jeudi, décembre 21, 2006

A IMPORTANCIA DE COCER ACELGAS


Comproba como me fere preparar unhas verduras
como é que unha acelga
pesa máis que o resto do universo.
Observa
como me depreda este eco
de escoitar e non escoitar
na sonoléncia do meu insónio.
Esquecida
cruzo os ermos do fastío
entre dunas de impoténcia
e ausentes labirintos.


Acelgas.

(POEMA DE CHUS PATO)



A importancia de cocer acelgas é ENORME, como as ganas de vivir sen esa brisa gasificada que se presenta na metade dun día entre claro e escuro, porque, ás veces, o feito de preparar unhas verduras convírtese en algo transcendental para ese silencio que reproduce a auga cando comeza a ferver.
Estar na cociña esmaga a nosa alma cando non existe xa a espera, cando vemos o bafo agochando a realidade que fica calada trala xanela. Por ese motivo cocer unha acelga pode ser determinante, definitivo, un feito de codicia existencial, un desexo de trasladar o corpo a esa dimensión que nos sitúa no ar, no punto máis álxido da poética dos fogóns e estalar en burbullas redondas e ser palabras molladas esvarando polo rosto...

Aucun commentaire: