jeudi, mars 19, 2009

DELIRIOS




Os ollos de tigre Das ventás entran no corazón, métense nel coma frechas.
Son unha especie en vías de extinción.

O nascemento foi o mellor acontecemento da miña vida. Ou non, porque eu nacín sen dar o meu permiso, quero dicir que non asinei ningún contrato que me obrigase a vivir. Paríronme un serán de inverno, por iso sempre busco o sol por todas partes.

Escribo morta por dentro sen que ninguén escoite o que racha inexorabelmente cada día. Mais hai un heroi que me enriquece as adentras, abastece o alento que vai indo, lenemente. Veu do norte. Tamén chegou co inverno e ten frío, coma min. O frío é un porto sen pasaxeiros que nos mira dende fóra e nos arrastra. Eu aterrei nun planeta extraño, en rúas que nunca nunca foron miñas. Trasladada. Si, son inmigrante. Ilegal e prostituta. Fraca por dentro, ampla por fóra. O meu espírito fai unha dieta tremebunda. De feito ten prohibido entregarse como sistema. Así, debo permanecer ás escuras, coas mans apreixando as teas do vestido ou da saia. Ven, dis. Pero non vou. Eu nunca levo saia cando o sol agroma polo armario. Sempre de negro ou de gris, como moito, levo un xersei laranxa e camiño enardecida cara á estrada.


Teño medo. Teño moito medo. Estou ancorada. Ergueita no medio dos bares. Perdín a alma nun vaso de cristal. Afogou. Engordei vinte quilos de golpe coa depresión. Din que as depresións están feitas de cabalo. Eu sempre souben que algo rinchaba no intestino, era a nostalxia do futuro, a revolución.

Vou mercar unha máquina de coser e xogar ás costureiras. E tecer. Miña avoa tecía con agullas de cristal. Cortouse. Eu tamén cortei os dedos. Partín en dous por dentro, fráxil e escura. Dormín no inferno.

Mentiches.

Todo o que digo é unha mentira en tres dimensións:
prosa
poesía
teatro.

Non interesa o que digo. Por iso non escoitan. Ás veces, a xordeira métese no corazón para non saír durante séculos.


Es tan pobre ou máis ca min pero non te queixas. É incríbel esta manía que teño de laiarme. Coserei. Hei facer un vestido de tres quilómetros de ancho, como ese músculo redondo que propugnas para que te lance un verso dende a cona.

A min gústanme os versos bonitos, de nido de abella. Para que? Para metelos nun caldeiro de lixo e buscar a beleza nas cousas que ninguén quere...


Quero marchar. Tirarme pola taza do water.

Non quero que me condenen por analfabeta. Sono, analfabeta perdida. Os libros sáenme polas orellas e, como di a outra, penso desterralos do meu cuarto, fanme perder pé. Din que ler é un mal paso, un camiño directo ao sumidoiro. Díno porque non saben que é un delirio naufragar nunha páxina onde todo cae. Gravidade cero. Sangre azul e lingua atravesada pola brétema.


Eu non teño raíz. Nacín no medio do aire. Por iso necesito voar.

A taza do water ten o aspecto dunha fervenza. Tiras da cadea e unha torrenteira flúe irremediabelmente coma se algo máxico empurrara o líquido, velozmente. A velocidade dá medo. Eu sempre teño medo. Son unha profesional do pánico e cada día sinto medo por algo distinto. Danme pánico os insectos, sobre todo os que se fusionan co medio onde habitan.

Os porcos son dos poucos animais domesticados que non teñen nome. Están sen bautizar. A min bautizáronme con auga da fonte. Ha ser por iso que son brava.


Bravo, dis. Ti sempre dis bravo cando se trata de min. É que me queres moito e eu, eu sei que non o merezo. O teu riso é imperecedeiro, endexamais ten forma de cepillo de dentes, por iso nunca se mancha. Eu manchei a saia e o pantalón. O vestido non porque non gasto diso.


Ti fumas? Eu si.

Teño corpos dentro do meu corpo, todos os que imaxinei cando comía. Comer é un pracer. Sobre todo cando tes fame. É como ir ao water. Eu vou todos os días. Miro o meu rosto na auga e... Como pasan os anos! O peor de todo é que sempre fun guapa e nunca o souben. Contáronmo os anos e os amigos.


Os amigos de cartón rematan marchando. Hainos que nunca desaparecen. Poden facer unha viaxe curta, pero sempre sempre volven onda ti.


Gústanme os saltóns. Son sorprendentes. Atopar un saltón, se padeces insectofobia, é sempre un thriller dos que xa non quedan. Eu teño un mellor co de Michael Jackson. Vivo en loita perpetua. Indomábel.


O sistema absorbe todo. É un furado negro, sen fondo.
A mentira unha paisaxe que non molesta.

