mercredi, mars 21, 2007

A PROCESIÓN ASORITA




Hoxe é un día GRANDE en Aretx. Os tres soles xiran arredor de si mesmos e constrúen circuliños con nubes de pólvora estelar que parecen margaridas iracundas como volcáns latexando nun magma maldito para denunciar todos eses delitos que non somos quen de explicar...

Nabetse I de Zeuquirne porta unha túnica derramándo a poesía toda. Nas mans ten un libro: "Os mellores textos da alma". Neste libro aparecen as palabras dos mais graves e sesudos amadores deste planeta recóndito e esquecido de todos. Asor Lía I de Zeuquirne trae consigo o pincel( ese co que pinta cadros no navungalov de Asor) e debuxa no centro do templo Ans Nitram unha muller de tres cabezas, unha especie de hidra espiritual que alimenta o corazón dos aretxitas máis incrédulos. Esta hidra denomínase A Divina Tripolar, amante do Divino Polar. Habita no interior do Palacio de Xeo, enriba das nubes, e normalmente non se comunica cos aretxitas. Só o fai nas ocasións especiais. O Día da Palabra érao, por iso estaba alí, para ler expresións fermosísimas con cadansúa cabeza, algo así como se nós lésemos un poema a tres voces. Rifoasor II de Zeuquirne é a primoxénita dos asoritas. Leva un manto de adxectivos sobre o seu pelo e acariña melodías de seda coa sutileza dunha mariquiña axitando fresas como un furacán de sifón estalando nas paredes, nos muros, nas liberdades oprimidas. Mira de esguello a Asor, para que non se dilúa entre metáforas ... E a nosa amiga, AsorIII de Zeuquirne ,que fai mentres tanto? Oh Asor¡¡ Asor camiña sobre os poemas como Cristo sobre as augas. Está en trance verbal, eleva as mans ao ceo e busca nas nubes a esencia do signo, o intrínseco veleno de amar o ritmo que dorme nos sintagmas cando estala un verso e outro e outro máis. Detrás de Asor ven Nimaj Neben IV de Zeuquirne, o menor dos asoritas, o ben amado. Nimaj Neben leva os cartapacios con todos os códigos que Asor non é quen de descifrar. Poderíamos dicir que é unha especie de exégeta, librepensador e cibernauta empedernido. Normalmente realiza viaxes ao exterior de Aretx e comunícase cos Bericx, os navegantes do universo. Trala procesión asorita van os híbridos. Eles tamén celebran a sintaxe. Despois cantarán e beberán todos as pócimas do encantamento, como un xeito de chin chin de sinestesias abroullando nas bocas abertas como buratos na montaña rosa, onde aniña a orixe, o principio, o verbo que nos define e prefigura. OS ARETXITAS DESÉXANVOS UN FELIZ DÍA DA POESÍA

dimanche, mars 18, 2007

ESMAR, O CABALEIRO DO INFINITO( primeira parte)


Para comprender a natureza dun híbrido como Esmar fai falla observar a delicadeza suprema deses ollos,ás veces austados, que engaiolan coma bolboretas latexando entre a concordia e a desintegración. Esmar ten medo á morte, un pouco coma todos. Por iso gústalle pasear polo interior do templo de Noruf, entregarse ao silenzo e alí facer a súa ofrenda: unha promesa de coraxe e amizade. Cando todos bailan el permanece atento aos movementos do ruxe-ruxe tribal, interésanlle especialmente.Renuncia Á Gran Escuridade pero navega nela nun xeito de banbán que retorce dentro coma se dunha goma se tratara... E tira, e tira e a e sssss t iiiii r a.Esmar é un pouco como un boneco de densidade atlántica que se resiste a caer. Ás veces parece que vai rachar todos os decorados que o asedian nesa maré de ideas contrapostas fluctuando. Porén Asor confía nese potencial liberador que o sacude de cando en vez e sabe que vai saír da súa gaiola. Cando falan dá a impresión de que xamais se entenden, pero non é certo. O que sucede é que non saben tocarse.
Para que coñezades ben a este personaxe é necesario que teñades visitado algunha vez o inferno da dúbida, da inseguridade. Se é así de seguro creredes como Asor que o híbrido Esmar sairá da súa crisálida e botará fóra todo o seu talento vivificador.

