vendredi, février 16, 2007

ARTIGO PUBLICADO NA REXIÓN

ESTA NOVA GUERRA…

Punto de partida? Machala, Ecuador. Destino? España, Europa. Obxectivo? Calidade de vida. Futuro? Non existe.

Así de negra é a situación dalgunhas persoas que, crendo morrer de injustiza social, saen de América Latina para vir a este paraíso artificial, a este Vello Continente de grandes personaxes e historias da historia, coa finalidade de sacar da miseria a súa familia e, finalmente, o único que atopan é a morte, esa que non dá segundas oportunidades, a que nas sabias palabras de Manrique achega aos pobres e aos ricos.

Seguro que Armando Estacio e Carlos Alonso Parate tiñan un soño: facer fortuna e voltar ao seu país. Cumpriron o seu desexo. Regresar regresaron, pero de que maneira:

nun avión e no seu cadaleito, cunha morea de xente esperándoos. En canto a fortuna pois si, a súa familia recibirá unha importante indemnización que, de seguro non compensará esta perda. Esto do terrorismo é complicado, e, cando un non sabe de que vai o rollo, o de ETA soa terríbel, e case pode parecer a todas as víctimas deste atentado que os familiares e amigos residentes en España poderían morrer igualmente. Que isto non é así, sabémolo nós ,que vivimos aquí, pero os ecuatorianos que viven nunha situación paupérrima e, cuxa lóxica e primordial preocupación é o alimento, non teñen nin idea, nin falta que lles fai porque esto do proceso de paz, non o entenden nin os propios políticos. Agora trala vida cercenada de dous emigrantes, aspirantes a seres humáns cunha vida digna, os voitres van á prea e as críticas ao Goberno non se fan esperar. Na procura do ben de todos? Dubídoo. Eu penso que sobre todo por intereses electorais porque o poder ten unha erótica de muros impenetrábeis que parece meter brétemas nos ollos da clase política que remata facendo causa da división no canto de facer causa da paz. Así que todas as análisis sobre á negación dun posíbel diálogo cando a organización non avisa nin sequera de que rompe a tregua, parécenme obvias. ETA promete e promete pero,señores, non cumpre, e aínda por riba parece que considerara que o atentado da T4 non fose tal porque non tiña previsto mortes, é decir que cada bomba que estoupe non será considerada como un atentado senon hai víctimas ou se estas son as mínimas por un fallo técnico nas previsións da banda? Foi Armando un fallo técnico? Pregúntome isto polo feito de que eles parecen pensar que non se interrompeu o proceso de paz . O que nos corresponde a nós? Non facer como as mulleres maltratadas e perdoar todo o tempo.

As armas por riba da mesa primeiro. Hai demasiada dor e demasiada morte para obviar ese detalle. E senón que lle pregunten a Armando Estacio que se non quedara no coche estaría vivo. Mala sorte.



Rosa Enríquez

mercredi, février 14, 2007

O ANFIBIO NA NAVESCOLA




XORNAL DO NENO ANFIBIO
"Mercuarius de octarius da era aretxita...
Hoxe na navescola a plasta de Alienor estivo a falar das medusas... A min, as medusas, a verdade é que non me interesan nada. Para que vou andar preocupado polo perigo que poden supoñer para nós se eu non teño pensado viaxar ao seu planeta ou asteroide ou o que sexa¡ Pero o mellor de todo foi cando a parviña da nena Asor, a filla de Asor Lia e de Nabetse, vai e pregunta á Directriz Magistra que porque tiñamos que matar a estos seres no canto de modificar a súa conducta por medio dos conmutadores e dunha boa terapia. Reamente esta nena non ten remedio. É unha ilusa que vai de lista. Un repolo de rapaza. Non a soporto. Alienor castigouna sen poder usar o trineo durante unha semana. O que esa berzas non sabe é que non poderá usalo xamais porque llo vou estrampar."
..............................................................................................................
O odio nace nos miolos e baixa ata a barriga para levedar alí e facer do estómago a súa cova. Medra con bífidus activo e esténdese por todo o corpo como unha maldición de infelicidade. O neno anfibio odia a Asor porque ela non lle para moito e non participa das súas falcatruadas e mentiras tumescentes. A ela interésanlle máis os universos de palabras para envolver con elas os regalos de amor e amizade.

