mardi, novembre 28, 2006

PERFUME DE ABANDONO

DÁDEME UNHA FRAGANCIA DE HORAS ESTENDIDAS NUN MANTEL e non vos aferredes ao pasado, non queirades abotoar o tempo entre as herbas,
acariñando erubescencias que xa non poden figurar no rosto difuminado no tempo...
Existe na nosa vida un denso perfume de abandono, un cheiro que afoga, un presente que tememos
e as aristas da conciencia estalando.


O perfume a visita e algúns prazos esquecidos baixo as faldras.

Quérote amor,
quérote amar e boto a lingua fóra e non escoito ese aroma que te anuncia
e xa creo que non te vexo ou que non me existes pel adentro,
porque pór o nariz contra ti para lamber as dimensións desa calor túa
é xa o meu alento a miña luz e as palabras esquecidas.

Prestádeme unha flor, a que sexa,
eu farei o amor co ar marabillado que sae da súa gorxa incandescente.

E ti meu ben

pásame a lingua polas nubes do meu rosto de mica estarricada neste placebo sentimental
e ule todos os sentimentos que teño incrustados nas tempas, como nenúfares protestando,
"que te amo amor que cheiro a dor e non te das conta"

DECODIFICANDO


RESTOS E O QUE NOS IDENTIFICA.
GÚSTAME POÑER O NARIZ AO CARÓN DO LEITE FRITO e compartir ese ar delicioso contigo, estendida na cociña,
esmagando mañás e beixos rotos
coas mans abertas .
Teño unha fame de mil anos cando maquillas
a miña epiderme desas fragancias abandoadas sobre min.
E ardo tanto contra ti...
ººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººººº

ESE PERFUMEQUE NOS DELATA, QUE BOTA BRISA POLA BOCA,
ese sabor a marmelo,
con negros e verdes,
con branco e marfil...
Non ter olor é unha imprecisión de lonxanía que nos bota ás aforas. Nada máis fermoso que o que desprenden as rosas, ou ese líquido de améndoas que metemos na pel, tralo baño nunha noite que nos adentra nesa soidade de escuro satin, para deixarnos logo e mollar a pel de medo e fríos...