mercredi, mars 14, 2007

A ESCURIDADE, ASOR E GOBERTRAND



As luces foron cedendo paso e os ritmos deixaron un espazo ao silenzo. Entón a iniciada deliberante abriu os brazos para botar a liberdade no escuro, recibir chispas de enerxía. A divinidade da noite, tan ansiada polos Aretxitas, ten unha cor de negra inexistencia que brinda posibilidades no oculto, ás agochadas dun ceo trisolar, vidente, case revelador.Todos somos capaces de hercúleas promesas no berce dos soños e feitizos noctámbulos, chegamos mesmo a crer no ronsel de andrómenas que nos cinguen un corpo a piques de abrir o sexo trepidante, inchado de furia, unha furia que sacamos da boca como nun delirio inusitado e procaz. Neste escenario catárquico de misticismo rebentando balsas e balsas de falsa necesidade, Asor cedeu ante o desexo e durmiu no van dese ANFIBIO aterrador... Escuros grises lazos de pernas como brazos enormes amando danzas malditas. Porén, no medio de tanta insurrección e protesta, a indolencia vital non sempre ocupa todo o sitio. Hai ocasións nas que un estraño pode aparecer e prestarnos un pouco da súa luz, como se dun corpúsculo estelar se tratara. Así chegou Gobertrand á vida de Asor, como un nenúfar na cloaca, como unha cadencia de baladas na estación do inverno, entregando o compromiso de non ceder ante a veleidade dos transeúntes de enrugado xesto. Gobertrand é o híbrido máis fermoso de todos. Parece coma tocado pola maxia dos deuses. Eu diría que ten no seu ollar unha dozura que acariña lenemente cada movemento. Gústalle percorrer distancias, ás veces absurdas para manter un lugar seguro. Compartiu moitas tardes dende aquel encontro místico na festa da Gran Escuridade. Agora hai tempo que non se ven. Asor foi mala, mala, mala. Sí señores, a deliberante asorita, Asor III de Zeuquirne cometeu un erro e Gobertrand está moi enfadado. No silenzo da distancia inaugurada hai un tempo pérdense os dous nas lembranzas dun futuro por realizar...

mardi, mars 13, 2007

ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN O 8 MARZO


OS MIL E UN DÍAS DA MULLER

Es muller? Es traballadora? Hoxe é o teu día porque o 8 de marzo todas falamos en feminino e celebramos a nosa condición de muller operativa, productiva e activa política e culturalmente. Hai uns anos parecíame que este día, coma o da violencia de xénero, non servían para moito e non tiña moi claro que deberamos facer un acto solemne para lembrar que, ao fin e ao cabo eramos cada día máis pringadas… Explícome: a muller, como xa sabedes, foi obviada na sociedade dende tempos inmemoriables( Se digo antes da era cristiana pásome?) pois o seu labor cinguíase ao ámbito doméstico e fóra, o que se di fóra, non traballaba, ou sí, nas leiras coma unha burra e, ata esas leiras, era o sitio máis lonxe onde unha muller podía chegar para realizarse. Iso sí, aínda hai quen dí que non temos forza física para levar pesos. En fin, que falar non ten cancelas, como diría a miña avoa. Porén, nesta actualidade de cerimonias e días de teriamos que estar ben ledas porque todo cambiou pero se o pensamos ben non é para tanto: agora traballamos dentro e fóra. As nais de familia son, na meirande parte dos casos, as que que se fan cargo dos fillos, falan cos titores, van con eles ao médico, realizan as tarefas da casa … Algúns cabaleiros pódense sentir incómodos ao ler este artigo e dicir que o tema é recorrente. Créanme, non o é. A teimuda realidade fainos saber que non e preséntase ante nós ironicamente, con certo aire de traxedia porque unha non entende que esteamos así, neste baleiro de sexismo disimulado despois de tantos anos de loita e de mulleres valentes, atrevidas e intrépidas como a inglesa Mary Wollstonecraft quen sacou á luz no 1972 a primeira obra para pedir a igualdade entre homes e mulleres, ou Valentina Tereshkova , a primeira astronauta. Pero non fai falla ir ata Inglaterra ou a antiga URS, neste país no que vivimos, galegas ilustres como Rosalía de Castro, xa foron víctimas do machismo literario, por exemplo, tan interesado sempre en discernir dous tipos de literatura: unha de primeiro orde, a que fan eles, e unha literatura de segunda orde, feminina por suposto, feita como din moitas desas rémoras masculinas do pasado, dende o útero clamando en verso “mamá quero ser artista” etc etc etc. Porque eles entón dende onde se supon que escriben? Dende onde din que lles nacen os pensamentos máis profundos?

Unha mágoa, un auténtico desastre entre endecasílabos e versos rachados. Polo tanto, se as cousas están así nas mentes de persoas máis elaboradas que pasará noutros sectores da sociedade? Precisamos do oito de marzo e do nove e do dez… Precisamos de que nos nomeen biónicas, descremadas, libres, dun respecto auténtico, de camaradería e apoio, non de condescendencia. Iso para os débiles e quen dixo que nós o foramos?

vendredi, mars 09, 2007

ASOR HOMENAXEA A CARLOS CASARES



Marcos Valacárcel convocou a todos os habitantes da blogosfera para facer unha homenaxe ao escritor, articulista e académico Carlos Casares. Valdeorosa quere sumarse a esta invitación para lembrar ao escritor de XOGUETES NUN TEMPO PERDIDO (premio Galaxia e premio da Crítica Española).
Hoxe, no liceo ourensá terá lugar un acto no que máis de 50 persoas lerán os seus textos xornalísticos. Na derradeira páxina do Galicia Hoxe Valcárcel asegura que ademáis dun bo escritor era unha excelente persoa é un gran tertuliano. Seguro que sí. Ten que ser apaixoante xuntar cultura e bondade. Non sempre van unidos. É unha mágoa.


