Ilov permaneceu durmindo ao longo daquela viaxe estelar na que a furia das súas víctimas o enviaran. Viviu nun soño insólito de insectos que devoraban no seu embigo os anacos da súa miseria.Coñeceu todas as dimensións do medo e unha estraña sensación metéuselle polos miolos rabuñando neles para morderlle a covardía que o convertera nun híbrido escuro e maledicente. Así son as cousas cando ferimos aos que nos queren, un burato negro abre ante nós as comisuras abisais polas que caemos como as pingas da auga nun infinito decadente.Cando a deliberante caeu na conta da traizón, a ira e a mágoa mesturáronselle dentro batallando na barriga. Maliá todo o sucedido permanceu firme, recia como unha árbore e esperou o momento. Chorar é un exercicio inútil cando alguén bate coas unllas na confianza que lle demos e trafica coas nosas palabras manipulándoas.Así fixo Ilov durante moito tempo: botou a semente da cizaña na alma dos amigos e eles ficaron en silencio, mudos. Utilizou as palabras ditas nun momento de raiva e desolación, multiplicándo o seu efecto, batendo as pálpebras como se dun santiño se tratase, porén baixo a capa desa modestia impostada estendíase unha rara forma de envexa debuxada cun lápis gris clariño, como transparente.Asor mirou ao híbrido cos ollos ben abertos e pronosticoulle un deserto de silencio de mil anos. En Aretx, na Comunidade Asorita, quen terxiversa as palabras recibe o castigo do silencio: o Princeps, Nabetse I de Zeuquirne, colle a voz do mesquiño ou mesquiña nas súas mans e gárdaa na caixiña galeánica. Cando abra a caixa será o momento do perdón e o castigado recuperará a súa voz de novo.Ilov ficou mudo durante o tempo que Aretx tarda en realizar o seu movemento de traslación. Así que Asor e el estiveron separados cerca dun ano.
Durante todo ese ano os olliños de Asor foron recuperando alento e esquecendo as ofensas. Unha deliberante non podía instalar o resentimento nun lugar tan íntimo como a consciencia particular, ademais xa pasara o tempo necesario. A caixiña galeánica empezaba a abrir...
A MILES DE MILLÓNS DE ANOS LUZ o Comandante Ilov espertaba dese silencio terríbel que lle fora imposto tralo Consello Asorita e botaba a andar. Non era doado camiñar despois de tanto tempo coas pernas cruzadas dentro do sarcófago. Había moita neve naquel recuncho do universo e o frío metíaselle dentro coma un coitelo.Tiña o aspecto dun resucitado.
Ilov estaba preocupado. Non quería ficar nun sitio tan gris e pouco apropiado para el... Así que cando tras unha longa camiñata pola neve avistou o seu navúnculo, todo un mundo de afeites e améndoas lle saíron pola cabeciña. Por fin podería cambiar o traxe de pilotaxe, coller as gafas de sol "Ramaniz" verde turquesa e pasear polas alamedas acristaladas de Noruf...
Aí o tedes: Ilov, o híbrido máis divertido de todos, o maledicente, o condeado ao silenzo, xa saíu do seu sarcófago, puso as gafas de sol de Ramaniz último modelo e chamou ao seu navúnculo no idioma hibridota: XIAXO navúnculo achegouse a Ilov sen tardar nin medio minuto porque el domina a tecnoloxía e non se lle resisten nin navúnculos, nin naves nodrizas nin nada.Cara a onde pensades que se dirixe?