lundi, février 12, 2007

O SABOR DO CHOCOLATE


As cousas do amor teñen esa cor, por veces amarela, por veces vermella que enche todas as ansias do leito que nos apreixa... No cuarto, Asor fundou dinastías e mercou testos para ver nacer as flores do seu patrimonio sentimental pero alí non medraba nada así que acabou farta de abrir caixiñas e máis caixiñas... A gaiola da paixón ten ese arrecendo que devora todo o esforzo na busca dunha república que nos libere. Ninguén pode tirar do instinto e instalar unha consciencia alí onde flutúa a obsesión febril e a entrega... Asor foi a cristiana, a que entregou ata o derradeiro día toda a fé á beira daquel mar verde e azul e gris e negro.
Ser amado por alguén, pensou, debe ser como ver nunha mesa miles de dulces e saber que só un é o que desexas. A Asor gústalle moito o chocolate por iso sempre creu que amar era como lamber o chocolate quente dunha culler e sentir que enches con el toda a boca...
O que Asor non sabía era que o chocolate pode ser amargo e encher todo, meterse polos dentes, agocharse detrás da lingua, baixar ata a barriga e ficar alí fermentando ese desagradábel sabor que se multiplica e ocupa todo o interior...

dimanche, février 11, 2007

ASOR NOS TEMPOS DA NAVESCOLA E AS MEDUSAS




Lunitarios do mes de octarius da era dos Aretxitas
XORNAL INTIMÍSIMO DA NENA ASOR:
Hoxe na navescola apredín moitas cousas. A Directirz Magistra Alienor Ximba dibuxou no pizarrador negro as medusas intergalácticas. Realmente son seres dunha beleza maiúscula e algunha delas teñen o aspecto da Naversitas onde a miña irmán realiza estudos cibersociais. Eu quero ser fermosa coma elas. Quero vestirme cunha brisa de cores e abrirme ao exterior con esa eclesial maxestade de sentirme a raíña dos meus perímetros, a salvagarda da consciencia. Nabetse estaría orgulloso e eu tamén. Xa imaxino o rosto dos deliberantes da nosa comunidade asorita... Pensarían "Quen é esa fermosa deliberante?".Cando estaba sumerxida nestes pensamentos chegou ata min un berro afiado. Así:
"Asor,en que andas? Atende que temos que analizar o veleno destes pérfidos animais¡". Era a
Alienor Ximba. Eu exclamei sorprendida"Animais?". Realmente non entendía nada.Alienor Ximba chamoulles animais e dixo que eran malos¡ Porque?. A mestra castigoume cando lle dixen que era un crime matalas, que tiñamos que que modificar o seu comportamento mediante unha boa terapia e a axuda dos conmutadores. Durante unha semana non poderei coller o trineo-cuántico e contactar coa miña xemelga. Estou farta deste maniqueísmo ciéntifico sin solución¡"(Palabras de Asor III de Zeuquirne, da dinastía asorita, a aprendiz de deliberante)
---------------------------------------------------------
A nena Asor non entendía iso de que as medusas posuíran no interior dese manto de diseño confitado e único unha sustancia velenífera e homicida. Ao longo da súa vida a máis fermosa dos deliberantes, a Proserpina trasladada, a que coseu manteis con palabras, a que naceu dos volcáns aretxitas preto do Palacio dos Salgueiros caiu na conta de que as medusas están por todas partes e organízanse en Asociacións de Elite, e moi importante, baixo a estupidez do seu pretixio agochan as armas secretas como dicía o creador dos cronopios. Realmente son malíííísimassss, fan moito dano e cando se abren teñen un aspecto horríbel: non dan sacado os vermes dos ollos. Pero Asor III de Zeuquirne ganchillou poemas para curar as fendas que lle causaron, e sanou.