De Carlos Casares hai na casa familiar este libro de contos A GALIÑA AZUL, editado por primeira vez no 1968. Meu pai, moi preocupado sempre por darmos a coñecer a Galicia matria de tradicións, lingua e lendas marabillosas, mercou este libro para min metendo toda a imaxinación galega dun cráneo tan privilexiado... Lémbrome desa galiña que facía COCOROCO, moi afrancesada ela pois case fai coma os galos franceses cuxo berro ven sendo algo así, COCORICO...

mercredi, mars 07, 2007

OS HÍBRIDOS : OS NOMES




Asor III fixo a súa entrada en DIES IRAE cun aire de evasión como perdida nun labirinto convulso de ideas e teorías sen rematar sobre a concupiscencia dos arextitas. De todos modos a escuridade estendía a maxia pola navescoteca como purpurina brillante e cegadora... A liña estaba marcada. Asor reinaba entre OS HÍBRIDOS como unha especie de flor dos encantamentos. Eles queríana coa cotidianidade da mansedume, con cada reflexión exposta mantel a mantel como un grolo de feitizos e liberdades. Ela tamén lles quería ben porque xamais podería esquecer todo o tempo que lle prestaron para coser ben as chagas e bordar proxectos novos de aloumiños e pasteis de arandos. Chegou ata eles por medio de Ilov de Améndoa Central, o constructor da gargallada e os periplos. Ilov puña música e enchía os brazos e pernas de perfumes e afeites. Era como unha Alicia marabillosa e marabillada. Asor e el paseaban xuntos á beira dese mar da zona de Noruf, tan verde, tan azul. Ilov conduciuna ata a súa tribu e púxoa en contacto con todos eles:
Esmar, Pigmalion, Gobertrand e Imaj.
Antes da Guerra Civil en Noruf, estes eran os dirixentes políticos e a Asor III de Zeuquirne parecíalle ben así. Ao principio foi o silenzo. Observárona con atención. Co tempo puxéronlle un cetro, agasallárona con flores e colmaron todas as súas necesidades de risa e paz.


O ANFIBIO: Vou meter baza. Eu a estes todos non os soporto. (Ela sábeo e faimos tragar sempre que pode. "os híbridos son tan graciosos, son tan bos, son tan listos..." O que son é gilipollas ho¡)Xa está ben. Voulle meter un bramido a Asor que cando vexa saír o lume pola miña boca xa veremos quen é mellor se eles ou eu.

ASOR: Isixxxxxx¡¡¡ Es un anfibio malo e traidor. Díxenche moreiras de veces que non abriras boca. Non tes ningunha razón. Deixa o conto para outra ocasión e mete o lume dentro. Levamos anos xa con esta teima. Ti ao teu. Déixame tranquila que vai empezar A Gran Escuridade.

Pouco a pouco as luces foron caendo e Asor concentrou toda a súa forza para vivir polo menos uns segundos nese magma de liberdades extremas e amar como indica a tradición Rilkeana, pechando as formas, concretando a VERDADE no escuro. Sentindo a pura esencia.

vendredi, février 23, 2007

MÁIS COUSAS DE ASOR: A NAVESCOTECA

Asor está decidida. Vai pechar a caixiña galeánica por un tempo e deixar de escoitar todas as tormentas que saen de dentro despois dese inverno frío e perturbador... O XIGANTE anda perdido nos xardíns do seu castelo construíndo muros máis altos dos que xa ten por ver de dar un aire de importancia a esa fortaleza que garda dentro todo o lixo emocional que bota polas orellas. Porque mira que se pon feo ... Semella un diaño vermello ¡
(Tendo en conta que o XIGANTE non vai retornar para durmir no corazón de Asor, ímolo deixar cos seus asuntos, fabricando un aillamento discordante como a peor actuación musical que poidades imaxinar. )
Partindo pois do devastamento sentimental, o forno non estaba para bolos, así que Asor colleu o seu mellor siderotraxe, estirou a trenza, envolveuna nun pequeno roliño alongado e voilà... Fántastico peinado. Despois maquillou o rosto, pulsou un sorriso feito de cereixas, colleu o conmutador novo, deulle ao botón de festa e saiu do Palacio dos Salgueiros cara á nave nodriza que era onde abriran a navescoteca nova.


DIES IRAE é o nome que lle deron os Aretxitas de Komodoro a ese espacio de lecer no que os habitantes deste planeta da luz contínua podían disfrutar do mellor espectáculo: A Grande Escuridade. Asor estaba moi ilusionada ante a posibilidade de coñecer esa escuridade plena, iso que noutras galaxias chaman noite e que din que favorece os encontros sexis. Ademáis tiña unha cita cos seus amigos, OS HÍBRIDOS.
OS HÍBRIDOS son os habitantes de Noruf, unha rexión aretxita do norte, que viven dentro e fóra da auga. Con eles Asor realizaba bailes debuxando cores e caramelos co seu van.
A festa prometía sorpresas e todos os tapices do erotismo para durmir como unha raíña mística nas profundidades do desexo abisal que tanto nos retorce.

