vendredi, février 16, 2007

ARTIGO PUBLICADO NA REXIÓN

ESTA NOVA GUERRA…

Punto de partida? Machala, Ecuador. Destino? España, Europa. Obxectivo? Calidade de vida. Futuro? Non existe.

Así de negra é a situación dalgunhas persoas que, crendo morrer de injustiza social, saen de América Latina para vir a este paraíso artificial, a este Vello Continente de grandes personaxes e historias da historia, coa finalidade de sacar da miseria a súa familia e, finalmente, o único que atopan é a morte, esa que non dá segundas oportunidades, a que nas sabias palabras de Manrique achega aos pobres e aos ricos.

Seguro que Armando Estacio e Carlos Alonso Parate tiñan un soño: facer fortuna e voltar ao seu país. Cumpriron o seu desexo. Regresar regresaron, pero de que maneira:

nun avión e no seu cadaleito, cunha morea de xente esperándoos. En canto a fortuna pois si, a súa familia recibirá unha importante indemnización que, de seguro non compensará esta perda. Esto do terrorismo é complicado, e, cando un non sabe de que vai o rollo, o de ETA soa terríbel, e case pode parecer a todas as víctimas deste atentado que os familiares e amigos residentes en España poderían morrer igualmente. Que isto non é así, sabémolo nós ,que vivimos aquí, pero os ecuatorianos que viven nunha situación paupérrima e, cuxa lóxica e primordial preocupación é o alimento, non teñen nin idea, nin falta que lles fai porque esto do proceso de paz, non o entenden nin os propios políticos. Agora trala vida cercenada de dous emigrantes, aspirantes a seres humáns cunha vida digna, os voitres van á prea e as críticas ao Goberno non se fan esperar. Na procura do ben de todos? Dubídoo. Eu penso que sobre todo por intereses electorais porque o poder ten unha erótica de muros impenetrábeis que parece meter brétemas nos ollos da clase política que remata facendo causa da división no canto de facer causa da paz. Así que todas as análisis sobre á negación dun posíbel diálogo cando a organización non avisa nin sequera de que rompe a tregua, parécenme obvias. ETA promete e promete pero,señores, non cumpre, e aínda por riba parece que considerara que o atentado da T4 non fose tal porque non tiña previsto mortes, é decir que cada bomba que estoupe non será considerada como un atentado senon hai víctimas ou se estas son as mínimas por un fallo técnico nas previsións da banda? Foi Armando un fallo técnico? Pregúntome isto polo feito de que eles parecen pensar que non se interrompeu o proceso de paz . O que nos corresponde a nós? Non facer como as mulleres maltratadas e perdoar todo o tempo.

As armas por riba da mesa primeiro. Hai demasiada dor e demasiada morte para obviar ese detalle. E senón que lle pregunten a Armando Estacio que se non quedara no coche estaría vivo. Mala sorte.



Rosa Enríquez

mercredi, février 14, 2007

O ANFIBIO NA NAVESCOLA




XORNAL DO NENO ANFIBIO
"Mercuarius de octarius da era aretxita...
Hoxe na navescola a plasta de Alienor estivo a falar das medusas... A min, as medusas, a verdade é que non me interesan nada. Para que vou andar preocupado polo perigo que poden supoñer para nós se eu non teño pensado viaxar ao seu planeta ou asteroide ou o que sexa¡ Pero o mellor de todo foi cando a parviña da nena Asor, a filla de Asor Lia e de Nabetse, vai e pregunta á Directriz Magistra que porque tiñamos que matar a estos seres no canto de modificar a súa conducta por medio dos conmutadores e dunha boa terapia. Reamente esta nena non ten remedio. É unha ilusa que vai de lista. Un repolo de rapaza. Non a soporto. Alienor castigouna sen poder usar o trineo durante unha semana. O que esa berzas non sabe é que non poderá usalo xamais porque llo vou estrampar."
..............................................................................................................
O odio nace nos miolos e baixa ata a barriga para levedar alí e facer do estómago a súa cova. Medra con bífidus activo e esténdese por todo o corpo como unha maldición de infelicidade. O neno anfibio odia a Asor porque ela non lle para moito e non participa das súas falcatruadas e mentiras tumescentes. A ela interésanlle máis os universos de palabras para envolver con elas os regalos de amor e amizade.