mardi, février 06, 2007

A NAVESCOLA E ASOR LÍA I DE ZEUQUIRNE

A navescola de Asor é grande e está suspendida no ar preto do Palacio dos Salgueiros. Nos tempos nos que Asor levaba tres coletas e lazos feitos de materia sideral, as cousas non eran como agora... Antes as Directrices- Magistras eran da rama do Divino Polar así que Asor tivo que tragar horas e horas de oración polos camiños dese inescrutábel nos designio... Tódolos días practicaban cálculo cuántico pero a Asor o que máis lle gustaba era a enxeñería lingüística e xogar coas mapoulas.Parecía que enterraba misterios baixo as pálpebras nese ceo de color rosa azulado sobre o que deixaba cada día depositadas tantas e tantas ideas como lle saían desa cabeciña redonda e ben feita... O mellor momento do día para Asor era cando A Gran Asor Lía I , fundadora da casa aberta a recollía naquel Navecentos para levala a casa. Era tan guapa Asor Lía... Algún día recibirá os recoñecementos merecidos pola súa labor de Operante Máxima na dinastía dos asoritas. Nabetse I de Zeuquirne era moi consciente desa fortaleza que inauguraba ao seu paso e do ben que decoraba os muros, pintando a felicidade e a esperanza co seu pincel de muller liberada.
Todos os asoritas amaban e respectaban profundamente a labor de Asor Lía I de Zeuquirne, a nai de Asor, a artista.

vendredi, février 02, 2007

O RETORNO DO XIGANTE


Asor III de Zeuquirne, da estirpe dos asoritas, iniciada deliberante, muller-mapoula e constructora de palabras estirou o paso polas alamedas do inverno por ver de lanzar cartas a ese futuro de cristais rompendo ceos de chocolate... Nese paseo sucedeu algo inesperado: atopou ao XIGANTE.
O XIGANTE ten unha sonrisa perlífera coma o veleno que esvara pola súa lingua cando profesa delicias para absorber a sustancia toda e derreter liberdades...
O día do encontro levaba un manto de améndoas e unha lupa enorme coa que visualizar emocións encubertas nos transeúntes... Cantaba unha especie de himno autólatra e abría os brazos para apertar con eles a esencia asorita que a pobre de Asor construíra con especial cuidado... Os grandes egoístas da historia son así: fan dano e esquecen porque. O mellor de todo e que sempre demandan amizade e honestidade cando iso é precisamente o que eles mesmos non teñen. Minten? Un pouco. Para ser exactos maquillan a realidade para favorecer a súa imaxe neses aspectos que o acomplexan. O mellor de todo é que son capaces de trastocar unha realidade diante de alguén que sabe perfectamente como son os feitos... Isto sucede porque os egoistas só pensan na súa satisfacción, no seu interese e xamáis son xenerosos cos sentimentos do resto. Esquecen por exemplo preguntar con verdadeiro interese e preocupación polos problemas do amigo. Só precisan do contacto para saber o que lles conven. Xamáis serven de apoio e moito menos de axuda. O máis curioso de todo é que se lles enche a boca falando de amizade, de honestidade ou de amor... como se eles tivesen sobre o sentimento patente de corso. Asor I de Zeuquirne foi educada polo sabio e deliberante supremo que lle amosou a non dicir cousas que non son. Por iso, dende nena, Asor ama a verdade tanto como o queixo fresco da montaña e todos os bullotes...
O XIGANTE ten todas as alturas da mentira e a súa sombra acada sempre a proxección da decepción que é capaz de suscitar. A asorita iniciada, a muller-mapoula, xa non ten medo porque curou todas as fendas e ,como alguén lle dixo algún día , xa mira cara outro lado.