mardi, février 20, 2007

ARTIGO PUBLICADO NA REXIÓN

ESES PREMIOS…

Domingo 22.00 remata o telexornal e poño atención ao televisor. Un pouco de zapping e miro na primeira: ANUNCIOS. Sigo esperando sentada no meu sofá que comece a gala. Encántame estos eventos porque adoro os premios, debe ser que como non teño moitos fago dos que teñen os demáis todo un acontecemento. Noutras cadeas siguen coa súa programación normal. Como poden? Cinco minutos despois volvo a ver que pasa na televisión de todos, a primeira: ANUNCIOS. Molesta un pouco pero con estas cousas non debemos perder a fé. Nalgún momento rematará o asedio. Estou a pensar en Numancia. Xa o imaxino: muller catatónica no puf da súa casa esperando… Non. Nunmancia non vale como modelo porque non me vai nada o de esperar e ser unha heroína… Ben, novo intento. Con esta teima de se son ou non imbatíbel pola publicidade perdín a conta. Canto tempo vai que levo agardando? Nin idea pero a situación é a mesma: ANUNCIOS. Ríndome. Decido ver a publicidade e aprender algo sobre todas esas necesidades que non teño e que sen dúbida algunha debería ter: UN COCHE. Sería mellor que ignorase esta necesidade porque tal e como conduzo… Por fin. Comeza a cerimonia, abreviada, cun presentador versátil, áxil e cun humor certamente corrosivo. Gústame. Penso que xa está ben de plastas grandilocuentes, megalómanos da palabra que falan e falan e non din nada. Corbacho é un auténtico histrión. Domina o escenario e fai da interpretación un acto cotiá verdadeiramente sublime. Os traxes? Ninguén é perfecto. Non ía acertar en todo. Dun tiro na caluga esmaga o rollo dos agradecementos e esa felicitación condescendente aos nominados pero non premiados… Non entendo porque o fan se non é certo. Eu se gaño un premio sinto ledicia de ser eu a premiada e non outro e punto. Esta actitude de falsa modestia é impostada e reflicte unha educación moi esmerada nisto da culpa. Ninguén é culpábel dun triunfo pero sí é culpábel da condescendencia que ten bastante máis mala leche. Hai moita xente boa nas artes e na farándula que non ten voz durante moito tempo por non ter os amigos ou contactos necesarios e outros que tendo menos valía si teñen ese recoñecemento por estar “conectados” adecuadamente. Así é a vida para o actor Walter Vidarte que despois de décadas adicado ao cinema, está nominado ao mellor actor revelación pola súa interpretación no film “La noche de los girasoles”. Espero que non llo dean meu pobre¡ Que situación de inxustiza artística marcada polas enrugas do tempo devastador. Estou cansa. Serán os anos? Dende que me fixo este comentario unha amiga cando lle falei do meu fastío, recoñézoo estou moi moi preocupada. Foiseme a cabeza… Non pode ser: ANUNCIOS. Estáme ben por non escoitar iso de que nunha lista, do que sexa, neste caso de publicidade, o principio vai o primeiro e logo están todos os demáis. O primeiro foi o do mercedes e agora xa non sei por que marca vai… Son demasiados, non o resisto, pero… Xa rematan e chega Pe e, claro, eu quero ser coma ela: a primeira da lista, a máis internacional, unha das mellores( Marta Etrura tamén existe e Maribel, a Verdú), a máis sinceira, a única a quen lle creo iso de felicitar as outras nominadas na mesma categoría que ela. É certo pero así son as cousas: hai xente que non sabe un porque pero xamais resulta falsa ou insinceira. Digamos que hai persoas transparentes que falan cos ollos, dende a barriga, como Pe. Por iso se lle felicita con ganas. Así: felicidades Pe.

Rosa Enríquez.

dimanche, février 18, 2007

A FRANÉTICO


A ELLA

En el invierno viajaremos en un vagón de tren
con asientos azules.
Seremos felices.
Habrá un nido de besos
oculto en los rincones.


cerrarán sus ojos para no ver los gestos
en las últimas sombras,
esos monstruos huidizos, multitudes oscuras
de demonios y lobos.

Y luego en tu mejilla sentirás un rasguño...
un beso muy pequeño como una araña suave
correrá por tu cuello...

Y me dirás:" búscala¡", reclinando tu cara
-y tardaremos mucho en hallar esa araña,
por demás indiscreta.


POEMA DE ARTHUR RIMBAUD

Franética lín a Rimbaud, a Baudelaire, a Bukowski, a Bonnefoi... Tamén "Opus pistorum" ou " El amante", ou os trópicos, ou "A historia de O"... Seguramente che gustaría, se non a viches xa unha peli asiática titulada, creo, "Mentiras" sobre dous vagabundos sexuais... Leonard Cohen? Passolini? "Os contos de Canterbury"? Que me perdo, que caio, que non chego, que non dou... Hai tantos interesantes.... Anaïs e os seus diarios... Rifo I de Zeuquirne, lectora compulsiva, terá moitos títulos máis que agora non me veñen á cabeza.
Voilà outro poema. Esta vez de Bukowski:


Confesión

Esperando la muerte
Como un gato
Que va a salat sobre
La cama


Me da tanta pena
Mi mujer

Ella verá este
Cuerpo
Blanco
Rígido
Lo zarandeará una vez y luego
Quizás
Otra:

"Hank"

Hank no
Responderá.


No es mi muerte lo que
Me preocupa, es mi mujer
Que se quedará con este
Montón de
Nada.