lundi, février 12, 2007

O SABOR DO CHOCOLATE


As cousas do amor teñen esa cor, por veces amarela, por veces vermella que enche todas as ansias do leito que nos apreixa... No cuarto, Asor fundou dinastías e mercou testos para ver nacer as flores do seu patrimonio sentimental pero alí non medraba nada así que acabou farta de abrir caixiñas e máis caixiñas... A gaiola da paixón ten ese arrecendo que devora todo o esforzo na busca dunha república que nos libere. Ninguén pode tirar do instinto e instalar unha consciencia alí onde flutúa a obsesión febril e a entrega... Asor foi a cristiana, a que entregou ata o derradeiro día toda a fé á beira daquel mar verde e azul e gris e negro.
Ser amado por alguén, pensou, debe ser como ver nunha mesa miles de dulces e saber que só un é o que desexas. A Asor gústalle moito o chocolate por iso sempre creu que amar era como lamber o chocolate quente dunha culler e sentir que enches con el toda a boca...
O que Asor non sabía era que o chocolate pode ser amargo e encher todo, meterse polos dentes, agocharse detrás da lingua, baixar ata a barriga e ficar alí fermentando ese desagradábel sabor que se multiplica e ocupa todo o interior...

dimanche, février 11, 2007

ASOR NOS TEMPOS DA NAVESCOLA E AS MEDUSAS




Lunitarios do mes de octarius da era dos Aretxitas
XORNAL INTIMÍSIMO DA NENA ASOR:
Hoxe na navescola apredín moitas cousas. A Directirz Magistra Alienor Ximba dibuxou no pizarrador negro as medusas intergalácticas. Realmente son seres dunha beleza maiúscula e algunha delas teñen o aspecto da Naversitas onde a miña irmán realiza estudos cibersociais. Eu quero ser fermosa coma elas. Quero vestirme cunha brisa de cores e abrirme ao exterior con esa eclesial maxestade de sentirme a raíña dos meus perímetros, a salvagarda da consciencia. Nabetse estaría orgulloso e eu tamén. Xa imaxino o rosto dos deliberantes da nosa comunidade asorita... Pensarían "Quen é esa fermosa deliberante?".Cando estaba sumerxida nestes pensamentos chegou ata min un berro afiado. Así:
"Asor,en que andas? Atende que temos que analizar o veleno destes pérfidos animais¡". Era a
Alienor Ximba. Eu exclamei sorprendida"Animais?". Realmente non entendía nada.Alienor Ximba chamoulles animais e dixo que eran malos¡ Porque?. A mestra castigoume cando lle dixen que era un crime matalas, que tiñamos que que modificar o seu comportamento mediante unha boa terapia e a axuda dos conmutadores. Durante unha semana non poderei coller o trineo-cuántico e contactar coa miña xemelga. Estou farta deste maniqueísmo ciéntifico sin solución¡"(Palabras de Asor III de Zeuquirne, da dinastía asorita, a aprendiz de deliberante)
---------------------------------------------------------
A nena Asor non entendía iso de que as medusas posuíran no interior dese manto de diseño confitado e único unha sustancia velenífera e homicida. Ao longo da súa vida a máis fermosa dos deliberantes, a Proserpina trasladada, a que coseu manteis con palabras, a que naceu dos volcáns aretxitas preto do Palacio dos Salgueiros caiu na conta de que as medusas están por todas partes e organízanse en Asociacións de Elite, e moi importante, baixo a estupidez do seu pretixio agochan as armas secretas como dicía o creador dos cronopios. Realmente son malíííísimassss, fan moito dano e cando se abren teñen un aspecto horríbel: non dan sacado os vermes dos ollos. Pero Asor III de Zeuquirne ganchillou poemas para curar as fendas que lle causaron, e sanou.