jeudi, janvier 20, 2011

ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN



NORMALIDADE LINGÜÍSTICA
Busco no dicionario 'normal' e atopo, entre outras definicións, esta: aquilo que se axusta a certas normas fixadas previamente. Dende ese punto de vista, a norma despréndese dun regulamento que pode ser modificado. Por esa razón, agora é normal que os senadores empreguen, na Cámara Alta, a lingua oficial de seu, dado que así foi decidido por maioría-134 votos a favor e 122 en contra, sendo estes últimos do PP, claro-. Daquela, a clase política, como defensora do 'xogo democrático', non debería incomodarse con este asunto. No canto de cuestionar esta medida, podería, e debería, esforzarse para aprender as linguas cooficiais do estado do que forma parte. As situacións políticas non teñen carácter vitalicio, e, por esa mesma razón, son susceptíbeis de mudanza. Menos mal!

Non quero imaxinar, por exemplo, o que suporía para nós vivir sempre na ditadura! Tendo conta do explicado, paréceme que Rajoy fai uso da concepción doméstica de 'normal' ao declarar que o uso do castelán é o máis acaído. Faino, en principio, porque sabe, como sabemos todos/as, que é a lingua máis falada no Estado e, polo tanto, a que comprende a maioría. Neste sentido, pode entenderse que o obxectivo da súa demanda é a comodidade dos membros da cámara, mais, o que en verdade intenta transmitir, baixo esa apariencia politicamente correcta da súa 'particular cordialidade lingüística', é que o único idioma común é o castelán.

Neste punto engánase, ou simula enganarse? A cooficialidade implica horizontalidade, xa que logo, a obriga moral dos/as políticos/as do Estado Español é coñecer os outros idiomas. O que non parece tan normal (imos darlle a volta a cousa), é que persoas que se gaban de poder comunicarse en inglés, precisen de traducións simultáneas de galego, catalán ou éuscaro. Como poden aprender alemán e ter dificultades para comunicarse nas linguas do estado de seu? É realmente unha cuestión de dificultade, ou, máis ben, de ausencia de interese e infravaloración?. A pregunta séntese capciosa, imaxino, mais xorde de xeito inversamente proporcional ás tendenciosas argumentacións impropias dun demócrata como Rajoy. Ou tamén iso é mentira?