pór o nariz contra ti para lamber as dimensións desa calor túa
é xa o meu alento a miña luz e as palabras esquecidas.
Prestádeme unha flor, a que sexa,
eu farei o amor co ar marabillado que sae da súa gorxa incandescente.
E ti meu ben
pásame a lingua polas nubes do meu rosto de mica estarricada neste placebo sentimental
e ule todos os sentimentos que teño incrustados nas tempas, como nenúfares protestando,
"que te amo amor que cheiro a dor e non te das conta"
DECODIFICANDO

RESTOS E O QUE NOS IDENTIFICA.
GÚSTAME POÑER O NARIZ AO CARÓN DO LEITE FRITO e compartir ese ar delicioso contigo, estendida na cociña,
esmagando mañás e beixos rotos
coas mans abertas .
Teño unha fame de mil anos cando maquillas
a miña epiderme desas fragancias abandoadas sobre min.
E ardo tanto contra ti...
ººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººº


ese sabor a marmelo,
con negros e verdes,
con branco e marfil...
Non ter olor é unha imprecisión de lonxanía que nos bota ás aforas. Nada máis fermoso que o que desprenden as rosas, ou ese líquido de améndoas que metemos na pel, tralo baño nunha noite que nos adentra nesa soidade de escuro satin, para deixarnos logo e mollar a pel de medo e fríos...
mercredi, novembre 22, 2006
O afundimento da educación

Pois ben, nese artigo comentaba Caneiro aspectos da educación dos nosos rapaces, que realmente é terríbel. Dígovolo eu, que son profe.
A culpa, como dí X.C, é un pouco de todos que non intentamos rachar cos valores que están a triunfar grazas á caixa tonta que aniquila o pensamento duns pais e nais cansos que non teñen nin forza para sacar ao seu fillo de diante do televisor.
Triunfan os "triunfiños", aspirantes a artistas, e a mala educación dos concursantes de "Gran Hermano" que teñen un protagonismo impresionante entre os adolescentes. Incríbel, seino, pero certo.
As rapazas e os rapaces dos institutos levan nas carpetas as fotos deses habitantes da casa máis admirada da televisión.
Parece que só o diñeiro sexa útil. Cartos, cartos e cartos. O éxito rápido, sen esforzo. Ser un interesado polas artes ou a política non vende entre os futuros adultos e adultas. Resultado? Estes nenos e nenas cuestiónanse a autoridade dos que lles damos clase.
Eu, como non teño a todos os rapaces xuntos porque dou unha optativa, non teño moito problema pero os de linguas e mate... danme mágoa. Soportar aos cativos nalgúns centros é un auténtico problema.
X.C fai unha boa análise da situación e ponse no lugar dos mestres ou dos profes e imaxina a titánica tarefa de educar a nenos que cren que Zorrilla é unha... putilla?
Grazas dende aquí por este artigo e por comprendermos.
mardi, novembre 21, 2006
YOLANDA LÓPEZ
"Obertura sen heroe" (Yolanda López)
Sala Granell
Mércores 22 de novembro ás 20:00
ESA LINGUA QUE ESQUECEMOS
Eu confésovos que fun educada en castelán e nese sono españolista vivín moito tempo ata que descubrín a importancia da memoria, nese momento, caín na conta de que era unha víctima deste matrix en castelán que nos botaron enriba nos colexios canda nenos e que, se amaba a miña patria, tiña que facer da miña lingua unha bandeira e loitar por ela. Levo seis ou sete anos falando galego e síntome cada vez mellor.Algunhas veces emprego o castelán, é certo, pero cada vez menos. O principio resulta raro facer o cambio, parécenos radical pero non é así.
"TEMOS UNHA FERIDA DE LINGUA FUXINDO,
UN CAMPO DE SEMÁNTICAS REXEITADO
e tantos froitos abandoados nesas leiras
explicadas nunha lingua allea,
que deberiamos baixar á terra e pedir unha desculpa
por non escoitar os cantos,
a carón das rochas,
por cada palabra que se perde na area ...
... E parece que nos gusta esmagar a memoria
e cambiar os acentos nun baile de andrómenas,
facendo da mentira un baile,
A NOSA VERGOÑA.
jeudi, novembre 09, 2006
CONMOVIDA
Un deles foi maltratado de neno e o outro falou dunha tía que tras denunciar ao seu home por unha boa malleira perdoouno ao saír do cárcere...
Cal é a raíz? A AUTOESTIMA BAIXA.
Seguimos falando en feminino máis tarde
mercredi, novembre 08, 2006
VIOLENCIA DE XÉNERO
Queremos concienciar aos rapaces e rapazas de que a protesta ten que ser forte e diaria. Para iso imos facer unha árbore con follas que irán caendo ao chan cada vez que morra algunha muller. Haberá polo tanto un contador no que aparezan rexistradas todas as víctimas.
Eu son muller e amante da poesía polo tanto intentarei reflectir a miña raiva a través dos versos.
Velaí un exemplo:
METAMORFOSE DA FÉMINA
nese ar quente de nenúfares
e todas as pautas perdidas nunha casa chea de invernos.
Porque ser muller é moitas veces unha escaleira cara abaixo,
un sumidoiro preñado de negro e gris, e existe unha sinfonía de silencios agochados e unha espiral de medos asulagando
atmósferas como cataclismos íntimos
con espanto nas voces apreixadas
no sangue
como pozas infinitas.
NOTICIA : UNHA MULLER, UNHA POETA NOVA PUBLICA LIBRO ESTE MES: YOLANDA LÓPEZ. A PRESENTACIÓN SERÁ NA FUNDACIÓN GRANELL, NA PRAZA DO TOURAL O 22 DE NOVEMBRO ÁS 20:00. O TÍTULO É " OBERTURA SEN HEROE" ED. FOLLAS NOVAS.