samedi, décembre 30, 2006

MARCHAR


Aquel domingo de finais de novembro Asor perdeu as bágoas todas, arrastrou o medo e a perda pola xanela e, sen darse conta, caéronlle enriba todas as estacións. Comprendeu que dicir dacordo encadea a dor á pata da mesa e que mastigar o alento alleo fai medrar as fendas. Ela querería ter sido capaz de mirar de frente ao XIGANTE e dicir que cometía un erro pero non foi capaz máis que de agochar a cara coas mans e encher a tristura de crisantemos. Entregou o derradeiro beixo e simplemente o deixou marchar. Pechou a porta e as palabras do frío metéronselle polo nariz, case non podía respirar. Amaba ao XIGANTE inchada de desexo pero coseu a miseria ao ventre e puxo a mágoa en pe e agora non da quitado de enriba as sabas daquel desastre. Ás veces fai como a muller da que falaba Galeano e decide abrir unha caixa para que saia todo fóra, pero só saen palabras. O medo e o amor fican no interior como esperando... E
xamais sucede nada e o fastío enche todo, e Asor xa non pode chorar. O XIGANTE colleu as bolsas, levou todo o infinito para o seu castelo de muros impenetrábeis. Son tan grandes eses muros que Asor non ten forzas para chamar... XIGANTE, XIGANTE¡¡¡ lle gustaría berrar, pero foi tan seco o ruído da fuxida que non lle saen as palabras e non é quen de encher de lume toda esa fortaleza. Amoume? Pregúntase ás veces, e unha voz lle canta dende o fondo da caixa: Aínda amor¡

2 commentaires:

OSIÁN a dit…

Si os muros da fortaleza son tan impenetrables, eo Xigante tan insensible, Asor deberia mirar deica outras portas.
Fermoso texto.Noraboa
¡ Feliz ano!

Torreira a dit…

Fermoso texto Rosa