samedi, novembre 03, 2007

MEME DAS 8 COUSAS


Recibín un convite da arqueira para facer unha mini-lista das oito cousas que son importantes para min... Vaia, non é doado escoller entre tantas cousas que me gustan pero intentareino...
A ver, eu empezaría pola amplitude do concepto de familia. Sí, gústame pensar que existen outros referentes que incorporan á miña vida ese calor familiar aparte dos meus pais e irmáns aos que quero moito. Polo tanto aí queda unha desas cousas favoritas, a primeira.
Para continuar ... a ver, ah si, o criterio propio e libre para non convertirme xamais nunha integrista do que sexa e saber ir pola vida sen seguir a ningún líder.
Tamén me gusta aprender de todo o mundo, por exemplo, no meu traballo, aprendo moito da señora da cafetería, Mary, que é boa e xenerosa con todo o mundo e estame animando a traer un neno saharaui. Este mememmmm está sendo difícil pero parece que non vou mal. Sigo: a solidariedade. Creo que é necesaria para mellorar este mundo cheo de inxustiza social. Cando digo isto non penso exclusivamente no Terceiro Mundo, diso penso que xa partimos todos, falo da solidariedade aquí, agora, cos do lado, cos que son coma nós e cos diferentes, sen público e condescendencia.
Outra cousa que me parece moi importante para evoluír: o compromiso comigo mesma para non traizoarme e poder aportar algo aos demais sen pecar de insinceira.
Ser muller e galega, isto encántame. Síntome orgullosa de tantas mulleres como hai por aí loitando pola igualdade.
A literatura e, como non, o amor¡¡¡ Case me esquezo deste sentimento depurador, liberador e castrador a un tempo. Marabillosa viaxe de dous comendo do mesmo prato para finalmente desaparecer¡ O amor, esa composición culinaria cerebral tan prosaica, todo química e combustión, que nos fai tolear¡ Vaia isto conta como dúas cousas... mmm OITO¡¡¡
Convido a miña irmá a facer este meme: Rifo.
Penso que xa están os memes lanzados pola rede conque non daría con oito vítimas novas que non fosen xa convidadas. Un bico para A Rapaza do Arco, a dos ollos brillantes e frechas douradas¡

dimanche, octobre 28, 2007

HELIÓPOCENS : O NASCEMENTO DE GARLANA


Garlana de Moritz naceu no ano 1111 en Heliópocens, a cidade dos círculos concéntricos. O seu nascemento causou bastante espectación nos circulantes (este é o nome que reciben os que alí habitan) entre outras cousas por ser a filla do Circulante Máximo, Garzán de Moritz e da Muller Redonda, Telenar d' Amenoteps.

O esperado día, a Muller Redonda estaba máis redonda que nunca pois levaba consigo dúas vidas: a de Garlana e a súa propia. O gran momento tivo lugar no círculo central, a beira dun río que rodeaba a fortaleza. Había unha morea de persoas: médicos, enfermeiras, o colectivo de Bruxas do círculo exterior e a familia completa... Todo o mundo anhelaba ese nascemento, ata tal punto que se podería dicir que ninguén na sociedade de circulantes fora tan esperado dende a chegada de Imenotar, o menor dos Navegantes.

Ah¡ Que marabilla sentirse tan desexado¡ Pero... podería Garlana percibir esta ansia dende o interior da barraga da súa nai? Pois segundo Bruxana, a Bruxa Maior, si, mais esto é xa outro tema e non ímos entrar agora niso conque voltemos ao momento da saída e saibamos como foi. Polo que eu sei, Garlana de Moritz saltou do útero materno como unha bala. O seu pai colleuna axiña do ar, moi habilidosamente, evitando así que batera no chan. Unha vez no seu van, o bebé botou un riso e chiscou un olliño, como se comprendera todo e, se cadra comprendíao, xa que como filla do Circulante Máximo o don da intuición lle fora concedido polo Seres Superiores.

No que se refire á apariencia física direivos que a súa figura semellaba un círculo perfecto, isto dáballe un aspecto de brava saúde, é máis, resultaba graciosa aos ollos de todos pois parecía un choriciño dos máis sabrosos. Nacera co pelo apelotonado na zona da fronte como se fose un anxiño deses que enchen os templos dos Comedores de Zampallás...

Que gran día para Heliópocens¡ Todas as familias celebrábano cunha ledicia extrema pois tiñan posto nese bebé as súas esperanzas.