jeudi, novembre 18, 2010

ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN




PATRIARCADO


Van xa tres mulleres mortas na Galiza este ano vítimas da violencia machista. Porén, o máis triste é que teñamos que empregar números para referírmonos a persoas con nomes e apelidos, algúns deles tristemente populares. Laura Alonso, por exemplo, asasinada en agosto do 2009. Dende o punto de vista estatístico, Laura forma parte dunha porcentaxe, mais, para a familia e amigas, isto non será nunca así. Dalgún xeito, a memoria das ausentes pode internarse na mente daquelas que partillaron con ela instantes de felicidade ou inquietude.

Por iso, porque eses números representan a mulleres reais, que tomaban café e ían ao baño, compréndese a gravidade da situación, na medida en que cerna a vida das mulleres e, en consecuencia, lesiona o equilibrio emocional da familia e amizades afectadas. Daquela, o exercicio da violencia, por parte do machista, ten un radio de acción moi amplo que causa danos a moitas persoas.

Así é que a necesidade de erradicarmos o problema resulta obvio. Obvio porque sabemos que a ineficacia faise cada vez máis evidente. Obvio porque, no fondo de nós, tememos que tal violencia poida afectarnos directamente. Obvio, en fin, porque supón unha lacra nunha sociedade moderna e avanzada como a nosa. E, entre tanta obviedade, o que se observa é un interese egoísta motivado, ben polo desexo de proxectar unha imaxe de capacidade resolutiva, ben polo que supón de autoprotección
-eis o mesquiño ego burgués que se manifesta-, ou ben por medrar socialmente a través da política institucional. En síntese, yo y mis cosas.

No entanto, aínda quedan persoas neste mundo coa empatía suficiente para emprenderen, dende abaixo, unha loita desinteresada e xenerosa, pois saben que a lei non crea a sociedade. É a sociedade, formada e consciente, a que pode xerar as condicións idóneas para vivir. As mudanzas reais derivan sempre dun proceso de concienciación progresivo vencellado á educación non sexista e a posta en práctica do aprendido. Visibilizar entón a ausencia de coherencia entre o discurso público e as actitudes que mantemos en privado, sería un bo comezo.