vendredi, janvier 05, 2007

TODA A AMBROSÍA PARA TI

No ano das mapoulas o meu amigo non era o meu amigo, era un iniciado, un convulso inocente co espanto na mirada. Tiña o descoñecemento agatuñado no lombo e pesábanlle as ideas nos bolsillos. Miraba tanto para o chan que parecía que ía caer nas profundidades, mezclarse coa terra e ocultarse nas raíces... Era un neno, era un home, era un cabaleiro coa sensibilidade pespunteando na lanza e a literatura feita un beixo fino e doce coma os arandos. Falabamos. Destrúiamos a Molière e faciámolo de novo gobernador do riso por toda a Francia republicana, tiñamos ese poder. Visitábame todas as semanas e ,eu, republicana como son, recoñecino como monarca da Revolución Independente da Amizade. Construimos un xardín de debates e mastigamos palabras como anacos de pan fresco. Aprendeume políticas e economías e pasou lenemente a man sobre o meu espírito doente. Por aquel entón eu vivía no exilio e el me informaba da realidade social do noso país. O meu amigo e máis eu querémonos moito e ben porque sobrepasamos horizontes escuros, cheos de rochas. Atravesar camiños da súa man da menos medo. Na actualidade o meu amigo está triste porque perdeu horas embriagado pola beleza, e claro, a beleza ten ese poder de meter a ansiedade tan dentro... Eu non quero que alimente a desesperanza porque ten moitos mares que o esperan. Polo tanto sempre lle digo que ten un universo de ambrosía para el, a auga nos pes e o poder camiñar.

jeudi, janvier 04, 2007

RESPOSTA DE ASOR

Estimada Rosa, cada vez sinto máis a túa presenza cando as cousas non van ben, e, podes crerme, nos últimos tempos ben non van. Ás veces cando te observo e vexo toda a túa enerxía e ese modo de estourar... Eu quero camiñar coma ti, sobre as augas quentes do veleno que me arde e non afogar ou desmaiar como unha margarita cursi disfrazada de Barbarella... O XIGANTE segue nese castelo e dende o sobre lacrado co seu amor diabético non voltei ao camiño retorcido, esa calexa terríbel e escura que enche as mans de negro e gris, habitando todo o espacio das aurículas de pesadume, un pesadume como de terciopelo, que non despega a súa suavidade velenífera do cume do ventre... Alugar un espacio para a ledicia é cada vez máis complicado neste ruído infernal de xente que contra-vive. Aretx é un planeta de grandes egoistas dirixindo imperios de oxíxeno. Só os ricos poden falar. A eles non lles importa que haxa máis ou menos CO2 porque teñen oxíxeno a mans cheas. Eu teño que calar moitas veces para non afogar...
Non podo seguir escribindo. Rematou o descanso.

Unha aperta:

Asor II de Zeuquirne

mardi, janvier 02, 2007

FOS, O CAN DE ASOR

A RELACIÓN
Fos é un can precioso. Asor mercouno nunha tenda de animais hai un ano e medio e agora vive vencellada ao cuzo coma unha nena pequena. É tan amistoso que cando ve que Asor entra pola porta salta de contento. Está toliño de todo. É marabilloso que un ser vivo celebre así a túa chegada. Así a recibía o XIGANTE cada vez que Asor se presentaba ante el. Porén á lealdade no xénero humán e á sinceiridade dos afectos quédalle moito para estar a altura do que lle quere o can a Asor. Ás veces xorde unha especie de campo invisíbel que os conecta aos dous e xa con tocarse son felices.
A DENUNCIA
Por todo isto Asor levou un disgusto enorme ao saber cun home matou dun machadazo ao seu pastor alemán. Como pode alguén facer iso pregúntase todo o tempo... Ninguén ten resposta para explicar esa brutalidade. HOMO HOMINI LUPUS?dixo espantada,pois se somos coma lobos cos conxéneres, canto máis non o seremos cos seres que consideramos inferiores.
A CARTA
Non me chegou aínda a resposta de Asor á carta que lle enviei.

lundi, janvier 01, 2007

CARTA PARA ASOR


Querida Asor: préocupame ese xeito que tes de abrir caixas e envelenarte de palabras... Non sabía que o XIGANTE abandoara o pracer do teu van para vivir esmagando materia ao seu paso pola vida. Coido que tes un corazón profundo e redondo como o sol que te anuncia cando me escribes cartas. Verás, alguén me comentou que deberías mirar cara a un ceo diferente, despistar ao sentimento que retorce cada unha das teas do teu traxe. E creo que ten razón. Asor, querida amiga, abre ben os ollos e non bebas máis pócimas de desencanto. Hai que ter ilusión. Eu confío no teu potencial porque coñezo o teu capital de supervivencia. Serás capaz de devorar anfibios se che meten pedras na esperanza.