vendredi, janvier 26, 2007

NABETSE I DE ZEUQUIRNE




No clan dos Asoritas, Nabetse era un dos princeps. Acostumbrado a políticas conciencias estaba afeito a diálogar exercitando a mecánica necesidade de solventar contratempos ... Porén os anos rumiaron estrañas inxustizas sobre el que o conduciron ao seu estado inicial, ese que revolvía as crenzas no seu cerebro e invitaba a reflexión. Digamos que Nabetse era un líder nesa dinastía de deliberantes pola súa calma e iso que damos en chamar A TEMPERANZA.
Asor imitaba ao seu predecesor niso de temperar as raivas e agatuñalas baixo os pes para vivir máis libre pero... non daba e non daba¡.
Canto lle gustaba a Asor esa mirada de améndoas, húmida e tenra que Nabetse depositaba sobre ela cando as ideas lle retorcían os miolos... Para un deliberante a virtude da que debían partir era a calma.Sen ela nada era posíbel. Por iso a nosa amiga sabía ben que aínda lle quedaba moito por aprender para chegar a posición de deliberante supremo do seu proxenitor. De todos os xeitos ela aprendía e aprendía como se a vida fose unha aula na que desenrolar todas as súas capacidades.
Era tan interesante aprender de alguén como Nabetse. Canda nena paseaba con el polos arredores do Palacio dos Salgueiros recolectando nubes e herba seca, comendo bullotes e morodos, construíndo lazos. Os lazos son esa sensación extrema de seguridade que gardamos nos recunchos do noso corazón coma bolboretas fermosísimas e libres, como pan fermentando a lealdade. Con el aprendeu Asor a amar cos ollos ben abertos, sen fatiga, como unha profesión, unha fé. E así será polos soles e os soles deste ceo trisolar dende os tempos iniciais do Gran Unicelular e a Asor e máis ao seu pai gústalles que así sexa.

jeudi, janvier 18, 2007

ESA PORTA CARA A INMENSIDADE


O anfibio mirou no espello cun riso acosado de dentes finos como agullas e verqueu unhas gotas de esencia de lama noxenta polo pescozo. Estaba incandescentemente fermoso¡ Si. Tiña que pór ese xesto de ledicia para derrubar as vontades alleas e facer das Caperuchiñas auténticas cobras do deserto. Asor II de Zeuquirne era a única que lle facía fronte pero xa a arrastraría cara ao profundo averno, detrás do espello...
O espello era o obxecto preferido do anfibio. A través del podía atravesar a maré de lixivias e coller a orixe, o gran punto negro de mediocridade do que abrollaba todo iso que retorcía no bandullo como un animal enfermo. De súpeto algo sucedeu, algo que o anfibio xamáis vira no seu espello : unha porta enorme aberta cara ás aforas, cara a un mundo de raro descoñecemento cunha gran luz brillando... Alí esta Asor, a deliberante, a máis fermosa das D-I-S-T-I-N-T-A-S, a gran marabilla feita ideas en expansión, como unha nebulosa que medra e medra.
..........................................................................................................................................................
Asor virou a cabeza e comprendeu que algo estraño pasaba. Alguén a observaba e o Gran Unicelular tridiversificou a súa presencia. Entón non o dudou, interrompeu a meditación e colleu a Gran L na man disposta a pelexar. Asor creu que era O XIGANTE que viña por ela, pero nada diso sucedeu. No canto de ver ao XIGANTE, atopou ao anfibio no outro lado do seu espello dando voltas coma un tolo. Parecía que ía estoupar. Entón berrou: Que fas nos meus pensamentos retorcendo a dor?. O animal viscoso e mentireiro non foi quen de contestar. Realmente a maldade non ten moita explicación.