Espero que che gusten os poemas. Noraboa pola túa prosa trepidante, veloz, rápida, directa. Gustoume moito.

vendredi, février 16, 2007

ARTIGO PUBLICADO NA REXIÓN

ESTA NOVA GUERRA…

Punto de partida? Machala, Ecuador. Destino? España, Europa. Obxectivo? Calidade de vida. Futuro? Non existe.

Así de negra é a situación dalgunhas persoas que, crendo morrer de injustiza social, saen de América Latina para vir a este paraíso artificial, a este Vello Continente de grandes personaxes e historias da historia, coa finalidade de sacar da miseria a súa familia e, finalmente, o único que atopan é a morte, esa que non dá segundas oportunidades, a que nas sabias palabras de Manrique achega aos pobres e aos ricos.

Seguro que Armando Estacio e Carlos Alonso Parate tiñan un soño: facer fortuna e voltar ao seu país. Cumpriron o seu desexo. Regresar regresaron, pero de que maneira:

nun avión e no seu cadaleito, cunha morea de xente esperándoos. En canto a fortuna pois si, a súa familia recibirá unha importante indemnización que, de seguro non compensará esta perda. Esto do terrorismo é complicado, e, cando un non sabe de que vai o rollo, o de ETA soa terríbel, e case pode parecer a todas as víctimas deste atentado que os familiares e amigos residentes en España poderían morrer igualmente. Que isto non é así, sabémolo nós ,que vivimos aquí, pero os ecuatorianos que viven nunha situación paupérrima e, cuxa lóxica e primordial preocupación é o alimento, non teñen nin idea, nin falta que lles fai porque esto do proceso de paz, non o entenden nin os propios políticos. Agora trala vida cercenada de dous emigrantes, aspirantes a seres humáns cunha vida digna, os voitres van á prea e as críticas ao Goberno non se fan esperar. Na procura do ben de todos? Dubídoo. Eu penso que sobre todo por intereses electorais porque o poder ten unha erótica de muros impenetrábeis que parece meter brétemas nos ollos da clase política que remata facendo causa da división no canto de facer causa da paz. Así que todas as análisis sobre á negación dun posíbel diálogo cando a organización non avisa nin sequera de que rompe a tregua, parécenme obvias. ETA promete e promete pero,señores, non cumpre, e aínda por riba parece que considerara que o atentado da T4 non fose tal porque non tiña previsto mortes, é decir que cada bomba que estoupe non será considerada como un atentado senon hai víctimas ou se estas son as mínimas por un fallo técnico nas previsións da banda? Foi Armando un fallo técnico? Pregúntome isto polo feito de que eles parecen pensar que non se interrompeu o proceso de paz . O que nos corresponde a nós? Non facer como as mulleres maltratadas e perdoar todo o tempo.

As armas por riba da mesa primeiro. Hai demasiada dor e demasiada morte para obviar ese detalle. E senón que lle pregunten a Armando Estacio que se non quedara no coche estaría vivo. Mala sorte.



Rosa Enríquez

mercredi, février 14, 2007

O ANFIBIO NA NAVESCOLA




XORNAL DO NENO ANFIBIO
"Mercuarius de octarius da era aretxita...
Hoxe na navescola a plasta de Alienor estivo a falar das medusas... A min, as medusas, a verdade é que non me interesan nada. Para que vou andar preocupado polo perigo que poden supoñer para nós se eu non teño pensado viaxar ao seu planeta ou asteroide ou o que sexa¡ Pero o mellor de todo foi cando a parviña da nena Asor, a filla de Asor Lia e de Nabetse, vai e pregunta á Directriz Magistra que porque tiñamos que matar a estos seres no canto de modificar a súa conducta por medio dos conmutadores e dunha boa terapia. Reamente esta nena non ten remedio. É unha ilusa que vai de lista. Un repolo de rapaza. Non a soporto. Alienor castigouna sen poder usar o trineo durante unha semana. O que esa berzas non sabe é que non poderá usalo xamais porque llo vou estrampar."
..............................................................................................................
O odio nace nos miolos e baixa ata a barriga para levedar alí e facer do estómago a súa cova. Medra con bífidus activo e esténdese por todo o corpo como unha maldición de infelicidade. O neno anfibio odia a Asor porque ela non lle para moito e non participa das súas falcatruadas e mentiras tumescentes. A ela interésanlle máis os universos de palabras para envolver con elas os regalos de amor e amizade.

lundi, février 12, 2007

O SABOR DO CHOCOLATE


As cousas do amor teñen esa cor, por veces amarela, por veces vermella que enche todas as ansias do leito que nos apreixa... No cuarto, Asor fundou dinastías e mercou testos para ver nacer as flores do seu patrimonio sentimental pero alí non medraba nada así que acabou farta de abrir caixiñas e máis caixiñas... A gaiola da paixón ten ese arrecendo que devora todo o esforzo na busca dunha república que nos libere. Ninguén pode tirar do instinto e instalar unha consciencia alí onde flutúa a obsesión febril e a entrega... Asor foi a cristiana, a que entregou ata o derradeiro día toda a fé á beira daquel mar verde e azul e gris e negro.
Ser amado por alguén, pensou, debe ser como ver nunha mesa miles de dulces e saber que só un é o que desexas. A Asor gústalle moito o chocolate por iso sempre creu que amar era como lamber o chocolate quente dunha culler e sentir que enches con el toda a boca...
O que Asor non sabía era que o chocolate pode ser amargo e encher todo, meterse polos dentes, agocharse detrás da lingua, baixar ata a barriga e ficar alí fermentando ese desagradábel sabor que se multiplica e ocupa todo o interior...

