jeudi, mars 29, 2007

A ÍNTIMA CONSCIENCIA






Cando Asor III, da estirpe dos deliberantes, recibe a visita do Cabaleiro do Infinito, elabora toda unha antoloxía de xabrón que son enigmas e delirios trepidantes de ríos como magmas de auga quente sobre o corpo espido. Hai moitas cousas que Asor pode considerar mentre se magmatiza nese baño que é xa un ritual de aloumiños. A ESTUPIDEZ, por exemplo, é un fenómeno social moi estendido que a sorprende e estoura unha morea de seismos nos tabiques asoritas. Nunha sociedade de liberdade e desenrolo que loita por acadar a igualdade e a xustiza aínda existe unha aureola de levidades e coroas desterradas que pretenden beber todas as manifestacións de osíxeno, como se non tivesen suficiente co que lles corresponde por respirar. En Aretx non hai osíxeno para todos así que están a construír unha industria de potencial acuístico que bota O2 dende A Montaña Rosa. Marabillosa esta iniciativa das Coeurs Ouverts fronte aos Repugnantes.
Os Repugnantes, eses insidiosos apátridas, envelenan coa súa lama noxenta todos os recunchos verdes que aínda quedan en Aretx. Son malos. Profundamente satánicos e voraces cando se trata de rebentar felicidades alleas pero malia o poder que teñen, malia todo o encono por crear perxuízo ao seu redor, estos repugnantes non sempre triunfan. Hai en Aretx outros seres puros como a transparencia da auga, As Coeurs Ouverts.





Mirade ben e fixádevos ben nelas. Brillan radiantes entre insectos, fermosas sereas de augamar envoltas nunha cola maxestuosa que as define: heterodoxas, libres, mater maxestades,poderosas, heliófilas, candentes na súa tibieza de augas envolvendo o líquido salgado, XENEROSAS.

Aman a beleza que as comunica e NON TEÑEN MEDO. Gardan no interior do mar a chave da caixa galeánica que lle entregaron a Asor para que escriba papeis de encanto e desencanto, de lidias e loitas, de fel e claridade... Posúen esa Arca de Alianza e non se estremecen na envexa nin na cobardía inusitada de princesas contrapostas.



Atención aos Repugnantes, feos coma todas as almas suxas, rezumando sentimentos enfermos, cinismos con aristas de cristal vello, fedorentos. Cheiran mal. Apestan. Ocultan todas as sincronías da maledicencia detrás das portas pechadas cunha premeditación amarela que deslumbra, que dá noxo. Morden nos soños con alfinetes afiados como estiletes que retorcen ao tocar a superficie desa fantasía que devora nas nubes todo un paraíso de colores. Hai quen cré que por obviar aos conxéneres que molestan a súa existencia acada todas as cumes da supremacía pero NON É CERTO. Hai un "certo olor a podrido" entre bombas, unha conxura de necios, unha negra sombra tralo silenzo impostado.

AsorIII de Zeuquirne, a descendente de Nabetse I de Zeuquirne e de Asor Lía, a artista, vai pronunciar un discurso solemne e irreverente, fecundo e caústico, unha revolución máis antiga e pouco vangardista que todas as vangardas detentadas polos poderosos que trafican nas artes: Bienaventurad@s os últim@s por que el@s serán os primeir@s.
Emar, o Cabaleiro do Infinito protexe a Asor e a todos os Aretxitas desa infamia que é coma unha poza sinistra que envilece e deturpa. El é todos os soños de color rosa, todas as esperanzas, a fidelidade feita bonbóns de soda na calexa estreita que asfixia a Asor. Algún día a deliberante entregará a flor de lis, heráldica e raíña coma un ovo fresco , para que Esmar ocupe o seu sitio de privilexio.
PUM PUM PUM PUM
A muller-mapoula abre as portas todas, O Cabaleiro as posibilidades. Fabrican xuntos o néctar licuado. Beben.




lundi, mars 26, 2007

O NAVUNGALOW DE ASOR III




Velaiquí unha boa imaxe de Komodoro, a rexión na que habita Asor III, a iniciada deliberante, a muller-mapoula, a constructora de palabras...
Dende había algún tempo, esta asorita vivía nun recanto deste edificio e alí ordenaba os tesouros de tantos e tantos invernos. O primeiro en visitar á nosa amiga foi o Anfibio. Din que a maldade persevera apuntalando ás víctimas e parece que así é pois este personaxe cravou en Asor mil anos de escuridade, pero ela rebentou as luces todas das estrelas e construiu esta casa, o Navungalow asorita, feita de ladrillos e marmelo.
A Asor gústalle envolver a soidade de mobles e tapices e facer da dor un decorado vermello, coma un bote de tomate frito. Sempre vivira intensamente os ritmos da vida para non ficar abandoada entre cartas e fotografías rotas ao xeito dunha actriz de cinema mudo derrubada. Para construír a casa tivo certas dificultades. Non se sentía segura. Entón Pigmalión axudouna a buscar dentro todas as enfermidades da tristura que lle amputaban a iniciativa, a vontade. Lenemente foi situando a certeza entre as súas cousas persoais máis sagradas , preparou unha pala, o formigón de chocolate, o ladrillo, o marmelo e fundou a vivenda soñada, esa casa na que instalar a súa imaxe, ela mesma.
Dende que rematara a construcción do Navungalow, Asor recibía semanalmente a visita dun dos híbridos máis determinantes na súa vida: Esmar, o Cabaleiro do Infinito.
Ambos bebían pócimas de ambrosía trastocando as palabras, xogando con elas coma fortalezas inexpugnábeis. Era tan divertido compartir as horas con Esmar...