Unha aperta moi forte para Asor da súa amiga:


Rosa E.

samedi, décembre 30, 2006

MARCHAR


Aquel domingo de finais de novembro Asor perdeu as bágoas todas, arrastrou o medo e a perda pola xanela e, sen darse conta, caéronlle enriba todas as estacións. Comprendeu que dicir dacordo encadea a dor á pata da mesa e que mastigar o alento alleo fai medrar as fendas. Ela querería ter sido capaz de mirar de frente ao XIGANTE e dicir que cometía un erro pero non foi capaz máis que de agochar a cara coas mans e encher a tristura de crisantemos. Entregou o derradeiro beixo e simplemente o deixou marchar. Pechou a porta e as palabras do frío metéronselle polo nariz, case non podía respirar. Amaba ao XIGANTE inchada de desexo pero coseu a miseria ao ventre e puxo a mágoa en pe e agora non da quitado de enriba as sabas daquel desastre. Ás veces fai como a muller da que falaba Galeano e decide abrir unha caixa para que saia todo fóra, pero só saen palabras. O medo e o amor fican no interior como esperando... E
xamais sucede nada e o fastío enche todo, e Asor xa non pode chorar. O XIGANTE colleu as bolsas, levou todo o infinito para o seu castelo de muros impenetrábeis. Son tan grandes eses muros que Asor non ten forzas para chamar... XIGANTE, XIGANTE¡¡¡ lle gustaría berrar, pero foi tan seco o ruído da fuxida que non lle saen as palabras e non é quen de encher de lume toda esa fortaleza. Amoume? Pregúntase ás veces, e unha voz lle canta dende o fondo da caixa: Aínda amor¡

AMAR




O 2007 vai empezar e todos nos entregamos aos bos desexos. Imaxinamos verquer nunha copa de cava ou do que sexa, todo o potencial de felicidade que poidamos. Parece incríbel a inxenuidade coa que nos deixamos vencer pola publicidade e o comercio dos mercenarios do Nadal... O 2007 será un ano coma os precedentes, para algunhas persoas mellor e para outras peor. A min gustaríame mellorar algunhas cousas e penso que así será. Seguro que sí. Outras cousas preferiría que non cambiasen porque como están véxoas ben. Que se pode facer? Disfrutar da festa como cada un queira e poñer un anaco de esperanza no futuro e soñar un pouco, sen pasarse, que logo ven o pranto e o rillar de dentes...


Desexo de liberación, de paz, de amizade de A-M-O-R.


Eu deséxovos moito A-M-O-R porque amor inclúe todo. Que sí, que somos amor e precisamos do amor para todo.


Amor para vivir en paz.


Amor para entregar as armas.


Amor para dar o que ferve dentro.


Amor para entretener.


Amor para fermentar.


Amor para aclarar.


Amor para comer a gusto.


Amor para esperar.


Amor para soñar.


Amor para amar.


Amar é o meu talento, díxome alguén a quen tanto amei... E foise co vento do Nadal para vivir libre, e eu non fixen nada para impedirllo. Por primeira vez entendín que amar é tamén deixar marchar.

jeudi, décembre 28, 2006

PARA NATYARA

Quero envíar os meus mellores desexos para unha persoa que entrou no meu blog e a quen non lle dou contestadoporque ás veces líome con isto da tecnoloxía...
Querida Natyara( creo que é así como te presentas no teu blog que por certo encántame):
Espero que o nadal pase rápido e poidas disfrutar da normalidade do día a día. Eu xa empezo a estar farta deste nadal de compromiso, de bos desexos impostados e da tanta ñoñería...
Ás veces a sociedade fai unha presión tan grande sobre como temos que vivir ou, aínda peor, sobre como temos que sentir que ímos rematar tolos¡¡¡¡¡¡¡
Eu tampouco fago todo o que se esperaría de min neste pequeno mundo burgués pero xa non me sinto culpábel porque os artífices deste constructo son tan humanos coma ti e coma min, polo tanto falibles. Unha aperta moi forte Natyara.

