mardi, novembre 13, 2007

HELIÓPOCENS : OS CINCO CÍRCULOS CENTRAIS



Coa finalidade de organizar debidamente a existencia, os Seres Superiores determinaron construír unha cidade circular. Imaxinaron que así todo estaría ben, que non habería problemas de espacio pois as áreas de cada círculo quedarían fixadas pola súa potestade conque os futuros circulantes non terían ningún tipo de enfrontamento derivado das ansias de ocupación. Decidiron que cada ámbito sería un área, así que concretaron o espacio do que dispuñan en dez zonas.

Na ZONA PRIMEIRA instalaron aos circulantes de primeira orde, é dicir, aos máis destacados por algunha razón, normalmente de tipo intelectual. Vamos, que os pertencentes a esta zona da cidade eran os máis listos e como tales foron bautizados como UNOS.

Na ZONA DÚAS colocaron aos que disfrutaban dun maior atractivo físico, tendo en conta que para eles o canon estético estaba directamente relacionado coas figuras redondas ou grosas, como a eles lles gustaba chamalos. Estes recibiron o nome de BOLICÓNS e, a dicir verdade, parecían ben contentos.

Na ZONA TRES preparon todo para situar aos homes e mulleres que existían por triplicado, é dicir, que tiñan tres mans, tres pernas e tres cabezas ben redondiñas. Déronlles o sobrenome de TRINIS e a eles parecía gustarlles pois non puxeron xamais ningunha pega.

Vexamos a continuación quen vivía na ZONA QUATRO e, de seguro que nos sorprendemos, pois polo que parece alí estaban OS NINGUÉN. Estes seres carecían de rosto e unicamente contaban cunha boca que só abrían para comer ou iso era o que se dicía deles ou o que interesaba crer dende os círculos máis poderosos...

Vaia, como vedes estas cousas resultan algo estrañas para nós, ou se cadra non tanto...

Pasemos agora a zona ecuatorial, a intermedia, a ZONA ZINIKIS. Aquí os Seres Superiores decidiron ubicar aos ZINICÓNS, homes e mulleres moi noviños que cos anos ían diminuíndo de tamaño, virando cada vez máis pequenos ata desaparecer. Nese momento morrían. Isto parece moi duro pero non o é tanto se pensamos que estes individuos son os causantes de todo o malestar que se crea en Heliópocens conque o propio medio os aniquila arricándolles anacos de vida tras cada insidia que provocan.
Como vedes, nesta cidade de círculos concéntricos as miserias e as riquezas distribúense cunha orde estricta.Alomenos así é nestas cinco primeiras zonas...
Como será todo nas cinco restantes?