vendredi, janvier 12, 2007

O ESPELLO DO ANFIBIO


O anfibio decidiu entrar no seu templo e contemplarse no espello. Ás veces, a beleza ten ese aire de traxedia que nos sitúa preto da hipocrisia transcendental do día a día. É como se o feito de ser guapo nos fixera merecedores de algo, como se xa non fósemos quen de diferenciar o don do mérito, do esforzo, da dedicación. Ao anfibio preocupáballe estar "decente" para saír ao exterior e ser admirado por todos. Padecía no seu ser o amargo don da beleza. Se alguén non puña os ollos nas súas mans brillantes e sinuosas... Menudo drama¡
Asor non soportaba tanta levidade inútil. Para ela o feito de ter atractivo ou non, dependía de moitas máis cousas que do aspecto externo. Digamos que para Asor a beleza era maxia, música, a man sobre a pel da desesperación no momento preciso, o riso, a modestia, a desexcentricidade, a liberdade feita palabra, oral ou escrita pero por riba de todo, A AUTENTICIDADE duns ollos abertos para crear mundos dentro doutros mundos, campos de enerxía.
Os ollos do anfibios eran dun verde silente e cadencioso, estrañamente húmidos, como se pretendesen sempre fuxir esvarando polo rosto para non facer fronte a esa realidade antropomorfa dos Aretxitas ... Desexaba agochar todos os volcáns detrás das pálpebras...
Pero non é tan doado maquillar unha realidade durante moito tempo. A verdade ten un camiño
que vai todo dereito e aparece en calquera intre.

mercredi, janvier 10, 2007

O ANFIBIO E ASOR

O anfibio habita en Aretx dende os tempos do Gran Unicelular. É un ser sinistro ás veces, cursi e presumido outras. Xamais lle preguntaría a ninguén sinceiramente "Como estás?"Asor non o entende, mellor dito non lle apetece comprender esa idiosincrasia que é un paradigma do egoismo, un estoupido de mediocridades agochadas no baño (ese lugar no que o anfibio aproveita para amosar a súa verdadeira natureza), un xeito de libélulas danzas para amosar un interés que non existe en ningún recuncho do seu cerebro infectado de si mesmo. Nesta vida non che hai cousa peor que paliar os complexos propios degradando aos demáis. Na familia de Asor ninguén apreciaba ao anfibio. Todos querían que desaparecese da súa vida. Pero Asor púñase encendida con só velo e, claro, suspendía nas clases de meditación. O seu conmutador averiouse durante un tempo polo que non podía eliminar a raiva do seu corazón cando tiña ao anfibio diante. Solución? Consultar ao Gran Unicelular. Asor debía buscar unha solución para esa ira que a devoraba cando vía a indolencia e falsedade ao seu redor. Eu enténdoa porque a mentira en todas as súas extensións destrúe a autoestima dos que a reciben.
A Asor metéronlle as mentiras polos ollos, pola boca e craváronllas no centro do corazón cunha sutil lingua como de bolboreta asasina e ela verqueu tantas loitas contra as paredes... Agora prepara arquivos feitos con palabras e con desexo. Vai realizar a GRAN VIAXE, a viaxe única, esa forma de percorrer traqueas calexas retorcidas pola mágoa. Conseguirá despegar a cólera do traxe e ser o seu propio poema, a súa liberdade, o gran madrigal da consciencia? Mentre Asor dispón as cousas para marchar o anfibio mírase no espello. É tan, tan, sexxxxxxiiii....