AS DISTINTAS CARAS DA MENTIRA



As caras da infamia, da falsedade, da insinceridade, da burla negra, do baleiro máis insano, da ambigüidade, do desamor, do cinismo, da ruptura interna da idiosincrasia, da inexistencia, do pesimismo, do pánico, do abandono...
Estas son algunhas das caras deste vicio enorme que tanto nos separa dos amigos e do amor porque ambas emocións precisan da autenticidade para existir. Todos os que minten son feos por dentro e por fóra. Lede "LA VERDAD SOSPECHOSA" de Juan Ruiz de Alarcón, resulta interesante.(En la boca mentirosa es la verdad sospechosa)


O crecemento do nariz é a maneira de facer trascender ao exterior a fealdade da miseria que vive na alma de todos os que disfrazan a súa vida doutra totalmente diferente.



A MENTIRA

A mentira é un modo de agochar todo aquelo do que non nos sentimos orgullosos, ou ben para maquillar a inseguridade e protexernos do dano que nos puideran facer os que nos rodean. De todas formas, aínda que teña unha explicación esto de mentir, a explicación non debe confundirse coa xustificación. Eu intento ser sempre real porque creo que a verdade fainos libres e a liberdade é un tópico ao que sempre debemos tender. Vivir encarcelado por unha chea de falacias é tan incómodo...
Eu coñecín a algúns mentirosos ao longo da miña vida e, sinceiramente, mesmo se nalgún tempo lles desexei o máis profundo averno incitada pola raiva, agora danme mágoa porque todos e cada un deles foron caendo polo precipicio que configuraron axudados por toda ese rede de andrómenas que ofreceron como pago á autenticidade que lles din. Eu, coma todos, teño defectos, pero de mentir... N-A-D-A. Procuro buscar sempre a verdade. Síntome mellor.É unha cuestión de egoísmo.

dimanche, décembre 24, 2006

A ÁRBORE DO MEU AMIGO

Gonzalo puxo unha árbore na súa casa para iluminar coas luces esa casa na que vive dende hai un ano. Para decoralo, pediunos aos seus amigos que mercasemos dous adornos cada un. A min pareceume unha idea xenial pero como son despistada fun das últimas e darlle os meus adornos; un papá Noel sentado cunha cesta e unha caixiña vermella a carón da árbore. Dende onte o salón brilla, e o silencio case desaparece... Maldito nadal que fai sentir mal a todos os que están sós, lonxe da familia ou dos amigos, ou ben aos que perderon algún familiar e non poden celebrar o nadal todos xuntos. Quero adicar este post a todos eles para que as carencias non lles rouben a esperanza de sentir ledicia...
Ás veces parece que hai cousas que xamáis suceden como atopar un traballo, ter un fillo, curar dalgunha enfermidade, atopar o amor, porén, como dicía a miña avoa, todo chega. Só hai que ter PACIENCIA.
Comede moito e bebede moito esta noite¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡
Eu xa estou na casa, coa familia e estou contenta.

jeudi, décembre 21, 2006


BO NADAL A TODOS, E FELIZ 2007¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡
Estades preparados para comer turrón, mazapán, tortas, lacón con grelos, chourizos, castañas, piñóns...
Eu teño pánico. Está todo tan rico¡¡
Unha aperta e disfrutade ao máximo.

A IMPORTANCIA DE COCER ACELGAS


Comproba como me fere preparar unhas verduras
como é que unha acelga
pesa máis que o resto do universo.
Observa
como me depreda este eco
de escoitar e non escoitar
na sonoléncia do meu insónio.
Esquecida
cruzo os ermos do fastío
entre dunas de impoténcia
e ausentes labirintos.


Acelgas.

(POEMA DE CHUS PATO)



A importancia de cocer acelgas é ENORME, como as ganas de vivir sen esa brisa gasificada que se presenta na metade dun día entre claro e escuro, porque, ás veces, o feito de preparar unhas verduras convírtese en algo transcendental para ese silencio que reproduce a auga cando comeza a ferver.
Estar na cociña esmaga a nosa alma cando non existe xa a espera, cando vemos o bafo agochando a realidade que fica calada trala xanela. Por ese motivo cocer unha acelga pode ser determinante, definitivo, un feito de codicia existencial, un desexo de trasladar o corpo a esa dimensión que nos sitúa no ar, no punto máis álxido da poética dos fogóns e estalar en burbullas redondas e ser palabras molladas esvarando polo rosto...