dimanche, février 11, 2007

ASOR NOS TEMPOS DA NAVESCOLA E AS MEDUSAS




Lunitarios do mes de octarius da era dos Aretxitas
XORNAL INTIMÍSIMO DA NENA ASOR:
Hoxe na navescola apredín moitas cousas. A Directirz Magistra Alienor Ximba dibuxou no pizarrador negro as medusas intergalácticas. Realmente son seres dunha beleza maiúscula e algunha delas teñen o aspecto da Naversitas onde a miña irmán realiza estudos cibersociais. Eu quero ser fermosa coma elas. Quero vestirme cunha brisa de cores e abrirme ao exterior con esa eclesial maxestade de sentirme a raíña dos meus perímetros, a salvagarda da consciencia. Nabetse estaría orgulloso e eu tamén. Xa imaxino o rosto dos deliberantes da nosa comunidade asorita... Pensarían "Quen é esa fermosa deliberante?".Cando estaba sumerxida nestes pensamentos chegou ata min un berro afiado. Así:
"Asor,en que andas? Atende que temos que analizar o veleno destes pérfidos animais¡". Era a
Alienor Ximba. Eu exclamei sorprendida"Animais?". Realmente non entendía nada.Alienor Ximba chamoulles animais e dixo que eran malos¡ Porque?. A mestra castigoume cando lle dixen que era un crime matalas, que tiñamos que que modificar o seu comportamento mediante unha boa terapia e a axuda dos conmutadores. Durante unha semana non poderei coller o trineo-cuántico e contactar coa miña xemelga. Estou farta deste maniqueísmo ciéntifico sin solución¡"(Palabras de Asor III de Zeuquirne, da dinastía asorita, a aprendiz de deliberante)
---------------------------------------------------------
A nena Asor non entendía iso de que as medusas posuíran no interior dese manto de diseño confitado e único unha sustancia velenífera e homicida. Ao longo da súa vida a máis fermosa dos deliberantes, a Proserpina trasladada, a que coseu manteis con palabras, a que naceu dos volcáns aretxitas preto do Palacio dos Salgueiros caiu na conta de que as medusas están por todas partes e organízanse en Asociacións de Elite, e moi importante, baixo a estupidez do seu pretixio agochan as armas secretas como dicía o creador dos cronopios. Realmente son malíííísimassss, fan moito dano e cando se abren teñen un aspecto horríbel: non dan sacado os vermes dos ollos. Pero Asor III de Zeuquirne ganchillou poemas para curar as fendas que lle causaron, e sanou.

mardi, février 06, 2007

A NAVESCOLA E ASOR LÍA I DE ZEUQUIRNE

A navescola de Asor é grande e está suspendida no ar preto do Palacio dos Salgueiros. Nos tempos nos que Asor levaba tres coletas e lazos feitos de materia sideral, as cousas non eran como agora... Antes as Directrices- Magistras eran da rama do Divino Polar así que Asor tivo que tragar horas e horas de oración polos camiños dese inescrutábel nos designio... Tódolos días practicaban cálculo cuántico pero a Asor o que máis lle gustaba era a enxeñería lingüística e xogar coas mapoulas.Parecía que enterraba misterios baixo as pálpebras nese ceo de color rosa azulado sobre o que deixaba cada día depositadas tantas e tantas ideas como lle saían desa cabeciña redonda e ben feita... O mellor momento do día para Asor era cando A Gran Asor Lía I , fundadora da casa aberta a recollía naquel Navecentos para levala a casa. Era tan guapa Asor Lía... Algún día recibirá os recoñecementos merecidos pola súa labor de Operante Máxima na dinastía dos asoritas. Nabetse I de Zeuquirne era moi consciente desa fortaleza que inauguraba ao seu paso e do ben que decoraba os muros, pintando a felicidade e a esperanza co seu pincel de muller liberada.
Todos os asoritas amaban e respectaban profundamente a labor de Asor Lía I de Zeuquirne, a nai de Asor, a artista.

