jeudi, décembre 21, 2006


BO NADAL A TODOS, E FELIZ 2007¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡
Estades preparados para comer turrón, mazapán, tortas, lacón con grelos, chourizos, castañas, piñóns...
Eu teño pánico. Está todo tan rico¡¡
Unha aperta e disfrutade ao máximo.

A IMPORTANCIA DE COCER ACELGAS


Comproba como me fere preparar unhas verduras
como é que unha acelga
pesa máis que o resto do universo.
Observa
como me depreda este eco
de escoitar e non escoitar
na sonoléncia do meu insónio.
Esquecida
cruzo os ermos do fastío
entre dunas de impoténcia
e ausentes labirintos.


Acelgas.

(POEMA DE CHUS PATO)



A importancia de cocer acelgas é ENORME, como as ganas de vivir sen esa brisa gasificada que se presenta na metade dun día entre claro e escuro, porque, ás veces, o feito de preparar unhas verduras convírtese en algo transcendental para ese silencio que reproduce a auga cando comeza a ferver.
Estar na cociña esmaga a nosa alma cando non existe xa a espera, cando vemos o bafo agochando a realidade que fica calada trala xanela. Por ese motivo cocer unha acelga pode ser determinante, definitivo, un feito de codicia existencial, un desexo de trasladar o corpo a esa dimensión que nos sitúa no ar, no punto máis álxido da poética dos fogóns e estalar en burbullas redondas e ser palabras molladas esvarando polo rosto...

dimanche, décembre 17, 2006

O UNIVERSO EN TRES GOTAS DE AUGA


GOTA DA LUZ

GOTA DA VIDA



GOTA DA ESCURIDADE

Todo o universo está metido en tres gotas de auga, gotas como esta que poden caer diante de vós sen que vos deades conta. Eu sentín medo cando compredín que todo o grande é tan pequeno e que, o pequeno pode ser enorme. Lembreime dun soño recorrente que tiña canda nena. Era un soño raro e convulso, un pouco coma min, frenética nas precipitacións que me anticipan ata os desexos ou os imposíbeis. No meu soño eu viaxaba dunha culler pequeniña ata unha culler xigante e nesa viaxe sofría unha metamorfose que me permitía medrar para ser xigante ou minimizarme nunha rosa pequeniña para habitar na mesma miseria desa c-u-l-l-e-r-c-i-ñ-a anana. Paréceme que o universo debe ser algo así, algo que se fai grande ou que case desaparece nunha viaxe de estrela en estrela para caer diante de nós cada día... En todo caso, nacer e morrer é a mesma viaxe que a destas gotas de auga? "Pañales y mortaja" que diría Quevedo...

UNHA VIAXE SINGULAR

Todo o universo nos mira e está esperando unha resposta. A ver decide, queredes nacer?
Todos os humanos calaron e ASOR non soubo tampouco que dicir porque sabía da existencia da vida da súa antimateria no caso de saír da barriga universal que a proxectaría ÁS AFORAS...
ASOR tiña un contacto interestelar que lle permitía saber da lasitude da súa xemelga, deses tempos enfrontados batendo niso que dan en chamar xanela... A xanela, pensou ASOR, iso que din que serve para mirar... Pero por esa xanela non se ve ben... non se ve ben...
Non, ASOR, non querería nacer, preferiría ficar detrás do muro da inexistencia. Que fariades vós?

ASOR VIROU CARA AO CEO E COMEU TODAS AS ESTRELAS PARA QUE A LUZ HABITASE NESE ESPACIO QUE SABÍA LLE MEDRABA NUN RECANTO DO ESÓFAGO. SEMPRE É BO FACERSE O MORTO CANDO VIVIR NOS RESULTA COMPLICADO.

Canto desexamos a luz para vivir pero que viaxe tan longa temos que facer para que se instale nas nosas vidas e afogue todas as sombras que nos asombran...
Existe o espanto? Eu creo que o máis parecido ao espanto é ese intre non que nos decatamos de que estamos concentrados nas verduras que cocemos coa fame aberta en canal, ou tendendo a roupa e mirando as gotas que caen e rexistran para nós todo universo dentro. E como pode caber todo o universo dentro dunha pinga de auga?