dimanche, décembre 17, 2006

O UNIVERSO EN TRES GOTAS DE AUGA


GOTA DA LUZ

GOTA DA VIDA



GOTA DA ESCURIDADE

Todo o universo está metido en tres gotas de auga, gotas como esta que poden caer diante de vós sen que vos deades conta. Eu sentín medo cando compredín que todo o grande é tan pequeno e que, o pequeno pode ser enorme. Lembreime dun soño recorrente que tiña canda nena. Era un soño raro e convulso, un pouco coma min, frenética nas precipitacións que me anticipan ata os desexos ou os imposíbeis. No meu soño eu viaxaba dunha culler pequeniña ata unha culler xigante e nesa viaxe sofría unha metamorfose que me permitía medrar para ser xigante ou minimizarme nunha rosa pequeniña para habitar na mesma miseria desa c-u-l-l-e-r-c-i-ñ-a anana. Paréceme que o universo debe ser algo así, algo que se fai grande ou que case desaparece nunha viaxe de estrela en estrela para caer diante de nós cada día... En todo caso, nacer e morrer é a mesma viaxe que a destas gotas de auga? "Pañales y mortaja" que diría Quevedo...

UNHA VIAXE SINGULAR

Todo o universo nos mira e está esperando unha resposta. A ver decide, queredes nacer?
Todos os humanos calaron e ASOR non soubo tampouco que dicir porque sabía da existencia da vida da súa antimateria no caso de saír da barriga universal que a proxectaría ÁS AFORAS...
ASOR tiña un contacto interestelar que lle permitía saber da lasitude da súa xemelga, deses tempos enfrontados batendo niso que dan en chamar xanela... A xanela, pensou ASOR, iso que din que serve para mirar... Pero por esa xanela non se ve ben... non se ve ben...
Non, ASOR, non querería nacer, preferiría ficar detrás do muro da inexistencia. Que fariades vós?

ASOR VIROU CARA AO CEO E COMEU TODAS AS ESTRELAS PARA QUE A LUZ HABITASE NESE ESPACIO QUE SABÍA LLE MEDRABA NUN RECANTO DO ESÓFAGO. SEMPRE É BO FACERSE O MORTO CANDO VIVIR NOS RESULTA COMPLICADO.

Canto desexamos a luz para vivir pero que viaxe tan longa temos que facer para que se instale nas nosas vidas e afogue todas as sombras que nos asombran...
Existe o espanto? Eu creo que o máis parecido ao espanto é ese intre non que nos decatamos de que estamos concentrados nas verduras que cocemos coa fame aberta en canal, ou tendendo a roupa e mirando as gotas que caen e rexistran para nós todo universo dentro. E como pode caber todo o universo dentro dunha pinga de auga?

samedi, décembre 16, 2006

UN RISO, DOUS RISOS, TRES






Un riso é o xeito que temos de manifestar a ledicia, a satisfación, o ánimo... Hoxe é sábado e o día está un pouco gris de máis.Cando iso acontece perdo un pouco as ganas de facer cousas e voume ás miñas adentras onde me revolvo ben a gusto e me desfago esmagada entre as ideas. Sei que non é bo, e claro, busco solucións.Entón penso: que podo facer para que a brétema non bote o alento sobre min? Botar un riso, dous risos, tres... Chamar aos meus amigos, comer con eles e falar do que importa ou do que non, pero sobre todo dar amor coa mirada e ler o afecto nos xestos e deixar que ese clima cálido que xorde entre a boa xente meta risos por riba da mesa, mentres tomamos café. Un riso, dous risos, tres, e toda a paciencia do mundo para entender que non sempre as cousas saen como un quere.

vendredi, décembre 15, 2006

O TÚNEL


O mércores 13 de decembro fun ver a adaptación da obra de Ernesto Sábato, " O túnel". Encantoume. A interpretación de Héctor Alterio foi boísima e dende logo fixo rir a todo o auditorio, representando a un ciumento neurótico que non deixa respirar á muller que ama.
Pareceume xenial a idea de representar o flash back tendo como fío conductor ao protagonista e no que se refire á posta en escea, eu destacaría a idea de representar as conversacións telefónicas situando a un dos personaxes detrás un cristal translúcido falando por un altavoz.
Resumindo e, ao meu modo de ver, a posta en escea, libre de preciosismos céntrase no actor Héctor Alterio. El é a escea, el é os actores, el é a obra completa.