mardi, janvier 16, 2007

O RITUAL

Asor sabía das miserias do anfibio e alimentaba caracois de esperanza na barriga que todo o fabrica coa ansia de facer as cousas doutra maneira.
No seu planeta, como xa sabedes, era posíbel cambiar as emocións por medio dos conmutadores, pero o de cambiar toda a realidade que conformaba a un ser vivo... Iso era algo que aínda estaba por ver. Tiña que pasar moito tempo antes de que os Aretxitas puidensen todos cambiar todo. Asor, como descendente dos Asoritas, unha tribu de deliberantes, podía acadar ese estado de tránsito cuántico e descompór a súa esencia para estender a mansedume no outro lado. Alí onde contactou coa súa xemelga, onde a realidade se manifestaba doutro xeito, onde podía verse, lerse e adquirir perspectivas novas. Oh¡ Asor¡, a máis sabia dos deliberantes, a raíña da súa beleza, a máis digna dos amigos, A VERDADEIRA. Escolleu como camiño o máis retorcido, ese que bota pedras cos brazos da cólera ante o Gran Estigma Social: toda esa maraña de fraudulentos que agochan baixo o lombo a máis pobre das miserias, A VERGONZA DE SER.
Tíñalle ganas ao anfibio. Hai que dicilo todo. Por iso o observaba no baño onde tiña lugar a metamorfose. De todos modos, ela comenzaba coma sempre e maliá todo o seu ritual: a contemplación continuada dos tres soles e a entrega dun mechón do seu pelo en actitude orante. Sempre acadaba ese momento de plenitude máxima e remataba liberando a dor.
Ao mesmo tempo que Asor meditaba, oraba e reflexionaba sobre a natureza deste animal viscoso, o espello rachaba en dous e unha porta escura se abría lenemente...

vendredi, janvier 12, 2007

O ESPELLO DO ANFIBIO


O anfibio decidiu entrar no seu templo e contemplarse no espello. Ás veces, a beleza ten ese aire de traxedia que nos sitúa preto da hipocrisia transcendental do día a día. É como se o feito de ser guapo nos fixera merecedores de algo, como se xa non fósemos quen de diferenciar o don do mérito, do esforzo, da dedicación. Ao anfibio preocupáballe estar "decente" para saír ao exterior e ser admirado por todos. Padecía no seu ser o amargo don da beleza. Se alguén non puña os ollos nas súas mans brillantes e sinuosas... Menudo drama¡
Asor non soportaba tanta levidade inútil. Para ela o feito de ter atractivo ou non, dependía de moitas máis cousas que do aspecto externo. Digamos que para Asor a beleza era maxia, música, a man sobre a pel da desesperación no momento preciso, o riso, a modestia, a desexcentricidade, a liberdade feita palabra, oral ou escrita pero por riba de todo, A AUTENTICIDADE duns ollos abertos para crear mundos dentro doutros mundos, campos de enerxía.
Os ollos do anfibios eran dun verde silente e cadencioso, estrañamente húmidos, como se pretendesen sempre fuxir esvarando polo rosto para non facer fronte a esa realidade antropomorfa dos Aretxitas ... Desexaba agochar todos os volcáns detrás das pálpebras...
Pero non é tan doado maquillar unha realidade durante moito tempo. A verdade ten un camiño
que vai todo dereito e aparece en calquera intre.

mercredi, janvier 10, 2007

O ANFIBIO E ASOR

O anfibio habita en Aretx dende os tempos do Gran Unicelular. É un ser sinistro ás veces, cursi e presumido outras. Xamais lle preguntaría a ninguén sinceiramente "Como estás?"Asor non o entende, mellor dito non lle apetece comprender esa idiosincrasia que é un paradigma do egoismo, un estoupido de mediocridades agochadas no baño (ese lugar no que o anfibio aproveita para amosar a súa verdadeira natureza), un xeito de libélulas danzas para amosar un interés que non existe en ningún recuncho do seu cerebro infectado de si mesmo. Nesta vida non che hai cousa peor que paliar os complexos propios degradando aos demáis. Na familia de Asor ninguén apreciaba ao anfibio. Todos querían que desaparecese da súa vida. Pero Asor púñase encendida con só velo e, claro, suspendía nas clases de meditación. O seu conmutador averiouse durante un tempo polo que non podía eliminar a raiva do seu corazón cando tiña ao anfibio diante. Solución? Consultar ao Gran Unicelular. Asor debía buscar unha solución para esa ira que a devoraba cando vía a indolencia e falsedade ao seu redor. Eu enténdoa porque a mentira en todas as súas extensións destrúe a autoestima dos que a reciben.
A Asor metéronlle as mentiras polos ollos, pola boca e craváronllas no centro do corazón cunha sutil lingua como de bolboreta asasina e ela verqueu tantas loitas contra as paredes... Agora prepara arquivos feitos con palabras e con desexo. Vai realizar a GRAN VIAXE, a viaxe única, esa forma de percorrer traqueas calexas retorcidas pola mágoa. Conseguirá despegar a cólera do traxe e ser o seu propio poema, a súa liberdade, o gran madrigal da consciencia? Mentre Asor dispón as cousas para marchar o anfibio mírase no espello. É tan, tan, sexxxxxxiiii....

