vendredi, novembre 26, 2010

ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN




VIOLENCIA IMPLÍCITA

Que vivimos nunha sociedade violenta é evidente. Só temos que prestar atención aos programas lixo nos que o insulto e a ridiculización das persoas son condicións indispensábeis para aumentar a audiencia. Que exista esta demanda de agresividade por parte dos/das espectadores/as é sintomático dunha sociedade enferma que disfruta co escarnio e a pornografía emocional. Daquela, parece fácilmente deducíbel que esa violencia, en tanto que diversión, dá cobixo á frustración e ás consecuentes actitudes sádicas nas persoas que, emisión tras emisión, van interiorizando a sátira no subconsciente. Así é que os xuízos públicos e populistas que presenciamos cada tarde dende o sofá e a valoración maniquea da vida sentimental das vítimas, se integran no imaxinario colectivo con máis forza da que tiña a burla tradicional e rematan por ser considerados dereitos -o dereito a xulgar- e en certa maneira tamén recursos que mellorarán as relacións sociais.

Mofarse dos demais é moi doado. Ademais, se a mofa é aguda, xera un público fiel que precisa dunha certa dose de crueldade para non se traumatizar polas propias carencias. Porén, o peor non é tanto que alguén queira facer negocio con iso, mais que o feito de televisar a agresividade nas horas punta sirva para confirmar que facer risa do outro/a é algo natural, comprensíbel e lícito. Non ten importancia. Os límites dependerán do criterio do autor do chiste, mais se este é un adicto dese tipo de programas, é "criterio" a palabra que cómpre usar para referírmonos ás súas ñáñaras? É esta unha cuestión que urxe responder, cada quen na súa casa, para sabermos até que punto imos dar cobertura a delincuentes emocionais que fan amigos/as causando dano a outras persoas. A crítica feroz, o egoísmo, a falta de paciencia, o abandono dos/as amigos/as que nos necesitan son actos violentos. As mulleres somos as vítimas principais dese tipo de violencia emocional que implica infravaloración e culpa. A acusación para evadirse da propia mediocridade.