vendredi, novembre 15, 2013

... gavalon: un lugar na ferida da flor-da que abre no centro do núcleo-do centro-do medio....




... gavalon ...



 

... foi polo camiño das pegas-ao pasarmos a circunvalación natural de castiñeiros que daba paso á boca dun bosque moito máis profundo. situado após do regueiro agochado na tea seca. houbemos de andar por riba daquelas láminas crocantes antes de albiscarmos o empalme.

o foco de luz abríase inesperadamente-á beira das pedrazas...

escribín mil cartas para contarcho-quería que soubeses daquela singularidade-da converxencia-pero non respondiches nunca. non te laies agora de me ver nese espello-con cara de poucos amigos-sen palabras para ti.



 

 

... foi no tempo das castañas-tirabamos tododereitopolocarreirón que atravesaba o monte. descendiamos cun estilazo de medo: eramos-coma quen di-as acróbatas do lugar. evitarmos o cavorco facíase imprescindíbel. así é que esta destreza nosa tan aparente era pura necesidade.

nada excepcional-certamente-mais como nos gustaba pensar que si!

andai-berraba o meu pai-tirai até o fondo-esperai que chegue. e agardabamos.

díxencho nas cartas: escribín un cento de poemas sobre o desprezo-relatei neles a mesquindade-pero ti estabas demasiado distraído naquel palacio-botando o ollo ás túnicas de sal e diamantes. circulabas gloriosamente polos templos feito un mercenario con dúas caras:

outra por tras unha por diante



ver como te deslizabas na densidade daquel sitio foi un espectáculo noxento: finxiches non me coñecer porque carecía de túnica. tal era a túa mediocridade.



 

 

... foi tamén despois-cando os burgazos tragaron o leite freneticamente-con aquela fame de tres días. xusto aí-nese instante perpetuo-protagonizamos o noso derradeiro esplendor doméstico. acto seguido desaparecemos: liscamos por ese burato do fondo de abaixo do centro do medio do núcleo informe da ferida-esa que ves na pel do auriga.

e o auriga era unha muller-para que lo sepas: a mesma que olla cara ti-con cara de nada: habitada polo consolo de saber que nunca máis poderás tocarme-fermosa como son-malia todo o vivido ao teu carón. e ao voso tamén. ouh! violentas criaturas feroces e sonámbulas-brutanas buzacas do mal sentir e mal querer-groseiras pezas dun sistema que denunciades: mortas sodes por dentro-malia o voso ouleo. ollade o mundo. sentide o rumor de seu. escoitade a pregaria insomne destes muros de dentro do núcleo do centro do medio do fondo da nada que arde na ferida da flor.

díxenche todo isto e moito máis naquelas cartas. aviseite unha morea de veces: mira que vou liscar-que dei coa abertura e xa teño o carro e a xente. mira que non aturo máis este inferno-que me atrae demasiado a rareza-a deforme-esa que non gusta en palacio. mira que isto se acaba-que o noso auriga tira de min con forza e caio polo foco disparada...



 

 

... foi polo camiño aquel das pegas-ao pechar da noite-despois de aturarmos aqueles contínuos suspiros eléctricos que choutaban do teléfono da casa. chamaban por nós-para que fósemos. e fomos.

agora estamos alí: nesoutro lado das cousas-nos cómaros verdes dun tempo gaseoso-ese que vedes nas fotos do pasado que tanto vos sorprende. vivimos pegadas ás pedrazas dos camiños-aos cristais rotos-ao mesmo prato sucio que ficou inerte na cociña e que dá tanto noxo-durmimos pois nesa cama torta-coas mantas de couza abafante. e rechiamos se a tocades.

instálamonos pois nun lugar misterioro e secreto que non sodes quen de imaxinar. vós unicamente vedes o que se proxecta no voso ecrán fabuloso: gavalon ten un gran poder: coñece o futuro anterior así é que pode amosar aos monstros o froito atroz provocado con crueza imperdoábel.