Xa teño un pano no que coser. Vou debuxar un porco coas mans nesa tea preciosa. Non. Non é unha colcha, nin sequera un tapiz. Só é unha parede da miña casa que dobra en dous. Desestruturación da materia. Eu tamén desestruturar. Atómica como Gala. Maldita tamén un pouco por intensa. Incendiaria. Ardo por dentro. Ti comigo.

Es unha flor rara Es un cogomelo

Quero virar nun pez no mar azul. Quero morrer.


Sinto que caio sen remedio. O abismo. Eu nunca mirei tan de preto o abismo como agora. Ten forma de queixo de bola. Mol como o miolo do pan.

Tiña trece anos cando decidín non comer pan. Acto seguido traguei unha fogaza. Non facer promesas difíciles. Ese foi o meu lema para sobrevivir. Sobrevivo grazas a ti que me perdoas. Eu tamén che perdoei unha vez mais é estúpido perdoar cando realmente me comprendes. Eu non sei se comprendo o amor que tes metido na boca. Pero amas todo o que fago. Eu ámote tamén, igual que amo a terra e os montes.

A min ámanme as palabras.

Se especulas, pérdeste. Pérdete e non volvas por aquí. Isto é unha auténtica merda, dis. Cuidado. Nacín en España porque me mandaron. Agora sufro un renascemento.Poderedes perdoarme tamén iso?

A min non me alimenta ninguén. Unicamente miña nai. Tamén meu pai, por suposto.

Creo que teño cara de galleta.

Flipei contigo. Flipei a morrer.


Eis o meu castigo. Non querer aprender a mentir. Mente, din, mentecoasmanscoaspernascoacona. Mente coma unha puta. Abre a boca de mentiras e cuspe todo o odio. ODIAR é desesperante. Eu non sei odiar máis de media hora.

Non. Eu non son fea. Só o parezo se me miras mal. Eu non miro mal a ninguén. Só miro moito e moito tempo. Con sorpresa. Porque? Non cho sei. Tampouco me preocupa iso.


O rubor das persoas é estraño. Arden por fóra porque dentro ocultan secretos absurdos ou depravados? Quen o sabe? Eu non teño bolas de cristal.
Teño, como moito, anacos.


Con nove anos sacaba a mágoa pola xanela para respirar.


Sempre quixen ter amigos pero eles non me quixeron.

O amor ten dúas cabezas.

A el ámoo. A ti só te quero, meu ben. Non é por mal. É que son así. Xa non me queda fío para coser.

A miña avoa non está. Morreu rezando. Parecía unha monxa. Eu, de idiota, ía con ela rezar. Quería ver a Deus. Deus sempre está ocupado cando se trata de ti. As monxas dicían que había casos con preferencia. Daquela xa existía o concepto de prioridade. Eu nunca fun prioritaria. Metida sempre no fondo do escenario porque tiña piollos. Piollosa. Os nenos son crueis pero non máis que nós. A nosa crueldade é exercida con esmero. É miseria podre. Se xogas coa palabra PODRE podes facer cambios curiosos. Mira:
PODRE
PODER
PODRE
PODER
Anatema! Acabas de dicir algo terríbel. Culpábel. Vou untar con Tulicrem as ventás da cociña para que non me vexan dende fóra.

Cada día oio menos. A xordeira viráme de perlas para ir á praia e durmir un pouco baixo o sol,

Non deixo de pensar que todo é unha merda.
Fíxate:
MERDA
MEDRA
MERDA
MEDRA.

-Si, a merda medra máis ca herba, meu. -
Non quero ter merda que medre na miña cabeza. -E ti, que merda queres ti?-
-Un campo de fútbol- respondeu- para metervos goles até no carné de identidade.


Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me peta e me dá a gana. Ninguén me vai dicir que o galego é só para usar na praza.


Eu quero sexo en galego. Sexogaleguízate, folla en galego. Es sexogalega?
-Non.- contesta_ Yo follo en castellano.-
Folla mejor en silencio que estás más guapa, pensei eu.

Son mal dada. É que son torcida para chegar a acordos. Cústame ceder. Cedo porque me equivoco. Ti non te equivocas nunca?

En Galiza o amor non se acaba nunca.

Somos pertinaces, insistentes, vehementes, contumaces.

Dis que somos cabezóns.
Non. Eu nunca quixen dicir que tiveses unha cabeza grande. Eu teño unha coñecida que ten unha cabeza enorme. É cabezudísima.
Se ten esa cabeza tan grande é porque pensa moito di a miña nai, ou porque reza todos os días. Non coma ti, atea que es unha atea de la hostia.
A cona serve de impermeábel. Mastúrbaste coa man para calmar os nervios. Os meus nervios son de aceiro inoxidábel. Nunca se acaban.

Esgoteime. Desfíxenme cando mo dixeron.