vendredi, février 02, 2007

O RETORNO DO XIGANTE


Asor III de Zeuquirne, da estirpe dos asoritas, iniciada deliberante, muller-mapoula e constructora de palabras estirou o paso polas alamedas do inverno por ver de lanzar cartas a ese futuro de cristais rompendo ceos de chocolate... Nese paseo sucedeu algo inesperado: atopou ao XIGANTE.
O XIGANTE ten unha sonrisa perlífera coma o veleno que esvara pola súa lingua cando profesa delicias para absorber a sustancia toda e derreter liberdades...
O día do encontro levaba un manto de améndoas e unha lupa enorme coa que visualizar emocións encubertas nos transeúntes... Cantaba unha especie de himno autólatra e abría os brazos para apertar con eles a esencia asorita que a pobre de Asor construíra con especial cuidado... Os grandes egoístas da historia son así: fan dano e esquecen porque. O mellor de todo e que sempre demandan amizade e honestidade cando iso é precisamente o que eles mesmos non teñen. Minten? Un pouco. Para ser exactos maquillan a realidade para favorecer a súa imaxe neses aspectos que o acomplexan. O mellor de todo é que son capaces de trastocar unha realidade diante de alguén que sabe perfectamente como son os feitos... Isto sucede porque os egoistas só pensan na súa satisfacción, no seu interese e xamáis son xenerosos cos sentimentos do resto. Esquecen por exemplo preguntar con verdadeiro interese e preocupación polos problemas do amigo. Só precisan do contacto para saber o que lles conven. Xamáis serven de apoio e moito menos de axuda. O máis curioso de todo é que se lles enche a boca falando de amizade, de honestidade ou de amor... como se eles tivesen sobre o sentimento patente de corso. Asor I de Zeuquirne foi educada polo sabio e deliberante supremo que lle amosou a non dicir cousas que non son. Por iso, dende nena, Asor ama a verdade tanto como o queixo fresco da montaña e todos os bullotes...
O XIGANTE ten todas as alturas da mentira e a súa sombra acada sempre a proxección da decepción que é capaz de suscitar. A asorita iniciada, a muller-mapoula, xa non ten medo porque curou todas as fendas e ,como alguén lle dixo algún día , xa mira cara outro lado.