dimanche, octobre 21, 2007

VIRTUDES CAPITAIS: XENEROSIDADE

Cando Elianora Buster chegou a Heliópocens, a cidade dos espellos, comprendeu que todas as cousas marabillosas teñen un sentido común, universal e a un tempo propio e particular que de nada serviría fóra dun conxunto motivador e relaxante. Heliópocens era un lugar suspendido no tempo, un sitio inimaxinable, unha extensión enorme de xardíns e árbores frutais que se ofrecían aos que pasaban como un regalo, mais debía ser unicamente algo aparente sabendo todo o que Elianora sentiu e experimentou alí... Pero situémonos un pouco para comprender ben o significado verdadeiro desta historia e como Elianora Buster puido chegar ata eses círculos concéntricos e perder o seu tempo tanto como o perdeu na procura das cereixas.
O caso é que esta muller perdeuse sen bousola por un camiño e sen saber como apareceu no medio, en Heliópcens, rodeada de prantas, en aparencia vexetais. Estaba soa e sen memoria, ignoraba absolutamente todo sobre si mesma. O único realmente probable e comprobable era que agora vivía no medio dese círculo de maxia floral e alimenticia coma no medio dun fantástico labirinto. Pasados uns minutos decidiu tomar parte activa, estirou a man e prendeu con ela unha cereixa vermella e brillante. Meteuna na boca e comeuna. Gustoulle. Si, gustoulle moito porque Eleanora Buster, dos Buster de Philadelphia, era unha grande amante das cereixas e demais froitos naturais. Despois comeu outra e outra máis ata encher ben o bandullo e caer desmaiada de satisfacción. Nese momento unha voz potente e tremebunda escoitouse por todo o xardín:
"E TI QUE DÁS?"
Elianora sentiu unha suor fría por todo o corpo, era unha especie de alarma orgánica que a avisaba do perigo pero nada aconteceu durante horas conque foi recuperando a calma e esa sensación de normalidade que lle permitiu erguerse do chan e continuar comendo porque a fame comezara de novo para Elianora e parecía non ter fin: era a fame das cereixas.
Ter fame dalgo en concreto pode resultar moi cómodo se un dispón dese alimento en abundancia pero senon é así resulta tremendamente angustioso de tanto querer comer...
De todos modos, Elianora non estaba para unha metáfisica das vísceras e a súa obsesión non lle deixaba ver cantas froitas máis lucían naquel xardín...
A voz berrou de novo:
"E TI QUE DÁS?"
O corpo de Elianora Buster tremeu todo enteiro e redondo como estaba de tanto tragar e rodou polo círculo sen parar, unha e outra vez. Rodaba e rodaba, rodaba máis e máis. Parecía que non ía parar nunca pero parou.
Unha mañá levantouse coas mans abertas, os dedos despegados e un morodo ben grande ante ela. Tiña un aspecto fabuloso e as ganas de comelo eran grandes pero Elianora respirou profundamente, colleu o froito, pousouno no medio do xardín e cunha voz firme dixo"EU DOU ESTE MORODO" . Logo marchou, conseguiu saír desa esfera fantasmal rompendo todos os espellos e regresou á súa casa, a dos Buster de Philadelphia, a casa de sempre, ao xardín onde naceran os auténticos morodos, eses que saben a leña fresca e durmiu.