vendredi, octobre 02, 2009

NA BEIRA DE AQUÍ, O CAVORCO CENTRAL





NA BEIRA DE AQUÍ...
Area do Souto-Piñeiral Cadrado anda agora polos camiños, co paquete de tabaco no peto do pantalón e unha caixa de mistos grande, daqueles que usaba a avoa para acender a cheminea. Leva detrás as bonecas, os libros e unha tira de panos de cociña larafuzados de graxa. Troski, pegado a ela, coma un zombie. Nin palabra. Os dous en silencio. Só o ruído das follas molladas, dos coitelos, dos garfos e de toda a ferramenta doméstica que parecía cantar ese tin tan tin acorde coas campás da igrexa. Nada máis.
No ceo, as nubes inchadas de gas e un sol de dez centímetros colgando do teito celeste coma unha lámpada vella.
Atrás as caixas, o caldeiro do lixo, as mudas de roupa limpa, as sillas, o arcón de madeira podre e as sabas de liño.
Magnéticos e silandeiros, can e rapaza mastigan secretos que nunca serán contados, palabras cheas de sombras e amores metidos no oco do corazón.
Ás veces páranse para mirarse, fitando o un cara a outra, sen dicir nada.
Na aldea todas as veciñas queren saber que pasa, que é o que din, porque o fan dese xeito e como o conseguen. Nada. Niguén sabe nada.

ENTÓN A BOCA DO INFERNO ábrese no núcleo da montaña máis redonda, entre as xestas. Inevitabelmente, o universo de cavorcos deixa paso a toda esa morea de obxectos perseguidores, róuballes o tin tan tin e traga con todo.

Alá van o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos de cociña larafuzados de graxa, os coitelos e a ferramenta toda para morder.Tamén as caixas, as mudas de roupa limpa, as sillas, o vello arcón de madeira podre,as sabas de liño... Todo, absolutamente todo, esbara terra abaixo, ao fondo, cun tran-ca-trán-tan-tan-tan.
Mentres, Otuos Uaim, a inmesa morada oceánica, arrastra o sol para dentro...