samedi, janvier 06, 2007

O PLANETA DE ASOR


Aretx é o planeta de Asor. Ao miralo ben pódese descubrir un círculo perfecto, infectado de luz, abotoado de cores escintilantes. En canto ao tamaño poderíavos asegurar que é como dúas , que digo dúas, ata tres veces a terra. Está suspendido nun espacio alternativo que non podemos percibir, onde non existe un só sol senon tres, e brillan con tanta contundencia que xamais chega a noite. Non coñecer a noite pode parecer estraño para nós pero para os habitantes de Aretx, os Aretxitas, resulta completamente normal.
Todos son morenos e de ollos grandes como profundos espellos. O feito de ter luz natural a todas horas inflúe enormemente no estado de ánimo. Dificilmente están tristes. Asor habita nel dende o seu nacemento. Concretamente ela pertence a dinastía dos Asoritas, unha especie de místicos que practican a meditación. Nos últimos tempos Asor pasou malos momentos tralo seu encontro co XIGANTE. Por ese motivo realizou unha viaxe ata aquí. Pretendia fuxir do asedio da nostalxia e modificar a paisaxe emocional por medio dos "conmutadores", esos pequenos aparellos que permiten conmutar emocións cun só golpeciño no botón correspondente. Eu querería ter un conmutador e cambiar a ira por incomodo, a raiva por molestia, o odio por desprecio, a súplica por distancia, o olvido por perdón... Pero non é posíbel trastocar o constructo interno que nos conforma, nin sequera para Asor III de Zeuquirne, da dinastía dos Asoritas, expertos no incremento da temperanza e na eliminación das bágoas. Ela botou o corazón aos pes e perdeuse no labirinto, coma un animaliño, enrugándose, facéndose moi moi moi pequena.
Agora ten que coser as chagas para poñer o traxe novo e estirar un riso enorme coma una sandía. Todos temos chagas e ,ás veces, parece que nos gusta envolvernos nelas, como se así acadaramos a divinidade xudeo-cristiana que proporciona o sufrimento. Asor debe regresar a Aretx e mirar ese ceo trisolar. En cada sol habita unha esperanza para ela.

vendredi, janvier 05, 2007

TODA A AMBROSÍA PARA TI

No ano das mapoulas o meu amigo non era o meu amigo, era un iniciado, un convulso inocente co espanto na mirada. Tiña o descoñecemento agatuñado no lombo e pesábanlle as ideas nos bolsillos. Miraba tanto para o chan que parecía que ía caer nas profundidades, mezclarse coa terra e ocultarse nas raíces... Era un neno, era un home, era un cabaleiro coa sensibilidade pespunteando na lanza e a literatura feita un beixo fino e doce coma os arandos. Falabamos. Destrúiamos a Molière e faciámolo de novo gobernador do riso por toda a Francia republicana, tiñamos ese poder. Visitábame todas as semanas e ,eu, republicana como son, recoñecino como monarca da Revolución Independente da Amizade. Construimos un xardín de debates e mastigamos palabras como anacos de pan fresco. Aprendeume políticas e economías e pasou lenemente a man sobre o meu espírito doente. Por aquel entón eu vivía no exilio e el me informaba da realidade social do noso país. O meu amigo e máis eu querémonos moito e ben porque sobrepasamos horizontes escuros, cheos de rochas. Atravesar camiños da súa man da menos medo. Na actualidade o meu amigo está triste porque perdeu horas embriagado pola beleza, e claro, a beleza ten ese poder de meter a ansiedade tan dentro... Eu non quero que alimente a desesperanza porque ten moitos mares que o esperan. Polo tanto sempre lle digo que ten un universo de ambrosía para el, a auga nos pes e o poder camiñar.