vendredi, février 02, 2007

O RETORNO DO XIGANTE


Asor III de Zeuquirne, da estirpe dos asoritas, iniciada deliberante, muller-mapoula e constructora de palabras estirou o paso polas alamedas do inverno por ver de lanzar cartas a ese futuro de cristais rompendo ceos de chocolate... Nese paseo sucedeu algo inesperado: atopou ao XIGANTE.
O XIGANTE ten unha sonrisa perlífera coma o veleno que esvara pola súa lingua cando profesa delicias para absorber a sustancia toda e derreter liberdades...
O día do encontro levaba un manto de améndoas e unha lupa enorme coa que visualizar emocións encubertas nos transeúntes... Cantaba unha especie de himno autólatra e abría os brazos para apertar con eles a esencia asorita que a pobre de Asor construíra con especial cuidado... Os grandes egoístas da historia son así: fan dano e esquecen porque. O mellor de todo e que sempre demandan amizade e honestidade cando iso é precisamente o que eles mesmos non teñen. Minten? Un pouco. Para ser exactos maquillan a realidade para favorecer a súa imaxe neses aspectos que o acomplexan. O mellor de todo é que son capaces de trastocar unha realidade diante de alguén que sabe perfectamente como son os feitos... Isto sucede porque os egoistas só pensan na súa satisfacción, no seu interese e xamáis son xenerosos cos sentimentos do resto. Esquecen por exemplo preguntar con verdadeiro interese e preocupación polos problemas do amigo. Só precisan do contacto para saber o que lles conven. Xamáis serven de apoio e moito menos de axuda. O máis curioso de todo é que se lles enche a boca falando de amizade, de honestidade ou de amor... como se eles tivesen sobre o sentimento patente de corso. Asor I de Zeuquirne foi educada polo sabio e deliberante supremo que lle amosou a non dicir cousas que non son. Por iso, dende nena, Asor ama a verdade tanto como o queixo fresco da montaña e todos os bullotes...
O XIGANTE ten todas as alturas da mentira e a súa sombra acada sempre a proxección da decepción que é capaz de suscitar. A asorita iniciada, a muller-mapoula, xa non ten medo porque curou todas as fendas e ,como alguén lle dixo algún día , xa mira cara outro lado.

vendredi, janvier 26, 2007

NABETSE I DE ZEUQUIRNE




No clan dos Asoritas, Nabetse era un dos princeps. Acostumbrado a políticas conciencias estaba afeito a diálogar exercitando a mecánica necesidade de solventar contratempos ... Porén os anos rumiaron estrañas inxustizas sobre el que o conduciron ao seu estado inicial, ese que revolvía as crenzas no seu cerebro e invitaba a reflexión. Digamos que Nabetse era un líder nesa dinastía de deliberantes pola súa calma e iso que damos en chamar A TEMPERANZA.
Asor imitaba ao seu predecesor niso de temperar as raivas e agatuñalas baixo os pes para vivir máis libre pero... non daba e non daba¡.
Canto lle gustaba a Asor esa mirada de améndoas, húmida e tenra que Nabetse depositaba sobre ela cando as ideas lle retorcían os miolos... Para un deliberante a virtude da que debían partir era a calma.Sen ela nada era posíbel. Por iso a nosa amiga sabía ben que aínda lle quedaba moito por aprender para chegar a posición de deliberante supremo do seu proxenitor. De todos os xeitos ela aprendía e aprendía como se a vida fose unha aula na que desenrolar todas as súas capacidades.
Era tan interesante aprender de alguén como Nabetse. Canda nena paseaba con el polos arredores do Palacio dos Salgueiros recolectando nubes e herba seca, comendo bullotes e morodos, construíndo lazos. Os lazos son esa sensación extrema de seguridade que gardamos nos recunchos do noso corazón coma bolboretas fermosísimas e libres, como pan fermentando a lealdade. Con el aprendeu Asor a amar cos ollos ben abertos, sen fatiga, como unha profesión, unha fé. E así será polos soles e os soles deste ceo trisolar dende os tempos iniciais do Gran Unicelular e a Asor e máis ao seu pai gústalles que así sexa.

jeudi, janvier 18, 2007

ESA PORTA CARA A INMENSIDADE


O anfibio mirou no espello cun riso acosado de dentes finos como agullas e verqueu unhas gotas de esencia de lama noxenta polo pescozo. Estaba incandescentemente fermoso¡ Si. Tiña que pór ese xesto de ledicia para derrubar as vontades alleas e facer das Caperuchiñas auténticas cobras do deserto. Asor II de Zeuquirne era a única que lle facía fronte pero xa a arrastraría cara ao profundo averno, detrás do espello...
O espello era o obxecto preferido do anfibio. A través del podía atravesar a maré de lixivias e coller a orixe, o gran punto negro de mediocridade do que abrollaba todo iso que retorcía no bandullo como un animal enfermo. De súpeto algo sucedeu, algo que o anfibio xamáis vira no seu espello : unha porta enorme aberta cara ás aforas, cara a un mundo de raro descoñecemento cunha gran luz brillando... Alí esta Asor, a deliberante, a máis fermosa das D-I-S-T-I-N-T-A-S, a gran marabilla feita ideas en expansión, como unha nebulosa que medra e medra.
..........................................................................................................................................................
Asor virou a cabeza e comprendeu que algo estraño pasaba. Alguén a observaba e o Gran Unicelular tridiversificou a súa presencia. Entón non o dudou, interrompeu a meditación e colleu a Gran L na man disposta a pelexar. Asor creu que era O XIGANTE que viña por ela, pero nada diso sucedeu. No canto de ver ao XIGANTE, atopou ao anfibio no outro lado do seu espello dando voltas coma un tolo. Parecía que ía estoupar. Entón berrou: Que fas nos meus pensamentos retorcendo a dor?. O animal viscoso e mentireiro non foi quen de contestar. Realmente a maldade non ten moita explicación.