lundi, décembre 11, 2006

O XIGANTE EGOISTA

Hai pouco alguén fixo referencia ao conto do xigante egoista para falar da liberdade.Explicáronme a necesidade dun muro de contención para ser libre...
A LIBERDADE É ISO QUE BUSCAMOS DANDO GOLPES DE TAMBOR COMO SE REALMENTE EXISTISE ...
Nesta historia de Oscar Wilde o muro que protexe o habitat do xigante do mundo exterior é o muro estéril dunha conciencia obstruída polo medo a perder cousas, un muro que corta a primaveira, que é un inverno impenetrábel. un inverno que é a nostalxia da primaveira, unha primaveira que só nace tralo muro, fóra, onde ninguén colle nada aos demáis porque non existe o temor a perder.
O MEDO, ese fantasma que se presenta nun cuarto egoista, ás escuras, ao sul do amor e da tenrura, é un monstruo negro e feo, horríbel. Deberíamos desatar o espanto e deixar o amor vivir libre no xardín.
Hai pouco, en Compostela, Galeano deu unha charla para falar un pouco das arterias de América latina e falando falando mostrounos a súa conclusión sobre esta problemática e dixo claramente que a raíz de toda evasión, fuxida e silencio é O MEDO.
TEMOS MEDO A AMAR
TEMOS MEDO A PERDER
TEMOS MEDO A DAR
TEMOS MEDO A FALAR
TEMOS MEDO A VERDADE
TEMOS MOITO MEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEDO.
E con tanto MEDO como podemos vivir? Non, así só sobrevivimos.
Para non perder creamos un muro e todo o que bate nel sae despedido, así ninguén nos causa dor pero ninguén sabe de nós e somos esquecidos do pensamento alleo.
A xustiza e a liberdade
o medo e o inverno
a tenrura e a primaveira
a mentira e o pranto
A LIBERDADE ESTÁ NA ENTREGA DAS TÚNICAS, NA XENEROSIDADE.


EU PERDÍN BATALLAS PERO SIGO DANDO PORQUE AMAR É VIVIR E XA CASE NON TEÑO MEDO, CREO QUE CASE CASE SON LIBRE.

PINOCHET

Morreu Pinochet e os chilenos celebrano berrando"ya cayó"...
Eu estou en contra da violencia pero creo que en determinadas situacións unha morte pode ser necesaria. Non falo xa de Pinochet que morreu sen pagar polos seus crimes senon doutro dictador pérfido e asasino como Trujillo que foi asasinado por unhas persoas as que creo que podemos considerar mártires.
Moitos países deberían tomar nota destos valientes e loitar por botar fóra aos magnicidas e perder o medo. Non se debe esperar un dictador.
Que pensades?

jeudi, décembre 07, 2006

SECUESTRO EMOCIONAL


SER UNHA E SÓ UNHA E NADA MÁIS QUE UNHA ROSA, ÚNICA E SOBRE TODO SOA, ROSA,ROSA,ROSA UNHA SOA NOMEADA TRES VECES...
Neste estilo, a imitación de Gertrud Stein, intento manifestar este recanto de silencios cara ao norte da dor, ollando unha casa do ceo, chea de papeis en branco para escribir páxinas e páxinas de baleiro e máis baleiro...
Menos mal que teño tele¡¡¡

ESTE FASTÍO QUE ME EXTERMINA


Hoxe merquei un televisor. Levaba oito meses sen el e non pasaba nada. Ao principio sentíame rara, finisecular do dezanove, case nunha actitude mística, como a dos Amis ou como se chamen.
Vivín ben sen tele pero agora, hoxe, á última hora da tarde collín os cartos e dixen"Xa está ben. Deixa que a túa mente sexa máis modesta e non considere as súas reflexións como algo transcendental. Que merda(perdón pola palabra), alienarse dúas horas ao día non é ningunha vergoña"
Xa vedes teño tele e grazas a ela non me fago 625 líneas todas as noites.
Esta semana vivín unha soidade de trescentos anos. Non sei se me paso. quizás de douscentos cincuenta... ou douscentos. Eu que sei¡¡¡¡ FIQUEI ESTARRICADA NO CHAN COA MENTE RETORCIDA POLOS TAPICES E AS FOTOS PERDIDAS NUNHA POZA PARTICULAR DE INCENSO E MIRRA, DE PRATA NADA.