jeudi, janvier 04, 2007

RESPOSTA DE ASOR

Estimada Rosa, cada vez sinto máis a túa presenza cando as cousas non van ben, e, podes crerme, nos últimos tempos ben non van. Ás veces cando te observo e vexo toda a túa enerxía e ese modo de estourar... Eu quero camiñar coma ti, sobre as augas quentes do veleno que me arde e non afogar ou desmaiar como unha margarita cursi disfrazada de Barbarella... O XIGANTE segue nese castelo e dende o sobre lacrado co seu amor diabético non voltei ao camiño retorcido, esa calexa terríbel e escura que enche as mans de negro e gris, habitando todo o espacio das aurículas de pesadume, un pesadume como de terciopelo, que non despega a súa suavidade velenífera do cume do ventre... Alugar un espacio para a ledicia é cada vez máis complicado neste ruído infernal de xente que contra-vive. Aretx é un planeta de grandes egoistas dirixindo imperios de oxíxeno. Só os ricos poden falar. A eles non lles importa que haxa máis ou menos CO2 porque teñen oxíxeno a mans cheas. Eu teño que calar moitas veces para non afogar...
Non podo seguir escribindo. Rematou o descanso.

Unha aperta:

Asor II de Zeuquirne

mardi, janvier 02, 2007

FOS, O CAN DE ASOR

A RELACIÓN
Fos é un can precioso. Asor mercouno nunha tenda de animais hai un ano e medio e agora vive vencellada ao cuzo coma unha nena pequena. É tan amistoso que cando ve que Asor entra pola porta salta de contento. Está toliño de todo. É marabilloso que un ser vivo celebre así a túa chegada. Así a recibía o XIGANTE cada vez que Asor se presentaba ante el. Porén á lealdade no xénero humán e á sinceiridade dos afectos quédalle moito para estar a altura do que lle quere o can a Asor. Ás veces xorde unha especie de campo invisíbel que os conecta aos dous e xa con tocarse son felices.
A DENUNCIA
Por todo isto Asor levou un disgusto enorme ao saber cun home matou dun machadazo ao seu pastor alemán. Como pode alguén facer iso pregúntase todo o tempo... Ninguén ten resposta para explicar esa brutalidade. HOMO HOMINI LUPUS?dixo espantada,pois se somos coma lobos cos conxéneres, canto máis non o seremos cos seres que consideramos inferiores.
A CARTA
Non me chegou aínda a resposta de Asor á carta que lle enviei.

lundi, janvier 01, 2007

CARTA PARA ASOR


Querida Asor: préocupame ese xeito que tes de abrir caixas e envelenarte de palabras... Non sabía que o XIGANTE abandoara o pracer do teu van para vivir esmagando materia ao seu paso pola vida. Coido que tes un corazón profundo e redondo como o sol que te anuncia cando me escribes cartas. Verás, alguén me comentou que deberías mirar cara a un ceo diferente, despistar ao sentimento que retorce cada unha das teas do teu traxe. E creo que ten razón. Asor, querida amiga, abre ben os ollos e non bebas máis pócimas de desencanto. Hai que ter ilusión. Eu confío no teu potencial porque coñezo o teu capital de supervivencia. Serás capaz de devorar anfibios se che meten pedras na esperanza.

Unha aperta moi forte para Asor da súa amiga:


Rosa E.