mardi, janvier 16, 2007

O RITUAL

Asor sabía das miserias do anfibio e alimentaba caracois de esperanza na barriga que todo o fabrica coa ansia de facer as cousas doutra maneira.
No seu planeta, como xa sabedes, era posíbel cambiar as emocións por medio dos conmutadores, pero o de cambiar toda a realidade que conformaba a un ser vivo... Iso era algo que aínda estaba por ver. Tiña que pasar moito tempo antes de que os Aretxitas puidensen todos cambiar todo. Asor, como descendente dos Asoritas, unha tribu de deliberantes, podía acadar ese estado de tránsito cuántico e descompór a súa esencia para estender a mansedume no outro lado. Alí onde contactou coa súa xemelga, onde a realidade se manifestaba doutro xeito, onde podía verse, lerse e adquirir perspectivas novas. Oh¡ Asor¡, a máis sabia dos deliberantes, a raíña da súa beleza, a máis digna dos amigos, A VERDADEIRA. Escolleu como camiño o máis retorcido, ese que bota pedras cos brazos da cólera ante o Gran Estigma Social: toda esa maraña de fraudulentos que agochan baixo o lombo a máis pobre das miserias, A VERGONZA DE SER.
Tíñalle ganas ao anfibio. Hai que dicilo todo. Por iso o observaba no baño onde tiña lugar a metamorfose. De todos modos, ela comenzaba coma sempre e maliá todo o seu ritual: a contemplación continuada dos tres soles e a entrega dun mechón do seu pelo en actitude orante. Sempre acadaba ese momento de plenitude máxima e remataba liberando a dor.
Ao mesmo tempo que Asor meditaba, oraba e reflexionaba sobre a natureza deste animal viscoso, o espello rachaba en dous e unha porta escura se abría lenemente...

vendredi, janvier 12, 2007

O ESPELLO DO ANFIBIO


O anfibio decidiu entrar no seu templo e contemplarse no espello. Ás veces, a beleza ten ese aire de traxedia que nos sitúa preto da hipocrisia transcendental do día a día. É como se o feito de ser guapo nos fixera merecedores de algo, como se xa non fósemos quen de diferenciar o don do mérito, do esforzo, da dedicación. Ao anfibio preocupáballe estar "decente" para saír ao exterior e ser admirado por todos. Padecía no seu ser o amargo don da beleza. Se alguén non puña os ollos nas súas mans brillantes e sinuosas... Menudo drama¡
Asor non soportaba tanta levidade inútil. Para ela o feito de ter atractivo ou non, dependía de moitas máis cousas que do aspecto externo. Digamos que para Asor a beleza era maxia, música, a man sobre a pel da desesperación no momento preciso, o riso, a modestia, a desexcentricidade, a liberdade feita palabra, oral ou escrita pero por riba de todo, A AUTENTICIDADE duns ollos abertos para crear mundos dentro doutros mundos, campos de enerxía.
Os ollos do anfibios eran dun verde silente e cadencioso, estrañamente húmidos, como se pretendesen sempre fuxir esvarando polo rosto para non facer fronte a esa realidade antropomorfa dos Aretxitas ... Desexaba agochar todos os volcáns detrás das pálpebras...
Pero non é tan doado maquillar unha realidade durante moito tempo. A verdade ten un camiño
que vai todo dereito e aparece en calquera intre.

mercredi, janvier 10, 2007

O ANFIBIO E ASOR

O anfibio habita en Aretx dende os tempos do Gran Unicelular. É un ser sinistro ás veces, cursi e presumido outras. Xamais lle preguntaría a ninguén sinceiramente "Como estás?"Asor non o entende, mellor dito non lle apetece comprender esa idiosincrasia que é un paradigma do egoismo, un estoupido de mediocridades agochadas no baño (ese lugar no que o anfibio aproveita para amosar a súa verdadeira natureza), un xeito de libélulas danzas para amosar un interés que non existe en ningún recuncho do seu cerebro infectado de si mesmo. Nesta vida non che hai cousa peor que paliar os complexos propios degradando aos demáis. Na familia de Asor ninguén apreciaba ao anfibio. Todos querían que desaparecese da súa vida. Pero Asor púñase encendida con só velo e, claro, suspendía nas clases de meditación. O seu conmutador averiouse durante un tempo polo que non podía eliminar a raiva do seu corazón cando tiña ao anfibio diante. Solución? Consultar ao Gran Unicelular. Asor debía buscar unha solución para esa ira que a devoraba cando vía a indolencia e falsedade ao seu redor. Eu enténdoa porque a mentira en todas as súas extensións destrúe a autoestima dos que a reciben.
A Asor metéronlle as mentiras polos ollos, pola boca e craváronllas no centro do corazón cunha sutil lingua como de bolboreta asasina e ela verqueu tantas loitas contra as paredes... Agora prepara arquivos feitos con palabras e con desexo. Vai realizar a GRAN VIAXE, a viaxe única, esa forma de percorrer traqueas calexas retorcidas pola mágoa. Conseguirá despegar a cólera do traxe e ser o seu propio poema, a súa liberdade, o gran madrigal da consciencia? Mentre Asor dispón as cousas para marchar o anfibio mírase no espello. É tan, tan, sexxxxxxiiii....