jeudi, octobre 04, 2007

HISTORIAS BREVES; RADICALIDADE

Si, vivo nun edénico paraíso vexetal rodeada de laranxas, arandos e cogomelos entre outros froitos que a natureza ten a ben proporcionarme para o meu alimento. Aquí son feliz, ben metida na terra, entre o humus do que escoito cada palabra como unha auténtica aprendiza, para non esquecer a miña PROCEDENCIA. Por iso direi de min que si, que son radical porque habito na raíz que me envolve no seu van abrazando cada parte da miña árbore caída, para que non vaia tan abaixo do fondo e me perda... E digo máis, digo que me retorzo e digo ben porque tomei a forma das polas deste mato pequeno que son, ergueito e torto a un tempo. Ouh¡ Cantas veces quixeron afastarme de ti, raíz grande e profunda¡ Tantas como días levo vividos nese sitio estraño onde o gris mediocre estala nos tabiques destripándome cada vez que caïo nese erro tan repetido de ousar meterme nas cabezas que só saben ler nas tapas dos libros¡ Mira que son analfabeta e non aprendo nunca, porque non poderei dicir que non mo avisaron veces: non vaias por corredoiras tan estreitas que non cabe a liberdade... Así que por tal motivo vivo aquí, en Terra de Ningures, onde non se oe máis murmurio co das follas precipitándose no chan, onde o límite racha cada día avergoñado, víctima da súa ignorancia.
E para que vos fagades unha idea desta fatiga que sinto ante as herbas que me afogan, direivos que son unha emigrante perpetua, unha fuxitiva, porque non gosto desa conciencia estirada como unha liña fina, como unha tea sutil e aceitosa que se pega a pel e nos mancha e nos manca e nos desborda polo tránsito abisal e descoñecido do egoísmo. Porén, estou a salvo pois achóme rodeada de margaridas e caraveis dos que cada día xorde unha enorme enerxía vital que arrastra e domina, e xa non desexo prescindir da súa voluptuosidade irredenta sobre min. Quero vivir así, exiliada, sen ese cheiro rancio asfixiándome e, certamente, non me preocupa a distancia. Non sinto nada, ningunha mágoa, nada en absoluto que non sexa o alivio de estar fóra, sempre fóra...
(RADICAL PROCEDE DE RADICEM: RAÍZ
PERTENCEN A ESTA FAMILIA LÉXICA OUTRAS COMO: arraigar, raigambre, arraigo, enraízar, radicación...)