samedi, décembre 30, 2006

MARCHAR


Aquel domingo de finais de novembro Asor perdeu as bágoas todas, arrastrou o medo e a perda pola xanela e, sen darse conta, caéronlle enriba todas as estacións. Comprendeu que dicir dacordo encadea a dor á pata da mesa e que mastigar o alento alleo fai medrar as fendas. Ela querería ter sido capaz de mirar de frente ao XIGANTE e dicir que cometía un erro pero non foi capaz máis que de agochar a cara coas mans e encher a tristura de crisantemos. Entregou o derradeiro beixo e simplemente o deixou marchar. Pechou a porta e as palabras do frío metéronselle polo nariz, case non podía respirar. Amaba ao XIGANTE inchada de desexo pero coseu a miseria ao ventre e puxo a mágoa en pe e agora non da quitado de enriba as sabas daquel desastre. Ás veces fai como a muller da que falaba Galeano e decide abrir unha caixa para que saia todo fóra, pero só saen palabras. O medo e o amor fican no interior como esperando... E
xamais sucede nada e o fastío enche todo, e Asor xa non pode chorar. O XIGANTE colleu as bolsas, levou todo o infinito para o seu castelo de muros impenetrábeis. Son tan grandes eses muros que Asor non ten forzas para chamar... XIGANTE, XIGANTE¡¡¡ lle gustaría berrar, pero foi tan seco o ruído da fuxida que non lle saen as palabras e non é quen de encher de lume toda esa fortaleza. Amoume? Pregúntase ás veces, e unha voz lle canta dende o fondo da caixa: Aínda amor¡

AMAR




O 2007 vai empezar e todos nos entregamos aos bos desexos. Imaxinamos verquer nunha copa de cava ou do que sexa, todo o potencial de felicidade que poidamos. Parece incríbel a inxenuidade coa que nos deixamos vencer pola publicidade e o comercio dos mercenarios do Nadal... O 2007 será un ano coma os precedentes, para algunhas persoas mellor e para outras peor. A min gustaríame mellorar algunhas cousas e penso que así será. Seguro que sí. Outras cousas preferiría que non cambiasen porque como están véxoas ben. Que se pode facer? Disfrutar da festa como cada un queira e poñer un anaco de esperanza no futuro e soñar un pouco, sen pasarse, que logo ven o pranto e o rillar de dentes...


Desexo de liberación, de paz, de amizade de A-M-O-R.


Eu deséxovos moito A-M-O-R porque amor inclúe todo. Que sí, que somos amor e precisamos do amor para todo.


Amor para vivir en paz.


Amor para entregar as armas.


Amor para dar o que ferve dentro.


Amor para entretener.


Amor para fermentar.


Amor para aclarar.


Amor para comer a gusto.


Amor para esperar.


Amor para soñar.


Amor para amar.


Amar é o meu talento, díxome alguén a quen tanto amei... E foise co vento do Nadal para vivir libre, e eu non fixen nada para impedirllo. Por primeira vez entendín que amar é tamén deixar marchar.

jeudi, décembre 28, 2006

PARA NATYARA

Quero envíar os meus mellores desexos para unha persoa que entrou no meu blog e a quen non lle dou contestadoporque ás veces líome con isto da tecnoloxía...
Querida Natyara( creo que é así como te presentas no teu blog que por certo encántame):
Espero que o nadal pase rápido e poidas disfrutar da normalidade do día a día. Eu xa empezo a estar farta deste nadal de compromiso, de bos desexos impostados e da tanta ñoñería...
Ás veces a sociedade fai unha presión tan grande sobre como temos que vivir ou, aínda peor, sobre como temos que sentir que ímos rematar tolos¡¡¡¡¡¡¡
Eu tampouco fago todo o que se esperaría de min neste pequeno mundo burgués pero xa non me sinto culpábel porque os artífices deste constructo son tan humanos coma ti e coma min, polo tanto falibles. Unha aperta moi forte Natyara.

AS DISTINTAS CARAS DA MENTIRA



As caras da infamia, da falsedade, da insinceridade, da burla negra, do baleiro máis insano, da ambigüidade, do desamor, do cinismo, da ruptura interna da idiosincrasia, da inexistencia, do pesimismo, do pánico, do abandono...
Estas son algunhas das caras deste vicio enorme que tanto nos separa dos amigos e do amor porque ambas emocións precisan da autenticidade para existir. Todos os que minten son feos por dentro e por fóra. Lede "LA VERDAD SOSPECHOSA" de Juan Ruiz de Alarcón, resulta interesante.(En la boca mentirosa es la verdad sospechosa)


O crecemento do nariz é a maneira de facer trascender ao exterior a fealdade da miseria que vive na alma de todos os que disfrazan a súa vida doutra totalmente diferente.