samedi, juillet 21, 2007

BLOGOMERÓN: OS TRES PORQUIÑOS

(Lucho, Xoán e Troulón, fotografía tomada nos anos sesenta no festival infantil de fin de curso:Porcallada )

Alá polos anos setenta a familia Boullona vivía nunha casa de pedra no medio do monte, a poucos quilómetros de Pireira, unha cidade enorme. Nela vivían papá Boullón, mamá Boullona e os tres pequenos Boullóns: Lucho, Xoán e Troulón.

Eran felices xuntos, garantízovolo. O problema comezou cando Lucho, o máis astuto, tomou a decisión de independizarse. Pretendía mercar un apartamento de solteiro no que levar á porquiña Trini, a súa moza.Mamá Boullona e papá Boullón levaron un bo disgusto pero o drama da separación familiar só acababa de comezar porque os outros dous irmáns, Xoán e Troulón, tamén decidiron marchar. Querían ser libres, non dar explicacións a ninguén e facer da súa vida o que lles petase. Tras varias semanas de busca impenitente partiron un sábado pola mañá.

Lucho atopou un piso céntrico de cor vermella moi chuliño e Xoán e Troulón mercaron un a medias na Rúa dos Porcos, a carón da igrexa. Todo transcurriu con normalidade durante as catro primeiras semanas pois sentíanse moi satisfeitos da súa adquisición. O problema comezou coa festa de inauguración que Lucho e maila súa moza deron no seu piso. Invitaron a moita xente e entre os invitados coouse Xenxo, un lobo macarra de todo. No medio da festa o tal Xenxo colleu á Trini e levouna ao baño, para meterse unhas raias, dixo. Trini era unha porca con moito vicio e ao lobo non lle costou moito convencela. Xa no interior foille ao morro con todo descaro e meteulle a lingua ata o fondo da gorxa. A Trini bruaba como unha tola, ben contentiña pero, cando xa estaba a piques de acadar o éxtase... Bum, zampouna. Só quedaron os restos do vestido rachado e as unllas dos pes. Cando Lucho caiu na conta de que Trini estaba desaparecida buscouna por toda a casa ata que chegou ao baño e comprendeu todo. Inmediatamente pensou en avisar aos seus irmáns pero estes xa estaban no balcón probando as pirulas que lles ofrecía Xenxo e, antes de que puidese evitalo, Luchiño viu como o Lobo e Caperuchiña arratraban os cadáveres polo corredor. O noso porquiño berraba deseperado cunha dor afiada no peito que o asfixiaba. Despois ficou en silencio, espantado. Ninguén facía nada, todos os invitados rían indiferentes.
Entón Lucho lembrou aquel western que tanto lle gustara, " Inferno de covardes", e como Clint Eastwood, agarrou o látego que Trini gardaba no armario da habitación e bateu no lobo cunha forza inusitada. "Sofre mamón, devólveme a miña moza¡" O resto dos invitados cantaron con el "ou te revolverás entre o pó dun pica-pica". Xenxo non parecía resistirse, é máis, gustáballe. Sobre todo se Caperuchiña vermella estaba diante, como así era. Imaxinade a escena: Lucho desfeito, Trini no bandullo, Caperuchiña drogada perdida e os convidados facendo o coro... Unha situación do máis absurdo, como vedes. O noso amiguiño choraba coma un tolo e, cando xa daba todo por perdido, o sanguinario e masoquista a un tempo vomitou botando á Trini fóra da boca. Si señor este conto ten final feliz... ou non. Non sei, non estou moi segura de se o consideraredes así xa que Trini marchou correndo da casa con Caperuchiña Vermella e abandoou ao pobre do Lucho. O porqué?... Imaxinádelo vós.

Velaiquí outra historia dos tres porquiños, contádea polos camiños